Fraga reúnese hoxe co ministro de Exteriores e a futura elite rusa O presidente da Xunta inicia hoxe a súa estancia de dous días en Rusia cunha conferencia e un coloquio posterior na Escola de Altos Estudios Políticos de Moscova, onde se forman as futuras elites rusas. O titular de Goberno galego tamén se entrevistará hoxe co ministro de Asuntos Exteriores, Igor Ivanov, quen entre 1991 e 1993 foi embaixador da Federación Rusa en España. A xornada rematará cunha segunda conferencia no Instituto Cervantes. (Fonte: El Correo Gallego). Política - Unión Europea UGT-Mar critica o labor de Arias Cañete e di que a proposta da Comisión busca a destrucción da flota A Comisión Executiva de UGT-Galicia fixo público un comunicado no que cualifica de “perseguidor dos pescadores europeos” ó comisario Fischler por propoñer medidas encamiñadas á “destrucción da flota”, ó tempo que cualifica de “abandono e desinterese” o labor desenvolto polo ministro Arias Cañete. O sindicato pide a retirada “inminente” das últimas medidas e critica que o Goberno “estivera durmido e cos ollos pechados perante o que eran unhas medidas previsibles”, máxime cando “tiña a obriga de aproveita-la presidencia da UE para facer valer o seu peso en Europa”. (Fonte: El Correo Gallego). O BNG pide a comparecencia do ministro Cañete no Congreso O deputado do BNG no Congreso, Guillerme Vázquez, rexistrou onte a solicitude de comparecencia en comisión do ministro de Agricultura e Pesca, Arias Cañete, para explicalas liñas de actuación do Goberno perante a Reforma da pesca anunciada pola Comisión Europea. (Fonte: El Correo Gallego). O PSOE pide no Congreso compromiso económico e temporal para o AVE galego O deputado socialista no Congreso Guillerme Hernández presentou onte unha proposición non de lei na que insta ó Executivo que “comprometa a súa actuación no deseño do AVE, ata Galicia, en calidades mínimas e iguais ás construídas, ou en construcción, actualmente en España”. Hernández pide ó Goberno central que prevea nos próximos orzamentos a “suficiente” dotación económica para inicia-la execución da obra no ano 2003, comprometa o gasto de anos seguintes, e sinale o remate da execución total do tramo en 2007. (Fonte: El Correo Gallego). Emigración Aerolíneas Argentinas abre o domingo unha liña de vos chárter entre Bos Aires e Compostela A compañía Aerolíneas Argentinas comezará a operar a partires do vindeiro domingo, 2 de xuño, sete vos chárter directos a Santiago de Compostela, que se estenderán ata o 8 de setembro, segundo informou onte a mesma compañía. A iniciativa de Aerolíneas rexistrase no arranque da tempada de verán, cando moitos emigrantes que están na Arxentina regresan a Galicia para pasa-lo período estival. É de prever que non poucos, dada a situación económica pola que atravesa o país, virán para quedarse. (Fonte: El Correo Gallego). Economía O portal vigués de poxa de peixe on-line World Fish Site fusiónase con Fis Latino Co obxectivo de amplia-lo horizonte do mercado europeo de venda de peixe coa presencia en América do Sur e África, os responsables da lonxa virtual de peixe “Worldfishsite” veñen de fusionarse co Fis Latino, creando a “maior empresa operativa do mundo en prestación de servicios ó sector pesqueiro a través de Internet”. Aí o indicou onte Juan Gúell, conselleiro delegado da nova operadora, que contará cun capital de 8,6 millóns de euros. (Fonte: El Correo Gallego). Cooperación Exterior - Portugal Uns 400 profesores universitarios de Contabilidade de España e Portugal celebran o seu décimo encontro Preto de 400 docentes de España e Portugal permanecen reunidos dende onte no X Encontro de Profesores Universitarios de Contabilidade que se celebrará ata o día 1 de xuño na Facultade de Medicina baixo o lema “Compostela 2002: O Camiño da Contabilidade”. Esta reunión está organizada pola Asociación Española de Profesores de Contabilidade (ASEPUC). (Fonte: El Correo Gallego). Cultura: Portugal O Couto Mixto distingue a Constantino García, Antonio López e Xosé González O nomeamento simbólico de tres xuíces do Couto Mixto é unha tradición iniciada hai tres anos pola Asociación de Amigos da medieval e extinta república independente galego-portuguesa. A Asociación agasallará mañá a tres persoas destacadas polos seus traballos a prol da lingua e a cultura galega, comprometidas así co proxecto deste colectivo. Constantino García, catedrático emérito da USC, e ex-director do Instituto da Lingua Galega e do Centro de Investigación Ramón Piñeiro; Xosé González, presidente da Fundación Premios da Crítica e ideador do premio Blanco Amor de novela, e Antonio López Martín, Alcalde de Calvos de Randín, que lle deu pulo na práctica a esta idea do Couto Mixto, son os galardoados deste ano. (Fonte: El Correo Gallego).
Fraga expresa a súa “condena absoluta” á proposta de reforma da PCP O presidente da Xunta amosou onte en Oviedo a súa “condena total e absoluta” á proposta de reforma da pesca aprobada pola Comisión Europea. Fraga dixo “te-la esperanza” de que o Consello de Ministros de Pesca “insista na oposición ou na minoría de bloqueo para botar cara atrás” a proposta da Comisión. Mentres, o BNG propuxo onte a constitución con carácter de urxencia do grupo de traballo formado polos representantes dos tres grupos parlamentarios da Cámara galega, que fixará as posicións e o plan de actuación en relación co proceso de reforma da Política Común de Pesca. (Fonte: El Correo Gallego). Cig-Mar denuncia que se quere eliminar a aqueles que sempre cumpriron coa UE A proposta de reforma da Política Pesqueira Común presentada en Bruxelas polo comisario Fischler, suscitou onte a crítica de Xabier Aboi, secretario xeral da Confederación Intersindical Galega do Mar (Cig-Mar), quen sinalou que o que se pretende é “eliminar” a flota que sempre cumpriu os compromisos adquiridos coa UE. (Fonte: El Correo Gallego). O alcalde Vigo propón unha resposta contundente da cidade O alcalde Vigo, Lois Pérez Castrillo, considera que a cidade debe mobilizarse para defende-lo sector pesqueiro e frena-la reforma da PCP, ó entender que “de aplicarse tería funestas consecuencias para Vigo e toda a súa comarca”. O alcalde proporá hoxe á oposición municipal convoca-lo Consello Económico e Social (Ces) para coordena-las accións. (Fonte: El Correo Gallego). Acción Exterior Fraga, en Moscova cos nenos da guerra O presidente da Xunta, que viaxa hoxe a Rusia, reunirase cos 315 españois evacuados polo bando republicano que aínda continúan na capital moscovita. Fraga, que visita a Federación tras ser convidado para pronunciar unha conferencia, terá a oportunidade de coñece-las difíciles condicións de vida dos exiliados e as súas familias, nun país en plena transición á economía de mercado. Dende 1990, a Xunta facilitou o retorno de doce galegos e as súas familias. (Fonte: El Correo Gallego). Fraga; trinta e dous países e cento setenta e dúas viaxes dende 1990 Manuel Fraga emprende hoxe a súa viaxe número 173 ó estranxeiro dende 1990. Na súa condición de presidente da Xunta de Galicia visitou xa 32 países. Son Bélxica, concretamente Bruxelas, con 27 veces, e Portugal, con 51, os dous países que destacan entre os demais. Completan a lista Francia, Italia, Inglaterra, Alemaña, Suiza, Irlanda, Holanda, Andorra, Polonia, Checoslovaquia (1992), Arxentina, Uruguai, Panamá, Estados Unidos, Cuba, Brasil, México, Venezuela, Chile, Praguai, República Dominicana, Guatemala, Costa Rica, Bolivia, Irán, Túnez, Rusia, Libia, Xapón, e Australia. (Fonte: El Correo Gallego). Economía O Igape difunde no Reino Unido as vantaxes comparativas de Galicia Promocionar Galicia coma un lugar axeitado para acoller investimentos procedentes do Reino Unido é o obxectivo das presentacións que desenvolverán mañá técnicos do Igape nas cidades de Birmingham e Coventry perante empresarios locais . As presentacións de Galicia servirán para analiza-las vantaxes comparativas que aporta Galicia, en relación a outros territorios da Unión Europea e de España para acoller investimentos. (Fonte: El Correo Gallego). O director de Lavacolla nega a fuxida de viaxeiros cara Porto e asegura que ocurre o contrario Os aeroportos galegos non perden pasaxeiros a prol das terminais portuguesas, segundo o director de Lavacolla, Juán José Maceira, que onte asegurou que o efecto é precisamente o contrario: son as terminais galegas as que recollen clientes lusos. Lavacolla, engade Maceira, gaña máis puntos que Peinador porque oferta outros destinos que, nembargantes, son moi inferiores ós do aeroporto Sá Carneiro. (Fonte: El Correo Gallego).
Fraga defende o papel das rexións en Europa “sen querer contradicir a ninguén” O presidente da Xunta, Manuel Fraga, avogou onte polo artellamento dun novo sistema administrativo na Unión Europea, onde as rexións teñan o seu espacio e protagonismo. “Canto máis se amplíe o tamaño de Europa e o número de sistemas diferentes, máis necesaria será unha política rexional”, dixo, asegurando realizar este plantexamento máis alá de “calquera nacionalismo ou separatismo, porque eu quero unha España forte e grande, pero o quero racionalmente”. (Fonte: El Correo Gallego). Xunta e oposición unirán forzas para non deixar que a UE “afunda” a pesca galega Tal foi a mensaxe que onte quixeron dar ó unísono a Xunta e os tres grupos parlamentarios -PP, BNG e PsdeG-, que farán fronte común contra unha reforma que o conselleiro de pesca, Enrique López Veiga, cualificou de “insensible” cos intereses de Galicia. O conselleiro acordou con nacionalistas e socialistas constituír con urxencia un grupo de traballo para defini-la estratexia que en política pesqueira defenderá Galicia en Madrid e Bruxelas. (Fonte: El Correo Gallego). Varela e Miguélez rexeitan o documento da Comisión e cualificanno de “erro” Os voceiros de Pesca do partido Popular (PPE), Daniel Varela, e do Partido Socialista (PSE, Rosa Miguélez), no Parlamento Europeo, rexeitaron onte a reforma da política pesqueira realizada por Fischler. Varela cualificouna de “erro histórico” e Miguélez de “reforma desmanteladora”. Ambos cooinciden en que non ten en conta a realidade do sector. (Fonte: El Correo Gallego). Os armadores de Vigo cuestionan a legalidade xurídica do acordo da Comisión Europea Os representantes da Cooperativa de Armadores de Vigo aseguran que a decisión da Comisión Europea contradí o contido do artigo 166 do Tratado de Adhesión de España e Portugal á entón Comunidade Económica Europea. J.A Suárez Llanos, xerente adxunto da cooperativa, indica que a vía de esperanza céntrase agora no Consello de Ministros da Unión Europea e no Parlamento. Os representantes do sector pesqueiro galego están convocados esta mañá na sede do Ministerio de Pesca polo titular, Arias Cañete, para analiza-la decisión da Comisión e as estratexias a seguir no futuro inmediato. (Fonte: El Correo Gallego). Os palangreiros de Ribeira amosan o seu rexeitamento frontal a unhas medidas “nefastas para o sector pesqueiro” Responsables da organización de palangreiros de Ribeira sinalaron onte que as medidas adoptadas pola Comisión Europea supoñen “un novo varapao que se engade á actual crise”. No transcurso do pleno celebrado o pasado luns en Ribeira, os tres grupos políticos con representación na Corporación acordaron redactar un manifesto institucional contra as medidas aprobadas en Bruxelas. PP, PSdeG e BNG acordan dirixirse ó “Goberno galego e ó Goberno de España para que defendan perante as institucións europeas” outro tipo de reforma pesqueira. (Fonte: El Correo Gallego). Cultura O Parlamento galego propón a declaración da Torre de Hércules coma Patrimonio da Humanidade O pleno do Parlamento galego aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei do PPdeG que lle pide ó Goberno galego a declaración da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade, e maila súa inclusión na listaxe de monumentos históricos que o Goberno central presentará á Unesco. Se a iniciativa ten éxito a Torre sería o terceiro monumento galego que figura entre o Patrimonio da Humanidade, tra-la Catedral de Santiago e a muralla de Lugo. (Fonte: Santiago, AGN). Acción Exterior Emigración e o Igadi realizarán un mapa de galegos relevantes no exterior O Conselleiro de Emigración, Aurelio Miras, e o director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, Xulio Ríos, asinaron hoxe o convenio para a realización dun mapa de galegos relevantes no exterior. A administración galega quere pula-lo agrupamento dos emigrantes con maior presencia social para determinadas causas que requiran o seu apoio. Outro dos seus obxectivos é incentiva-la súa participación en foros de expertos cara fomenta-la imaxe de Galicia no exterior. (Fonte: Santiago, AGN). Cooperación Exterior A Xunta de Galicia e o Fondo de Solidariedade colaborarán na revitalización da cidade histórica de Santiago de Cuba O conselleiro de Emigración e Cooperación Exterior, Aurelio Miras, e o presidente do Fondo Galego de Solidariedade, Alfredo Novoa Gil, asinaron hoxe en Santiago un convenio de colaboración en prol da revitalización da cidade histórica de Santiago de Cuba. Dende Galicia, aportaranse os medios profesionais e técnicos necesarios para desenvolver unha asistencia directiva e de alta asesoría en materia de urbanismo. A iniciativa contará coa colaboración directa dos responsables desta área na illa caribeña. (Fonte: Santiago, AGN). Economía Un portal económico neoiorquino destaca o atractivo de Galicia para as empresas norteamericanas Un informe sobre Galicia realizado para empresarios norteamericanos polo portal de internet Bussiness Facilities destaca o atractivo de Galicia para todo tipo de investimentos. O informe “Galicia, un mundo de oportunidades por descubrir” subliña que “a cualificación da man de obra galega é excelente, porque dispoñen dun sistema educativo de gran calidade”. “En Galicia, a maioría dos traballadores falan español e portugués”, afirman, “o que supón unha grande vantaxe para os servicios de atención ás empresas e para as compañías telefónicas”. Ademais, destácase o atractivo dos custos laborais “un 13% por debaixo da media española e un 49% inferiores ó salario medio da Unión Europea”. Entre as compañías estadounidenses que xa se instalaron en Galicia destacan Otis, Con Agra, ou Ralston Purina, que tamén consideran un atractivo as posibilidades de internacionalización da “posición xeográfica privilexiada” de Galicia. (Fonte: Santiago, AGN). O Viño Abadía de San Campio de Bodegas Terras Gauda obtivo dous premios en Francia e Italia O albariño Abadía de san Campio obtivo recentemente dous premios nos certames vinícolas Les Citadelles du Vin, en Francia, e Vinitaly 2002, en Italia. Cómpre destacar que no segundo caso este albariño xa obtivera o mesmo premio nas edicións de 1994, 1996, 1997 e 2000. (Fonte: Santiago, AGN). Emigración Unha galega cunha filla desaparecida é unha das catorce fundadoras das Nais da Praza de Maio Josefa García, Pepa de Noia,de oitenta anos, é unha das catorce mulleres que o 30 de abril de 1977 foron á Praza de Maio de Bos Aires a protestar pola desaparición dos seus fillos. Pertence á Liña Fundadora das Madres de Mayo, unha sección moderada distanciada da fracción de Hebe de Bonafini. Os pais de Josefa emigraron dende Galicia á Arxentina para buscar unha mellor vida, e lonxe estaban de sospeitar que o réxime de Videla batería neles tan forte que a súa mesma filla converteríase nunha das fundadoras dun dos movementos polos dereitos humanos máis recoñecidos do mundo. (Fonte: Bos Aires, AGN).
A Xunta axudará ós emigrantes retornados a crea-la súa propia empresa O titular da Xunta, Manuel Fraga, e o presidente da Fundación Instituto Cameral para la Creación y el Desarrollo (Incide), José Ramón Fernández Norniella, asinaron onte un protocolo de colaboración para axuda-los emigrantes que retornen a Galicia e ós seus descendentes, especialmente ós de Arxentina, a crea-la súa propia empresa. Este convenio contempla a realización de programas de formación, avaliación e asesoramento que se realizarán tanto en Galicia coma nos países latinoamericanos. (Fonte: El Correo Gallego). O Pleno da Corporación de Vigo cede un local para instala-lo Consulado Xeral de Arxentina O pleno da corporación municipal de Vigo acordou hoxe por unanimidade ceder un local do edificio Asefal para instala-las dependencias do Consulado da República Arxentina en Vigo, mentres se manteña a grave situación económica que padece o país. A actitude de colaboración das administracións públicas, especialmente do Concello, era “imprescindible” para que o consulado se mantivese en Vigo, xa que permitiu cambiar de opinión ó Goberno arxentino, segundo lembra a asociación Arxentinos no Exterior. De similar opinión é tamén o Departamento de Migración da CIG, que destaca a actitude do alcalde Castrillo durante as xestións. (Fonte: Vigo, AGN). Acción Exterior Fraga distinguido polas axencias de viaxes de México A Asociación Mexicana de Axencias de Viaxes concedeulle ó presidente da Xunta, Manuel Fraga, a Medalla ó Mérito Turístico Internacional, polo seu traballo a prol do sector, segundo informou onte a Consellería de Cultura. (Fonte: El Correo Gallego). Política - Unión Europea A Comisión Europea aproba a reforma da política pesqueira común proposta por Fischler e rexeitada polo Goberno galego A Comisión Europea aprobou hoxe a reforma da Política Pesqueira común proposta polo comisario de Pesca, Franz Fischler, e que foi reiteradamentre rexeitada tanto polo Goberno español coma polo galego. Esta proposta supón recurtar entre un 30% e un 40% a capacidade da flota europea, o que suporá o desmantelamento de moitos barcos. A Comisión pretende que deixe de faenar o 8,5% da flota europea cunha reforma que podería implica-lo despedazamento de 8.600 barcos de toda Europa e a perda duns 28.000 postos de traballo no sector nos vindeiros catro anos. (Fonte: Santiago, AGN). O BNG solicita unha “acción conxunta” de tódolos parlamentrios galegos en Europa para defende-los intereses pesqueiros de Galicia O eurodeputado do BNG Camilo Nogueira defenderá mañá no plenario do Parlamento Europeo, perante o comisario Fischler, que tódolos deputados galegos no foro e os 64 do Estado español manteñan unha posición común de rexeitamento ás propostas de reforma da PCP presentadas pola Comisión Europea. O BNG considera que este órgano “marxina e discrimina” a Galicia nos asuntos da pesca e beneficia ós países do norte, ademais de critica-lo “principio de estabilidade relativa” mediante o que se lle impuxo ó Estado español e a Galicia unha distribución discriminatoria. (Fonte: Santiago, AGN). O sector pesqueiro pide a demisión de Fischler e demanda ó Goberno español unha “reacción contundente” perante a reforma O sector pesqueiro galego e español amósanse indignados pola aprobación da reforma pesqueira proposta por Fischler. Nese senso, Senén Touza, presidente da Organización Nacional de Organizacións Pesqueiras, a postura do sector tras esta medida é solicita-la demisión do comisario europeo por “inepto”, ó non ser quen de “buscar un consenso”. Touza espera que o Goberno español adopte unha “reacción contundente” perante esta proposta, que leva á flota galega e española a “unha reducción drástica”. Os máis prexudicados serán os buques que operan en función de acordos internacionais, moitos galegos, xa que a política europea é “elimina-las negociacións con terceiros países”, concluiu. (Fonte: Santiago, AGN). Nogueira propón crear unha convención para pula-la presencia de Galicia nos órganos de decisión da UE O eurodeputado do BNG Camilo Nogueira destacou onte a necesidade de crear unha convención, na que estean representados os partidos políticos, institucións e axentes sociais galegos, cara pula-la presencia de Galicia nos órganos de decisión da Unión Europea. Nunha rolda de prensa para avalia-los traballos desenvolvidos pola delegación da sociedade galega que acudiu ós debates da Convención Europea en Bruxelas, Nogueira explicou que en Catalunya funciona unha Convención por Europa na que participan institucións autonómicas e foros sociais, así coma en Bélxica. Destacou a necesidade de “sacudi-la sociedade galega” de xeito que se involucre na reivindicación de que Galicia “estea presente coma nación”. (Fonte: El Correo Gallego). Economía Gamesa asegura que a venda dos seus activos permitirá finacia-la súa expansión internacional A venda dunha parte dos megawatios eólicos de Gamesa, contemplada no Plan estratéxico 2002-2006 da empresa, permitirá financia-la expansión nacional e internacional de novas promocións de parques eólicos. Por outra banda, a constructora madrileña Acciona xa amosou o seu interese na compra dos parques eólicos que Gamesa posúe en España e Portugal, entre os que se atopan os dez parques situados en Galicia. (Fonte: Santiago, AGN).
O presidente da Xunta remítelle un telegrama de felicitación a Álvaro Uribe Manuel Fraga mandoulle hoxe un telegrama ó presidente electo de Colombia, Álvaro Uribe, no que o felicita pola súa “rotunda victoria electoral”, e no que lle transmite o apoio e a solidariedade do “conxunto da sociedade galega”. No texto Fraga avoga porque “a autoridade e firmeza democráticas” se impoñan sobre o terrorismo e o narcotráfico “que tantos magoamentos veñen provocando neste país irmán”. (Fonte: Santiago, AGN). Cultura Galicia terá un premio internacional para textos de teatro de títeres O conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Xesús Pérez Varela, anunciou onte no acto de clausura do III Festival de Títeres de Redondela, a creación deste galardón, co que se lle renderá homenaxe ó personaxe de “Barriga Verde”. O premio será convocado a través do Instituto Galego das artes Escénicas e Musicais (IGAEM). (Fonte: El Correo Gallego). Emigración Galicia ten a taxa de crecemento de poboación estranxeira máis baixa de España En Galicia a poboación estranxeira “legal” aumenta a un ritmo moito menor ca no resto de comunidades autónomas, segundo os datos do censo que recolle o Instituto Nacional de Estatística. Se 3 de cada 100 residentes “con papeis” no Estado son estranxeiros, só 1 de cada 100 habitantes de Galicia procede do exterior, malia que está recoñecida a necesidade de que cheguen inmigrantes para palia-lo avellentamento da poboación. Segundo o INI Galicia é “a única comunidade autónoma onde a poboación estranxeira vén medrando na última década con taxas inferiores ó 10% anual”. (Fonte: El Correo Gallego). Entrevista: Filomena Casal. “Os galegos na Arxentina están acorados e sen ilusión” A Cámara de Comercio de Santiago xestiona en Bos Aires a oficina de colocación e orientación laboral promovida polo Goberno autonómico para facilita-lo retorno dos descendentes dos galegos emigrados a Arxentina nestes tempos de crise. Como secretaria xeral deste organismo, Filomena Casal encárgase de coordena-lo traballo desta oficina, que move xa 14.000 curriculos de persoas que buscan unha oportunidade no mercado laboral galego; polo momento só teñen, nembargantes, demandas para douscentos traballadores. (Fonte: El Correo Gallego). Economía Pescanova convértese na segunda compañía pesqueira de Europa con maior índice de vendas e beneficios A compañía galega Pescanova está xa no segundo posto do ranking europeo, só por debaixo da holandesa Nutreco, e ocupa a sexta posición no nivel mundial. O crecemento experimentado durante os últimos anos reforzou o dominio de Pescanova nos mercados de peixe conxelado español e portugués. As marcas de Pescanova en España representan o 62% de tódalas marcas de elaborados de peixe e o 56% das portuguesas. Pescanova non prevé grandes crecementos nos vindeiros anos, pero sí contempla novos proxectos no eido da acuicultura. (Fonte: Santiago, AGN).
O BNG fixará nun texto didáctico e claro a súa postura sobre a presencia de Galicia na UE O Bloque fixará a súa postura sobre a particicipación de Galicia nos órganos de decisión da Unión Europea nun documento “claro e didáctico”, e fará o mesmo respecto ó Pacto Local. A Executiva do BNG decidiu onte a constitución de senllos equipos de traballo para aborda-las devanditas cuestións. Os dous traballos estarán, en principio, rematados antes dun mes. (Fonte: El Correo Gallego). Economía As vendas de Galicia no exterior subiron un 18% en xaneiro confirmando o bo ritmo As exportacións galegas durante o mes de xaneiro ascenderon a 746 millóns de euros, un 17,85% máis ca no mesmo mes de 2001. mentres que as importacións acadaron os 757 millóns, é dicir, un 6,77% máis. Deste xeito, o déficit comercial galego foi de 11 millóns de euros, fronte ós 76 do mesmo mes de 2001, o que, segundo a Consellería de Industria, “implica unha evidente mellora da nosa balanza comercial”. (Fonte: El Correo Gallego). Acción Exterior Fraga anima, dende Perugia, ós europeos a festexar en Santiago o seu acervo e futuro común O presidente da Xunta invitaba onte á participación na celebración do vindeiro Ano Santo en Galicia, durante a súa intervención no “Congreso Internacional Santiago e L´Italia”, organizado polo Centro Italiano de Estudios Compostelanos na cidade italiana de Perugia. Fraga avanzou que con motivo do Ano Santo Compostelano 2004, existe un “proxecto galaico-italiano moi orixinal” organizado por dous profesores da Facultade de Medicina de Santiago e Milano, que percorrerán o Camiño Francés Pamplona-Compostela, impartindo 23 conferencias extraordinarias ademais de senllas leccións maxistrais de inauguración e clausura. (Fonte: El Correo Gallego). Inspectores da Consellería de Medio Ambiente representan a España nun seminario de traballo en Finlandia Dous inspectores da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia atópanse esta semana na localidade finlandesa de Laponia representando a España nun seminario de traballo centrado na análise dos sistemas de autocontrol das emisións dunha industria química desta rexión. Inspectores de 14 países participan neste foro organizado pola Rede Impel, formada por representantes dos órganos medioambientais dos Estados membros da UE. (Fonte: Santiago, AGN). O presidente da Xunta iniciará a vindeira semana unha viaxe institucional a Rusia O presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, iniciará o vindeiro xoves 30 de maio, unha viaxe institucional a Rusia. En Moscova, Fraga participará nun seminario organizado pola escola de Estudios políticos, onde exporá ós asistentes a súa experiencia e reflexións sobre a política actual. Fraga permanecerá na capital rusa ata o vindeiro 2 de xuño, e durante a súa estadía reunirase co ministro de Asuntos Exteriores da Federación Rusa, visitará o Instituto Cervantes, e pechará o programa mantendo un encontro cos españois “nenos da guerra” residentes en Rusia. (Fonte: Santiago, AGN). Cooperación Exterior A USC e a Universidade de Sidney asinan mañá un convenio para investigar sobre a anorexia nerviosa O rector da USC, Daría Villanueva, e mailo profesor John Atherton, director do Colexio de Ciencias da Saúde da Universidade de Sidney, Australia, asinarán o vindeiro luns en Santiago un convenio de colaboración para establece-las bases de cooperación científica entre ámbolos dous centros no eido dos trastornos da alimentación en xeral, e da anorexia en particular. A sinatura deste convenio xorde da colaboración que dende hai dous anos mantén o profesor de Psicoloxía da Usc, Emilio Gutiérrez, cos investigadores australianos. (Fonte: Santiago, AGN).
Pescanova critica fórmulas da política pesqueira común para os caladoiros da UE O presidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa Faro, mantivo onte unha xuntanza co presidente da Xunta, na que lle indicou que, nalgúns aspectos da política comunitaria, “España, Galicia e, nós, Pescanova, non estamos moi de acordo nas fórmulas elexidas para aqueles países da Comunidade que non teñen intereses pesqueiros”. Ademais, para Fernández de Sousa, a acuicultura sempre será un “complemento da pesca tradicional”. (Fonte: El Correo Gallego). Correos asina en Santiago un acordo de colaboración con Grecia, Italia e Portugal O presidente de Correos e Telégrafos, o ourensán Alberto Núñez Feijoo, subscribiu onte en Santiago un acordo de colaboración cos operadores postais públicos de Portugal, Italia e Grecia co fin de acadar unha mellora na xestión do servicio. O encontro serviu tamén para prepara-lo consello da Internacional Postal Corporation (Ipc). (Fonte: El Correo Gallego). Cooperación Exterior Querétaro, en México, supera fronteiras para estreita-lo vencello secular de sangue con Compostela A corporación municipal compostelá recibiu onte á delegación do Estado mexicano de Querétaro, coa que se estableceu un forte vencello no ano 1996, pola consagración de ámbalas dúas coma Patrimonio da Humanidade da Unesco, e a pertenza á Organización de Cidades Patrimonio Mundial (Ocpm). O alcalde Bugallo amosou a súa intención de continuar este labor de “Irmanamento” -baseado no éxodo migratorio- ó ministro de Turismo do Estado mexicano, Raúl Parissi. (Fonte: El Correo Gallego). Emigración Os arxentinos de Galicia cren insuficiente a reforma da lei de inmigración A asociación “Arxentinos en el Exterior” en Galicia considerou onte “insuficiente” a reforma do Código Civil que facilita a nacionalidade ós netos de emigrantes españois, tras un ano de residencia en España. Así llo fixeron saber ó presidente da Xunta, Manuel Fraga, nun encontro mantido en San Caetano, no que solicitaron a súa mediación para que “se facilite” a residencia legal dos fillos e netos de españois que contan cunha oferta de traballo en España. (Fonte: El Correo Gallego).
Inmediata posta en marcha de dous centros de día para atende-los galegos que residen na Arxentina O Centro Galego de Bos Aires e a Asociación Centro Partido do Carballiño cederán parte das súas instalacións para que a Xunta as acondicione e poidan acoller centros de día destinados a atende-las demandas socio-sanitarias do colectivo emigrante. Con este proxecto a Xunta pretende respostar ó avellentamento xeralizado da colectividade galega; deste xeito outro dos programas asistenciais que se porá en marcha inmediatamente será o da axuda domiciliaria. (Fonte: El Correo Gallego). Política - Unión Europea O presidente da Xunta apunta que dende Galicia se traballa día a día no proxecto europeo Manuel Fraga sinaloulles onte ós embaixadores permanentes comunitarios que Galicia traballa “día a día” tratando de aporta-lo seu gran de area a “esa empresa común” que é Europa. Fraga fixo estas declaracións durante a recepción que lles ofreceu en Compostela ós embaixadores permanentes perante a UE, que se reúnen en Galicia convidados polo representante español, Miguel Conde. (Fonte: El Correo Gallego). López Veiga espera que a decisión de mante-la cota da pescada anticipan a “sensatez” da política da UE O conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta, Enrique López Veiga, felicitouse pola decisión da comisión de pesca da UE de non acepta-las propostas de rebaixa-las cotas de capturas de pescada e de atende-la iniciativa do parlamentario galego Daniel Varela, ó que considera o principal valedor desta “boa nova”. Queda, nembargantes, “un longo percorrido e moito esforzo para tratar de reconduci-la situación ó seu punto xusto”, dixo. (Fonte: El Correo Gallego). Portugal Fraga garante harmonía con Portugal no Eixo Atlántico O presidente da Xunta, Manuel Fraga, asegurou onte que entre España e Portugal non existe ningún “desacordo” nin “discusión” respecto ó corredor atlántico do Tren de Alta Velocidade, aínda que si outros que non quixo especificar. Fraga explicou que está en “contacto directo” co ministro luso de Infraestructuras, Valença de Oliveira, e insinuou que este podería visitar Galicia en breve. (Fonte: El Correo Gallego).
A Xunta proporcionará asistencia alimentaria e sanitaria a 150 familias galegas de Arxentina Un total de cen familias galegas da localidade arxentina de Avellaneda recibirán asistencia alimentaria e sanitaria gracias a un convenio de colaboración que asinarán en breve a Xunta e a Fundación Cume. Onte presentouse este proxecto durante unha xuntanza mantida polo conselleiro de Emigración, Aurelio Miras, a Fegamp, e mailos representantes especiais do Goberno arxentino para Asuntos da Solidariedade, Mª Aurora Duhalde, e para a Cooperación Internacional, Ana Cafiero. (Fonte: El Correo Gallego). Os grupos políticos galegos únense para apoiar ós galegos na Arxentina Os tres partidos políticos con representación no Parlamento Galego, PP, PSdG-PSOE e BNG, aprobaron esta mañá por unanimidade unha emenda de consenso na que se insta á Xunta de Galicia a que se dirixa ó Goberno central para que garanta os dereitos constitucionais dos cidadáns españois residentes na Arxentina. (Fonte: Santiago, AGN). Unhas xornadas do consello da Cultura Galega estudiarán a emigración italiana e española na Arxentina O Consello da Cultura Galega abordará, os vindeiros días 7 e 8 de xuño, a emigración italiana e española na Arxentina no seminario “Galegos e Tanos”, organizado polo Arquivo da Emigración. As xornadas foron presentadas pola directora do Arquivo da Emigración Galega, Pilar Cagiao, e mailo profesor da Universidade de Vigo Alejandro Vázquez, quen destacou a novidade que supón neste tipo de estudios a “análise interrexional” que o encontro propón. (Fonte: Santiago, AGN). Cultura Santiago intégrase na Rede Europea das “Cidades de Cinema” Santiago será unha das urbes integrantes da Rede Europea das Cidades de Cinema, proxecto deseñado por cidades de Francia, Portugal e España (Biarritz, Donosti, Porto, Salamanca e Santiago de Compostela) co obxectivo de por en común medios para facer da cultura da imaxe unha ferramenta de desenvolvemento económico e creación de emprego. Os membros da entidade, que terá a súa sede en Salamanca, acordaron onte a presentación de proxectos ó programa comunitario Interreg III B, financiado nun 70% polo FEDER. (Fonte: El Correo Gallego). Sociedade Galicia lidera as adopcións de menores estranxeiros Ó longo do ano 2001, 154 familias galegas adoptaron un neno no estranxeiro; deles, 132 o foron a través da Fundación Meniños. En España se foron case 3.500 os proafillamentos internacionais, aínda que cómpre sinalar que a nosa comunidade lidera a adopción de nenos “especiais”, é dicir, aqueles que teñen problemas físicos ou psíquicos, son doutra etnia, teñen máis de cinco anos de idade, ou forman parte dun grupo de dous ou máis irmáns ós que se prefire manter unidos. (Fonte: El Correo Gallego). Unión Europea Un total de 19 representantes da sociedade galega visitan a Convención Europea e o Parlamento convidados polo BNG Un total de 19 representantes de distintos ámbitos da sociedade galega se entrevistarán este venres co vicepresidente da Convención Europea e ex-Primeiro Ministro de Bélxica, Jean-Luc Dehane, para trasmitirlle as súas ideas, proxectos e aportacións ós debates que a Convención vai acometer durante o vindeiro mes de xuño para defini-lo estado da sociedade civil en Europa. Entre os membros da delegación que viaxan a Bruxelas se atopan o deputado nacionalista Alfredo Suárez Canal; o profesor de Ciencias Políticas Xosé Luís Barreiro Rivas; a presidenta da Asociación Galega de Editores, Fabiola Sotelo; o vicepresidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Xosé Constantino Baldomir; e o director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, Xulio Ríos. (Fonte: Santiago, AGN). Bruxelas ordena a España recupera-las axudas concedidas ó grupo galego GEA A Comisión Europea ordenou onte ó Goberno español que recupere a axuda concedida ó Grupo Empresas Álvarez (GEA), privatizado en 1992. O executivo comunitario lembrou que en 1997 xa autorizou unha axuda precedente a GEA coa condición de que non recibira novas subvencións, pechando agora a investigación iniciada polos Servicios de Competencia da CE en 2001. (Fonte: Santiago, AGN). A Comisión de Pesca do Parlamento Europeo rexeita o plan de recuperación da pescada proposto por Bruxelas A comisión de Pesca do PE vén de rexeita-lo plan de recuperación da pescada do norte proposto por Bruxelas, segundo informou a Grupo Parlamentario Popular (PPE). O voceiro popular, Daniel Varela, sinalou que a medida é “lóxica”, porque a situación da pescada non é a mesma ca do bacallao. A comisión aprobou unha emenda presentada polo eurodeputado popular para evitar que as capturas de pescada no Gran Sol e o Golfo de Bizkaia. A flota que faena neses caladoiros está composta por case 300 barcos, dos que 130 son galegos. (Fonte: Santiago, AGN). Economía O conselleiro de Pesca inaugurará en Vigo a II edición do Salón Naútico Internacional O conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, Enrique López Veiga, asistirá mañá á inauguración do Salón Naútico Internacional de Vigo, que se celebrará ata o vindeiro domingo no recinto feiral de Cotogrande. O responsable autonómico estará acompañado, entre outros, polo alcalde da cidade, Lois Pérez Castrillo, o delegado do Goberno en galicia, Arsenio Fernández de Mesa, ou o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Julio Pedrosa. (Fonte: Santiago, AGN).
Zaplana apunta que o seu criterio e o do presidente da Xunta sobre a UE serán, ó final, coincidentes O presidente da Generalitat valenciana e vicepresidente do Comité das Rexións, Eduardo Zaplana, confirmou antonte que o vindeiro 19 de xuño se reunirá en Galicia co presidente da Xunta, Manuel Fraga. Explicou que no encontro debaterán os matices nos que ambos difiren respecto ó papel das rexións en Europa, e precisou que “aínda que non sexan ccoincidentes, ó final as nosas posicións serán as mesmas porque estamos a falar das mesmas cousas”. (Fonte: El Correo Gallego). Pesca busca fórmulas para axiliza-lo pagamento das axudas europeas por parada biolóxica A consellería de Pesca e Asuntos Marítimos planea artellar novas fórmulas para axiliza-los pagamentos das axudas ós pescadores afectados por paradas biolóxicas, mentres se agarda a resolución favorable dos trámites administrativos no seo da Unión Europea. As axudas anticiparanse con fondos propios da Xunta e agárdase que os pagamentos poidan facerse efectivos cara finais do mes de maio. (Fonte: El Correo Gallego). Un grupo de escolares galegos gaña a fase nacional do Certame Europeo de Consumidor Xove 2002 Un grupo de escolares do Centro de ensino Infantil e primario “Seis do Nadal” de Vigo resultaron os gañadores da fase nacional deste certame europeo, que se fallou onte en Madrid. Os escolares puxeron en marcha diversos euronegocios (un eurobanco, unha eurotenda, un eurobingo, etc) dirixidos ós alumnos do centro vigués. Este concurso é unha iniciativa da Comisión Europea que tenta promove-la aprendizaxe a través de traballos creativos de investigación, e a proposta deste ano tiña como lema “pensar en euros”. (Fonte: Santiago, AGN). O IES Cedeira representará a España no II Encontro Europeo de Xoves sen Tabaco Os alumnos do IES de Suanzes, Manuel Peleteiro, e o IES de Cedeira foron os grandes triunfadores do programa “Clases sen Fume”, iniciativa da Unión Europea, baixo a responsabilidade das consellerías de Sanidade e Educación, na que participaron un milleiro de escolares galegos. (Fonte: El Correo Gallego). Cultura Esgos acollerá a vindeira fin de semana a XVII Reunión Internacional de Gaiteiros O concello de Esgos (Ourense) acollerá a vindeira fin de semana a XVII Reunión Internacional de Gaiteiros. O alcalde de Esgos, Manuel Ángel Rodríguez, destacou a importancia que ten para o seu municipio a celebración da reunión internacional de gaitas. O obxectivo deste encontro é, segundo o director da Real Banda de Gaitas de Ourense, “traer a Ourense a mellor representación da gaita, no ámbito internacional, así coma os instrumentos máis exóticos”. (Fonte: El Correo Gallego). Economía A empresa Galchimia oferta productos de síntese a medida a clientes de Estados Unidos, Alemania ou China Galchimia naceu en 2000 coma unha experiencia piloto do programa Uniemprende no Departamento de Química Orgánica da Universidade de Santiago e, en tres meses de funcionamento, vén de cubri-las expectativas de facturación para 2002. A empresa está presente xa en países como Estados Unidos, Canadá, Arxentina, Irlanda, Alemania e China. (Fonte: Santiago, AGN).
Miras Portugal e representantes da Fegamp viaxan mañá cara Arxentina para coñece-la marcha dos programas de cooperación O conselleiro de Emigración, Aurelio Miras, parte mañá cara Arxentina acompañado do presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Manuel Cabezas, e catro representantes provinciais desta organización. A finalidade da viaxe é coñecer o estado dos programas de cooperación establecidos en visitas anteriores. Miras reunirase cos representantes dos centros e colectividades galegas para presentarlles a figura do Delegado da Xunta no país, que constituirá unha canle directa e inmediata entre Galicia e os seus cidadáns no país austral. Miras manterá tamén un encontro co ministro de saúde arxentino e coa encargada de Asuntos da Solidariedade. (Fonte: Santiago, AGN). Arxentina manterá o seu Consulado en Galicia a cambio da cesión temporal dun local en Vigo Ó final, as presións políticas e sociais exercidas dende Galicia xurdiron efecto, e o Goberno de Duhalde aceptou a continuidade do Consulado en Vigo a condición de que o Concello da cidade ceda temporalmente un local para a súa ubicación. O Goberno arxentino facultou xa á súa Embaixada en España para mante-la sede diplomática en Vigo se o Concello cede o local para instala-lo Consulado. En calquera caso, o Consulado se quedará en Vigo xa que a Xunta de Galicia e mailo conselleiro de Emigración aseguraron que o Goberno galego se fará cargo se houbese algún problema”. O cónsul arxentino en Galicia, Rubén Buira, mantén encontros co Concello e a Xunta para chegar “o máis cedo posible a un acordo”. (Fonte: Santiago, AGN). Unión Europea Grossi confía en que o acordo Chile-UE potencie o investimento das pemes galegas O ministro chileno de Economía, Fomento e Reconstrucción, Jorge Rodríguez Grossi, expresou onte a súa confianza en que o recente tratado de cooperación entre o seu país e a UE posibilite un maior investimento das pemes galegas en Chile, especialmente en sectores como a acuicultura ou o viño. O novo acordo entre a UE e Chile permitirá ás empresas galegas adquirir o 100% de empresas pesqueiras chilenas, e Grossi espera ademais que o seu país poida ser tamén “plataforma de negocio cara toda América e, o día de mañá, cara Asia”. O ministro chileno participou en Compostela nunha xornada sobre as relacións entre a UE e Chile organizada pola Cámara de Comercio, para reunirse máis tarde co presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, nunha xuntanza na que tamén estaban presentes os conselleiros de Industria e Pesca e mailo secretario xeral de Relacións coa UE e Acción Exterior. (Fonte: Santiago, AGN). A CEL pídelles apoio ós eurodeputados españois para excluí-la pescada do plan de reducción de capturas da UE A Confederación de empresarios de Lugo (CEL) vén de dirixirse ós eurodeputados españois e á delegación da CEOE en Bruxelas para excluí-la pescada do plan de reducción de capturas da UE. O Parlamento Europeo debaterá mañá o plan de recuperación do bacallao e da pescada, segundo informou a CEL, que defende a adopción de medidas específicas e a separación do plan de recuperación para ambas especies. A Confederación de Empresarios sinala que preto de 700 traballadores da provincia de Lugo dependen de poder faenar en augas comunitarias non españolas. (Fonte: Santiago, AGN). Juan José Lucas inaugura hoxe en Santiago a reunión europea sobre “prevención de riscos laborais na maternidade” Esta conferencia será o acto que peche o programa sobre seguridade e saúde da traballadora embarazada, que se vén desenvolvendo nos últimos 18 meses. É no marco da Presidencia española da UE que se celebra esta reunión final, que contará con representantes dos Estados membros, expertos na materia e representantes sindicais. (Fonte: Santiago, AGN). Acción Exterior TVE producirá 52 novos espacios do programa “Desde Galicia para el Mundo” gracias a un convenio asinado hoxe por Fraga e González Ferrari O presidente da Xunta, Manuel Fraga, e o director xeral de Radio Televisión Española (RTVE), González Ferrari, asinaron hoxe en Madrid un convenio de colaboración polo que renovan a cooperación entrámbalas entidades en materia de programación. O Centro de Televisión Española en Galicia producirá 52 novos espacios do programa “Desde Galicia para el Mundo” e diversas reportaxes sobre a Comunidade que se incluirán nas programacións nacionais e internacionais de TVE. Manuel Fraga valorou a significación deste espacio como lazo de unión entre a diáspora e a Galicia territorial e fixo votos polo seu mantemento no futuro. (Fonte: Santiago, AGN). Cultura O presidente da Xunta presentou hoxe en Madrid o IV Festival Internacional da Música de Galicia Durante a presentación Manuel Fraga amosou a súa confianza en que esta nova edición servirá para arraizar máis este certame, que leva camiño de “asentarse coma un dos festivais máis importantes de España e do continente”, ademais de agradece-la “extraordinaria acollida” que tiveron as edicións anteriores, tanto dentro como fóra de Galicia”. A soprano Monserrat Caballé será a encargada do concerto inaugural o vindeiro 1º de xullo na Praza do Obradoiro de Santiago. (Fonte: Santiago, AGN).
IFI inscribe Galicia na vangarda das exposicións sónicas e visuais Pontevedra acolle este mes o I Encontro da Arte Sonora e Videocreación, un foro que reúne creadores galegos e internacionais ó fío da experimentación, da tecnoloxía e da mestura plural de disciplinas artísticas. O encontro, que servirá para inscribir Galicia no panorama de certames de creación sónica e visual, celebrarase o vindeiro xoves 23 de maio na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. (Fonte: El Correo Gallego). Política - Unión Europea Fraga e Zaplana fixan postura cara pedir máis poder rexional na Unión Europea O titular da Xunta e o presidente valenciano, tamén xefe da delegación do Comité das Rexións para a Convención sobre a reforma da UE, entrevistaranse o 19 de xuño para acordar posicións na demanda de máis protagonismo para os entes rexionais. Zaplana está redactando un informe que viría fixar definitivamente a posición das rexións europeas perante a vindeira reforma comunitaria. A reunión con Fraga forma parte da busca do maior consenso no seo do Comité das Rexións. (Fonte: El Correo Gallego). Emigración O Goberno central estudia a validación dos permisos de conducir de Venezuela e Arxentina O Goberno central estudia o canxe de permisos de conducción con Arxentina, Venezuela, Serbia e Montenegro, Polonia e Marrocos, entre outros países. De aprobarse esta medida España validaría ós inmigrantes e retornados os seus permisos. O executivo de Aznar asegura, nunha resposta no Congreso ó BNG, que pretende subscribir convenios en materia de recoñecemento recíproco das autorizacións administrativas para conducir con aqueles países que así o soliciten. (Fonte: Santiago, AGN). 150 emigrados en Francia, Alemania, Holanda e en comunidades españolas disfrutan estes días de “Vacacións para lembrar” A principal novidade deste programa, organizado polas consellerías de Asuntos Sociais e Emigración e Cooperación Exterior, respecto ós que habitualmente desenvolve a Xunta, é que os participantes proceden de Comunidades españolas e do resto de países de Europa. Os 150 participantes foron recibidos esta mañá polo presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, nun acto que tamén serviu para destaca-lo bo funcionamento que caracteriza os primeiros pasos da Fundación Galicia-Emigración. (Fonte: Santiago, AGN).
Turgalicia e Turespaña inician unha campaña de promoción do turismo galego en medios de comunicación portugueses A Consellería de Cultura, a través de Turgalicia e xunto a Turespaña, iniciará unha campaña de promoción do turismo galego nos medios de comunicación portugueses, co inserimento de anuncios publicitarios nas principais revistas de información xeral e de viaxes lusas. Esta campaña está orientada á promoción da Comunidade galega como destino para as vacacións curtas dos cidadáns portugueses, especialmente nas pontes de fin de semana. (Fonte: El Correo Gallego). Política O BNG demanda ó Goberno que impida á UE rebaixa-los aranceis para conservas de atún procedentes de Filipinas e Venezuela O deputado do BNG no Congreso, Guillerme Vázquez, dirixiuse ó Goberno a través dunha pregunta parlamentaria para demandarlle a adopción de medidas que eviten que a UE aprobe unha rebaixa arancelaria para as conservas de atún procedentes de Filipinas e Tailandia. Vázquez lembra que na conferencia da OMC a UE accedeu a estudia-la posibilidade de rebaixa-los aranceis a estas conservas, o que prexudicaría ó sector conserveiro europeo e, especialmente, á industria galega. (Fonte: AGN). Cultura O semanario norteamericano Daily Messenger adica unha reportaxe ó Camiño de Santiago O Daily Messenger adica no seu último número unha reportaxe ó Camiño de Santiago, no que o pelegrín estadounidense Bill Wynne descrebe as súas experiencias ó longo da rota xacobea a Santiago a través da Vía Norte. O artigo destaca a boa sinalización da rota e o enriquecemento que supón compartir esta vivencia con persoas doutras nacionalidades durante o traxecto. (Fonte: AGN). Economía A Cámara de Comercio de España en Francia entregalle ó Banco Pastor o Premio Empresa do Ano A Cámara de Comercio de España en Francia entregoulle onte ó Banco Pastor o premio Empresa do Ano, segundo informou a entidade financeira. Este premio foi recibido en edicións anteriores por empresas coma Inditex, Iberia ou Caixa Madrid. (Fonte: AGN).
Fraga confía en que haberá AVE a Porto, pero respectará “as fórmulas e prazos” de Portugal O presidente da Xunta, Manuel Fraga, celebrou as declaracións do ministro luso de Obras Públicas e Transporte, quen confirmou que os plans de alta velocidade do seu Goberno inclúen “unha extensión” cara Galicia, aínda que afirma que respectará “as fórmulas e prazos” que fixe o Goberno luso para a conexión por AVE entre Porto e Vigo. Onte mesmo Manuel Fraga mantivo unha entrevista telefónica co ministro de Fomento, Francisco Álvarez Cascos, quen se reunirá o vindeiro venres co titular luso de Obras Públicas e Fomento, co obxectivo de aclarar posturas sobre o AVE. (Fonte: El Correo Gallego). Economía Un total de 84 empresas galegas tirarán proveito dos plans para a exportación das administracións Un total de 84 empresas galegas acolleranse este ano ó Plan de Iniciación á Promoción Exterior -Pipe 2000-, creado co obxectivo de converter en exportadoras a 2.000 empresas no nivel estatal. Para o desenvolvemento deste programa, o Consello da Xunta autorizou onte a sinatura dunha addenda ó convenio de colaboración entre a Consellería de Industria e o Instituto Español de Comercio Exterior -ICEX-, o Consello Superior de Cámaras de Comercio e as nove Cámaras de Comercio Galegas. (Fonte: El Correo Gallego). Un informe de Caixa Galicia sitúa a renda dos agricultores galegos entre as máis altas de España e do resto da UE A renda dos agricultores e gandeiros galegos medra por riba das acadadas no nivel estatal e europeo, segundo un informe de Caixa Galicia que afirma tamén que o resto de España e a UE se viron máis afectados pola desaceleración económica. O informe de conxuntura de Caixa Galicia recoñece tamén que a favorable evolución das rendas débese en gran medida á caída da man de obra no sector, situación que se engade ó crecemento da producción. (Fonte: El Correo Gallego). Cooperación Exterior O presidente da Xunta inaugura, xunto ós embaixadores de Siria e Palestina, a exposición “Arte e Palabra pola Paz” da Fundación Araguaney A Fundación Araguaney inaugura esta mostra co obxectivo de doa-los beneficios á Cruz Vermella e maila Media Lúa Vermella a prol do pobo palestino. A mostra recolle a obra doada por un grupo de artistas galegos e completase cunha publicación que reúne a opinión de persoaxes procedentes do mundo da cultura do panorama internacional sobre a situación en Palestina. (Fonte: El Correo Gallego). Ghaleb Jaber achega Palestina á Estrada O empresario palestiniano enraizado en Compostela, Galeb Jaber Ibrahim, impartiu onte unha charla sobre o conflicto de Oriente Medio ós alumnos do IES Antón Losada Diéguez da Estrada. Ademais o centro acolle dende o pasado luns a exposición fotográfica “Palestina. Crónica dunha inxustiza”, cedida pola Fundación Araguaney, que preside Ghaleb Jaber. (Fonte: El Correo Gallego). Economía A Coruña prepárase para celebrar en 2005 o maior congreso da súa historia A 22ª edición da Conferencia Internacional de Cartografía celebrarase na Coruña en xullo de 2005, no que será o maior congreso celebrado na cidade. Ata o de agora, só Madrid en 1974, e Barcelona en 1995, acolleran esta conferencia internacional, promovida pola Asociación Internacional de Cartografía -ICA- que reúne cada dous anos a cartógrafos dos cinco continentes. (Fonte: El Correo Gallego). Emigración O goberno local de Vigo pidelle á Xunta que coordine programas de atención ós inmigrantes A concelleira de Benestar Social de Vigo asegura que esta demanda está baseada na crecente chegada a Galicia de inmigrantes, de xeito especial de Latinoamérica, xa que tan só no ano 2001 se empadroaron en Vigo 3.325 persoas que procedían destes países, a metade da Arxentina e Colombia. Para a Concellería sería importante que a Xunta contase, na súa rede de atención á inmigración, cun protocolo para dotar a tódolos municipios dos mesmos recursos de axuda sen que existan situacións de desigualdade. (Fonte: El Correo Gallego).
Os expertos enviados por Pesca detectan o gran potencial de Namibia en acuicultura Os técnicos destacaron, no campo da acuicultura mariña, o “potencial inmenso” da costa namibia, especialmente na badía de Walvis Bay, polo que agora traballan na redacción de varios proxectos piloto para colaborar co Goberno namibio na creación de explotacións acuícolas. Estes proxectos piloto serán concretados nunha nova misión que partirá de Galicia en xullo. (Fonte: El Correo Gallego). Unión Europea O conselleiro de Pesca confía aínda en acadar “un consenso” para a modificación da proposta Fischlerl sobre as capturas O conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, confía en acadar “un consenso” entre os estados membros para a captura (PCP), a pesar das declaracións do comisario europeo de Agricultura e Pesca, Franz Fischler, quen se nega a modifica-la súa proposta. López Veiga pretende ser prudente, tras ter intentado “convencer” a Bruxelas do negativo do recorte de axudas, pero lembrou que o Goberno galego “non pode intervir” na súa decisión. (Fonte: El Correo Gallego). Portugal Portugal busca unha fórmula e fondos para a “extensión” do Ave a Vigo O Goberno portugués considera unha prioridade o AVE a España, e busca fórmulas e recursos para conectar Lisboa e Porto con Madrid, así como “unha extensión ata Galicia”, tal e como ratificou onte o ministro portugués de Obras Públicas e Transportes, Luís Valente Oliveira. Os estudios coñecidos arestora en Portugal indican que o tren de alta velocidade conectará Madrid con Lisboa e Porto, e que outro ramal unirá esta cidade do Norte de Portugal con Vigo, en Galicia. O ministro luso tratou estes días con responsables da Rede Ferroviaria de Portugal (Refer) os “estudios técnicos” do trazado do tren de alta velocidade, cuestión que centrará a súa próxima entrevista coa comisaria europea de Transportes, Loyola de Palacio. (Fonte: El Correo Gallego). Feiras e Congresos Expertos internacionais debaterán en Baiona sobre tendencias actuais na Microelectrónica A cuarta edición do congreso Europeo do Ensino da Microelectrónica (EWME 2002) terá lugar en Baiona, os días 23 e 24 de maio, e reunirá a máis de 108 asistentes, entre os que participarán 90 investigadores procedentes da Unión Europea, Estados Unidos, Cuba e Xapón. O evento está organizado pola Universidade de Vigo en colaboración coa Consellería de Industria, a Deputación de Pontevedra, e o Instituto de Electrónica Aplicada Pedro Barrié de la Maza, entre outros. (Fonte: El Correo Gallego). O último Salón Internacional de Invencións de Xenebra distingue o traballo dun enxeñeiro pontevedrés O Salón Internacional de Invencións de Xenebra distinguiu un traballo presentado polo enxeñeiro pontevedrés Enrique García Quintela, polo que recibiu unha medalla de prata e polo que xa se interesan varias multinacionais. O invento consiste nun cono invertido desdobrable que se adapta á tapa dos botes, impedindo que a porcallada penetre no interior da bebida unha vez que o consumidor tira da anella. (Fonte: El Correo Gallego).
Galicia vendeu bens a Italia en 2001 por valor de 720 millóns de euros A venda de bens a Italia ascendeu no ano 2001 a 720.441.000 euros, mentres que as vendas italianas a Galicia foron de 369.390.000 euros, segundo datos facilitados pola Cámara de Comercio de Vigo. Baseándose nesta balanza comercial “favorable á comunidade galega”, a Cámara de Comercio de Vigo organiza, entre os días 11 e 17 de maio, unha misión comercial ó norte de Italia, zona onde se concentra a maior parte da industria do país. Esta iniciativa é parte do Plan Foexga 2002, financiado polas Cámaras galegas e a Xunta. (Fonte: Vigo, AGN). Unión Europea Diversos colectivos se manifestarán en apoio a Cuba durante o Cumio Unión Europea- América Latina-Caribe Coincidindo con este cumio, que se celebrará en Madrid os vindeiros días 17 e 18, varios colectivos galegos, agrupados na “Plataforma Galega de Solidariedade con Cuba”, manifestaranse en Madrid contra o bloqueo estadounidense á illa e a prol dun maior compromiso da UE con Cuba, único país latinoamericano co que a UE non asinou aínda un convenio de colaboración. A plataforma Galega de Solidariedade con Cuba está integrada por Amigos de Cuba de Pontevedra, BNG, CIG, FPG, CUT, XCG, EU, PCG, AGIR, Primeira Linha, NaS-UP, Galiza Nova, Alternativa dos Viziños de Oleiros, Asociación Salvador Allende e Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil. (Fonte: Santiago, AGN).
Miras avoga porque os inmigrantes de tradición hispana teñan unha maior cota O conselleiro de Emigración, nunha entrevista a Europa Press,considerou “lóxico” que houbese “unha maior cota para xente de Arxentina”, ou doutros puntos de Latinoamérica, polo que apostou porque “as cotas se fagan doutra maneira”. Non obstante, admitiu que esta política a fai o Goberno central e que ten que atender outros intereses, de carácter internacional, xa que España está dentro da UE e “hai determinadas áreas que teñen que alivia-la presión como a zona do Magreb”. Miras admite que a situación dos galegos é moi distinta en Venezuela que na Arxentina, e, respecto a esta última, sinalou que o goberno español “tardou máis en reaccionar” có de Galicia. (Fonte: El Correo Gallego).
Só un de cada cen inmigrantes que chegan con traballo a España vén a Galicia O Estado autorizou no ano 2002 un continxente de 32.079 inmigrantes, case 11.000 para postos de traballo estables e o resto para empregos de tempada. Pero dos 11.000 contratos estables só 101 se asignaron a Galicia. Segundo a responsable do centro de Información para Traballadores Estranxeiros (CITE) de CCOO, Isabel Quintáns, esta cifra reflicte un panorama “irreal” do mercado de traballo e do tecido productivo galegos. Actualmente traballan legalmente en Galicia case 27.000 estranxeiros, pero uns 16.000 son comunitarios e optan, polo tanto, ó emprego en igualdade de condicións cos españois. Os 11.000 restantes proceden de fóra da UE e “non sempre son retornados, senón persoas sen vencello anterior con Galicia”, asegura a responsable do CITE. (Fonte: El Correo Gallego). Unión Europea A web da oficina de Información Europea para Xoves recibiu 13.000 consultas en 2001 Segundo a Consellería de familia, promoción do emprego, Muller e Xuventude, esta elevada cifra de consultas supón, entre outros logros, a consolidación desta nova canle informativa, creada en 2000 para afortala-lo traballo que se desenvolve nesta oficina e achegalo a un número maior de mozos. A política de xuventude desenvolta pola Consellería no que toca a Europa ten coma eixos principais a mobilidade dos mozos e o seu achegamento á realidade europea. (Fonte: El Correo Gallego). Cultura Fraga explicará en Perugia o día 25 como a autonomía impulsou o Camiño de Santiago O presidente da Xunta, Manuel Fraga, participará no congreso Internacional Santiago e L´Italia, organizado polo Centro Italiano de Estudios Composteláns e que terá lugar dende o 23 ó 26 de maio na Universidade de Perugia (Italia). A disertación de Fraga terá por título: “Vinte anos de traballo pola peregrinación a Compostela”. (Fonte: El Correo Gallego). Política - Arxentina Fraga agradece a Alfonsín a súa oposición ó peche do consulado vigués O presidente da Xunta remitiu onte un telegrama ó senador nacional e ex-presidente arxentino, Raúl Alfonsín, no que lle agradece a presentación dun proxecto de comunicación no Senado arxentino a favor da revisión do anuncio de pecha-lo Consulado arxentino en Vigo. Segundo Alfonsín, “se se suprimise o Consulado xeral en Vigo, non só se desatenderían as catro provincias galegas minguadas nas súas relacións coa República, senón que tamén quedaría institucionalmente desvencellada Arxentina da vertente Atlántica do norte de España”. (Fonte: El Correo Gallego).
Unha delegación de Novas Xeracións reúnese en Munich co presidente de Baviera, Edmond Stoiber Unha delegación de Novas Xeracións, NNXX, encabezada polo secretario de Relacións Internacionais, Pedro Mouriño, e invitada pola Junge Union da CSU, reuniuse onte con Stoiber, presidente de Baviera e candidato da coalición CDU-CSU á chancelería federal. A delegación fíxolle entrega a Stoiber dunha carta do presidente da Xunta, Manuel Fraga, na que lle desexa boa sorte nas eleccións do vindeiro mes de setembro. (Fonte: El Correo Gallego). A oposición apoia a política de cooperación ó desenvolvemento da Consellería de Pesca, aínda que dubida do seu resultado Tanto o deputado do BNG Bieito Lobeira, como a parlamentaria socialista Carmen Gallego, amosaron o seu apoio á política de cooperación, pero cuestionaron os seus “escasos resultados” para Galicia. O conselleiro de Pesca, López Veiga, cualificou de “inxusto” que o Libro Verde da UE non recoñeza os esforzos de Galicia e España no desenvolvemento da pesca en países como Arxentina, Namibia, Angola ou Mozambique. López Veiga lembrou ademais que a Xunta está comezando unha nova etapa con esta política de cooperación ó desenvolvemento, que conta con “moitas demandas” en Costa Rica, Perú, México ou Chile, e priorizará estas actuacións onde existan intereses galegos. (Fonte: El Correo Gallego). Cooperación Exterior A EGAP colabora coa Universidade de La Habana cara promover un centro semellante na capital cubana O director da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Domingo Bello Janeiro, asinou onte un convenio de colaboración coa vicepresidenta de Estudios de Posgrao e Relacións Internacionais da Universidade de La Habana, Lourdes Tabares Neyra, para levar a cabo a posta en marcha dun centro de estudios da administración pública na capital cubana. A EGAP ofreceu o seu apoio para a posta en marcha, a partires de setembro, dun conxunto de programas de capacitación e reciclaxe de funcionarios cubanos. (Fonte: El Correo Gallego). Economía Campaña de promoción da moda galega para reforza-lo papel do sector no estranxeiro Para intensifica-la internacionalización dos productos de confección galega, e atenuar caídas no consumo por factores coma o 11-S, a Asociación Téxtil de Galicia desenvolverá no segundo trimestre do ano un plan de promoción exterior que levará a súa imaxe a feiras e aeroportos de Francia, Gran Bretaña, EEUU, México ou China. (Fonte: El Correo Gallego).
Chavos traballará na integración laboral da muller xitana coa axuda comunitaria O programa europeo Leonardo, para apoio a proxectos de carácter social, vén de da-lo visto bo ó proxecto da asociación Chavos de Ferrol á integración laboral da muller xitana. A asociación ferrolá percibirá unha subvención comunitaria de 360.000 euros para acadar este propósito, para o que conta ademais coa axuda dunha consultora sueca e un centro finlandés. O Concello estudia participar no proxecto aportando 27.000 euros en tres anos. (Fonte: El Correo Gallego). Portugal Compañías aéreas lusas recollen ós seus clientes en taxi en oito cidades galegas A compañía aérea TAP ven de modifica-lo seu servicio a Galicia establecendo 8 puntos de encontro noutras tantas cidades galegas, que se estenden por todo o sur ata Compostela, e só para voos transoceánicos. Esta técnica constitúe unha forte ofensiva no terreo da competencia para as liñas aéreas que operan nas terminais galegas e, coma efecto colateral, para os balances de actividade das tres terminais galegas, que perden potenciais usuarios en prol do aeroporto Sá Carneiro de Porto. (Fonte: El Correo Gallego). Economía Cincuenta firmas galegas participan na feira internacional da edificación en Madrid Unhas cincuenta empresas galegas relacionadas co sector da construcción expoñen estes días a súa oferta nos salóns Piedra 2002, Vecotec e Decotec de Madrid. En canto a Pedra 2002, dicir que Galicia é a comunidade que máis expositores aporta, seguida de Madrid e Valencia. Italia, India e Portugal son os países máis representativos no que toca á representación estranxeira. (Fonte: El Correo Gallego). Yuste destaca o relevante papel que Galicia terá no Mercado Ibérico da Electricidade O conselleiro de Industria, Juán Rodríguez Yuste destacou, durante a inauguración das II Xornadas de Enerxías Renovables Norte de Portugal /Galicia que se celebran en Porto, que Galicia terá un papel “relevante”, coma potencia enerxética, na posta en marcha do Mercado Ibérico da Electricidade que, segundo o compromiso dos gobernos español e portugués, terá lugar o ano que vén.Rodríguez Yuste apuntou tamén que o sector enerxético representa o 8% do PIB galego, e que o 14% da enerxía eléctrica producida en España ten a súa orixe en Galicia. (Fonte: El Correo Gallego). Unión Europea Un informe do Parlamento Europeo subliña o “papel crecente” das rexións e propón, coincidindo coas demandas galegas, mellora-la súa participación na “preparación e aplicación das normas europeas” O Parlamento Europeo aproba este mes un Informe de Competencias entre a UE e os Estados, no que se constata o “papel crecente” que teñen as rexións, especialmente as que teñen competencias lexislativas, caso de Galicia. O informe, elaborado polo basco-francés Alain Lammassoure (UDF), propón ós Quince que establezan fórmulas para “mellora-la participación” das entidades rexionais na “preparación e aplicación das regras comunitarias”, unha iniciativa en clara consonancia coas demandas galegas. Comité das Rexións e Asemblea das Rexión s de Europa expresan tamén demandas semellantes á Convención que prepara a reforma da UE. (Fonte: El Correo Gallego). Galicia fixa posición perante a reforma da UE nun documento en redacción O goberno galego traballa cara a reforma da Unión e está elaborando un documento no que fixa a súa posición perante o debate aberto que propón maior participación das rexións na toma de decisións comunitarias. Igual que Lammassoure no seu informe, a Xunta razoa que as rexións europeas aplican as políticas europeas, pero non as deseñan. (Fonte: El Correo Gallego).
O PSOE rexeita unha iniciativa do PP que mantería o ton alcista das pensións dos emigrantes na Arxentina O PP informou hoxe que os socialistas rexeitaron onte no Senado mante-lo ton alcista da base de cálculo das pensións asistenciais ós españois na Arxentina, así como que se continúe efectuando o aboamento de pensións e pagamento único en dólares, polo especial beneficio que supón para os perceptores. Estas peticións formaban parte dunha emenda de substitución presentada polo senador do PP Victor Manuel Vázquez Portomeñe ante unha iniciativa en materia de emigración do PSOE, que a xuízo do senador galego “era moito menos comprometida cos problemas do colectivo emigrante”. (Fonte: Santiago, AGN). Política - Arxentina O cónsul arxentino en Vigo comunica a Fraga o peche da súa oficina de representación diplomática O cónsul arxentino en Vigo, Miguel Rubira, reuniuse esta mañá co presidente da Xunta para comunicarlle oficialmente o peche da súa representación diplomática debido ó “estado de emerxencia económica” no que se atopa o seu país. Nese sentido, desexou que esta medida sexa “o máis curta posible”, e explicou que dende o peche das oficinas diplomáticas, a atención consular seguir´a prestarse dende Madrid. O cónsul arxentino manifestou tamén o agradecemento do seu país á Xunta polos envíos de medicamentos e ade alimentos realizados polo goberno galego dende o inicio da crise en Arxentina. (Fonte: Santiago, AGN). Miras Portugal asegura que Fraga pedirá a Arxentina que manteña o seu consulado en Vigo O conselleiro de Emigración e Cooperación Exterior, Aurelio Miras Portugal, asegurou hoxe en Vigo que o presidente da Xunta se porá en contacto co presidente de Arxentina, Eduardo Duhalde, para tratar de evita-lo peche do consulado austral en Galicia. Miras Portugal matizou que o executivo galego valora o esforzo que está facendo a República arxentina para cadra.-las súas contas e que a Xunta respectará a postura do país austral. O Titular de Emigración fixo estas declaracións durante a súa visita ó peirao de bidóns do porto de Vigo, onde están depositadas as máis de 20 toneladas de alimentos non perecedoiros que a Xunta enviará a Bos Aires o vindeiro día 12 de maio. Na súa visita o conselleiro estivo acompañado polo cónsul de arxentina, Rubén Buira, que agradeceu o aceno solidario realizado polas autoridades e a comunidade galega. (Fonte: Vigo, AGN). Política A directora xeral de Familia participará no Cumio Mundial sobre a Infancia que comeza hoxe en Nova Iorque A directora xeral de Familia, Teresa Rey Barreiro, participará no Cumio Mundial sobre a Infancia que se desenvolverá en Nova Iorque a partir de hoxe. Neste encontro, que analizará a situación mundial da infancia, tamén estarán presentes responsables do goberno central e doutras comunidades, así coma representantes de diversas organizacións non gobernamentais. (Fonte: Santiago, AGN). Fraga reafirmase na súa postura contraria ó bloqueo de Cuba O presidente da Xunta volveu hoxe amosa-la súa postura contraria ó bloqueo a Cuba perante o fillo do presidente cubano, Fidel Castro Díaz-Balart, quen presentou en Santiago dous libros nos que amosa o seu entusiasmo en que a república comunista se desenvolva dentro da sociedade da información. Manuel Fraga fixo durante a presentación de ámbalas dúas obras unha reflexión sobre a situación actual da globalización e a oposición que este fenómeno xera. Economía Vigo acollerá por cuarta vez a World Fishing Exhibition en setembro de 2003 Vigo acollerá a World Fishing Exhibition do 17 ó 21 de setembro de 2003, despois de que o alcalde, Lois Pérez Castrillo, e o presidente do comité executivo da World Fishing, Alfonso Paz-Andrade, asinasen hoxe un convenio de colaboración para a devandita celebración. Castrillo destacou a importancia que a celebración do evento ten para a cidade, que pode converterse en “referente internacional” no mundo da pesca. Os idiomas oficiais desta feira profesional serán o español, o inglés e o galego, pero tamén se traballará en ruso, xaponés e chinés, debido a que se trata de “mercados emerxentes” no mundo da pesca, segundo explicou Paz-Andrade. (Fonte: Vigo, AGN). Siria, Exipto e Irán amosan o seu interese en participar na edición deste ano da Semana Verde de Galicia O presidente da Fundación Semana Verde, José Maril, mantivo hoxe unha reunión de traballo en Madrid con sete embaixadores, na que todos eles se comprometeron a enviar delegacións a Silleda a semana do 19 ó 23 de xuño. Ademais do interese amosado por Siria, Exipto e Irán, na vindeira Semana Verde estarán presentes moi probablemente representantes de Croacia, Romenia, República Checa e Filipinas. Paralelamente á Semana Verde celebrarase o Salón Alimentario do Atlántico SALIMAT 2002, polo que amosaron un especial interese os representantes de Irán e Filipinas. (Fonte: Santiago, AGN). Unión Europea A Xunta de Galicia ofrécelles ós mozos galegos oportunidades de formación en Europa O equipo “Europolis”, do IES Número 1 de Pontedeume, vén de gaña-lo certame Euroescola, concurso promovido pola Xunta para dar a coñece-la Unión Europea entre os mozos. Mañá, Día de Europa, os gañadores recibirán o premio, consistente nunha viaxe a Estrasburgo ou Bruxelas. Outra das iniciativas da Consellería de Educación son as axudas para realizar cursos de idiomas nos Estados da UE, de grande éxito entre os mozos galego.
Vasco Gallega estudia realizar investimentos en estructura portuaria en Angola A Compañía Vasco Gallega de Consignacións está estudiando realizar investimentos en Angola segundo lle informou hoxe o xerente da empresa galega, Juán Martínez, ó ministro de Xeoloxía e Minas angolano, Manuel Antonio Africano. O titular de Minas angolano visitou esta mañá, invitado pola compañía viguesa, distintas instalacións do sector graniteiro, visita na que estivo acompañado pola súa xefa de Gabinete de Infraestructuras, Fernanda de Sosusea, e directivos da Autoridade Portuaria. Nun comunicado, Vasco Gallega indica que o Goberno angolano pretende aproveita-los recursos minerais, neste caso granito e mármore, para relanza-la economía de Angola. (Fonte: Vigo, AGN). Emigración A familia do galego ferido en Venezuela voltará a Galicia gracias ó apoio de institucións galegas e españolas O presidente da Xunta xa se manifestara antes neste sentido, cando anunciou que o goberno galego apoiaría á familia de José Antonio Gamallo para repatrialo. Agora, o apoio das institucións galegas e españolas posibilitará a volta non só de Gamallo, senón dos seus pais. A familia Gamallo agradece a axuda aportada tanto por institucións galegas e españolas como por particulares, mais amósase especialmente doída co goberno venezolano, ó que acusa non só de facerlles promesas vas, senón tamén de aldraxalos con respecto a outros líderes que son chavistas. (Fonte: Santiago, AGN).
Montoro preside en Baiona o Comité de Seguimento do Interreg III O ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, presidirá hoxe o Comité de Seguimento do Programa Comunitario Interreg III , no que participan as autoridades portuguesas e as catro comunidades autónomas españolas fronteirizas con Portugal. (Fonte: Vigo, AGN). Montoro afirma que Galicia e Portucal acelerarán a súa converxencia con Europa gracias ó programa Interreg III O ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, afirmou hoxe en Baiona que o programa de cooperación transfronteiriza entre España e Portugal, o Interreg III, acelerará a converxencia económica-social destes países coa Unión Europea. Montoro subscribiu coas autoridades lusas e as das catro comunidades autónomas fronteirizas con Portugal a implantación en España do proxecto comunitario. O investimento total do Interreg III, que se desenvolverá ata o ano 2006, ascende a máis de 1.075 millóns de euros, o que supón un aumento de máis do 40% respecto á primeira edición do programa Estes fondos serán destinados a actuacións relacionadas coas infraestructuras básicas, ordenamento urbano, desenvolvemento rural, sustentabilidade ambiental, cultura, educación e creación do emprego. (Fonte: Vigo, AGN). Caixa Galicia e AC Hotels crean unha sociedade para promover establecementos hostaleiros en Portugal Caixa Galicia e AC Hotels asinaron en Madrid a constitución da sociedade “AC Desarrollo de Hoteles” para a constitución dunha rede de hoteis en Galicia e Portugal. A sociedade está participada ó 50%, e o seu primeiro proxecto será a construcción dun hotel balneario de 4 estrelas en Allariz, aínda que xa se contempla a construcción dun hotel en Lisboa. (Fonte: Santiago, AGN). Emigración O goberno de Duhalde decide pecha-lo Consulado da República Arxentina en Vigo A crise económica arxentina vén de levar ó goberno a reduci-lo corpo diplomático pechando 14 misións diplomáticas, 8 embaixadas e sete consulados. Estes peches afectarán ó Consulado da República Arxentina en Vigo, única representación diplomática en Galicia, e que tamén daba servicio a Asturias e León. O peche do Consulado de Vigo, en funcionamento dende 1883, xa suscitou as primeiras reaccións. A Confederación Intersindical Galega, o colectivo Arxentinos no Exterior, e maila Asociación polos Dereitos do emigrante galego, xa manifestaron o seu rexeitamento, así como o coordenador Nacional do Departamento de Migración da CIG, que lembra que o peche afectará a máis de 50.000 persoas en Galicia. Dende a CIG pensan solicitar unha entrevista co presidente da Xunta, e xa pediron unha reunión co presidente arxentino, Eduardo Duhalde, que visitará España os días 14 e 15 deste mes. (Fonte: Santiago, AGN). Feiras e Congresos Hernández Cochón presentará en Madrid o I Salón Internacional da Saúde, que terá lugar en Galicia O conselleiro de Sanidade presentará na Casa de Galicia de Madrid o I Salón Internacional da Saúde, SIS, que se celebrará en Silleda en marzo de 2003 e no que participarán especialistas dos centros de investigación e Hospitais máis prestixiosos do mundo, Monte Sinaí de Nova Iorque, Universidade de Yale, Clínico de Munich, e Universidade de Kioto, entre outros. (Fonte: AGN). Política Galicia está presente nunha reunión internacional sobre o alcoholismo xuvenil O comisario do Plan Galego sobre Drogas, Manuel Araújo Gallego, asiste hoxe en Valencia ó congreso internacional sobre “Márketing e promoción do alcohol entre a xuventude”, promovido pola Organización Mundial da Saúde, OMS. Araújo estará tamén en Madrid, na reunión do Observatorio Europeo das Drogas e as Toxicomanías, que reunirá ós representantes dos sistemas de información en materia de drogodependencias dos Estados membros da UE. (Fonte: AGN). Economía Caixanova inicia o seu Plan de Expansión en América coa inauguración dunha oficina en Miami Caixanova inaugura hoxe en Miami a súa primeira oficina nos Estados Unidos, que se engade ás xa existentes en México e Venezuela. A entidade galega, que agora está presente en sete países, comeza así o seu Plan de expansión 2002-2004, centrado en América, e que contempla a apertura de sucursais en Sao Paulo, Santiago de Chile e Bos Aires. Caixanova concentra o 12% do seu negocio no exterior e aspira a situa-la porcentaxe do seu volume global nun 20% nos dous vindeiros anos. (Fonte: AGN).
A Xunta promove a redacción do Libro Branco para proxecta-la imaxe de Galicia no exterior A Secretaría Xeral de Relacións coa UE e de Acción Exterior promoveu a constitución dun Comité que redactará o Libro Branco da Acción Exterior de Galicia, un documento que pretende servir de referencia ós actores que estean implicados no labor exterior de Galicia, así coma unha ferramenta para pula-la proxección externa de Galicia. Forman o Comité de redacción o conselleiro de Emigración, Aurelio Miras,; o secretario xeral de Relacións coa UE e Acción Exterior, Jesús Gamallo; o funcionario de Nacións Unidas, Fernando Pérez-Barreiro; o executivo da consultora MQM, Alejandro Molins; o presidente da Asociación Galega de Avogados, José Luís Rodríguez Pardo, e mailo director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, Xulio Ríos. (Fonte: El Correo Gallego). Turismo Os galegos viaxan máis ó estranxeiro cá media nacional Entre un 10 e un 13% dos galegos viaxa ó estranxeiro nas súas vacacións, fronte ó 9% da media nacional, segundo datos de Turisport. Tres de cada catro galegos que viaxan ó estranxeiro elixen algún país europeo para as súas vacacións, principalmente Portugal, Francia e Andorra. (Fonte: AGN). Cooperación Exterior Responsables do Programa de Emprendedores do IGAPE recibiron a axentes de desenvolvemento rexional do condado húngaro de Nograd A delegación de Nograd interesouse pola difusión da cultura emprendedora en Galicia e polas axudas e servicios das que dispoñen os novos empresarios galegos. Os 25 axentes proceden de seis micro-rexións húngaras e durante esta semana están a coñecer diferentes iniciativas de desenvolvemento rural e rexional galegas. (Fonte: AGN).
A Universidade italiana de Padova celebrará o Día das Letras Galegas cun recital de poesía O Centro de Estudios Galegos e o Lectorado de Galego da Universidade de Padova, celebrará o 16 de maio, véspera do Día das Letras Galegas, un recital de poesía galega. Con motivo deste espectáculo, tamén se edita un libro para orientar ós asistentes. O texto recolle unha pequena introducción á poesía galega e ás poesía que serán recitadas no acto. (Fonte: AGN). Sábato alude a Galicia como un pobo rico e fecundo que sementou fóra as sementes da súa milenaria cultura O escritor Ernesto Sábato, que esta tarde pronunciou en Santiago unha conferencia sobre “A fecundidade da Cultura galega”, recollendo ó remate da súa intervención a Insignia de Ouro da Universidade compostelá. Sábato, que expresou a súa ledicia por estar en Galicia, referiuse a ela como un pobo “rico e fecundo”, que lonxe da súa “morriña” sementou fóra as sementes da súa milenaria cultura. (Fonte: AGN). |
| Ver máis Diario Exterior |
|
|
| abril 2002 | marzo 2002 | febreiro 2002 | xaneiro 2002 | 4º trimestre 2001 | 3º trimestre 2001 |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 23/06/2002
|