Diario Exterior / 01-14 de xuño de 2002

Igadi na Rede

Volver
   
Diario Exterior é unha recopilación de noticias breves captadas dos xornais galegos relativas ás actividades que se desenvolven en Galicia e que teñen relación co exterior, servindo de feito como proxección exterior de Galicia e dos seus axentes, empresariais, politicos, etc.
   
14/06/2002
Acción Exterior
O embaixador arxentino recibe á CIG
O novo embaixador da República Arxentina, Abel Parentini, manterá hoxe un encontro en Madrid co coordenador nacional do Departamento de Migración da CIG. Na reunión tratarase a regularización dos cidadáns arxentinos que residen en España.
(Fonte: Atlántico Diario).

Portugal
Fraga insiste nos beneficios mutuos da cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal
O presidente da Xunta aproveitou a invitación a dar unha conferencia na clausura do curso 2001/2002 da Cátedra Albertino de Figueiredo de Pensamento Económico e Social, da USC, para defende-la cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal, aínda que non fixo ningunha referencia ó afortalamento dun certo antiespañolismo no país veciño. Manuel Fraga defendeu onte en Santiago os beneficios mutuos que Galicia e o Norte luso, dada “a súa evidente complementariedade”, obteñen da cooperación.
(Fonte:
El Correo Gallego).

O Concurso Galaico-Portugués Empresariado e Perspectiva de Xénero analizará a vindeira semana en Vigo o papel das mulleres empresarias
Numerosos expertos procedentes de España e Portugal participarán os vindeiros días 21 e 22 de xuño en Vigo no congreso Galaico-Portugués Empresariado e Perspectiva de Xénero. A iniciativa,promovida polo Servicio Galego de Igualdade (SGI) ten coma obxectivo analiza-lo papel que desenvolven actualmente as mulleres empresarias, o caracter emprendedor deste colectivo e o seu futuro no eido empresarial.
(Fonte: Santiago
, AGN).

Unión Europea
Destacados xornalistas debaten hoxe en Santiago a posición de España e Polonia ante o alargamento da UE
Santiago acollerá a partir de hoxe un encontro de xornalistas españois e polacos baixo o lema “España e Polonia ante a ampliación da UE”, seminario organizado pola Representación en España da Comisión Europea, coa colaboración da Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea. O encontro forma parte dunha serie que a Representación en España da CE está a organizar en diferentes comunidades autónomas para promove-lo achegamento entre xornalistas españois e os dos países candidatos a formar parte da UE.
(Fonte: Santiago
, AGN).
13/06/2002
Política - Unión Europea
O BNG insta ó Goberno a pedi-la demisión de Fischler de se confirmar as súas declaracións en defensa dos intereses británicos
O BNG solicitou hoxe a resposta do Goberno ante as declaracións do comisario europeo de Pesca, Franz Fischler, sobre axudas á flota europea. A formación nacionalista pide a demisión de Fischler de se confirmar a súa posición en defensa dos intereses británicos na reforma da PCP. Algúns medios de comunicación aseguran que Fischler se comprometeu a mante-lo principio de estabilidade relativa que discrimina á flota galega, segundo o BNG.
(Fonte: Santiago
, AGN).

Touriño cualifica de “terapia de grupo” a iniciativa do BNG de reunirse para trata-la presencia de Galicia nos foros da UE
O secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, asegurou hoxe que está disposto a falar sobre a presencia de Galicia nas institucións da Unión Europea, pero non “a facer terapia de grupo”, en referencia á proposta do BNG de constituíren un grupo de traballo para tratar este asunto. Por outra banda, Toturiño referiuse á necesidade de “estar todos xuntos” contra a reforma da PCP, pero asegura que é o Goberno “quen debe da-los pasos necesarios” para deter esta proposta na UE.
(Fonte: Santiago
, AGN).

Yuste cre que a instalación de plantas nucleares debe facela conxuntamente a UE
O conselleiro de Industria, Juan Rodríguez Yuste, reiterou onte que nos vindeiros 10 anos non está prevista a instalación de plantas nucleares en Galicia, e engadiu que deben ser conxuntamente todos os Estados comunitarios os que, nun futuro, deseñen estratexias sobre este tipo de enerxía.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Sociedade
O Comité Galego pro Nobel da Paz a Garzón fai un novo chamamento para pedir adhesións
Os integrantes do Comité Galego pro Nobel da Paz para Baltasar Garzón fixeron hoxe un novo chamamento á sociedade galega a prol desta candidatura , despois de que o xuíz da Audiencia Nacional quedara seleccionado entre os seis finalistas ó premio. O Comité está integrado polo Proxecto Home, Seminario Galego de educación para a Paz, Fundación Galega contra o Narcotráfico, Benposta-Cidade dos Muchachos e a Asociación Antidroga Desperta Cambados, que xa acadaron a adhesión de varios concellos, institucións e particulares.
(Fonte: Santiago
, AGN).
12/06/2002
Acción Exterior
Fraga distánciase de Fidel Castro e asegura que a situación de Cuba é preocupante
Fraga marcou onte distancias co réxime de Castro ó incluír Cuba entre os países que, polos problemas que afectan ós galegos, preocupan á nosa comunidade. Un grupo no que ademais incluíu a Arxentina, Uruguai e Venezuela. A alusión que resultou revalorizada polo contexto, Washington, na reunión plenaria do Círculo de Montevideo, clausurada onte.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Política - Unión Europea
A falla de acordo entre PP e PSdeG impide que o Parlamento remita un telegrama a Estrasburgo rexeitando a reforma da Política Común Pesqueira
Os grupos parlamentarios da Cámara galega querían que o Consello de Ministros de Pesca da UE recibira hoxe un telegrama manifestando a oposición do Parlamento galego á proposta de reforma da PCP. Ó final, a falla de acordo entre PP e PSdeG impediu a aprobación unánime dun texto proposto polo BNG que só recibiu respaldo do PP. Tódolos grupos lamentaron que a falla de acordo provocara “perder unha ocasión coma esta”.
(Fonte: Santiago
, AGN).

O PPdeG remite o debate sobre o uso da enerxía nuclear á UE e nun horizonte de 10 anos
O deputado do PPdeG no Parlamento galego, Manuel López Outeiral, asegurou que este tema deberá ser tido en conta “dentro de 10 anos” cando expire o plan enerxético actual, e dentro do ámbito europeo. Por iso os populares galegos consideran que a intención do BNG de propiciar unha declaración do Parlamento de Galicia da comunidade coma “zona desnuclearizada” é “un remedio caseiro a un tema universal”.
(Fonte: Santiago
, AGN).

Portugal
O Concello guardés urxe a construcción dunha ponte con Caminha
O Concello guardés reclama dende hai tempo a construcción dunha nova ponte internacional, así coma a mellora dos accesos por estrada. Vén de ser aprobada agora por unanimidade a moción pola que se tomou o acordo plenario de instar ás administracións competentes a que se inicien os trámites para construír a ponte entre a Guarda e Caminha, e a que se concrete o tramo da autovía cara Baredo, en Baiona.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

A subida da gasolina provoca que os portugueses enchan o depósito en Galicia
As últimas medidas do Goberno luso elevaron o custo da gasolina, que é xa máis cara que a española. Mentres que a crise petroleira de hai dous anos provocou un éxodo galego ás gasolineiras portuguesas, agora a situación é a inversa. É só o principio: en xullo o combustible subirá outros catro céntimos en Portugal. Segundo varios economistas lusos o plan do Goberno está a reduci-la capacidade de consumo.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Galicia ofrece apoio social a familias portuguesas do Alto Miño
Máis de 300 cidadáns do Norte de Portugal se beneficiarán da actividade da Fundación San Rosendo, de Ourense. Esta institución acolle mulleres maltratadas, indixentes e alcohólicos, e aínda que actualmente son 160 os beneficiarios as novas instalacións da Fundación farán que o número de beneficiarios poida duplicarse.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Economía
Textilmoda presentou hoxe en Santiago a súa terceira edición que reunirá en Madrid máis de 250 empresas do sector a nivel internacional
O Salón Textilmoda, que se celebrará en Madrid do 3 ó 5 de setembro, foi presentado hoxe en Santiago. A elección desta cidade responde ó pulo que ten o sector téxtil galego, segundo confirmaron os organizadores do evento. A feira reunirá representantes do téxtil de Portugal, Estados Unidos, Francia, México, Italia e Arxentina, ademais dos procedentes das diversas comunidades españolas.
(Fonte: Santiago
, AGN).

Os viños galegos compiten con outros 840 caldos nun certame en Espinho
O Concurso Internacional Cidade de Porto congrega estes días en Espinho empresas procedentes de 26 países (Sudáfrica, Arxentina, Brasil, Estadios Unidos, Francia, Hungría, Italia e Xapón, entre eles). Á cita, organizada pola Cámara de Agricultura do Norte, está previsto que acudan representantes das empresas máis importantes do viño en Galicia.
(Fonte:
La Voz de Galicia).
11/06/2002
Acción Exterior
Fraga atribúe a crise arxentina a unha falla de liderado político do Goberno
O presidente da Xunta avogou, durante a súa intervención no Círculo de Montevideo, pola intervención de Estados Unidos para “poñer orde no patio da súa casa”, en alusión a Latinoamérica. Unha especie de Plan Marshall que Fraga suxeriu ó secretario de Vivenda do Goberno Bush, Mequíades Martínez. Fraga realizou unha diágnose da crise arxentina en liña co que defende Aznar, e considera que a situación se complicou tanto que Arxentina non verá luz sen intervención dos Estados Unidos.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Fraga di que é fundamental supera-la crise de ética pública e privada par arranxa-la situación en Latinoamérica
O presidente da Xunta subliñou hoxe, durante a clausura da X reunión do Círculo de Montevideo, os puntos de acordo das reunións: a perda de ética pública e privada; a necesidade dunha solidariedade continental; a adopción de novos modelos de desenvolvemento económico e social, ou a necesidade da implicación de Estados Unidos na crise económica latinoamericana.
(Fonte: Washington
, AGN).

Solidaridad Internacional oferta catro destinos en América Latina para o seu programa “Vacacións Solidarias”
Solidaridad Internacional ofrece este ano catro destinos para todas aquelas persoas que desexen participar no programa “Vacacións Solidarias”, colaborando coas iniciativas que esta ONG desenvolve en Cuba, Guatemala, Honduras e Perú. Segundo indicou o presidente de SI-Galicia, Alberto Cerviño, agárdase que este ano participen uns 60 voluntarios de Galicia, posto que o ano anterior foron 40 as persoas que participaron nos dous proxectos ofertados.
(Fonte: Vigo
, AGN).

O instituto Santiago Apóstol, a primeira escola galega na Arxentina
O pasado 17 de maio os máis de cen alumnos do colexio Santiago Apóstol de Bos Aires celebraron o Día das Letras Galegas. Neste instituto Galego-Arxentino, o primeiro que funciona lonxe de Galicia, os alumnos estudian cos plans oficiais arxentinos, pero tamén aprenden a lingua, música e bailes típicos do noso país. O Instituto abriu en marzo de 1998 co apoio económico da Fundación Galicia-América e o respaldo da Xunta de Galicia.
(Fonte: Santiago
, AGN).

Portugal
Gamallo, “Sería un erro unha crise con Portugal,hai en xogo 295 millóns de euros”
Jesús Gamallo Aller, secretario xeral de Relacións coa UE e Acción Exterior, cre que os 295 millóns de euros, vencellados ó Interreg III, fan que Galicia e a Rexión Norte de Portugal estean obrigadas a entenderse. Segundo Gamallo, se segue a traballar para que a Eurorrexión sexa un referente en Bruxelas, e comenta o rexurdimento de certas tendencias anti-españolas que se está a dar en Portugal sen que, na súa opinión, Galicia se vexa afectada por iso.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Política - Unión Europea
PCP: artéllase a alianza en torno ó Parlamento galego
O conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, argumentou onte que “hai que traballar como se a Comisión fose a ser inflexible na súa proposta”, e repartiu o traballo en varios eidos: pediu ós municipios galegos e do resto de España que dean a coñecer o seu rexeitamento á proposta comunitaria; amosou o seu rexeitamento a que xurdan multitude de mesas en defensa da pesca, e pediu unión contra a reforma, exemplificada na constitución onte en Santiago da Comisión Parlamentaria froito do acordo entre PP, BNG e PsdeG, na que tamén participa o sector.
(Fonte:
El Correo Gallego).

López Veiga di que a proposta de reforma da PCP pódese emendar ata que varíe tanto que “non semelle en ren á presentada”
O conselleiro de Pesca opina que a UE non debe abandona-lo apoio ós acordos con terceiros países e sociedades mixtas, polo que se deben protexer os investimentos galegos en rexións coma Angola ou Arxentina. López Veiga amosou o seu desagrado porque Bruxelas non tivese en conta que os gobernos nacionais e autonómicos “temos aprobadas unhas perspectivas financeiras ata 2006 e non se pode obrigar a que dende 2003 cambie todo o sistema do IFOP. Isto mesmo chega a ser xuridicamente discutible”. En calquera caso, o conselleiro desvelou que pretende prorroga-la actual política pesqueira ata que se varíe a reforma.
(Fonte:
El Correo Gallego).
10/06/2002
Acción Exterior
Fraga reúnese hoxe en Washington co secretario de Vivenda estadounidense e disidentes cubanos
O presidente da Xunta, Manuel Fraga, mantén hoxe un almorzo de traballo co secretario de Vivenda e Desenvolvemento Urbano de EE.UU, Melquíades Martínez, e un grupo de cubanos residentes dende hai anos nos EE.UU, o país onde a emigración exerce a oposición máis firme contra o réxime de Castro. Así comeza a estadía de dous días de Fraga en Washington, que completará coa asistencia ó pleno do Círculo de Montevideo, foro de debate sobre América Latina.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Emigración
A emigración galega vive en Chile un éxito descoñecido en Latinoamérica
Os galegos que viven en Chile, entre 1.500 e 3.000, gozan dun éxito económico, social, político, empresarial e académico descoñecido entre outros emigrantes en Latinoamérica. Concentrados na capital e en Valparaíso, non se amosan moi dispostos a regresar a Galicia. Ademais agora o país andino ofrece grandes oportunidades de negocio tralo Tratado de Libre Comercio coa UE.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Unión Europea
Máis de cen expertos participarán en Santiago nun Seminario Internacional sobre Falsificación e Tráfico Ilícito de obras de Arte
Máis dun cento de expertos culturais, xuristas e das forzas de seguridade dunha trintena de países participarán a partires de mañá nun Seminario Internacional sobre a seguridade nas obras de arte que se celebra en Santiago. Organizado pola Dirección Xeral de Policía, contará tamén con representantes da Europol, Interpol, Unesco e da Organización Mundial de Aduanas.
(Fonte: Santiago
, AGN).

Economía
“La Pasiva” inicia a súa expansión internacional abrindo un restaurante en Vigo
A cadea de comida rápida uruguaia “La Pasiva” emprenderá a súa primeira incursión internacional en España nos vindeiros meses coa apertura dun restaurante en Vigo, segundo informou onte o diario “El Observador”.
(Fonte:
Faro de Vigo).

Portugal
O alcalde Vigo destaca a Alta Velocidade entre Vigo e Porto como “elemento de desenvolvemento económico”
Lois Pérez Castrillo avogou hoxe polo enlace de alta velocidade ferroviaria Vigo-Porto como “elemento que contribúa ó desenvolvemento económico” de ámbalas cidades, durante a celebración do Día de Portugal e as Comunidades Portuguesas en Vigo. Durante o acto Castrillo amosou a súa confianza en que a fronteira luso-galaica “continuará diluíndose” ata acadar unha “plena convivencia” entre as dúas comunidades.
(Fonte: Vigo
, AGN).
09/06/2002
Acción Exterior
Fraga asiste en Washington á X reunión plenaria do Círculo de Montevideo
Manuel Fraga emprende hoxe viaxe a Washington, onde participará na X reunión plenaria do Círculo de Montevideo, foro de políticos e intelectuais comprometidos co futuro de América Latina, do que o presidente da Xunta forma parte dende o ano pasado. Na capital estadounidense coincidirá co presidente ad reserva Federal de Nova Iorque, William McDonnough, o secretario xeral da OEA, César Gaviria, e o ex-presidente de Uruguai Julio María Sanguinetti.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Unión Europea
Santiago converterase no foro do corporativismo agrario en Europa
Santiago acollerá os vindeiros días 27 e 28 deste mes un cumio do Comité Xeral Europeo de Cooperación Agraria (Cocega), entidade que representa a preto de 30.000 empresas cooperativas agrarias que transforman e comercializan o 60% de tódolos productos agrogandeiros da UE. Neste encontro analizarase a revisión da Política Agraria Comunitaria, e a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca) dará a coñecer a realidade do sector en Galicia.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Política - Unión Europea
O BNG insta á Xunta a obter do Goberno unha “oposición rotunda” á PCP
O BNG emprazou onte á Xunta a obter do Goberno central “unha oposición rotunda” á proposta da PCP por parte de Bruxelas, e reclamou que ambas administracións consideren a problemática xurdida coma “un problema de Estado”. Xosé Manuel Beiras, voceiro nacional do BNG, reclamou ademais ó Goberno central que acade alianzas internacionais para logra-la retirada da proposta, e volveu reivindica-la presencia de Galicia nos órganos políticos comunitarios de decisión en materia de pesca.
(Fonte:
El Correo Gallego).
08/06/2002
Economía - Portugal
Pemes de Galicia e Portugal esixen a Alta Velocidade entre Porto e Tui
A Confederación Luso-Galaica de pequenas e medianas empresas esixirá ós gobernos portugués e español que se leve a cabo o proxecto de tren de alta velocidade entre Porto e Vigo, dacordo cos plans presentados polos empresarios portugueses recentemente. Na reunión da executiva, celebrada onte en Vigo, aprobouse tamén unha resolución en apoio do sector pesqueiro de ámbolos dous países.
(Fonte:
Faro de Vigo).

Política
O Parlamento galego destaca a importancia do Consulado arxentino
A Comisión Institucional do Parlamento de Galicia aprobou onte por unanimidade unha proposición non de lei presentada polo grupo socialista na que se destaca a importancia do Consulado de Arxentina en Vigo. A proposta reclamalle á Xunta que se dirixa ós gobernos arxentino e central para trasmitirlle-la importancia social que ten a súa continuidade.
(Fonte:
Faro de Vigo).

Beiras pide a Touriño que se integre no proceso de definición de Galicia dentro da UE
O voceiro nacional do BNG instou hoxe ó PSdeG a que se integre no proceso aberto polos nacionalistas galegos para trazar no Parlamento unha postura común de tódalas forzas políticas sobre a presencia nos órganos de decisión da UE. Respecto á reforma da PCP, Beiras afirmou que primeiro é necesario que sexa o Parlamento galego o escenario da creación da “iniciativa de Galicia” e despois asegurou que esta “posición galega” se levará a Madrid, pero unicamente cando estea formada a postura común de Galicia.
(Fonte: Santiago
, AGN).

Acción Exterior
O galego David Balsa encabeza unha delegación que partirá a Israel para investigar a comisión de crimes de guerra
O Consello Europeo de Acción Humanitaria e Cooperación enviará, o vindeiro mércores 12 de xuño, unha delegación a Israel. O grupo, encabezado polo seu presidente, o galego David Balsa, investigará a existencia de crimes de guerra dentro dos campos de refuxiados. Os integrantes da delegación realizarán un informe que será entregado, en xuño, ó comisario europeo de Dereitos Humanos do Consello de Europa.
(Fonte: Santiago
, AGN).

Política - Unión Europea
López Veiga pide ós concellos que se queixen ante a Comisión Europea
O conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, pediu ós concellos galegos que fagan chegar á Comisión de Pesca da UE declaracións de apoio ó sector pesqueiro e en contra da reforma de Fischler. López Veiga engadiu que “as mobilizacións non son o que máis impresiona á Comisión, porque está lonxe”, pero que “as queixas dos concellos e doutros colectivos directamente a Bruxelas si poden ser efectivas”.
(Fonte:
Faro de Vigo).

Economía
A Asociación Téxtil de Galicia investirá 2,5 millóns de euros no mercado exterior
A Asociación Téxtil de Galicia ten a intención de relanza-la súa actividade promocional no mercado exterior co investimento de máis de 2,5 millóns de euros en Francia, México, Reino Unido, Alemaña e Italia, durante o segundo semestre deste ano. A campaña terá presencia en grandes almacéns ni nivel europeo, coma Lafayette ou Harrod´s, e contempla a publicación de diversas reportaxes en prestixiosos medios de comunicación (Paris Match, Libèration Style ou Hello).
(Fonte:
Faro de Vigo).

Cultura
A Universidade de Vigo participa nunha mostra sobre Miralles que se abre hoxe en Venecia
A Universidade de Vigo participa nunha mostra sobre a obra do arquitecto Miralles na cidade italiana de Venecia, onde permanecerá ata o vindeiro 27 de xullo. Á inaguración está convidada unha delegación viguesa, xa que na mostra terá unha presencia preponderante o proxecto que realizou Miralles para a cidade universitaria de Vigo.
(Fonte:
Faro de Vigo).

O Paraninfo do Rectorado de Vigo foi sede da proxección do documental “Patagonia. Utopía Libertaria” sobre a figura de Antonio Soto
O ferrolán Antonio Soto continua a ser unha figura practicamente descoñecida en Galicia. Pero isto non ocorre en Latinoamérica, especialmente na Arxentina e Chile, onde Soto, é considerado unha figura mítica do anarquismo sindicalista dos anos 20 no subcontinente. Onte presentouse en Vigo un documental de Xan Leira sobre a figura de Soto no que colaboraron o catedrático de Historia Ramón Villares, o escritor Manuel Vázquez Montalbán, ou o ex-presidente arxentino Raúl Alfonsín, entre outros.
(Fonte:
Faro de Vigo).
07/06/2002
Política - Unión Europea
Constituídas as comisións parlamentarias para Asuntos Europeos e Emigrantes
A Comisión para Asuntos Europeos estará presidida pola deputada do PSdeG Marisol Bueno, asistida polo parlamentario popular Alberto Sueiro coma vicepresidente, e polo do BNG, Rodríguez Peña, coma secretario. Pola súa banda, a Comisión para o Estudio da Situación da Emigración Galega estará presidida polo deputado popular José Manuel Barreiro, correspondendo a vicepresidencia á tamén deputada do PPdeG María José Caldelas e a secretaría ó socialista Manuel Luís Rodríguez.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Sociedade
A Fundación Araguaney homenaxea a Miguel Ángel Moratinos
O hotel Araguaney de Santiago acolle hoxe unha multitudinaria gala para entrega-lo máximo galardón da Fundación Araguaney a Miguel Ángel Moratinos, representante especial da UE para Oriente Próximo. Ó acto asistirán a maioría dos embaixadores árabes en España, así como importantes representantes dos gobernos central e autonómico.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Emma Bonino, novo premio Alecrín
A eurodeputada polo Partido Radical Transnacional de Italia e ex-comisaria europea, Emma Bonino, ven de ser distinguida co premio Alecrín 2002. Segundo explicou Ana Míguez, presidenta do Grupo de Estudios Sobre a Condición da Muller Alecrín, o premio pretende recoñecerlle a Bonino a “súa actitude clara, firme e exemplarizante” na “loita” dende a súa posición política polos dereitos “das mulleres máis desfavorecidas do mundo”.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Economía
Cuba pide que Catalunya, Galicia, Asturias e Canarias invistan na illa
O vicepresidente do Goberno cubano, José Rodríguez Fernández, fixo un chamamento ós investimentos españois en Cuba, especialmente ós procedentes das comunidades de Catalunya, Galicia, Asturias e Canarias “porque son as comunidades de onde proceden, ou teñen a súa orixe, a maioría dos cubanos de hoxe” que, segundo os seus datos, superan o 70%.
(Fonte: Atlántico Diario).

Unión Europea - Pesca
A reunión de Directores de Dirección Pesqueira da UE celebrouse onte en Vigo cun debate sobre a cooperación entre os investigadores e o sector pesqueiro
O delegado do Reino Unido no Instituto Internacional para a Exploración do Mar, Ices, Robin Cook, avogou onte pola modernización do sistema de asesoramento que utiliza este organismo asesor da Comisión Europea, cara favorecer unha maior comunicación co sector pesqueiro. En canto á reforma da Política Común de Pesca, Cook defendeu a adopción de medidas para reduci-lo esforzo pesqueiro.
(Fonte: Atlántico Diario).
06/06/2002
Acción Exterior
Manuel Fraga transmite o seu pesar polo falecemento da ex-presidente peruano Fernando Belaunde Terry
O titular da Xunta remitiu hoxe senllos telegramas de condolencia á familia do ex-presidente peruano Belaunde, falecido este mes en Lima e considerado un exemplo de honradez política no seu país. Manuel Fraga fíxolle chegar tamén un telegrama de condolencia á Presidencia de Perú.
(Fonte: Santiago
, AGN).

Portugal
Os galegos pagarán peaxe na nova autoestrada que unirá Porto e a fronteira
O Ministro de Obras Públicas, Valente de Oliveira, decidiu matiza-los seus plans iniciais (pagamento), despois de ve-la reacción dos concellos e empresas do Norte luso. Segundo o ministro, os negocios e os veciños das zonas polas que pase a IC1 entre Porto e a fronteira de Galicia quedarán liberados do pagamento. Os cidadáns galegos non entran neste grupo privilexiado.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

A alta velocidade ata Vigo, relegada a un segundo plano
Hai un mes Valente de Oliveira, ministro de Obras Públicas luso, aseguraba que a alta velocidade era prioritaria cara Madrid e cara Galicia, mais agora introduce un novo matiz: primeiro se conectará Madrid; para chegar ata Vigo haberá que esperar polo menos ata o 2012 -como en España-. Valente comparece hoxe no Parlamento para defini-las prioridades do seu ministerio, polo que hoxe semella un día fundamental para coñece-las intencións de Portugal en materia de infraestructuras.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Economía
Preséntase o maior portal horizontal do sector téxtil en Internet a nivel mundial
A administradora xeral de Textile-eguide, Stéphanie Leroy, presentará hoxe en Galicia o maior portal horizontal do sector téxtil na rede. Máis de 24.000 empresas de 120 países utilizan a páxina como ferramenta de márqueting e investigación de mercados. A presentación en Galicia está organizada en colaboración coas principais asociacións do sector da comunidade galega.
(Fonte: Santiago
, AGN).

Miami e Chile, no punto de mira da expansión de Caixa Galicia
Os proxectos de expansión de Caixa Galicia son ambiciosos e apostan por saír da Península Ibérica. Nos plans da entidade figura abrir senllas oficinas en Miami (Estados Unidos) e Chile.
(Fonte:
La Voz de Galicia).
05/06/2002
Política - Unión Europea
A Xunta avoga por un maior peso do “fenómeno rexional” na nova UE
O secretario xeral de Relacións coa UE da Xunta, Jesús Gamallo, apuntou onte a necesidade de que na futura reforma da UE se conceda unha maior importancia ó “fenómeno rexional”, para posibilitar un maior achegamento da Unión ós cidadáns. Gamallo e mailo director de Asuntos Xurídicos do Consello de Europa, Guy de Vel, explicaron as conclusións da Conferencia Internacional sobre a contribución desta organización á construcción europea. Gamallo opina que “é chegada a hora da Europa política”, aspecto que considera a principal “mensaxe” da reforma da UE.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Fraga considera “sumamente interesante” a proposta do BNG sobre representación na UE, namentres Touriño desmárcase de novo
Así cualificou o presidente do PPdeG, Manuel Fraga, o documento que o BNG remitiulles ó PPdeG e PSdeG para a celebración dun encontro tripartito para elaborar unha estratexia conxunta cara incrementa-la presencia de Galicia na UE. Fraga asegurou que o PPdeG está ”analizando” a proposta nacionalista, namentres que o líder do PSdeG, E. Pérez Touriño, volveu desmarcarse asegurando que “a discusión do programa electoral do BNG pódese facer noutro momento” xa que para o seu partido este “non é agora un tema prioritario”.
(Fonte: Santiago
, AGN).

Unión Europea
Fraga defende a colaboración entre América e a UE para desenvolve-la área de comercio máis ampla do mundo
O presidente da Xunta defendeu hoxe a cooperación entre os países de América e Europa para desenvolve-la área de intercambio comercial, durante a recepción que ofreceu ós 150 participantes no Seminario Interministerial Diálogo Eurolatinoamericano sobre Consumo, que terá lugar en Santiago ata o vindeiro venres.
(Fonte: Santiago
, AGN).

Educación impulsa un plan de prácticas na Unión Europea para alumnos de FP
Representantes dos países membros e candidatos da UE pecharon onte na Coruña as liñas estratéxicas para o funcionamento do “Europass-Formación”, un “pasaporte” acreditativo da realización de prácticas formativas no territorio comunitario. Dentro deste programa, Galicia terá plena capacidade para decidir quen pode recibir o Europass ou certificado acreditativo da realización de prácticas formativas no estranxeiro, pero isto requirirá a previa posta en marcha dunha estructura na que figuren os enlaces nos centros e nos departamentos da Consellería de Educación.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Expertos de 33 países debaterán en Santiago sobre seguridade no consumo de marisco
Expertos internacionais de 33 Estados debaten na Facultade de Medicina de Santiago na VI International Conference on Molluscan Shellefish Safety, o foro máis importante no mundo da investigación en seguridade alimentaria dos productos do mar. A Xunta destacou onte que Galicia acolleu por primeira vez esta cita gracias ó gran desenvolvemento da acuicultura e do marisqueo na comunidade e ó prestixio internacional acadado polos centros galegos relacionados coa pesca.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Portugal
A Universidade de Santiago colaborará coa Cámara de Comercio Luso-Española
O rector en funcións da USC, Darío Villanueva, e o presidente da Xunta Directiva da Cámara de comercio e Industria Luso- Española, Enrique Santos, asinarán hoxe un acordo de colaboración para o establecemento dun marco de actuación para a cooperación na realización de cursos de posgrao.
(Fonte:
El Correo Gallego).
04/06/2002
Portugal
Maia chora ó alcalde que pulou as relacións lusas con Galicia
A morte o pasado sábado do alcalde de Maia (gran cidade industrial a 8 Km. de Porto), José Vieira de Carvalho, está a provocar unha multitude de homenaxes entre os seus veciños; non en van o alcalde foi quen de acadar 23 anos de maiorías absolutas. Vieira comandou o espectacular desenvolvemento de Maia apostando pola Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, fraguada na construcción de grandes polígonos que acollen centos de empresas galegas e portuguesas.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Campaña de promoción no Norte de Portugal dos concertos vigueses
A concelleira viguesa Isaura Abeleiras anunciou onte a súa intención de por en marcha unha campaña de promoción en varias cidades españolas e do Norte de Portugal dos concertos que se celebrarán na cidade olívica. O feito de que os concertos se abran este ano co inglés Jamiroquai e o italiano Zucchero, figuras de talla internacional, pode supoñer, segundo Abeleiras, que “comecen a cambia-las cousas e sexan eles- os portugueses- os que veñen aquí e non nós os que teñamos que saír fóra para asistir a espectáculos de prestixio e calidade”.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Política - Unión Europea
Vigo plántalle cara a Fischler e resposta cunha ofensiva política en Bruxelas e Madrid
Vigo deu onte o primeiro paso firme dunha ampla ofensiva contra o plan de reforma do sector pesqueiro proposto polo comisario Fischler. O Consello Económico e Social (CES), aprobou onte unha resolución para que se anule a proposta, e para que Vigo dispoña dun representante na mesa de negociación da reforma. Aínda que medra a confianza en que esta non se levará a cabo pola negativa de España e varios socios da UE, a cidade non renuncia a presionar a Bruxelas ata que, en decembro, os ministros de Pesca dos Quince voten o documento que contén a reforma.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

O Consello Económico Social do Morrazo reclama medidas contra a reforma da PCP
O CES do Morrazo rexeita a reforma da política pesquira e do “desmantelamento” da flota de altura galega, aprobando onte senllas propostas do PP e do BNG nas que se rexeita a reducción de barcos e se piden medidas. A proposta do BNG solicita ademais que Galicia sexa declarada “zona altamente dependente da pesca” e que desde Galicia e o Goberno español se reivindique unha nova política pesqueira.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

López Veiga define o obxectivo de “tratar de modifica-la proposta” de reforma da PCP perante a imposibilidade da súa retirada
O Conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, asegurou que o obxectivo da proposta de reforma da PCP presentada pola Comisión Europea debe ser “tratar de modificala”. Engadiu que “non é posible que se retire”, xa que a Comisión conta co “dereito de iniciativa”, que exerceu con esta proposición. López Veiga aclarou que a nova Mesa en Defensa da Pesca Española terá un carácter “máis técnico” que político e que centrarase na recompilación de informes e estudios para presentar unha alternativa á proposta de reforma da PCP. Por outra banda, iniciarase un traballo político cara a acada-lo apoio de países afíns e cambia-la postura dalgunhas institucións europeas.
(Fonte: Santiago
, AGN).

O Bng solicita unha reunión inmediata con PP e PSdeG para crear unha estratexia conxunta sobre a presencia de Galicia na UE
O BNG vén de remitir unha carta ós outros grupos parlamentarios, PP e PSdeG, solicitando a celebración dunha reunión antes do día 13 deste mes. A finalidade é iniciar un proceso parlamentario para elaborar unha estratexia conxunta cara incrementa-la presencia de Galicia na UE. O BNG tamén remitiu a PP e PSdeG o documento “Oito Medidas, máis Galiza en Europa” que recolle, entre outras, a proposta de facer posible a presencia de Galicia nos órganos da UE a través dunha representación paritaria entre o Estado e as Comunidades Autónomas.
(Fonte: Santiago
, AGN).

Touriño insta a Fraga a que retome a iniciativa para que Galicia teña voz e voto en Bruxelas
O secretario do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, aproveitou onte a nova ameaza de Bruxelas sobre a pesca galega para apremar a Fraga a que recupere a iniciativa e demande que Galicia poida exerce-la representación española no Consello de ministros da UE. Touriño lembrou que existe un acordo unánime do Parlamento para que Galicia, sempre dentro da delegación española, poida sentar un conselleiro nas reunións do Consello de Ministros da UE nas que se traten asuntos de especial interese para Galicia. A tese, tamén sostida por Fraga, quedou finalmente “desactivada”, e o debate con Aznar posposto, ata que finalice este semestre da presidencia española da UE.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Unión Europea
O PGIDIT apoia e incentiva a captación de fondos da UE por parte dos equipos de investigación galegos
Ó longo deste mes de xuño está prevista a aprobación do IV Programa Marco de I+D da UE, que estará vixente ata 2006. Recentemente tivo lugar en Santiago unha xornada de difusión do novo programa á que asistiu unha nutrida representación da comunidade científica galega. O Novo Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (PDIGIT) tén coma un dos seus obxectivos básicos duplica-la captación de fondos de convocatorias nacionais e europeas. O PGIDIT segue facendo fincapé nesta liña de traballo porque se comprobou que, a pesar da mellora, o grao de financiamento de proxectos da Administración autonómica é aínda seis veces superior ó procedente da UE.
(Fonte: Santiago
, AGN).

Os directores de investigación pesqueira da UE analizan en Baiona a relación dos seus estudios coa Política Común de Pesca
Os directores xerais de organizacións de investigación pesqueira dos trece Estados membros da UE con intereses pesqueiros, xunto cos representantes da Dirección Xeral de Pesca da UE, reúnense en Baiona e Vigo, para aborda-lo estado da investigación pesqueira na UE e a súa relación coa Política Común de Pesca. Dada a polémica suscitada pola proposta de reforma da PCP, esta reunión cobra unha importancia espacial, xa que moitos dos países pesqueiros poñen en dúbida o rigor dos informes científicos nos que se basean as medidas para o sector.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Os ministros de consumo estudiarán en Santiago novas vías de colaboración entre a UE e América Latina para protexer ó consumidor
Os ministros de consumo da UE e América Latina reuniranse en Santiago para estudiar novas vías de colaboración entre ambos continentes, sobre todo en materia de protección ó consumidor. O “Diálogo eurolatinoamericano sobre Consumo”, que dará comezo o vindeiro día 6, forma parte dos actos organizados co gallo da presidencia semestral española da UE.
(Fonte: Santiago
, AGN).

Emigración
A CIG homenaxea durante esta semana a figura do sindicalista galego Antonio Soto, destacado líder obreiro en Chile e Arxentina
O Departamento de Migración da CIG desenvolverá mañá en Vigo un acto de homenaxe á figura do sindicalista Antonio Soto (Ferrol 1897- Punta Arenas, Chile, 1963), sobranceiro líder obreiro en Chile e Arxentina. O acto terá lugar na sala de prensa da Cig en Vigo e contará coa participación de Isabel Soto Cárdenas, filla do sindicalista, así coma de Lois Pérez Leira, coordenador do Departamento de Migración da CIG.
(Fonte: Vigo
, AGN).
03/06/2002
Política - Unión Europea
Beiras fai un chamamento a tódolos sectores para crear unha fronte común contra a reforma pesqueira da Comisión Europea
O líder do BNG reuniuse hoxe en Santiago cos representantes dos armadores e pescadores afectados polo plan de Bruxelas. Neste encontro participaron, por parte do BNG, o eurodeputado Camilo Nogueira, o deputado en Madrid Guillerme Vázquez, e os deputados autonómicos Olaia Fernández Davila e Bieito Lobeira. Por parte do sector pesqueiro acudiron representantes do sindicato CIG-Mar e membros das cooperativas de armadores de Vigo, A Guarda, Burela e Ribeira. Beiras defendeu a constitución dunha fronte común contra o plan comunitario de reforma da pesca, fronte “que non quere ser isolacionista, senón que se integrará en plataformas a nivel estatal”.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Pérez Castrillo non desbota mobilizacións onde se considere necesario” contra a reforma da Comisión Europea de Pesca
O alcalde Vigo, Lois Pérez Castrillo, non desbotou unha mobilización de toda a cidadanía contra a reforma pesqueira proposta pola Comisión Europea en calquera lugar “onde se considere necesario”, segundo explicou hoxe trala reunión mantida polo Consello Económico e Social (CES). Castrillo sinalou que a mobilización podería ter lugar tanto en Vigo como Madrid ou Bruxelas. Durante a reunión de hoxe, o CES acordou redactar un manifesto de rexeitamento que se levará a un pleno extraordinario da corporación e se difundirá entre a cidadanía; logo será remitido ás institucións europeas, galegas e españolas.
(Fonte: Vigo
, AGN).

Tódalas comunidades autónomas apoian a Galicia no “rexeitamento unánime” á proposta de reforma da PCP
A Conferencia Sectorial de Pesca, celebrada hoxe en Madrid, rematou co acordo de tódalas comunidades autónomas con litoral para da-lo seu “rexeitamento unánime” á reforma da PCP presentada pola Comisión Europea. O conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, afirmou que é o momento de cambiar esta proposta “tan agresiva”, sobre todo co sector pesqueiro español e, en especial, galego. Do encontro, baixo a dirección do ministro de Agricultura e Pesca, Miguel Arias Cañete, saíu tamén o acordo de constituír unha Mesa en Defensa da Pesca Española, co obxectivo de “contrarrestar con argumentos de toda índole” a proposta de Fischler, dixo Cañete, que aclarou que pedi-la retirada total do plan non é realista.
(Fonte: Santiago
, AGN).

Unión Europea
Fraga di que o Consello de Europa cubriu a lagoa que deixaron os Tratados Fundacionais da UE en materia de liberdades e dereitos individuais
O presidente da Xunta asegurou hoxe en Santiago que “o pródigo legado xurídico” do Consello de Europa cubriu a “lagoa transitoria” que os Tratados Fundacionais da UE escondían en materia de dereitos e liberdades individuais. Así o afirmou na inauguración en Santiago da conferencia internacional sobre a contribución deste organismo ó acervo comunitario. O encontro está promovido polo Consello de Europa e forma parte das actividades programadas baixo a presidencia española da UE.
(Fonte: Santiago
, AGN).

“Europass-Formación” trata na Coruña a efectividade das distintas vías educativas
A Coruña acollerá entre hoxe e mañá o encontro “Europass-Formación”, enmarcado dentro dos actos programados pola Presidencia española da Unión Europea, e que ten coma obxectivo comproba-la efectividade da formación adquirida polos europeos a través das distintas vías de aprendizaxe. A inauguración contará coa presencia dos responsables de Educación e Formación de España e demais países da Unión Europea.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Os Quince debaterán en Vilagarcía sobre a protección social dos traballadores do mar
Representantes dos quince países da UE debaterán os días 6 e 7 deste mes, no Centro de Formación Marítima de Bamio, Vilagarcía de Arousa, acerca da protección social dos traballadores do mar. O coloquio enmárcase dentro dos actos organizados polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais con motivo da presidencia española da UE, e contará coa presencia de máis de 130 asistentes entre as delegacións dos quince países.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Acción Exterior
Intelectuais constitúen un comité para prepara-la participación galega na Conferencia Internacional “polo equilibrio do mundo”
Un grupo de intelectuais e colectivos de solidariedade con Cuba constituíron hoxe en Santiago o comité xestor en Galicia da Conferencia Internacional “por un equilibrio do mundo”, que terá lugar na Habana en xaneiro. Os escritores Xosé Neira Vilas e Xosé Luís Méndez Ferrín, o rector da Coruña, Meilán Gil, e o ex-rector compostelán, Emilio Barreiro, son algúns dos nomes que forman parte deste comité, que foi presentado polo subdirector da Oficina do Programa Martiano do Goberno Cubano, Héctor Hernández González-Pardo. O cónsul de Cuba en Galicia, Humberto Hernández, amosou o seu convencemento de que a delegación galega será “nutrida” nesta conferencia á que están convidados numerosos intelectuais de todo o mundo.
(Fonte: Santiago
, AGN).

Os alcaldes dos municipios da Rota Xacobea do Mar de Arousa e Ulla inician hoxe unha viaxe a Italia
Alcaldes e representantes da Fundación da Rota Xacobea do Mar de Arousa e Ulla parten hoxe cara Italia nunha viaxe institucional. A expedición pretende fomentar e promove-los vencellos de amizade con este país e a defensa dos distintos valores culturais e históricos, así coma a promoción do turismo de calidade. O presidente da entidade, J.L Sánchez Agustino, e mailo alcalde de Teo, Armando Blanco, reuníronse xa co cónsul de Italia na Coruña, Giuseppe Toma, coa fin de planificar coas autoridades italianas as visitas a diversas municipalidades.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Turismo
Camiño de Santiago: moitos máis camiñantes estranxeiros ca españois en maio
A difusión internacional acadada polo Camiño de Santiago nos últimos anos fai que cada vez sexan máis os camiñantes estranxeiros, sobre todo procedentes de países da Europa católica, que percorren a rota xacobea. O pasado mes de maio, o 61% dos 5.238 pelegríns que selaron a Compostelana non eran españois, porcentaxe non habitual nesta época do ano cando aínda non comezou a “tempada alta” do verán.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Cultura
Galicia tenta se-la comunidade con máis monumentos Patrimonio da Humanidade
A declaración da Torre de Hércules e dos conxuntos defensivos de Ferrol coma Patrimonio da Humanidade colocaría Galicia como a comunidade autónoma con máis bens protexidos pola Unesco. A declaración dos monumentos de Ferrol ou A Coruña coma patrimonio da Humanidade aumentará a atracción turística e daría lugar a unha fonte adicional de recursos, algo que ocorreu sempre, en función do coñecemento previo do monumento e dunha axeitada xestión das súas oportunidades de xestión.
(Fonte:
El Correo Gallego).
02/06/2002
Política - Unión Europea
O Bloque pedirá que Galicia sexa circunscrición nos comicios europeos
O Bloque establece a necesidade de que Galicia debe ser circunscrición electoral, cun mínimo de escanos atribuído, nos comicios ó Parlamento Europeo. Esta é unha das oito medidas que recolle o documento aprobado o venres pola interparlamentaria nacionalista que o BNG presentará esta semana ó PPdeG e PSdeG coa intención de buscar acordos que permitan dotar a Galicia de máis capacidade de decisión na UE. No documento reclámase tamén, entre outras, o dereito a presentar recursos perante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, así coma que a estructuración e aplicación das políticas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal correspondan á Comunidade Autónoma.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Emigración
A Fundación Galicia Emigración formará traballadores sociais para atender a galegos retornados
A Xunta e a Fundación Galicia Emigración formarán a traballadores sociais para asesorar ós emigrantes que retornen á comunidade galega. Este acordo terá o seu centro nas Consellerías de Asuntos Sociais e de Emigración e Cooperación Exterior. O obxectivo é “Lograr que os traballadores dos servicios de atención primaria dos concellos saiban dar resposta ás demandas dun colectivo cada vez máis numeroso”, afirma a Xunta nun comunicado de prensa.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Acción Exterior
Fraga, disposto a mediar polos “nenos da guerra” perante Madrid
O presidente da Xunta, Manuel Fraga, puso onte punto final a súa visita en Moscova cun encontro cos “nenos da guerra” que aínda viven na capital rusa. Ante eles, Fraga deu por “superado o tempo das dúas Españas” e propuxo “non esquecer os tristes tempos” da guerra civil “para non repetilos nunca máis”. Fraga ofreceulles a súa axuda, despois de que o voceiro dos “nenos”, agora anciáns, lle demandase “apoio” ante a difícil situación que atravesa Rusia, e lle agradecese o ter conseguido para eles unha pensión en España. Só quedan en Rusia dous nenos galegos da guerra, “un pertencía á División Azul e outro é dos nosos”, explicaba ós xornalistas Alberto Fernández, presidente do Centro Español de Moscova, punto de encontro destes “emigrantes forzosos”.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Sociedade
Ghaleb Jaber Ibrahim: Palestina en Galicia
A fundación Araguaney entregaralle o venres unha distinción a Miguel Ángel Moratinos, enviado especial da UE en Oriente Medio. A concesión deste premio achega Galicia á tráxica realidade do pobo palestino. A Fundación Araguaney amósase deste xeito coma un espacio de encontro entre a cultura galega e as culturas árabe e latinoamericana. Algo que poucos saben é que a Arafat gústalle moito o mel de Galicia: “ e eu encárgome de enviarlla tódolos anos”, confesa Ghaleb, quen en entrevista para El Correo Gallego achega as súas impresións as figuras de Arafat e Sharon e sobre a actualidade e futuro do conflicto.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Cultura
Unha mostra de cinema galego foi a protagonista da Florianápolis Audiovisual Mercosul, celebrado no Brasil
A Florianápolis Audiovisual Mercosul (FAM), celebrada durante esta semana no estado brasileiro de Santa Catarina, acolleu unha Mostra de Cinema Galego na que se presentaron catro longametraxes e trece curtametraxes realizados entre 1998 e 2002. Esta presencia de produccións galegas no certame brasileiro é a máis ampla que se organizou ata o momento sobre o cinema galego fóra de España. Florianápolis Audiovisual Mercosul é, ademais, un dos eventos máis importantes da escena cultural brasileira, na que conviven seccións de carácter industrial con mostras do audiovisual realizadas na mesma Brasil, Arxentina, Chile e Uruguai.
(Fonte: Santiago
, AGN).

Turismo
Galicia acollerá en outubro unha conferencia internacional sobre ecoturismo
Galicia acollerá a finais do próximo outubro a Conferencia Internacional de Ecoturismo en espacios de auga “Agua-Ecoaqua”, organizada pola Organización Mundial do Turismo, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, e maila Consellería de Medio Ambiente. Durante o pasado Cumio Mundial de Ecoturismo, celebrado en Québec, os organismos internacionais relacionados aceptaron a proposta galega, centrada no desenvolvemento da actividade turística nos espacios naturais protexidos nos que a auga é o principal protagonista da súa proxección.
(Fonte:
El Correo Gallego).
01/06/2002
Acción Exterior
Fraga anima a Rusia a afondar na democracia e na súa relación coa UE
O presidente da Xunta, Manuel Fraga, eloxiou onte a incorporación de Rusia a Occidente, dixo que o réxime cubano non sobrevivirá máis de seis meses a Fidel Castro e asegurou que a “opción xeoestratéxica” de Europa pasa por América Latina. Nunha maratoniana xornada en Moscova, onde foi recibido con honras de estadista, Fraga pronunciou unha conferencia no Instituto de Estudios Políticos de Moscova, doou as obras completas do estadista español Cánovas del Castillo á Biblioteca Central, visitou o Instituto Cervantes e entrevistouse co ministro ruso de Exteriores, Igor Ivanov.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Ivanov expresa o desexo de Rusia de abrir contactos rexionais en España
O ministro de Asuntos Exteriores de Rusia, Igor Ivanov, que destacou o papel que xogou Manuel Fraga nos anos setenta coma “un dos artífices” das relacións entre España e a URSS, constatou onte ante o presidente da Xunta, e en presencia dos periodistas, que o Executivo ruso “apoia relacións coas rexións”, contactos que considerou “importantes” no marco das relacións bilaterais Moscova-Madrid.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Bruxelas estudia un acordo pesqueiro con Rusia namentres Fraga ataca á PCP dende Moscova
A Comisión Europea ve posible comezar a negociar formalmente un acordo de pesca con Rusia a mediados de xullo deste ano, trala reunión bilateral entre os responsables celebrada entre os responsables de Pesca das dúas entidades. Namentres, dende a capital rusa, o presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, admitiu a necesidade de adoitar “medidas de protección e regulamento do sector”, aínda que deban executarse de xeito gradual. Fraga realizou un chamamento á calma xa que, segundo lembrou, en Galicia a acuicultura supón xa o 30% da producción pesqueira total e “está moi adiantada”.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Sociedade
O Araguaney de Oro premia a loita de Moratinos pola paz en Oriente Medio
O vindeiro 7 de xuño celebrarase unha multitudinaria gala, presidida por Manuel Fraga, para facer entrega do premio “Araguaney de Oro” a Miguel Ángel Moratinos, representante especial da Unión Europea para o proceso de Paz en Oriente Medio. Xa confirmaron a súa asistencia ó acto os embaixadores de Kuwait e Xordania, así coma destacadas personalidades da vida pública galega e española. Este premio honorífico cumpre este ano a súa novena edición, foi instituído en 1985 pola Fundación Araguaney para destacar a todas aquelas persoas, organizacións ou institucións que traballan polo desenvolvemento e prestixio de Galicia e ós que loitan a diario pola consecución da paz e o entendemento entre tódolos pobos do mundo.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Emigración
Empresarios composteláns ofrecen 200 empregos ós galegos de Arxentina
En Santiago hai 200 empregos dispostos para emigrantes galegos, ou para os seus descendentes, que queiran reemprender unha nova vida na súa Galicia de orixe. A Cámara de Comercio Compostelá - que coordina a oficina de orientación laboral aberta pola Consellería de Familia en Bos Aires- está tramitando 500 ofertas de traballo, das que case un 40% son de empresarios da comarca. A maioría dos postos son na construcción e no sector servicios, fundamentalmente a hostalería. A Cámara xa recibiu máis de 15.000 currículos de Bos Aires.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Unión Europea
As praias galegas obteñen setenta bandeiras azuis, 17 máis que en 2001
Galicia contará este verán con 70 bandeiras azuis, das que 63 ondearán nas praias, 15 máis que o ano pasado, e outras 7 nos portos, dúas máis que en 2001. Este distintivo outorgado cada ano a Fundación Europea de Educación Ambiental recoñece a limpeza, seguridade e xestión ambiental nas praias e portos.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Política - Unión Europea
O BNG presenta un documento para esixi-la representación galega no Consello Europeo
A reunión coa que onte se estreaba un novo órgano do BNG, a Comisión Interparlamentaria, saldouse coa elaboración dun documento no que se reclama unha participación activa de Galicia nas decisións que a partir de agora tome a UE. “Galiza con capacidade de decisión na UE” remitirase a vindeira semana tanto ó PPdeG como a PSdeG, para a súa discusión “nunha vindeira reunión no Parlamento”, segundo afirmou o secretario de Acción Institucional e vicevoceiro do Bng na cámara parlamentaria, Alfredo Suárez Canal.
(Fonte: Santiago
, AGN).

A Escola de Óptica da USC acolle o XIII Congreso Español-Italiano de Termodinámica de Metais Complexos
A Escola Universitaria de óptica e Optometría da USC acollerá, 3-6 de xullo, o XIII Congreso Español-Italiano de Termodinámica de Metais Complexos e ó XXIX Congreso Anual do Gruppo di Termodinamica dei Complessi, que se celebrarán baixo o nome conxunto “Simec-02”. A finalidade desta reunión é subministrar un foro de discusión sobre tódolos aspectos da química en solución mediante os resultados das investigacións máis recentes. As conferencias plenarias serán impartidas por profesores das Universidades de Florencia e Urbino (Italia), Friburgo (Alemaña), Granada (España), e Basel (Suíza).
(Fonte:
El Correo Gallego).
 
Ver máis Diario Exterior

maio/2002 | abril/2002 | marzo/2002 | febreiro/2002 | xaneiro/2002 | 4ºtrimestre/2001 | 3ºtrimestre/2001
 
Volver

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 20/07/2002