| 25/04/2002 |
| Unión Europea - Pesca
Armadores galegos pedirán ó Goberno central un “pacto de Estado” para a defensa do sector pesqueiro na UE A intención dos armadores galegos é que a Administración presente unha postura firme perante os dirixentes pesqueiros da UE. Hoxe as tres grandes patronais españolas do sector pesqueiro ONAPE, FEOPE e a Federación de Armadores de Buques de Pesca, consensuarán en Madrid o documento conxunto que dirixirán ó presidente do Goberno, J.Mª Aznar. Nestas patronais están integradas a Organización de Palangreiros de Marín e a Asociación de Armadores de Ribeira, ademais da Cooperativa de Armadores de Vigo. Para todos eles a negativa a considerar Galicia coma rexión dependente da pesca por ser Obxectivo 1 “pode ir en contra dos tratados europeos”. (Fonte: Santiago, AGN). |
| 24/04/2002 |
| Política
O Parlamento constitúe a Comisión para Asuntos Europeos O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a creación da Comisión permanente non lexislativa de Asuntos Europeos. Este novo órgano será o encargado de analiza-las previsións plurianuais, programas de traballo, e documentos intersectoriais de reflexión da Xunta sobre directrices políticas da UE que afecten a Galicia, transmitindo a posición do Parlamento sobre as políticas comunitarias. (Fonte: Santiago, AGN). Unión Europea - Pesca Daniel Varela considera que o cese de Smidt ocorre nun “momento moi oportuno” e espera que Fischler recapacite O voceiro do PPE Daniel Varela, eurodeputado galego que foi presidente da comisión de Pesca do Parlamento Europeo, valorou hoxe positivamente a destitución do director xeral de Pesca da UE en canto ós cambios que este cese poden supoñer para a política de pesca común. Por parte do sector en Galicia, o representante da ONAPE, Emilio Martínez, amósase cauto á hora de valorar este cambio, aínda que considera que Smidt era “altamente prexudicial” para os intereses galegos. (Fonte: Santiago, AGN). Emigración Os empresarios afectados polos saqueos en Venezuela confían en que os seus seguros cubran os desperfectos Os empresarios afectados polos saqueos e incendios rexistrados a pasada fin de semana en Venezuela confían en que os seus seguros cubran tódolos desperfectos ocasionados nos seus negocios, segundo aseguraron hoxe nunha entrevista co conselleiro de Emigración, Aurelio Miras. Segundo comentaron ó conselleiro, a maioría dos saqueos producíronse cando xa estaba restablecido o goberno de Hugo Chávez, polo que, segundo eles, non cabe a figura da falla de orde constitucional ou de golpe de estado que deixaría sen validez estes contratos de seguros. (Fonte: Santiago, AGN). Encontro do conselleiro de Emigración con empresarios venezolanos O titular de Emigración da Xunta de Galicia, que se atopa dende o pasado luns en Venezuela, mantivo hoxe un encontro con empresarios venezolanos interesados en desenvolver programas de cooperación bilateral con Galicia. Na última xornada da súa viaxe, Miras visitou a J.A Gamallo, o galego ferido nos disturbios da pasada semana. (Fonte: Santiago, AGN). |
| 23/04/2002 |
| Emigración
Aurelio Miras regresa de Venezuela tras crear unha comisión encargada de pedir ós gobernos axuda para a colectividade galega O conselleiro de Emigración regresa hoxe a Galicia tras participar, xunto co cónsul de España en Venezuela, na creación dunha comisión que avaliará os danos entre os emigrantes españois e pedirá axuda ás institucións para retoma-la normalidade. Esta comisión, da que se encargará o cónsul de España, se dirixirá ó goberno de Hugo Chávez para solicitar medidas de axuda “urxente” para os españois naquel pais, solicitando ademais a implementación de cretos brandos para “comezar de novo”. (Fonte: Santiago, AGN). Política Un delegado da Autoridade Nacional Palestina explicará esta semana nos campus de A Coruña, Compostela e Vigo a situación en Oriente Medio O delegado da ANP, Fayed Sakka, chega esta semana a Galicia para explicar ós galegos cal é a situación que se vive actualmente en Palestina, tras varias semanas de acoso por parte do Exército israelí. Ademais de Sakka, quen preside ademais a Fronte Popular para a Liberación de Palestina, FPLP, serán tamén dous representantes da Asociación de Estudiantes Palestinos, Ali Abu e Fadi Allouch, os encargados de completalo ciclo de conferencias, que estarán coordenadas pola organización xuvenil do BNG, Galiza Nova. (Fonte: Santiago, AGN). Sociedade O director de Citröen en Vigo foi nomeado Oficial da Orde Nacional do Mérito da República Francesa O director do centro PSA Peugeot Citröen de Vigo, Javier Riera, ven de ser nomeado Oficial da Orde Nacional do Mérito da República Francesa. O nomeamento recoñece os méritos profesionais e persoais de Riera e “recompensa a súa contribución o desenvolvemento das relacións entre Francia e España” (Fonte: Santiago, AGN). Cooperación Exterior Letonia utilizará Galicia coma modelo para un plan de intervención e contra do tráfico de drogas Letonia seguirá o modelo de Galicia para desenvolver e aplicar un plan marco para a prevención e o tratamento do consumo de drogas e para o control do tráfico de estupefacientes, tal e coma recolle un convenio de irmandade asinado onte polo presidente da Xunta, Manuel Fraga. A consellería de Sanidade, a través do Comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas, será responsable da aplicación deste convenio que será financiado pola UE. (Fonte: Santiago, AGN). |
| 22/04/2002 |
| Acción Exterior
A Xunta estará presente un ano máis na feira European Seafood Exposition que se inaugura mañá en Bruxelas O Pavillón autonómico da Xunta de Galicia volverá a estar presente nesta feira anual adicada ós productos do mar, que se inaugurará mañá no Palacio de Exposicións de Bruxelas. O Pavillón galego estará situado xunto co Fondo de Regulación e Organización do Mercado de Productos da pesca e Cultivos Mariños, FROM, e o Pavillón de Canarias nunha zona común, ofrecendo ós visitantes unha imaxe conxunta do Pavillón de España. (Fonte: Santiago, AGN). O Parlamento aproba destinar 16,8 millóns de euros para investimento no exterior por medio do IGAPE O Parlamento de Galicia acordou esta mañá habilitar unha partida de 16,8 millóns de euros para fomenta-los investimentos galegos no exterior. Así o decidiron os tres grupos parlamentarios -PpdeG, BNG e PsdeG-, determinando ademais que ditas partidas sexan xestionadas polo Instituto Galego de Promoción económica, IGAPE, para facilita-la incorporación das empresas galegas ós mercados internacionais. No debate de orzamentos tamén foi aprobada unha proposta do BNG para destinar medio millón de euros á creación de consorcios de comercialización dos productos galegos. (Fonte: Santiago, AGN). |
| 21/04/2002 |
| Cooperación Exterior
A directora de Pesca da provincia arxentina de Chubut visita Galicia convidada pola Xunta A directora de Pesca de Chubut, Katty Olssen, desprazouse a Galicia convidada polo conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, para avalia-las posibilidades de cooperación pesqueira entre Galicia e Chubut. A representante do goberno de Chubut permanecerá en Galicia ata o vindeiro día 3 de maio, polo que terá ocasión de coñecer de preto as principais infraestructuras e centros de pesca galegos, cunha atención especial ós ámbitos da acuicultura, a formación naútico-pesqueira, e a investigación mariña. (Fonte: Santiago, AGN). Sociedade Ó redor de 3.000 persoas reclaman en Santiago unha solución “xusta e definitiva” para o conflicto de Palestina A manifestación, convocada pola Coordenadora Galega pola Paz, reuniu a máis de 3.000 persoas baixo o lema “Pola Paz e a Liberdade en Palestina”. Entre os convocantes da manifestación se atopan a Coordenadora Galega de ONGs, o Seminario Galego de Educación para a Paz, os sindicatos CC.OO, UGT, CIG, Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias, BNG, Galiza Nova e a Federación Ecoloxista Galega. (Fonte: Santiago, AGN). |
| 20/04/2002 |
| Unión Europea - Pesca
A Cooperativa de Armadores de Vigo rexeita a reforma da Política Común de Pesca deseñada por Fischler A Cooperativa de Armadores de Vigo rexeita a reforma da PCP proposta por Fischler porque “defende a conservación dos peixes a costa da desaparición dos pescadores e das empresas comunitarias”. Consideran que o comisario de Pesca non respecta o principio de nova gobernanza ó non considerar ningunha das observacións feitas no seu día polo Goberno español e a Xunta de Galicia. Por iso pide ó Colexio de Comisarios que non aprobe a reforma Fischler, emprazando ó Goberno español e á Xunta para que realicen tódalas accións pertinentes para lograr da Comisión propostas diferentes ás anunciadas. (Fonte: Santiago, AGN). Portugal - Eixo Atlántico Os alcaldes integrantes do Eixo Atlántico esperan poder entrevistarse co ministro de Obras Públicas de Portugal en maio ou xuño Así o anunciou o presidente deste organismo e alcalde de Ourense, Manuel Cabezas, despois de asistir ó Comité Executivo do Eixo. Na reunión se lle trasladará ó Ministro de Obras Públicas portugués a importancia “estratéxica” de conecta-la liña de alta velocidade ferroviaria Vigo-Porto coa de Galicia e España. Cabezas anunciou tamén a aprobación do protocolo para a creación do Centro de Estudios da Eurorrexión, a posible posta en marcha dunha empresa mixta de turismo, o protocolo que permitirá a aplicación da primeira fase da “Axenda 21”, entre outras cuestións. (Fonte: Santiago, AGN). Sindicatos de Galicia e Portugal piden a homoxeneización das condicións dos traballadores transfronteirizos Delegados sindicais de Galicia e Portugal destacaron a necesidade de homoxeneiza-las condicións dos traballadores transfronteirizos que a diario teñen que viaxar entre Galicia e Portugal para incorporarse ós seus postos. Os sindicalistas fixeron estas declaracións durante a reunión do Consello Sindical Interrexional Galicia-Norte de Portugal, CSI, no que están integrados UGT-Galicia, CCOO-Galicia, UGT-Portugal e a Confederación Geral de Trabalhadores de Portugal. Á reunión de hoxe acudiron tamén representantes sindicais de Extremadura e Castilla e León, que están considerando a posibilidade de formar parte da entidade. (Fonte: Santiago, AGN). Unión Europea A presidenta de Eurofores cre que o modelo enerxético galego se pode “copiar” noutras rexións e países da UE A presidenta do Foro Europeo das Enerxías Renovables, Eurofores, Eryl Mcnally, aludiu hoxe en Santiago a “exportabilidade” do modelo galego na implantación das enerxías renovables. Pola súa banda, o conselleiro de Industria, Rodríguez Yuste, indicou que Galicia está “capacitada” para ser unha gran productora de enerxía eléctrica, destacando tamén o desenvolvemento eólico galego. Tra-la clausura, os asistentes a este encontro europeo iniciaron unha visita a diversas instalacións galegas de enerxías renovables. (Fonte: Santiago, AGN). |
| 19/04/2002 |
| Cultura - Portugal
O Centro Dramático Galego presenta hoxe por primeira volta en Portugal a obra “Os espectros”, do dramaturgo noruegués Henrik Ibsen A cidade portuguesa de Évora acollerá hoxe a primeira das funcións que o Centro Dramático Galego, CDG, ofrecerá en Portugal co seu espectáculo“Os espectros”, que será tamén representada en Braga e Viana do Castelo no vindeiro mes de maio. “Os espectros” está coproducida polo CDG e a Compañía de Teatro de Braga. (Fonte: Santiago, AGN). “O Ribeiro” da editorial arousana Mirabel ven de ser recoñecido coma “Mellor Libro de Viños Europeo” A editorial Mirabel, da pontevedresa Vilagarcía de Arousa, entra con bo pé no mundo da literatura vitícola. A súa primeira obra “O Ribeiro” ven de ser recoñecida coma“Mellor Libro de Viños Europeo” entre os 3.000 libros de 51 países que competían polos prestixiosos Gourmand World Cookbook Awards que premian a literatura sobre viños e gastronomía. A obra conta, entre outros, cos comentarios de Francisco Fernández del Riego e Xesús Alonso Montero. (Fonte: Santiago, AGN). Economía - Rusia Zara abrirá unha tenda en Moscova no centro comercial máis grande de Rusia A empresa galega téxtil Zara abrirá unha tenda en Moscova no centro comercial máis grande de Rusia, un proxecto aínda en estudio coa compañía de mobles sueca IKEA. Este será o primeiro comercio de Zara en Rusia, onde é definida coma “un dos máis grandes participantes do mercado europeo de roupa de moda de nivel medio” e é comparada con Naf Naf, Benetton e Sisley, que teñen case un centenar de tendas no país. (Fonte: Santiago, AGN). Emigración Chegan a Galicia procedentes de seis países americanos os 146 participantes da segunda fase do Programa Reencontros O presidente da Xunta, Manuel Fraga, recibiu esta mañá en Santiago ós 146 participantes do Programa Reencontros, que permite a emigrantes galegos sen medios pasar uns días en Galicia cos seus familiares. Nesta ocasión os emigrantes proceden de Arxentina, Uruguai, Brasil, Cuba, México e Venezuela. Fraga referiuse á creación da Fundación Galicia-Emigración para canaliza-los recursos galegos, asegurando que a axuda da comunidade non se limitará ó “auxilio puntual e urxente”, senón que o que se pretende é asegura-la continuidade dos servicios creados polos galegos nestes países. (Fonte: Santiago, AGN). Acción Exterior Camilo Nogueira viaxará o luns a Israel e Palestina para pedi-la retirada do exército israelí dos territorios palestinos Unha delegación do Parlamento Europeo se desprazará o vindeiro luns a Tel Aviv e Jerusalén para facer entrega ás autoridades de ambas zonas dunha Resolución sobre Oriente Medio que condena a escalada militar do goberno de Sharon. O eurodeputado do BNG Camilo Nogueira forma parte desta delegación que se reunirá co embaixador de España en Israel, co presidente do Consello da UE, representantes do movemento de paz israelí, a asociación de defensa de dereitos humanos, o voceiro do Consello Lexislativo palestino e outras autoridades e diplomáticos da zona. (Fonte: Santiago, AGN). Sociedade A Coordenadora Galega pola Paz convoca unha manifestación en Santiago para protestar “pola eliminación física do pobo palestino” Partidos políticos, coma PSdG, BNG e Esquerda Unida; tres sindicatos con implantación en Galicia (CIG, CCOO e UGT); sindicatos estudiantís, coma CAF ou CAE, e organizacións sociais coma o Seminario Galego de Educación para a Paz, son algúns dos membros da Coordenadora que convoca esta manifestación. A urxencia dos acontecementos xustifica esta e outras manifestacións porque, ademais, non se advirte a vontade dos EEUU ou da UE para resolver esta guerra de un contra ninguén”, afirma dende o Seminario Manuel Dios. (Fonte: Santiago, AGN). Unión de Estudiantes Árabes: “Sentímonos arroupados polo pobo galego, pero botamos en falla a acción do goberno para soluciona-la situación de Palestina” Ali El-Housaimi, Eyad Ward e Mallory Arribas estudian medicina en Santiago de Compostela e dende a Unión de Estudiantes Árabes tratan de que Galicia se achegue á realidade do pobo palestino, tanto na súa historia coma no que están vivindo coa ocupación actual do exército israelí. Agradecen a Galicia as manifestacións e concentracións de solidariedade, pero recoñecen que aínda queda moito por facer para que a sociedade coñeza a historia do seu pobo. (Fonte: Santiago, AGN). Unión Europea - Pesca López Veiga pide a Fischler que “reflexione e rectifique” sobre a súa negativa a considerar Galicia dependente da pesca O conselleiro de Pesca amosou a súa oposición contundente á postura de Fischler e afirmou que “non ten unha base xurídica” e que “non está acorde cos tratados da UE”. Por iso amosou a súa disposición a acudir “en último caso ó Tribunal de Luxemburgo”, a máxima autoridade xurídica da UE. Afirmou ademais que, neste asunto, contaría co respaldo do goberno español, e que España está disposta a “facer renuncias ás axudas públicas” a partires de 2006 se paralelamente “se vai abrindo o mercado único da pesca”. (Fonte: Santiago, AGN). O sector pesqueiro español pide ó Colexio de Comisarios que non aprobe a Política Común Pesqueira deseñada por Fischler O sector pesqueiro español pediu ó Colexio de Comisarios que non aprobe a reforma da PCP deseñada polo eurocomisario Fischler, e así ven de manifestalo tanto ó goberno español, coma á Xunta de Galicia, “co fin de que se realicen tódalas accións pertinentes para lograr da Comisión unhas propostas de reforma diferentes ás que se anuncian”, segundo explica hoxe nunha nota de prensa a Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo. (Fonte: Santiago, AGN). Unión Europea O IV encontro europeo sobre renovables advirte da necesidade dunha urxente política enerxética común Ó acto inaugural do IV Encontro Interparlamentario Enerxías Renovables da UE, celebrado en Santiago, asistiron o presidente da Xunta, Manuel Fraga; a comisaria europea de Enerxía e Transportes, Loyola de Palacio; o secretario xeral de Política Científica do Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía, Félix Yndurain Muñoz, e maila parlamentaria europea e presidenta de Eurofores, Eryl McNally. A primeira xornada abrirase co tema “Enerxías renovables en Galicia: claves do éxito”, cunha atención especial sobre os progresos obtidos no uso da enerxía eólica. (Fonte: Santiago, AGN). Cooperación Exterior O concello de Fene abre o prazo de solicitude para a acollida familiar de nenos do pobo saharauí Fene colabora un ano máis co programa “Vacacións en Paz”, polo que familias residentes no concello ofrecen a posibilidade a nenos/as saharauís entre 8 e 12 anos de aproveitar os meses de xullo e agosto nunhas vacacións familiares. Os pequenos beneficiaranse durante a súa estadía en Galicia dos servicios sanitarios, sendo sometidos a revisións médicas. (Fonte: Santiago, AGN). |
| 18/04/2002 |
| Emigración
Fraga di que a comunidade galega en Venezuela “ten un risco” e asegura que se trata de “empresarios importantes” O presidente da Xunta amosou o seu convencemento de que a comunidade galega en Venezuela está formada actualmente por “emigrantes con empresas importantes”, xa que “nos últimos anos regresaron bastantes emigrantes españois que non tiñan implicacións económicas importantes no país”. O goberno galego enviará o vindeiro luns ó seu conselleiro de Emigración, Aurelio Miras, ó país latinoamericano. (Fonte: Santiago, AGN). 146 emigrantes galegos residentes en Latinoamérica chegan hoxe a Compostela gracias á segunda fase de “Encontros con Galicia” Ata un total de 146 emigrantes galegos procedentes de Arxentina, Brasil, Cuba, México, Uruguai, e Venezuela, chegan hoxe a Santiago mediante a segunda fase do programa “Encontros con Galicia”. O programa é froito da colaboración desenvolvida entre a consellería de emigración da Xunta e o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais. (Fonte: Santiago, AGN). A Biblioteca Nacional de Uruguai adica unha sala de lectura a Manuel Fraga A Sala de Galicia da Biblioteca Nacional de Uruguai levará o nome de Manuel Fraga coma homenaxe á actividade do presidente da Xunta a prol deste país e a colonia galega. É a primeira vez nos 185 anos de historia da Biblioteca, que se designa unha sala co nome dunha personalidade estranxeira. Tras manter unha entrevista en San Caetano co director da Biblioteca, Raul Villarino, o presidente da Xunta entrevistouse co recentemente elixido presidente nacional do partido Demócrata Cristiá de Chile, Adolfo Zaldívar, na que abordaron cuestións “de interese común” para ambos países. (Fonte: Santiago, AGN). Cooperación ó desenvolvemento A Consellería de Emigración e os concellos galegos destinarán máis de 200.000 euros para a superación da pobreza A Consellería de emigración e a Federación Galega de Municipios e Provincias, Fegamp, colaborarán no fomento das políticas de cooperación e desenvolvemento humano orientadas á superación da pobreza. Pola sinatura do convenio de colaboración entre ambas entidades, a Fegamp comprométese a organizar e realizar un curso de cooperación ó desenvolvemento para técnicos relacionados coa cooperación, ademais de realizar campañas de sensibilización e concienciación dirixidas á cidadanía. A Consellería de Emigración será a encargada de coordenar todas estas accións. (Fonte: Santiago, AGN). Unión Europea Galicia non será considerada pola UE unha rexión dependente da pesca O comisario de Pesca, Franz Fischler, informou, en resposta ó eurodeputado Daniel Varela, que a UE non clasifica a Galicia coma “rexión altamente dependente da pesca” á hora de repartir cotas e fondos, porque este concepto resérvase a aquelas rexións clasificadas no Obxectivo 1. Fishler afirma que Galicia é Obxectivo 1 e que “se prevé que así seguirá sendo durante o vindeiro período de programación”. (Fonte: Santiago, AGN). A Comisión Europea concede 446,6 millóns de euros para o desenvolvemento da sociedade da información en rexións Obxectivo 1 Galicia, Andalucía, Canarias, Castilla e León, Castilla-La Mancha, Comunidade Valenciana, Estremadura, Asturias, Murcia, e Ceuta e Melilla son as rexións españolas Obxectivo 1. O plan de axudas comunitarias, financiado polo FEDER no período 2000-2006, se distribuirá entre os 23,21 millóns de habitantes destes territorios. Política O Parlamento crea as comisións de Asuntos Europeos, Emigración e Igualdade de Oportunidades A Xunta de Voceiros decidiu hoxe crea-las comisións non permanentes de Asuntos Europeos, Emigración e para o Estudio da Igualdade de Oportunidades, que se sumarán ás oito comisións permanentes que están en funcionamento na Cámara autonómica. (Fonte: Santiago, AGN). Turismo Galicia amosa a súa oferta turística no Salón Internacional de Catalunya A oferta turística galega estará presente na undécima edición do Salón Internacional do Turismo de Catalunya, SITC 2002 , que terá lugar dende hoxe ata o vindeiro 21 de abril en Barcelona. O espacio galego é semellante ó amosado na pasada Edición da Feira de Turismo de Madrid, Fitur, onde foi galardoado coma o mellor das comunidades autónomas participantes. (Fonte: Santiago, AGN). Cooperación Exterior - Universidade O grupo de Sistemas Radiantes da Universidade de Santiago colabora no proxecto Galileo da Axencia Espacial Europea O Grupo de Sistemas Radiantes da USC traballa dende 1998 coa EADS-CASA División Espacio no proxecto Galileo da Axencia Espacial Europea para o sistema de posicionamento global por satélite. O grupo, da Facultade de Física, está considerado como punteiro a nivel mundial, cunha experiencia avalada por máis de 70 publicacións internacionais de máximo prestixio, e máis de 80 presentacións en diversos congresos internacionais. (Fonte: Santiago, AGN). |
| 17/04/2002 |
| Portugal
A Xunta retoma as conversas con Asturias e Portugal para proxectar este ano a construcción dun oleoducto galego A Xunta de Galicia ven de retoma-las conversas cos representantes da CC.AA de Asturias e o Goberno de Portugal, con respecto á construcción dun oleoducto galego. A Xunta estudiará a viabilidade de varios proxectos par a creación de novos puntos de entrada e almacenamento de productos petrolíferos en Galicia, que unirían a comunidade con Asturias e Portugal e a asentarían no mapa de hidrocarburos peninsular. (Fonte: Santiago, AGN). Cultura A Xunta participará en Madrid na Conferencia sobre a colaboración europea no mundo cinematográfico e audiovisual Representantes da Consellería de Cultura estarán mañá e o venres na Casa de América de Madrid para participar na “Conferencia sobre a colaboración no sector cinematográfico e audiovisual na Unión Europea e terceiros países”. A reunión congregará a máis de 60 profesionais do sector, que farán un seguimento das conclusións en materia audiovisual do Cumio de Xefes de Estado da UE, América Latina e Caribe, elaborando as propostas para o vindeiro Cumio de maio. (Fonte: Santiago, AGN). Unión Europea Santiago acolle a fin de semana o 4º Encontro Interparlamentario de “Enerxías Renovables na UE”, no que se exporá o caso galego “Enerxías Renovables na UE” son unhas xornadas entre membros do Parlamento Europeo e parlamentarios nacionais e rexionais comunitarios nas que, entre outros temas, se abordará a experiencia galega neste eido. Para este encontro, celebrado baixo a presidencia española da UE, se elixiu Galicia polos seus ambiciosos obxectivos nas enerxías renovables, con bos resultados e beneficios asociados coma a creación de emprego e de tecido industrial. (Fonte: Santiago, AGN). Acción Exterior O BNG reclama unha queixa formal perante a Embaixada de Israel polo tiroteo en Ramala sobre xornalistas da TVG O BNG quere saber se o Goberno foi informado por conducto oficial deste “gravísimo incidente” que “puxo en perigo a integridade física” de dous xornalistas galegos e os seus acompañantes, un xornalista británico e un intérprete. O deputado Guillerme Vázquez mantivo ademais unha entrevista co embaixador de Palestina en España, Nabil Maarouf, para amosarlle a solidariedade co pobo palestino e o apoio do BNG a un Estado palestino independente. (Fonte: Santiago, AGN). Economía Credit Suisse instálase en Vigo e prevé acada-los 40 millóns de euros na xestión do aforro e investimento na provincia de Pontevedra A entidade bancaria Credit Suisse consolida a súa presencia en Galicia, a través da apertura de novos servicios en Vigo, que se ven engadir ás xa existentes na cidade olívica e maila aberta na Coruña. A entidade considera Vigo coma “un dos principais mercados españois” por ser “centro industrial da zona” e rexistrar” un importante crecemento estimado do investimento”. (Fonte: Santiago, AGN). |
| 16/04/2002 |
| Unión Europea
A EGAP imparte un curso a funcionarios autonómicos sobre a integración das disposicións europeas na lexislación española A Escola Galega de Administración Pública, EGAP, inaugurou onte en Santiago un curso sobre “Xestión de procedementos administrativos afectados por disposicións comunitarias” co que pretende que o personal autonómico aprenda a interpretar e integrar correctamente as disposicións distadas pola Unión Europea e que afectan á lexislación española. Acción Exterior Fraga viaxará a Rusia o vindeiro mes de maio O presidente da Xunta realizará, entre o 30 de maio e o 2 de xuño, unha visita institucional a Moscova. A pesares de que a axenda non está aínda pechada, contempla dúas conferencias (no Instituto Cervantes e na Escola de Estudios Políticos de Madrid), varias entrevistas, e unha cena ofrecida polo embaixador, José Mª Robles Fraga, na que se prevé a participación do ministro de Exteriores ruso, Igor Ivanov. Fraga bromeaba onte co volume de invitacións acumulados no seu despacho, moitas de países árabes,e a súa intención de ver in situ a situación na Arxentina ou Uruguai onde, de momento, xa viaxaron varios conselleiros. (Fonte: Santiago, AGN). Emigración A Consellería de Emigración asina dous acordos coa Universidade de Santiago para a realización de prácticas nos seus organismos O conselleiro de Emigración e Cooperación Exterior asinará dous convenios coa USC para que os alumnos universitarios realicen prácticas nas súas institucións, colaborando así na cualificación de expertos en materias relacionadas coa emigración e a cooperación exterior. O primeiro dos convenios establece que poderán realizar prácticas na Consellería tódolos alumnos matriculados na Master de Cooperación Internacional e Voluntariado, mentres que o segundo estendese ós alumnos dos dous últimos cursos da licenciatura. (Fonte: Santiago, AGN). Política - Pesca Pesca contará con dúas novas Subdireccións Xerais adicadas á Cooperación Pesqueira Internacional e ó Salvamento Marítimo A Subdirección Xeral de Cooperación Pesqueira Internacional encargarase de atende-la xestión e evolución da pesca galega de altura e de gran altura en foros e organismos internacionais; de desenvolver proxectos de cooperación con terceiros países, e de seguir todo o que ocorra no ámbito internacional da pesca e teña repercusión para a flota galega. A reestructuración dos servicios afectar á varias direccións xerais dependentes da Consellería de Pesca. (Fonte: Santiago, AGN). Sociedade - ONGs Solidariedade Internacional distribuirá en Galicia miles de postais de protesta para enviar á Embaixada de Israel en España Solidariedade Internacional, SI, de Galicia é a única ONG da comunidade galega que ten proxectos de cooperación en marcha con Palestina, no hospital de atención primaria de Hebrón. Coa iniciativa de enviar miles de tarxetas postais, nas que se pide a retirada inmediata das forzas israelís das áreas autónomas palestinas e o recoñecemento do Estado palestino, SI-Galicia pretende sensibilizar á sociedade galega acerca das condicións de vida nos territorios ocupados. SI-Galicia está, ademais, poñéndose en contacto cos partidos políticos galegos para que aproben nos plenos municipais unha moción contra a violencia israelí. (Fonte: Santiago, AGN). Emigración A Hermandad Gallega de Venezuela ten coñecemento de varios grandes comercios propiedade de galegos afectados polos saqueos O presidente da Hermandad Gallega de Venezuela, Manuel Diéguez, asegurou hoxe á AGN que ten coñecemento de polo menos 15 grandes establecementos propiedade de galegos afectados polos disturbios da fin de semana. Na reunión de onte, os membros da Hermandad Gallega espuxeron as súas perdas materiais aínda que, de momento, non hai unha cifra oficial de perdas. Diéguez emprazou o inicio dun plan de axudas á próxima visita do conselleiro de emigración da Xunta, Aurelio Miras Portugal. (Fonte: Santiago, AGN). |
| 15/04/2002 |
| Portugal
Braga da Cruz afirma que no Miño hai máis potencialidades que no restante 95% da fronteira hispano-portuguesa O ex ministro de Economía de Portugal e ex presidente da Comisión de Coordenación da Rexión Norte, Luís Braga da Cruz, pronunciou hoxe unha conferencia en Santiago na que defendeu a cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal asegurando que a densidade poboacional e o potencial da franxa do Miño é unha singularidade en toda a fachada atlántica do continente. Ademais da vertente interna da cooperación,o ex ministro tamén falou do papel de Portugal dentro da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa, asegurando que Galicia podería saír beneficiada de relacionarse con eles, debido ós vencellos que ten con Portugal e Brasil. (Fonte: Santiago, AGN). Cooperación Exterior A USC participa nun proxecto científico alemán que estudia as profundidades do océano atlántico Victoriano Uraorri Carrrasco, director da Estación de Bioloxía Mariña da Graña, representa á Universidade de Santiago de Compostela no proxecto DIVA, unha iniciativa alemana que pretende estudia-los fondos do Océano Atlántico e as súas especies. A próxima expedición do proxecto, iniciado en xullo de 2001, incluirá dúas campañas en Galicia, entre este ano e o 2003, de dez días cada unha, para facer un inventario das especies que habitan nas profundidades das costas galegas. (Fonte: Santiago, AGN). Emigración A Hermandad Gallega en Venezuela pide “seguridade” para recupera-la normalidade e lembra que “nós non participamos en política” Tralos acontecementos ocorridos a fin de semana, os membros da Hermandad Gallega de Venezuela reuniranse esta tarde para facer unha primeira avaliación dos danos. O presidente da Hermandade, Manuel Diéguez, asegurou que a comunidade galega en Venezuela “non participa en política”e que “nós non avalamos nin desavalamos ningún goberno”. A Hermandad recibirá o vindeiro mércores a visita do conselleiro de Emigración, Aurelio Miras. (Fonte: Santiago, AGN). Representantes da emigración advirten que non toda a comunidade galega en Venezuela mantén unha postura anti-chavista A imaxe que se está a ofrecer sobre a postura anti-chavista da comunidade galega en Venezuela non é certa, afirmou hoxe en Santiago Ramón Maceiras López, coordenador do Comité Galego de Solidariedade con Venezuela, “mesmo aqueles que están en contra do goberno de Chávez, nunca apoiarían un golpe de Estado”, aclarou. Maceiras insistiu nas consecuencias que poden producir as “irresponsabilidades e precipitadas” declaracións emitidas polo presidente da Hermandad Gallega en Venezuela, Manuel Diéguez nas que aseguraba que toda a comunidade galega se alegraba pola caída de Chávez e que co seu retorno volvían caer na desesperación. (Fonte: Santiago, AGN). Miras Portugal viaxará nos vindeiros días a Venezuela para axudar de cerca ó colectivo galego O conselleiro de Emigración partirá cara Caracas nunha visita na que podería reunirse con representantes da presidencia da República. A entrevista será solicitada pola Hermandad Gallega, non pola Xunta de Galicia, pero Miras Portugal afirma que está “ó dictado da colectividade galega” e que asistirá á reunión se se confirma. Para Miras, situacións como a vivida en Venezuela “demostran a bondade” da existencia de centros galegos no estranxeiro, xa que funcionan como verdadeiros “sistemas de encontros e información” que permiten “saber exactamente o que pasa cos galegos”. (Fonte: Santiago, AGN). A Mesa da Emigración analiza hoxe en Santiago os problemas que atravesan os galegos na Arxentina e Venezuela A Consellería de Emigración celebra hoxe en Santiago a constitución e primeira Mesa Galega da Emigración, que esta maña quedará constuituída oficialmente, e na que os problemas rexistrados na Arxentina e Venezuela centrarán gran parte da atención. A Mesa pretende ser un instrumento de diálogo e participación que permita canalizar solucións ás novas realidades que afecten ós galegos residentes no exterior. (Fonte: Santiago, AGN). Economía - India O embaixador da India asegura que a Semana Santa pode ser unha ponte de negocio entre Galicia e o país asiático O embaixador da India, Diip Lahiri, e o ministro da Embaixada, Deepak Vohra, visitaron hoxe o recinto Feira Internacional Semana Verde de Galicia. Lahiri sinalou que o certame agrícola pode servir de “ponte de negocio” entre Galicia e a India, intensificando as relacións comerciais en sectores como alimentación, turismo, enerxía, pedras ornamentais ou tecnoloxías da información. O embaixador da India informará ademais ás empresas do seu país das oportunidades de negocio da feira galega. (Fonte: Santiago, AGN). |
| 14/04/2002 |
| Emigración
A Consellería de Emigración asegura que a comunidade galega en Venezuela está ben e relativamente tranquila” O conselleiro de emigración, Aurelio Miras, está sendo informado puntualmente por parte da Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas, Valencia e Maracaibo, da situación na que se atopa a comunidade galega naquel país tralos últimos acontecementos políticos. Segundo Miras Portugal, a comunidade galega está “ben e relativamente tranquila”, salvo casos puntuais víctimas de actos vandálicos. (Fonte: Santiago, AGN). Manuel Fraga expresa o seu desexo de que a colonia galega residente en Venezuela “non se vexa afectada” pola situación na que vive o país O presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, amosouse cauteloso á hora de avalia-los feitos ocorridos nas últimas horas en Venezuela, trala volta ó poder de Chávez. Fraga non se pronunciará ata que non se coñeza ”como evolucionan os acontecementos”. (Fonte: Pontevedra, AGN). |
| 13/04/2002 |
| Cultura
A Biblioteca Virtual Galega inicia a súa andadura aspirando aspirando a conseguir que toda a literatura galega estea en Internet A Biblioteca Virtual Galega aspira a conseguir afanar en Internet tódalas obras da literatura galega, que adquirirán dentro da rede unha relevancia global para a cultura, o idioma e os escritos en galego.Trátase dun recurso útil par o profesorado de literatura e lingua de Galicia xa que contén actualmente un amplo número de autores clásicos e contemporáneos galegos. A páxina www.bvg.udc.es, inaugurada con biografías e obras de escritores da Idade Media, o século XIX e principios do XX, e 110 autores vivos. (Fonte: Pontevedra, AGN). Sociedade - ONGs ATTAC-Galicia pide a suspensión do acordo de comercio preferencial entre a UE e Israel ATTAC-Galicia solicitou hoxe a suspensión do acordo de comercio preferente UE-Israel “ata que non cese a súa política xenocida” contra o pobo palestino. Avoga, tamén, polo cumprimento das resolucións da ONU e o recoñecemento do estado palestino. (Fonte: Santiago, AGN). Cultura Unha trintena de estudiantes de Arquitectura de París visitarán as edificacións máis significativas de Santiago Unha trintena de alumnos da Escola Superior de arquitectura de La Villette, en París, visitarán mañá e o vindeiro luns as edificacións máis singulares de Santiago de Compostela invitados polo Colexio de Arquitectos de Galicia. A estancia dos estudiantes completarase na Coruña , Porto, Barcelona e Valencia. (Fonte: Santiago, AGN). Sociedade Unicef concede a súa medalla de honra ó director xeral de Caixa Galicia O comité español de Unicef ven de decidir conceder a súa medalla de honra ó director xeral de Caixa Galicia, José Luís Méndez, pola colaboración que a entidade financeira galega ven levando a cabo coa institución benéfica. Unicef recoñece así a axuda prestada por Caixa Galicia para o desenvolvemento de diversos planos de futuro en diversas zonas de África e América Latina. (Fonte: Santiago, AGN). Portugal O ex ministro luso Braga da Cruz inaugura hoxe en Santiago o simposio “Portugal hoxe” “Portugal hoxe” é un simposio organizado pola Facultade de Filoloxía e a Cátedra de Cultura Luso-brasileira que , en forma de semana cultural, ofrecerá os aspectos máis relevantes do Portugal contemporáneo. O simposio será inaugurado hoxe cunha conferencia de Braga da Cruz, “Portugal no cadro peninsular, europeo e da CPLP”, para, en días vindeiros, abordar outros temas, tales coma política e cinema; lingua-teatro; literatura e música; sociedade e arte, e, finalmente, medios de comunicación. (Fonte: Santiago, AGN). |
| 12/04/2002 |
| Economía
Pescanova estudia a implantación de instalacións de acuicultura en Namibia O presidente de Pescanova, Manuel Fernández Sousa-Faro, anunciou esta mañá que a compañía está estudiando un proxecto de implantación de instalacións acuícolas en Namibia, tras manter unha entrevista co ministro de Pesca do mesmo país, Abraham Iyambo. No país africano operan un total de 8 empresas de capital galego; Pescanova, Pescapuerta, Vieirasa e Pereira con sede central en Galicia. Os investimentos conxuntos das catro situaron a España como primeiro país investidor en Namibia. O ministro de Pesca namibio entrevistouse co presidente da Xunta, que estudia a posibilidade de enviar a Namibia unha misión técnica para asesora-lo país africano en materia pesqueira. (Fonte: Santiago, AGN). Emigración O presidente da Hermandad Gallega en Caracas afirma que a destitución de Chávez “é o que a xente quería” Manuel Diéguez cre que a destitución de Hugo Chávez coma presidente de Venezuela será “positiva” e lembra que esta transición “é o que a xente quería”. Nese senso, ofreceu un voto de confianza ó novo goberno de Pedro Carmona Estanga, ata agora presidente da Patronal. Manuel Diéguez, que xa falou cos directivos doutros centros galegos do país” afirma que a situación era “insostible” pero que, agora, é de “calma”. A Asociación Internacional de Dereito de Seguros establece a súa sede en Galicia A Asociación Internacional de Dereito de Seguros terá, a partir do vindeiro martes, a súa sede en Galicia. Ese día o Instituto Atlántico do Seguro (Inade) asinará con Seaida un convenio de colaboración para o establecemento da súa nova sede na comunidade e cooperación das actividades futuras deste sector na Eurorrexión do eixo Atlántico. A sinatura do convenio levarase a cabo en Vigo, no marco do Foro Asegurador do Instituto Atlántico do Seguro. Cultura O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade estudia en Santiago fórmulas para promoverse en Europa A promoción do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade españolas en feiras de turismo e mediante promocións no Reino Unido, Alemaña e Francia, centrou a reunión que os alcaldes, edís e técnicos de turismo das nove Cidades Patrimonio mantiveron esta mañá en Compostela. A Compostela, Alcalá de Henares, Segovia, Salamanca, Cuenca, Córdoba, Cáceres, Toledo e Ávila, vénselles agora engadir a incorporación de Ibiza e San Cristóbal de la Laguna. (Fonte: Santiago, AGN). Emigración Fraga lamenta a morte dun galego en Venezuela e afirma que a situación “víase vir” O presidente da Xunta lamentou hoxe a morte do galego José Antonio Ramallo durante a revolta contra o presidente de Venezuela, Hugo Chávez. Fraga sinalou que hai tempo que “as cousas non ían ben” en Venezuela, pero de todas formas afirmou que o levantamento do pobo, a pesares das mortes que tiveron lugar durante as revoltas, “foi a menos violenta das solucións”. (Fonte: Santiago, AGN). A CIG amosa a súa “preocupación pola situación da colectividade galega” en Venezuela trala destitución de Chávez O Departamento de Migración da Confederación Intersindical Galega (CIG) amosou hoxe a súa “preocupación” pola situación que atravesa a colectividade galega residente en Venezuela despois dos sucesos que provocaron esta madrugada a destitución e posterior detención do xa ex-presidente Chávez. A CIG lembra que en Venezuela residen aproximadamente uns 100.000 galegos, principalmente en Caracas, Valencia, Maracay e Puerto de la Luz. |
| 11/04/2002 |
| Economía
AstraZéneca presenta 12 dos seus 20 proxectos de investigación en oncoloxía en Estados Unidos Astra Zéneca presentou na reunión da Asociación Americana para a Investigación do Cancro (AACR), reunida en San Francisco, doce traballos da súa carteira de productos de oncoloxía. Entre os novos descobrementos destaca Iressa, un producto que xa está en proceso de rexistro polas autoridades de Estados Unidos e Xapón. (Fonte: Santiago, AGN). |
| 10/04/2002 |
| Emigración
Máis de 5.000 galegos residentes na Arxentina recibiron os medicamentos enviados desde Galicia Ata 5.200 galegos recibiron os medicamentos enviados dende Galicia nas distintas campañas promovidas pola Xunta, tal coma explicou o director do Centro Galego de Bos Aires, Antonio Burgueño, ós conselleiros de Cultura, Sanidade e Educación no transcurso da súa visita ó Centro Galego. Os tres conselleiros, acompañados do embaixador de España en Bos Aires, Manuel Alabart, asinaron un convenio entre a Xunta e o Centro Galego que permite ó Centro “competir no mercado” sanitario arxentino, segundo indicou o conselleiro de Sanidade. (Fonte: Montevideo, AGN). Cooperación Exterior - Pesca O ministro de pesca de Namibia chega hoxe a Santiago convidado pola Xunta Unha delegación do Goberno da República de Namibia, presidida polo seu ministro de pesca, chega hoxe a Galicia, onde permanecerá ata o vindeiro día 13 co obxectivo de coñecer de preto o sector pesqueiro galego. O ministro coñecerá as infraestructuras (bateas, granxas mariñas) e tamén os principais centros de investigación e formación dependentes da Xunta. (Fonte: Santiago, AGN). Cultura Intelectuais galegos reclaman que a literatura galega estea presente na nova Biblioteca de Alejandría Un grupo de intelectuais galegos ven de reclama-la presencia de facsímiles na nova Biblioteca de Alejandría, Exipto, que o 23 de abril renacerá das súas cinzas con máis de 4 millóns de volumes gracias á colaboración de 30 institucións, entre as que se atopa a Universidade de Santiago de Compostela. Resta agora en Galicia a necesidade da colaboración entre a esfera cultural e a Administración para organizar unha partida de obras representativas da cultura e a lingua galegas, xa que entre os textos enviados non figuran, por exemplo, Rosalía, Castelao, ou Méndez Ferrín. (Fonte: Santiago, AGN). Economía O grupo galego de telecomunicacións Televés aumenta a súa presencia no exterior con novas filiais en Alemaña e Italia Televés ven de anuncia-la creación de dúas novas filiais en Alemaña e Italia para potencia-la súa presencia no exterior, que na actualidade conta coas filiais de Portugal, Reino Unido, Francia e Emiratos Árabes. O grupo galego centrase este ano na extensión dos seus productos e aplicacións para favorece-lo uso da televisión dixital terrestre. (Fonte: Santiago, AGN). O grupo Calvo inicia a construcción da súa nova factoría en el Salvador cun investimento de 39 millóns de dólares O grupo galego Calvo ven de inicia-la construcción dunha nova factoría de atún en terra salvadoreña, co que continua a súa expansión internacional e o seu plano de crecemento. O acto oficial asistiron, ademais do presidente do grupo, o embaixador de España en El Salvador, e o director xeral de estructuras e Mercados da pesca da Xunta de Galicia. (Fonte: Santiago, AGN). Emigración O colexio “Santiago Apostol” de Bos Aires incrementa en 37 alumnos os alumnos matriculados respecto o ano pasado O centro, que constitúe o principal referente da cultura galega en Latinoamérica, ascende este curso ata os 207 alumnos matriculados. Estes datos foron presentados polo conselleiro de cultura, Xesús Pérez Varela, na reunión que mantivo co Padroado da Fundación Galicia América, na que se analizou a situación actual do centro educativo e as súas prespectivas de futuro. O obxectivo do centro é brindarlle á comunidade galega residente en Arxentina unha educación baseada nos principios bioculturais galego-arxentinos. (Fonte: Santiago, AGN). |
| 08/04/2002 |
| Portugal - Turismo
Delegados da Xunta presentarán hoxe e o xoves en Porto e Lisboa a oferta turística de Galicia para o país veciño A Consellería de Cultura, a través de Turgalicia-Dirección Xeral de Turismo, presentará hoxe martes, en Porto, e o xoves, en Lisboa, a oferta turística de Galicia para o ano 2002. As xornadas porán en contacto preto de 50 representantes do sector do turismo en Galicia e os máis de 400 delegados do sector en Portugal. A Xunta estima que o pasado ano 2001 viaxaron a Galicia máis de catro millóns de excursionistas portugueses, o que converte a Portugal no principal emisor de turistas cara Galicia. (Fonte: Santiago, AGN). Emigración O presidente de Uruguai apoia a proposta da Xunta pola unificación dos hospitais galegos en Montevideo Jorge Battle amosou o seu respaldo á proposta de Fraga durante a entrevista mantida cos conselleiros de Cultura e de Emigración, ós que hoxe se unirá o conselleiro de Sanidade. Durante a reunión o presidente de Uruguai recoñeceu a súa “admiración” pola transformación económica experimentada por Galicia e fixo unha comparación entre as situacións dos dous países, sinalando que Uruguai pretende saír da dependencia agropecuaria e gandeira na que vive “seguindo o modelo de Galicia”. (Fonte: Montevideo, AGN). Cultura A Biblioteca Nacional de Uruguai inaugura unha sala de lectura adicada integramente a Galicia A Sala, denominada “Galicia-Manuel Fraga Iribarne”, recollerá a doazón dos 4.500 libros galegos entregados pola delegación galega e que permanecerán expostos durante varias semanas antes de pasar ós fondos da Biblioteca. Estes libros foron aportados polas catro deputacións galegas, a Fundación Barrié de la Maza, caixas de aforro, as tres Universidades e as editoriais galegas con convenios coa Xunta de Galicia.O conselleiro de Cultura destacou a importancia da emigración galega en Uruguai “tanto no proceso de poboamento do país como polos seus aportes ó movemento independentista e ó desenvolvemento cultural, económico e social”. (Fonte: Montevideo, AGN). Unión Europea A adaptación do sector lácteo á Política Agraria Común supuxo “un sacrificio extraordinario”, segundo Pérez Vidal O ex conselleiro de Agricultura presentou hoxe a súa tese “Evolución e perspectivas do sector lácteo galego no marco da Política Agraria Común”, na que analiza a evolución do subsector dende a entrada no mercado común. Nela, Pérez Vidal propón o aumento da cota láctea para que as explotacións galegas podan continuar mellorando a súa productividade e a “reordenación permanente” do sector galego para mellorar a calidade do sector productivo, recomendando o fomento do cooperativismo e as relacións interprofesionais. (Fonte: Santiago, AGN). |
| 07/04/2002 |
| Acción Exterior
Os conselleiros de Educación e Cultura inician hoxe a visita da delegación da Xunta a Uruguai O conselleiro de Sanidade, Hernández Cochón, reunirase mañá con Aurelio Miras e Pérez Varela, enviados explícitamente polo presidente da Xunta para establecer medidas preventivas entre a comunidade galega perante unha eventual crise económica coma a que asola Arxentina. Os conselleiros veñen de propoñer en Montevideo o establecemento de mecanismos de coordenación entre os centros galegos do país para evita-la súa desaparición. (Fonte: Montevideo, AGN). Cooperación Exterior O ministro de Pesca de Namibia visitará esta semana Galicia invitado pola Xunta Unha delegación do goberno de Namibia visitará Galicia entre os días 10 e 13 deste mes par coñecer “in situ” a realidade do sector pesqueiro galego e as súas as posibilidades de cooperación e desenvolvemento, e como resposta á visita realizara en febreiro poro conselleiro López Veiga ó seu país. No programa da delegación namibia destacan as visitas relacionadas cos eidos da acuicultura e a investigación e formación naútico-pesqueira (Fonte: Santiago, AGN). |
| 05/04/2002 |
| Unión Europea - Pesca
Daniel Varela asegura que esgotará tódalas vías parlamentarias para evita-la rebaixa de aranceis en Filipinas e Tailandia O voceiro-coordenador de Pesca do grupo PPE membro do Parlamento Europeo, Daniel Varela, desprazouse a Vigo para informar á xunta directiva da Asociación de Fabricantes de Conservas de Pescados e Mariscos (ANFACO) das accións que está levando a cabo o Partido Popular europeo para defende-lo sector transformador de productos pesqueiros de Galicia. Varela asegurou que utilizará tódalas posibilidades parlamentarias para evitar que a Unión Europea acorde unha rebaixa de aranceis con Filipinas e Tailandia, non desexable para os do sector en Galicia. (Fonte: Vigo, AGN). Sociedade Sindicatos, partidos políticos e organizacións sociais piden dende Galicia a intervención da UE en Palestina Asinaron o manifesto de denuncia o PSOE, o BNG e Galiza Nova, Esquerda Unida e Esquerda de Galiza; os dous sindicatos estatais, CC.OO e UGT, a CIG, os CAE e CAEF; e organizacións sociais coma attac ou a Asociación de Inmigrantes Marroquís “ELJIR”. O manifesto, que supón unha demanda ó presidente de quenda da UE, José María Aznar, pide que os organismos internacionais preman para rematar coa ocupación e a represión que sofren os palestinos e para garanti-lo seu dereito a ter un Estado propio”. (Fonte: Santiago, AGN). |
| 03/04/2002 |
| Portugal
Fraga envía un telegrama de condolencia ós familiares dos cidadáns portugueses finados hoxe en Verín O presidente da Xunta enviou hoxe un telegrama de condolencia ó presidente da Cámara Municipal de Valpaços no que lamentaba a morte de catro cidadáns portugueses na Autovía Rías Baixas ó seu paso por Verín. Fraga transmitiu a súa solidariedade ó alcalde desta localidade achegada a Braga, ó tempo que lle pediu que enviase tamén as súas condolencias ós familiares dos accidentados. (Fonte: Santiago, AGN). Cultura - Estados Unidos O Miami Herald destaca o carácter emprendedor e o prestixio internacional de Galicia en dúas reportaxes O xornal Miami Herald, dentro dun suplemento especial adicado a España publicado o pasado 18 de marzo, inclúe unha reportaxe titulada "Galicia conduce o seu camiño de xeito emprendedor", no que describe a "consolidación" da "reputación internacional da agricultura, da pesca e do monte galegos", deténdose tamén na descrición do entramado empresarial galego. A segunda reportaxe, "A rexión divina seduce ós turistas norteamericanos", presenta a Galicia coma "un dos segredos mellor gardados de España" e promotora "dun forte investimento renovador do histórico Camiño de Santiago". (Fonte: Santiago, AGN). Unión Europea A Fundación Galicia-Europa publica unha guía que permitirá ás Pemes galegas coñecer e potencia-las oportunidades que ofrece a UE O secretario xeral de Relacións coa UE e Acción Exterior, Jesús Gamallo, presentou o libro "Europa na práctica. Cidadáns e empresas de Galicia". A obra pretende ofrece-las claves dos procedementos para a busca de axudas da UE. Segundo Gamallo "as empresas galegas nunca aproveitan ó 100 por cen as axudas existentes dentro do marco da UE"; por esta razón a guía se ofrece como obra de divulgación, referente á construcción da UE dende unha óptica galega. (Fonte: Santiago, AGN). Economía - Uruguai O ministro de Industria uruguaio visita Galicia para promover investimentos no seu país O ministro de Industria, Enerxía e Minería de Uruguai, Sergio Abreu, foi recibido esta mañá en Santiago polo presidente da Xunta. Abreu destacou á numerosa colonia galega no seu país e fixo referencia ós investimentos galegos e españois, que "nós tratamos de promover" dentro da súa intención de ser un dos referentes dos Estados que conforman o Mercosur. Manuel Fraga destacou especialmente os investimentos que Ence está a levar a cabo e promovendo xunto coas institucións locais do país charrúa. (Fonte: Santiago, AGN). Cooperación Exterior Fraga recibe ó presidente da Sociedade Arantey O presidente da Xunta recibiu en San Caetano ó novo presidente da Sociedade Arantey e Centro Villamarín Perojano de Bos Aires, Santos Gastón, con quen abordou formas de colaboración para palia-los efectos da crise arxentina na cidadanía. A Sociedade Arantey conta con 600 membros, dos que un 85% son galegos. (Fonte: Santiago, AGN). Política O BNG solicita o envío dunha delegación do Congreso a Palestina en calidade de observadores internacionais Os nacionalistas galegos presentan esta iniciativa conxuntamente cos partidos que compoñen o Grupo Mixto e con Izquierda Unida. Na solicitude descríbese a situación da zona con "continuas vulneracións dos dereitos humanos fundamentais da poboación palestina e israelí, facendo tamén referencia ó asedio que sufre o presidente da Autoridade Nacional Palestina por parte do exército israelí. (Fonte: Santiago, AGN). Economía - Portugal Dazanove empresas galegas participan na XX edición da Feira Internacional da Alimentación de Porto As empresas, representantes de distintos sectores económicos, participan dende hoxe na XX edición da exposición Internacional da Alimentación de Porto, "Alimentaçao", que rematará o vindeiro venres. A representación das industrias galegas é promovida polas Cámaras de Comercio de Ourense e Vigo, a través do Plan de Fomento das Exportacións Galegas, FOEXGA 2002. Portugal é o segundo receptor das exportacións galegas, e os productos agroalimentarios supoñen o 32% do total das vendas realizadas no mercado portugués. (Fonte: Vigo, AGN). Turgalicia promoverá a carne de Tenreira Galega entre o sector turístico de España e Portugal A denominación galega, segundo informou hoxe a Xunta, participará nas presentación s de Turgalicia en Valladolid, León, Xixón, Bilbao, Porto, Lisboa, Valencia, Sevilla, Zaragoza, Badaxoz e Barcelona. Os encontros contan coa asistencia de representantes do sector turístico local, autoridades de turismo e medios de comunicación. (Fonte: Vigo, AGN). |
| 02/04/2002 |
| Política - Portugal
Fraga amosa a súa satisfacción polo nomeamento de dous "bos amigos" en Exteriores e Obras Públicas no novo goberno portugués O presidente da Xunta cualificou hoxe de "moi boas novas" para Galicia a composición do novo goberno luso, destacando especialmente ós titulares de Negocios Estranxeiros e Obras Públicas, feito que considerou que redundará positivamente na mellora do tren entre Galicia e o Norte de Portugal, así coma na cooperación no seo da Eurorrexión. (Fonte: Santiago, AGN). Cooperación Exterior A Xunta e o Fondo Galego de Cooperación colaborarán na formación de funcionarios que desenvolvan tarefas solidarias O conselleiro de Emigración e Cooperación Exterior, Aurelio Miras, e o presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Alfredo Novoa Gil, asinaron esta mañá un convenio polo que ambas entidades colaborarán na formación de funcionarios especializados en tarefas relacionadas coa cooperación. Para organiza-las actividades comprometidas coas políticas solidarias alí onde as necesidades humanas son máis urxentes, o convenio acorda a creación dunha Comisión de Coordenación e Seguimento. (Fonte: Santiago, AGN). A rexión boliviana de Sud Yungas, na que a Xunta ten un proxecto de desenvolvemento, centra unha exposición en Lugo A cidade de Lugo acollerá a partirse de mañá unha exposición fotográfica sobre o proxecto de desenvolvemento integral da rexión de Sud Yungas (Bolivia), no que colabora a Xunta dende 1998. O presidente da Xunta, Manuel Fraga, visitou esta deprimida zona nunha viaxe oficial a Bolivia para comprobar in situ o funcionamento da experiencia. As sete ONGs que traballan alí seguiran contando durante o ano 2002 co apoio da Consellería de Emigración a través da Dirección Xeral de Cooperación Exterior. (Fonte: Santiago, AGN). Un grupo de técnicos arxentinos e estudiantes de bioloxía mariña chega hoxe a Galicia para recibir información en acuicultura Un grupo de profesores e estudantes de bioloxía mariña procedentes da rexión arxentina de Chubut están dende hoxe en Galicia para recibir formación en acuicultura. Esta viaxe é froito do protocolo de formación entre o Goberno galego e Arxentina. Por outra banda, e dentro da política promovida pola Consellería de Pesca de afondar relacións con outros países para consolida-las actividades das compañías galegas, chegará a Galicia nos vindeiros meses un grupo de mariñeiros de Namibia para recibir ensino marítimo-pesqueiro. (Fonte: Santiago, AGN). Sociedade - Inmigración Os traballadores estranxeiros afiliados á Seguridade Social en Galicia aumentaron nun 65% nos últimos tres anos Na actualidade, un total de 11.327 estranxeiros están rexistrados na Seguridade Social, segundo os datos do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, fronte os 6.864 afiliados en 1999. Das altas correspondentes a estranxeiros, cómpre destacar que 5.036 son orixinarios de países da Unión Europea, fronte os 6.291 procedentes de países non comunitarios. Os portugueses, con 3.698 afiliados, configuran a comunidade de estranxeiros máis numerosa das que traballan en Galicia. (Fonte: Santiago, AGN). |
| 01/04/2002 |
| Sociedade
Hoxe comeza en Santiago o VII Congreso internacional "Esixencias da Diversidade" O conselleiro de Sanidade, X. Mª Hernández Cochón, participa hoxe na inauguración do VII Congreso internacional "Esixencias da Diversidade", un foro de debate aberto ás achegas individuais e colectivas no que terán cabida contribucións dende os ámbitos da socioloxía, a psicoloxía, a pedagoxía, a medicina, o dereito, as novas tecnoloxías, a información social ou turismo. O foro, que abrirá mañá a intervención de Federico Mayor Zaragoza, desenvolverá a súa actividade ata o vindeiro día 3 de abril. (Fonte: Santiago, AGN). Política - Unión Europea Fraga: "Quero participar nas negociacións da UE se se fala de pesca" O presidente da Xunta reitera, nunha entrevista concedida á revista "Tiempo", a necesidade de que España "leve a voz cantante" nas negociacións da UE e afirma que "quero participar nelas se se fala de pesca". Manuel Fraga lembra ó respecto que "xa están participando ata os concellos" na Unión europea, aínda que asegura que "no seu día haberá unha soa ponte para ser cortado o menor perigo" mentres que actualmente "hai pontes por todas partes". (Fonte: Santiago, AGN). Sociedade - Inmigración Galicia soamente recibiu 101 traballadores inmigrantes entre os máis de 1.100 empregados estables demandados polas empresas Soamente 101 inmigrantes, cifra que supón ó redor do 13%, poden ser contratados polas empresas galegas durante o ano 2002. CC.OO e as organizacións SOS Racismo e Cear veñen de presentar dous recursos contenciosos perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en contra do continxente de traballadores establecido polo goberno central. Segundo o sindicato, catro ministerios desestimaron as peticións da comunidade galega. (Fonte: Santiago, AGN). |
| Ver máis Diario Exterior |
|
|
| marzo 2002 | febreiro 2002 | xaneiro 2002 | 4º trimestre 2001 | 3º trimestre 2001 |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 28/04/2002
|