Diario Exterior / marzo de 2002

Igadi na Rede

Volver
   
Diario Exterior é unha recopilación de noticias breves captadas dos xornais galegos relativas ás actividades que se desenvolven en Galicia e que teñen relación co exterior, servindo de feito como proxección exterior de Galicia e dos seus axentes, empresariais, politicos, etc.
   
   
31/03/2002
Economía
Galicia se coloca entre as dez rexións europeas con maiores expectativas de crecemento empresarial para este ano
As empresas galegas están entre as dez primeiras rexións europeas coas previsións máis optimistas de crecemento económico para o presente exercicio. No informe elaborado polas Cámaras de Comercio Europeas, as expectativas das empresas galegas superan amplamente a media europea, consolidándoas coma as sextas no nivel da UE, xa que o 57% das empresas galegas esperan incrementar este ano a súa cifra de negocios, moi por riba da media comunitaria que a penas supera o 20%.
(Fonte: Santiago,
AGN).
 
28/03/2002
Economía
Galicia foi a comunidade que máis incrementou as súas exportacións e acadou 9.271 millóns de euros en 2001
Segundo os datos da consellería de Industria, Galicia foi a comunidade que máis incrementou as súas exportacións en 2001 ó rexistrar un aumento do 11,7% sobre 2000, triplicando o aumento medio nacional do 3,6%. Galicia consolídase como a sexta comunidade por volume de ventas ó estranxeiro tras Catalunya, Valencia, Madrid, Euzkadi e Andalucía. Cómpre ademais dicir que a crise tralo 11 de Setembro apenas afectou as vendas galegas, que aumentaron un 10,2% no derradeiro trimestre de 2001.
(Fonte: Santiago,
AGN).
 
27/03/2002
Cooperación Exterior
CCOO reclama máis persoal e medios para cubri-las necesidades dos españois no consulado de Arxentina
O representante do Sindicato Nacional de CC.OO de Galicia na Arxentina, Miguel Negreira, asegurou hoxe en rolda de prensa que o Consulado de España en Bos Aires está totalmente"desbordado e non pode atende-las demandas dos compatriotas". Negreira considera totalmente insuficiente a declaración feita polo ministro de Asuntos Exteriores Josep Piqué de que "55 persoas son suficientes para atender a unha poboación de 250.000 persoas, como a cidade da Coruña".
(Fonte: Santiago,
AGN).

Unicef apela á solidariedade dos galegos cunha campaña de axuda ós afectados polo terremoto de Afganistán
A organización Unicef, dentro das diversas actividades incluídas na campaña de axuda humanitaria a Afganistán, ven de abrir unha conta en Caixa Galicia para os galegos que queiran aportar donativos para axudar a palia-los efectos do terremoto ocorrido neste país. O número de conta para ingresa-las achegas económicas voluntarias é o 2091-0300-40-3040121437.
(Fonte: Santiago,
AGN).
 
26/03/2002
Cooperación Exterior
Un fotógrafo galego participa na primeira misión de observadores internacionais en Palestina
O fotógrafo Ramón Capotillo será o único galego integrante dunha misión de observadores internacionais que parte este xoves para Palestina. Trátase dunha iniciativa da rede palestina de ONGs na que participan diversas organizacións españolas, entre elas Solidaridad Internacional, coa que colabora Capotillo. O fotógrafo viaxará ós Territorios Ocupados xunto cos outros observadores españois, italianos e franceses.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Política
Manuel Fraga recibiu ó fillo de Fidel Castro, que se atopa en España promovendo dous libros
O presidente da Xunta recibiu esta tarde ó físico e escritor Fidel Castro Díaz-Balart, fillo do presidente de Cuba, nunha entrevista na que se atopaba tamén o cónsul de Cuba en Galicia, Humberto Hernández.
(Fonte: Santiago,
AGN).
 
25/03/2002
Política - Unión Europea
O PpdeG solicita a creación dunha bandeira única para a flota pesqueira comunitaria que garanta liberdade de acceso ós recursos
O PpdeG presentou hoxe no Parlamento dúas proposicións non de lei nas que reclama que a UE estableza unha bandeira única para a pesca. O deputado Sergio López reclamou a liberdade de mercado e de acceso ós recursos pesqueiros da UE. Os "populares" consideran que esta é unha das tarefas pendentes do mercado único europeo incumprindo os tratados da UE.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Emigración
Netos de emigrantes españois asócianse para reclama-lo dereito á nacionalidade española
Froito dos encontros mantidos na Federación de Sociedades Galegas decidiron unirse para defende-lo seu dereito á nacionalidade. Mediante o envío de cartas ó Rei de España, ó consello de Residentes Españois e ós deputados, pretenden influír na decisión que o Congreso adoptará na modificación do Código Civil. Os "Netos pola Nacionalidade Española" reuniranse en Bos Aires, en asemblea de frecuencia quincenal, contando tamén cunha comisión coordenadora.
(Fonte:
El Correo Gallego).
 
24/03/2002
Política - Unión Europea
Jesús Gamallo: "A pesca galega é a sinatura pendente da UE"
O secretario xeral de Relacións coa UE e Acción Exterior da Xunta de Galicia afirma, en entrevista para La Voz de Galicia, que"as comunidades deben aumenta-la súa participación nos asuntos europeos, mesmo de forma directa en Bruxelas". Respecto ó probable cesamento de fondos comunitarios para Galicia, Gamallo opina que o verdadeiro debate se establecerá en 2004, e se de aquí a ese momento entran dez novos Estados na Unión "todo semella indicar que Galicia vai seguir sendo rexión obxectivo 1 e receptora dunha parte importante dos fondos comunitarios"
(Fonte:
La Voz de Galicia).

Economía
O investimento estranxeiro en Galicia acada o nivel de entrada máis baixo en dez anos
A Dirección Xeral de Comercio e Investimentos do Ministerio de Economía cualifica a Galicia coma "territorio inerte". Segundo os seus informes, a economía galega sitúase entre as máis pechadas ó capital foráneo e só capta o 0,18% do diñeiro que chega a España, país situado só por detrás de EE.UU, Francia e o Reino Unido entre os que atraen máis investimento estranxeiro. A Xunta asegura ó respecto que existen políticas de apoio ó inversor estranxeiro, pero o certo é que a Administración Autonómica leva anos sen materializar unha operación importante cun inversor estranxeiro.
(Fonte:
La Voz de Galicia).
 
21/03/2002
Uns 120 representantes das rexións periféricas de Europa estudiarán en Santiago o futuro da política europea de transportes
O seminario "As rexións por unha política de transportes europea ó servicio do territorio" reunirá en Santiago a representantes das rexións periféricas de Europa, do Ministerio de Fomento, das Comunidades autónomas españolas e do sector implicado. Este seminario internacional sobre o transporte está organizado pola Xunta de Galicia, que preside a Comisión do Arco Atlántico da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas de Europa, CRPME, e a rexión de Midi-Pyrénées.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Economía - Unión Europea
IZAR asegura que a decisión do Tribunal de Xustiza da UE non afecta ós estaleiros ferroláns
A compañía de construcción naval IZAR asegura que a decisión do Tribunal de Xustiza da UE de declarar ilegais as axudas concedidas polo Estado español ós estaleiros do país "non afecta para nada" ás factorías que a compañía ten en Fene e Ferrol a empresa Izar non se verá afectada polo fallo do Tribunal comunitario xa que a súa relación coa Sociedad Estatal de Participaciones Industriales, SEPI, é posterior ó ano no que se concederon as axudas.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Emigración
Os grupos parlamentarios acordan estudiar conxuntamente propostas de axuda ós emigrantes en Latinoamérica
Os grupos parlamentarios do PPdG e PSdG acordaron esta mañá trasladar á Comisión do Emigrante o debate sobre as medidas de apoio ós galegos na Arxentina e toda Latinoamérica, co apoio explícito do conselleiro de Emigración, Aurelio Miras, quen se comprometeu a entrega-la documentación necesaria ós grupos parlamentarios. Tanto PpdeG coma PsdeG retiraron as súas propostas para acadar unha consensuada na Comisión do Emigrante, aínda por constituír.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Cooperación Exterior
A FAO toma o Plan Caurel como modelo a aplicar a Latinoamérica
Unha representación do Foro de Agricultura das Nacións Unidas (FAO) integrada por dous membros de Latinoamérica, percorreron onte os municipios de Samos, O Incio, O Caurel e Quiroga, encadrados no Plan Caurel (Leader). O obxectivo da visita enmárcase no programa que está desenvolvendo a FAO para posibilita-la implantación en países latinoamericanos de planos de desenvolvemento agrario e rural.
(Fonte:
El Progreso de Lugo).

Asuntos Sociais traballa en Alemaña na creación dun observatorio de emprego dentro do proxecto Stella
Personal da consellería de Asuntos Sociais participa hoxe e mañá en Witten -Alemaña- na segunda reunión transnacional do proxecto Stella, dirixido a colectivos que se atopan en situación de exclusión social co fin de integralos no mercado laboral. En Galicia o proxecto Stella, enmarcado dentro da iniciativa comunitaria Equal, se executará nos concellos de Mondoñedo, da Costa da Morte, Bueu, Cangas, Moaña e na mancomunidade de Terras de Celanova; no nivel transnacional, son socios do Stella dous proxectos, un alemán e un holandés.
(Fonte: Santiago,
AGN).
 
20/03/2002
Cultura
Unha antoloxía en dez volumes levará a música clásica galega a tódolos cantos de Europa e América
O presidente da Xunta presentou hoxe en Santiago a colección Música Clásica Galega, unha antoloxía de dez discos realizada a iniciativa do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais e que permitirá levar a Europa e América a música realizada en Galicia dende o medievo ata o século XX.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Emigración
Máis de 200 galegos reclaman a Francia o pagamento de pensións de xubilación suplementaria polos anos traballados neste país
Un total de 220 cidadáns galegos, entre os máis de 5.000 de toda España, veñen de reclamar ás autoridades francesas o pagamento das súas prestacións de xubilación suplementaria. Cómpre lembrar que trala denuncia presentada ó respecto hai tres semanas polo voceiro do PP , Manuel Pérez Álvarez, na comisión de Asuntos Sociais e Emprego do Parlamento Europeo, a Comisión Europea decidiu iniciar unha investigación.
(Fonte: Santiago,
AGN).
 
19/03/2002
Pesca - Unión Europea
Andrés Hermida defendeu en Bruxelas a proposta galega para a reforma da Política Común de Pesca
O director xeral de Estructuras e Mercados, Andrés Hermida, defendeu en Bruxelas o sistema comunitario de dereitos individuais transferidos no que se basea a proposta galega de reforma da PCP. Hermida participou nunha mesa organizada pola Comisión Europea con representantes de Estados membros, segundo informou a Xunta.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Política - Portugal
Fraga respostará o xoves no Parlamento a preguntas sobre as relacións con Portugal
O Parlamento abordará o vindeiro xoves a segunda quenda de preguntas dirixidas ó presidente da Xunta. Nesta ocasión o BNG preguntará sobre as relacións entre Galicia e Portugal dentro do marco da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e tendo en conta a elección do novo goberno luso que tivo lugar o pasado domingo.
(Fonte: Santiago,
AGN).
 
18/03/2002
Política - Portugal
Fraga felicita ós líderes do PSD e do CDS-PP polos resultados obtidos nas eleccións celebradas onte en Portugal
O presidente da Xunta remitiu senllos telegramas ós líderes do PSD e CDS-PP, Manuel Durao Barroso e Paulo Portas. Fraga transmitiulle os seus mellores desexos ó PSD "nas xestións encamiñadas a formar Goberno, para o ben de Portugal, que todos desexamos",e fixo chegar ó líder do PP "os maiores éxitos" nas negociacións co PSD.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Acción Exterior
Preto de 250 militares galegos regresan hoxe a Kosovo na súa quinta misión humanitaria para a OTAN
A brigada de Infantería Lixeira Aerotransportable, Brilat, parte hoxe para Kosovo no que permanecerá seis meses. Os efectivos galegos que perticipan na misión son 250 militares do cuartel "General Morillo" de Figueirido, Pontevedra. O subtenente Fernado Pombo, que acude por cuarta vez ós Balcáns, subliña que Kosovo " é un lugar que se parece moito a Galicia" onde a xente está marcada polas súas conviccións culturais e relixiosas e polos seus escasos recursos.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Acción Exterior - Turismo
Os hoteis-monumento e o turismo rural de Galicia destacan na feira de turismo de Berlín, considerada a más prestixiosa do mundo
A Feira ITB de Berlín amosa, dende o día 16 de marzo e ata o vindeiro mércores, as ofertas máis relevantes do turismo europeo ós cidadáns alemáns e ós mesmos turistas. A actividade de Turgalicia non se limita a presencia de dous expositores (da Coruña e Santiago, respectivamente), xa que Heriberto Verdés, o seu director xerente, está mantendo unha serie de entrevistas cos principais operadores turísticos de Alemaña. Turgalicia xa estivo presente este ano nas feiras de Lisboa, Milán, Praga ou Toulouse con grande éxito.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Sociedade
Organizacións contra o narcotráfico galegas presentan hoxe a Baltasar Garzón como candidato ó premio Nobel da Paz
Diferentes organizacións contra o narcotráfico, en defensa dos dereitos humanos, e da axuda e rehabilitación dos drogodependentes de Galicia, presentan hoxe en Santiago unha campaña de apoio ó xuíz Garzón polo seu traballo en Galicia. Entre as organizacións participantes están Proxecto Home, Seminario Galego da Paz, Asociación Latinoamericana polos Dereitos Humanos, Cidade dos Muchachos, Fundación de Artistas e Intelectuais polos Pobos Indíxenas de Iberoamérica, etc.
(Fonte: Santiago,
AGN).
 
17/03/2002
Acción Exterior
A prensa norteamericana especializada adica especial atención á cultura e o turismo en Galicia
Estas reportaxes promocionais nos mercados norteamericanos están promovidos pala Consellería de Cultura en colaboración coa Oficina Española de Turismo de Nova Iorque. A revista "Going Places", con tirada de máis dun millón de exemplares, adica unha ampla reportaxe ó Camiño de Santiago, mentres que "Art News", con tirada de 80.000 exemplares, fíxase no proxecto do Museo de Arte Contemporánea de Vigo.
 
15/03/2002
Política - Unión Europea
Rosa Miguélez pedirá á UE a división do reparto do POL en Lugo por considerar que non cumpre os criterios comunitarios
A eurodeputada socialista Rosa Miguélez solicitará ó comisario europeo Michel Barnier, responsable dos fondos que se reparten entre concellos, que investigue a distribución que se fixo en Lugo do diñeiro do Plan Operativo Local, POL, case 10 millóns de euros. Miguélez considera "moi improbable" que se estean repartindo segundo os criterios cos que deben repartirse os fondos europeos, deixando fóra, por exemplo, ós concellos socialistas, por unha cuestión "meramente política e partidaria"
(Fonte: Santigo,
AGN).
 
14/03/2002
Economía
A terceira edición da Feira Profesional do Moble de Galicia suscita unha gran expectación nos sectores nacional e internacional
Esta nova edición, que dará comezo o vindeiro día 21 de marzo, espera contar coa visita de máis de 6.000 profesionais procedentes do territorio español, Portugal, Italia e Francia. As creacións diríxense tanto a comerciantes polo miúdo coma comerciantes por xunto e pertencen, nun 60%, a creadores galegos.
(Fonte: Santiago,
AGN).
 
13/03/2002
Acción Exterior
Manuel Fraga viaxará a Moscova para participar co relato da súa experiencia persoal nun seminario sobre actualidade política
A Escola de Estudios Políticos de Moscova , centro académico no que recibe formación a elite dirixente de Rusia, ven de invitar a Manuel Fraga a participar nun seminario onde exporía a súa visión da política no mundo actual. Fraga, que podería aproveita-la ocasión para reunirse con autoridades e personalidades da vida política rusa, foi investido Doutor Honoris Causa pola Universidade de San Petersburgo en 1997.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Economía - Portugal
A Confederación de empresarios de Pontevedra analiza as necesidades ocupacionais de Galicia e o Norte de Portugal
A CEP ven de poñer a disposición das industrias da provincia un estudio, elaborado pola Asociación Industrial do Miño e o Eures Transfronteirizo, co que se pretende analiza-las diferencias das distintas categorías e postos de traballo existentes dentro dun mesmo sector, a unha e outra beira da fronteira, e detecta-las tendencias ocupacionais nun futuro inmediato. Para iso, o estudio analizou os sectores téxtil, metal-mecánico, construcción, madeira, moble, turismo e novas tecnoloxías.
(Fonte: Vigo,
AGN).

Emigración
Emigración iniciará un censo de emigrantes e duplicará as axudas ó colectivo
O titular de Emigración explicou hoxe que a Xunta elaborará este ano un censo "tanto alí comoaquí" para determina-las necesidades do colectivo. No debate parlamentario, a oposición amosou as súas reservas en canto a intervención da iniciativa privada para xestiona-las políticas de axuda ós emigrantes. Tanto BNG coma PSdG reclamaron unha maior implicación da administración autonómica fronte á actuación da futura Fundación Galicia-Emigración, ONGs ou entidades de creto.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Política
O BNG recrimina os "atentados de Sharon contra o dereito internacional" e apoia o recoñecemento dun Estado palestino
O BNG é unha das forzas políticas que se amosan favorables á creación dun Estado para Palestina que poña fin á ocupación que as forzas armadas israelís exercen sobre os territorios nos que viven os cidadáns palestinos. A creación dun Estado palestino que reclaman diversos sectores da sociedade galega para poñer solución ó longo conflicto, queda recollida no texto que onte pola noite presentaron os EEUU no Consello de Seguridade da ONU.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Cultura - EEUU
California produce estacionalmente pementos estilo Padrón para o consumo en EEUU
A cociña e a gastronomía galegas están a causar gran interese fora das nosas fronteiras, ata o punto de producirse a importación da orixe da esencia da cociña galega. A empresa Florencia Fabricant cultiva en California pementos estilo Padrón e os comercializa directamente en pedidos telefónicos e por Internet en todo o territorio de Estados Unidos, recomendando servilos con viño branco e lembrando a "tradición do tapeo en Galicia".
(Fonte: Santiago,
AGN).
 
12/03/2002
Emigración
A Consellería de Emigración asegura que os fármacos doados a Arxentina son repartidos "de xeito exemplar"
Con estas declaracións, a Consellería descarta as acusacións do presidente da Asociación Galega de Emigrantes Retornados, Guillermo Rodríguez, en referencia a que os medicamentos podían ter chegado ó mercado negro. O departamento de Miras Portugal afirma que estas declaracións danan o bo nome do Hospital do Centro Galego e do propio pobo galego, e explica que os envíos están vixiados "en todo momento" pola Dirección Xeral de Aduanas do país, e foron trasladados con vehículos especiais facilitados polo Goberno Duhalde.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Sociedade
Solidariedade Internacional de Galicia desenvolve unha campaña de "Axuda ó Sáhara"
Solidariedade Internacional de Galicia presentou hoxe a campaña, que ten coma obxectivo principal recadar fondos para a rehabilitación e compra de material para a escola de secundaria "9 de xuño" e sensibilizar á sociedade galega sobre o "conflicto saharauí". A campaña conta co apoio da Axencia Española de Cooperación e a colaboración de Caixanova, Caixa Galicia, Banco Pastor e Banco Galego. A rolda de prensa de presentación contou coa presencia da delegada en Galicia da Fronte Polisario, Fatma Mohamed.
(Fonte: Vigo,
AGN).
 
11/03/2002
Pesca
Catro barcos de Ribeira que faenaban en Marrocos descobren novas posibilidades de pesca en Perú e Uruguai
Catro barcos pertencentes á Organización de Productores de Palangre de Ribeira, ORPAL, veñen de rematar con éxito as campañas experimentais en Perú e Uruguai, desenvolvidas pola Secretaría Xeral de Pesca Marítima do MAPA. A Secretaría Xeral dirixiu tamén as campañas experimentais de Serra Leona, Canarias e augas do Índico. Está previsto iniciar outras cinco en augas de Yemen, Cunca do Nazca, augas do Mediterráneo, augas da Zona VIII-ABD da CIEM, e augas da NEFAC, zonas VI, VII, VIII.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Política - Portugal
Beiras preguntará a Fraga sobre a posibilidade de consolidar institucionalmente unha eurorrexión co Norte de Portugal
O voceiro do BNG, Xosé Manuel Beiras, preguntará ó presidente da Xunta sobre o futuro das relacións socioeconómicas con Portugal no marco do vindeiro pleno do Parlamento os días 20 e 21 deste mes. Beiras solicita a consolidación dunha eurorrexión entre ámbolos dous territorios que inclúa a conseguinte traducción en termos institucionais".
(Fonte: Santiago,
AGN).
 
10/03/2002
Acción Exterior
A Xunta participa no seminario internacional sobre "mares máis seguros" na cidade de Brest
O director técnico do Servicio de Busca e Salvamento Marítimo da Consellería de Pesca, Fernando Novoa, participará nun dos principais encontros internacionais de técnicos e autoridades nesa materia entre os días 11 e 16 de marzo en Brest, Francia. Nese encontro destaca a presencia de representantes da OMI, o Goberno de Francia e autoridades da rexión de Bretaña.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Cultura
A serie de docudramas lucense "Vinte séculos de noivado" estará presente no Festival de Quimper
Por primeira vez unha producción televisiva realizada integramente en Lugo vai participar nun festival internacional. Trátase da serie de docudramas "Vinte séculos de noivado" da productora Lugopress, que representará a Galicia dentro do XXIII Festival du Film et de la Télévision Celtiques, que se celebrará en Quimper, na Bretaña francesa, do 20 ó 23 de marzo. Durante a xornada adicada a Galicia proxectaranse cinco longametraxes máis e terá lugar unha mesa redonda con realizadores bretóns.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Política - Unión Europea
Fraga e Rajoy inaugurarán o Seminario de Policía da Unión Europea na Toxa
O seminario, Titulado "Misións de Substitución: Forza Integrada de Policía da Unión Europea", terá lugar na Toxa entre os días 11 e 13 de marzo. No seminario, que será inaugurado polo presidente da Xunta e o ministro de Interior, participarán representantes de organismos e institucións de diversos países europeos implicados na posta en marcha e desenvolvemento desta nova forza multinacional.
(Fonte: Santiago,
AGN).
 
06/03/2002
Política - Unión Europea
A Xunta considera "limitadas" as posibilidades de que Galicia sexa sede da Axencia Europea de Seguridade Marítima
O conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, contestou así en resposta a unha pregunta na que o BNG aseguraba que Galicia posúe condicións xeoestratéxicas "idóneas" para acoller esta sede. López Veiga tamén indicou que en calquera caso a decisión permanece aberta, aínda que a concesión da Axencia de Seguridade Alimentaria a Catalunya limita as posibilidades de Galicia.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Política - Cooperación Exterior
Galicia e EEUU intercambiarán experiencias en materia de política de vivenda
Galicia e EEUU porán en común as súas experiencias en materia de vivenda, segundo asegurou o presidente da Xunta tras un encontro mantido en Santiago co secretario de Vivenda norteamericano, Mel Martínez. O político estadounidense, de orixe galega, eloxiou a Manuel Fraga, quen destacou a Martínez coma "unha das persoas máis destacadas da comunidade hispana en EEUU".
(Fonte: Santiago,
AGN).

Economía - Portugal
Caixanova abriu no centro de Braga a súa terceira sucursal portuguesa
A nova sucursal forma parte do Plano de expansión polo que Caixanova apostará forte a partires de agora no mercado luso. A entidade galega ten pensado contar cun total de dez oficinas en Portugal en 2004. Ademais de en Portugal Caixanova está presente en México, Venezuela, Alemaña e Suíza, e espera abrir oficinas proximamente en Estados Unidos, Brasil, Arxentina e Chile.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Economía
A Confederación de Empresarios da Coruña abre un servicio para facer chega-los problemas das pemes á Comisión Europea
Este será o principal cometido do servicio de Información Europea que ven de crear a CEC, e que ademais actuará coma punto de contacto na Coruña do Euroinfocentro de Galicia. Para a CEC, a necesidade deste servicio radica en que "este tipo de empresas son as que habitualmente están menos informadas ó respecto das cuestións comunitarias"
(Fonte: Santiago,
AGN).

Emigración: solidariedade
A Asociación de Solidariedade co Retorno do Emigrante Galego pide colaboración para apoiar ós galegos na Arxentina
Con este obxectivo a Asociación realizará unha colecta co lema "A solidariedade é algo que o galego non pode nin debe esquecer", e indica que tomará tódolos coidados necesarios para que a axuda chegue a quen máis lle faga falla. Nese senso solicita a cooperación das pequenas sociedades que representan na Arxentina ós emigrantes galegos, coma "Los Hijos de Porto do Son" ou o "Centro Muradán".
(Fonte: Santiago,
AGN).

Sociedade
A idea de que só se combate a guerra cunha educación para a paz centra un ciclo de conferencias na EGAP
Foi o presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz, Manuel Dios, quen formulou a necesidade "dunha Cultura da Paz para desaprende-la guerra"; este é o título das conferencias que organiza o Seminario, nas que participarán destacadas personaxes da intelectualidade galega e española. Serán os directores do CIP, Centro de Investigacións para a Paz, e do IGADI, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, os encargados de inaugura-las xornadas, nas que tamén terán cabida os cambios na orde internacional dende o 11-S, ou as relacións internacionais dende unha perspectiva feminista.
(Fonte: Santiago,
AGN).
 
05/03/2002
Pesca - Unión Europea
A entrada da UE na nova organización pesqueira do Pacífico podería permitir duplica-la presencia de atuneiros galegos na zona
O mercado destes barcos está fundamentalmente en Ecuador e Guatemala, ademais de outros países de Centroamérica e Latinoamérica, onde teñen as súas factorías conserveiras as empresas donas dos buques Garavilla e Albacora, ademais do grupo Calvo. Estímase que gracias á entrada da UE na organización, os buques atuneiros galegos na zona serían como mínimo o dobre que na actualidade.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Cooperación exterior - Unión Europea
Galicia participará na primeira reunión transnacional do Proxecto Stella en Holanda
Galicia conta no marco deste proxecto con dous socios transnacionais: Alemaña co proxecto Development, e Holanda co proxecto Diferent, todos enmarcados dentro da iniciativa europea Equal.A Consellería de Asuntos Sociais participará na 1ª reunión transnacional do Stella en Holanda que ten coma fin dar a coñecer en profundidade o contido do proxecto para concreta-los intereses transnacionais comúns.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Política
Os tres grupos parlamentarios galegos acordan restablece-las comisións de Asuntos Europeos, Emigración e Igualdade
Os representantes dos tres grupos parlamentarios acordaron hoxe restablecer tres comisións parlamentarias especiais que existían a pasada lexislatura e que consideran necesario que volvan a formarse: Asuntos Europeos, Emigración e Igualdade. Para iso non será necesaria modificación algunha no regulamento da Cámara, xa que xa estaban contempladas e operativas na pasada lexislatura.
(Fonte: Santiago,
AGN).
 
04/03/2002
Cultura
Educación aclara que o Atlas da Unesco sobre as linguas minoritarias é "xenérico" e que non fai alusión ó galego
Para a Consellería a situación aludida é "xenérica" para tódalas linguas minoritarias do mundo, e o bilingüismo propugnado pola Unesco, segundo os datos do Mapa Sociolingüístico de Galicia e do CIS, "é xa un feito en Galicia". Segundo o Departamento de Celso Currás o galego é "valorado como principal sinal de identidade de Galicia".
(Fonte: Santiago,
AGN).

Economía
Galicia produciu a cuarta parte das exportacións do sector téxtil español, durante o ano pasado
Segundo os datos da Asociación Téxtil de Galicia (Atexga), as exportacións do téxtil galego creceron un 27% durante o pasado ano. Galicia é a única Comunidade cun saldo positivo nesta balanza comercial e a segunda autonomía con maior volume de exportacións tras Catalunya. A Atexga organizou esta semana a visita dun grupo de xornalistas mexicanos ás principais firmas galegas; as exportacións galegas a México representan o 60% do total español no sector.
(Fonte: Santiago,
AGN).
 
03/03/2002
Política - Unión Europea
O Valedor do Pobo considera que "sería bo" que as Comunidades puideran estar representadas ante a UE "en temas puntuais"
O recén nomeado X.R Vázquez Sandes amosou a súa coincidencia coa tese defendida pola clase política galega en favor dunha representación directa das comunidades autónomas nos foros de decisión da UE. En entrevista coa cadena SER, asegurou que "sería bo" que nas delegacións do Estado perante a UE, foran "incrustados" representantes autonómicos cando se trate de "temas puntuais que afecten a unha comunidade específica".
(Fonte: Santiago,
AGN).
 
02/03/2002
Sociedade
Máis de 200 estranxeiros residentes en Galicia reúnense en Santiago para celebrar un "Encontro Intercultural"
A Casa Latinoamericana en Galicia e o Centro Sociocultural de Vite celebran hoxe en Santiago o "Iº Encontro Intercultural" co obxectivo de ofrecer un espacio de convivencia para que persoas de diferentes nacionalidades e residentes en Galicia entrasen en contacto e se relacionasen con compatriotas dos seus países de procedencia. No encontro participaron persoas de Latinoamérica, Europa e África.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Política - Unión Europea
CCOO Galicia pide á Presidencia española da UE mecanismos para tomar parte no plano europeo contra a violencia de xénero
O sindicato CCOO de Galicia ven de solicitar á Presidencia española o artellamento de "mecanismos axeitados" para facilita-la súa participación e a aportación de ideas na elaboración do plano integral sobre violencia de xénero que comezou a perfilarse durante o Cumio de ministros de febreiro en Santiago. Aberto o proceso de consulta cos axentes sociais, CCOO - Galicia quere aporta-la súa experiencia para integra-las súas propostas no Plano de Acción contra a violencia de xénero da UE.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Política - Asociacionismo
ATTAC-Galicia: "Galicia é unha das zonas que máis se beneficiaría dun imposto sobre especulación financeira"
Segundo o membro da xestora galega de ATTAC, a situación actual do mercado financeiro prexudica tremendamente ás rexións menos desenvolvidas, coma Galicia, e coa introducción da Taxa Tobin a nosa Comunidade percibiría unha serie de ingresos a partir da especulación que na actualidade non percibe. Ademais dos seus encontros cos grupos parlamentarios en prol da Taxa Tobin, ATTAC-Galicia considera convinte a apertura dun debate parlamentario sobre o tema.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Cultura - Portugal
Vigo acolle unha exposición sobre a Asemblea da República de Portugal
A Casa das Artes de Vigo acolle unha exposición temática sobre a Asemblea da República de Portugal para conmemora-lo 75 aniversario da Fundación do Centro Portugués de Vigo. Esta é a primeira vez que a mostra sae do Museu da Assembleia da República, emprazado no Palacio de Sâo Bento, en Lisboa. Asistiron á inauguración da exposición, entre outros, o presidente da Xunta, Manuel Fraga e mailo presidente de honor do Centro Portugués, Mario Soares.
(Fonte: Vigo,
AGN).

Acción Exterior - África
López Veiga afirma que os resultados en Namibia veranse "a longo prazo"
López Veiga referiuse á súa vista a Namibia, afirmando que os resultados veranse a longo prazo e e que espera que se traduzan nun maior afianzamento de Galicia en Namibia, na apertura para novos investimentos no país africano e a consolidación das empresas galegas que xa existen. O conselleiro de Pesca espera que o ministro de Pesca de Namibia se achegue a Galicia durante a súa vista oficial a España no mes de abril.
(Fonte: Vigo,
AGN).

Economía - Turismo
Promoción conxunta turística galego-portuguesa en "Xantar 2002"
As xornadas "Xantar 2002" de Ourense tratan de promover de forma conxunta o turismo e a gastronomía galega e portuguesa, cunha feira na que centos de expositores mostraron os productos gastronómicos máis representativos dos dous países. Os actos contaron coa presencia do presidente do Eixo Atlántico, do director xeral da Consellería de Industria e do conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Economía - Unión Europea
A Confederación de Empresarios da Coruña pon a disposición dos seus asociados un Servicio de Información Europea
Con este servicio, a CEC convértese en punto de contacto do Euroinfocentro ES221Galicia, deseñado para atende-las peticións das pemes en torno ás ferramentas comunitarias a disposición ou a participación en programas do ámbito europeo. Este programa pretende tamén exercer coma vieiro de transmisión á Comisión Europea das preocupacións e problemas que atopan as empresas en relación co Mercado Interior.
(Fonte: Santiago,
AGN).
 
 
Ver máis Diario Exterior

febreiro 2002 | xaneiro 2002 | 4º trimestre 2001 | 3º trimestre 2001
 
Volver

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/04/2002