| 27/02/2002 |
| Acción Exterior - África
Técnicos de Pesca da Xunta colaboran no desenvolvemento dunha organización pesqueira artesanal en Namibia A Consellería de Pesca está prestando asistencia técnica á construcción e desenvolvemento dunha organización pesqueira en Henties Bay, Namibia, localidade visitada hoxe polo titular de Pesca, Enrique López Veiga. Na tarde o conselleiro visitará a capital donde manterá unha reunión co xefe da Delegación da UE en Namibia, Jaime Ortiz, e co embaixador español, Javier Pérez. (Fonte: Santiago, AGN). Política O PSdG apoia o manifesto mundial para a aplicación da Taxa Tobin ás transaccións financeiras internacionais O PSdG presentou tamén unha proposición non de lei na que solicitan a posición favorable da Xunta á aplicación dun imposto sobre operacións especulativas, polo que pide ó Executivo galego que traslade ó goberno central "a posición favorable de Galicia" á Taxa Tobin. O Grupo Socialista insta ó Consello de Ministros a creación dun fondo de desenvolvemento para os países menos favorecidos. (Fonte: Santiago, AGN). Política - Unión Europea A Xunta considera que a presencia de Galicia na UE é atinxible e depende só da "vontade política" Segundo o secretario xeral de Acción Exterior e Relacións coa Unión Europea, Jesús Gamallo, a Xunta presentará ó remate da presidencia española da UE , en xuño, un informe que demostra que a presencia das autonomías na UE é posible sen ningún tipo de impedimento técnico, polo que a Xunta busca agora "gañar etapas e presentar iniciativas procesionais". Gamallo presentou ademais os obxectivos do seu departamento, que se centran no afortalamento da alianza da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O Goberno galego quere que ambas rexións potencien a súa dentro da UE, e vehiculiza-la súa presencia no Mercosur. (Fonte: Santiago, AGN). |
| 26/02/2002 |
| Política - Unión Europea
Camilo Nogueira solicita a Prodi que a UE recoñeza as competencias políticas e lexislativas das autonomías O eurodeputado do BNG quere que a futura Constitución europea recoñeza a posibilidade de que as comunidades autónomas participen directamente en Europa nas materias da súa competencia, coma xa o fan, dixo, en Alemaña, Holanda, Gran Bretaña, Austria ou Bélxica. Para iso solicitoulle hoxe ó presidente da Comisión Europea que a UE recoñeza a entidade política e lexislativa das CC.AA, ó tempo que acusou ó Goberno central de "ampararse no principio de soberanía" para "impedi-lo exercicio en Europa de competencias estatutarias". (Fonte: Santiago, AGN). Acción Exterior - África López Veiga garante ós empresarios galegos da pesca en Namibia apoio para a aproximación da normativa daquel país á da UE O conselleiro de Pesca visitou hoxe as factorías galegas en Namibia trasladando ós empresarios o apoio da Xunta e a disposición das autoridades namibias para aproxima-la súa normativa ás do contexto europeo, aspecto longamente demandado polos empresarios galegos da zona. López Veiga visitou tamén o Instituto de Investigacións Pesqueiras de Walvis Bay, interesado na colaboración galega para o control do medio mariño. (Fonte: Santiago, AGN). |
| 25/02/2002 |
| Acción Exterior
A Academia de Dereito de Tréveris, Alemaña, invita a Fraga á celebración do seu décimo aniversario A Academia de Dereito Europeo de Tréveris é un dos catro institutos europeos adicados a formar xuristas en materia de Dereito Comunitario, e este décimo aniversario terá coma tema central o desenvolvemento constitucional da UE, segundo explicou o director da institución trala reunión co presidente da Xunta, á que tamén asistiu o conselleiro de Educación, Celso Currás. (Fonte: Santiago, AGN). Acción Exterior - África O conselleiro de Pesca visita hoxe as empresas galegas en Namibia e entrevistase co presidente do país O obxectivo final da viaxe é reforza-lo vencellamento pesqueiro co país africano, ademais de trasladar ó presidente da República, Sam Nujoma, a invitación do presidente da Xunta para visitar Galicia.López Veiga, que viaxa acompañado da directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, entrevistarase co Xefe da Delegación da UE en Namibia e coa alcaldesa de Walvis Bay, onde están as principais empresas galegas con intereses no país. Por outra banda, a Xunta ofrecerá ás autoridades namibias un programa para que os mozos africanos podan seguir en Galicia cursos náutico-pesqueiros e de acuicultura. (Fonte: Santiago, AGN). Cooperación Exterior Os gobernos de Galicia e Honduras colaborarán no desenvolvemento da acuicultura A colaboración entre empresas hondureñas e galegas na investigación e o desenvolvemento do sector da acuicultura centra a reunión que hoxe manteñen o conselleiro de Emigración e Cooperación Exterior e o ministro de Agricultura e Pesca de Honduras. A visita da delegación hondureña supón a sinatura dun acordo coa Universidade de Santiago de Compostela para inicia-la primeira fase dun proxecto de investigación que avalíe as posibilidades de desenvolvemento das empresas galegas do sector en augas hondureñas. (Fonte: Santiago, AGN). Emigración - Solidariedade Mañá chegarán a Bos Aires as primeiras 14 toneladas de productos galegos de calidade enviados pola Xunta Segundo informou a Consellería de Emigración, os destinatarios do envío son os residentes do Fogar Galego para Anciáns Domselar, aínda que a Xunta cederá unha parte do cargamento ó Goberno arxentino para atender ós colectivos ou institucións que considere máis necesitados. O vindeiro mércores partirá cun novo envío formado por conservas de calidade proporcionadas por empresas galegas. (Fonte: Santiago, AGN). Política ATTAC-Galicia mantén para hoxe unha reunión co grupo parlamentario socialista cara acada-lo apoio á Taxa Tobin ATTAC-Galicia comeza hoxe unha serie de entrevistas cos grupos parlamentarios galegos para busca-lo apoio institucional á creación da Taxa Tobin e a adhesión do parlamento en pleno ó "Manifesto Mundial dos Parlamentarios para a Taxa Tobin". Os Parlamentos de Madrid, Catalunya, Asturias e Andalucía, comunidades nas que ATTAC tamén ten representación, xa amosaron a súa disposición a aproba-la posta en marcha da Taxa. (Fonte: Santiago, AGN). Política - Unión Europea Daniel Varela pide á UE que defina as rexións altamente dependentes da pesca para acomete-la reforma da Política Común O eurodeputado galego do PPE, voceiro do Grupo Popular na Comisión de Pesca, emprazou á Comisión Europea a realizar un novo estudio que determine cales son as rexións nesta categoría, e se Galicia está entre elas, cara á reforma da PCP. Varela lembrou a existencia do mecanismo de distribución das cotas en augas comunitarias en función das rexións "altamente dependentes da pesca", que incluíu a Groenlandia (que xa non está na UE) e a Irlanda (que xa supera os criterios das rexións en cohesión). (Fonte: Santiago, AGN). Economía - Empresa Empresarios españois e noruegueses das telecomunicacións reúnense hoxe en Ferrol para establecer acordos de cooperación O CIS-Tecnoloxía e Deseño, o Consello Comercial Noruegués e o Grupo IZAR promoven conxuntamente este seminario, que pretende crear unha plataforma de colaboración entre España e Noruega. As empresas galegas que confirmaron a súa participación son Alfa 21, Altia Consultores, Arteixo Telecom, Emetel Sistemas, Essential Information, Hardware and Programming Galicia, Intelsis, Intergal, Isullux Wat, Pragmalia, R, Savecín, Softgal, e Telémaco. (Fonte: Santiago, AGN). |
| 21/02/2002 |
| Hoxe iníciase o labor de carga dun barco
que levará vehículos e axuda humaniataria a Cuba O cargueiro holandés Nirint Explorer atracará nas próximas horas no porto de Vigo, de onde partirá cara Cuba co material recollido nos últimos meses a través da campaña "Fran País", desenvolvida pola Confederación Intersindical Galega, CIG, e outras organizacións. Os concellos de Vigo, Baiona, Oleiros, Narón e Ourense, xunto á Fundación Paz e Solidariedade e as Mocidades da CIG, son algúns dos organismos que secundaron esta iniciativa. (Fonte: Vigo, AGN). |
| 20/02/2002 |
| Portugal - Universidade
A profesora da USC Pilar Vázquez Cuesta será investida doctora Honoris Causa pola Universidade de Lisboa Pilar Vázquez Cuesta, profesora Emérita dende o ano 91 da Universidade de Santiago de Compostela e primeira Catedrática de Filoloxía Galega e Portuguesa desta cidade, considerou, nunha entrevista coa Universidade compostelá, que este é "o maior premio que se lle pode dar ó meu traballo e a tantos anos a prol do galeguismo". (Fonte: Santiago, AGN). Política - Solidariedade Fraga emite o seu pésame a Bolivia pola morte de 27 persoas na tormenta ocorrida esta mañá na capital do país O presidente da Xunta expresou a súa solidariedade ó Embaixador de España en Bolivia, quen será o encargado de transmitirlle ó presidente boliviano, Jorge Quiroga, o sentimento de pesar do pobo galego ante a traxedia. Por outra banda, Fraga felicitou tamén ó colexio de educación infantil e primaria "Manuel Fraga" de Cariño, A Coruña, pola súa decisión de destina-la recadación do Día da Paz á adquisición de medicamentos para enviar a Arxentina. (Fonte: Santiago, AGN). Política - Emigración O conselleiro de Emigración asegura que o reparto de medicamentos na Arxentina é supervisado por traballadores sociais Estes axentes son os que garanten que o reparto se faga entre os colectivos máis necesitados, sinalou Miras Portugal, quen tamén confirmou as dificultades para que a información sobre o reparto de medicamentos chegue a todo o colectivo de galegos emigrantes, se ben, dixo, a Xunta xa pediu a elaboración destas listas e a mellora dos medios dos consulados. O conselleiro tamén pediu o apoio da oposición para a entrega de medicamentos centralizada en torno ó Centro Galego de Bos Aires. (Fonte: Santiago, AGN). Política - Unión Europea Fraga ofrece "unha disposición clara ó diálogo" para elaborar un documento conxunto do Parlamento sobre a presencia de Galicia na UE En resposta ó voceiro nacional do BNG, Xosé Manuel Beiras, Fraga dixo que "un dos problemas máis serios da UE" é a presencia de 211 entidades rexionais nas que "só os Länder alemáns, os cantóns suízos, Bélxica e Escocia teñen recoñecidos eses dereitos", en referencia á representación galega nos foros de decisión da Unión Europea. Beiras asegurou que a postura do BNG nesta materia "móvese nas mesmas coordenadas" expresadas polo presidente da Xunta e mostrou a disposición do seu partido a "participar no proceso de consecución dunha fórmula común" cara artella-la participación de Galicia nas institucións comunitarias. (Fonte: Santiago, AGN). Economía Brasil busca en Galicia melloras tecnolóxicas para o sector pesqueiro Un grupo de empresarios do Estado brasileiro de Paraná chega hoxe a Pontevedra para participar nunha misión comercial organizada pola Cámara de Comercio da cidade en colaboración coa Consellería de Pesca. O presidente da Cámara pontevedresa asegurou que os empresarios brasileiros buscan colaboración en tecnoloxía pesqueira, cultivos mariños, acuicultura e marisqueo. (Fonte: Atlántico Diario). Acción Exterior - Portugal A Escola de Negocios de Caixanova internacionalizase cunha sede en Porto Caixanova inaugurou onte en Porto unha delegación da súa escola de negocios, nun acto que contou coa presencia do ministro de economía luso, Braga da Cruz, e o conselleiro de Industria, Rodríguez Yuste. Julio Fernández Gayoso, director da entidade, anunciou que Caixanova ampliará a dez a rede de sucursais en Portugal nos vindeiros dous anos. Ademais da clara aposta por Portugal, e pola formación dos cadros directivos empresariais da Eurorrexión, Gayoso destacou a internacionalización da Escola de Negocios, que xa colabora coa Universidade de Gales. (Fonte: Atlántico Diario). |
| 19/02/2002 |
| Política - Unión Europea
PP e PSdeG acordan que a Xunta reclame ó Goberno a reforma do Senado e a participación das rexións nos órganos da UE A proposta, presentada polo PSdeG, propugna que a Xunta inste ó Goberno a que convirta o Senado nunha Cámara de representación efectiva das comunidades "como expresión do carácter plurinacional, pluricultural e plurilingüístico de España". Tamén esixe que as Comunidades podan exercer por delegación estatal a representación española nas institucións da UE cando se traten materias de competencia autonómica. (Fonte: Santiago, AGN). López Veiga reitera a súa intención de defender "activamente" os intereses pesqueiros galegos " en tódalas Institucións europeas" O conselleiro de Pesca sinalou que "o futuro da pesca galega pasa por Europa" e asegurou que a Xunta "non renuncia a tela súa liña independente de acción" perante órganos comunitarios coma o Comité das Rexións. A oposición pediu a López Veiga unha maior defensa perante a UE dos intereses galegos, con presencia directa do conselleiro de pesca no Consello de Ministros de Pesca comunitario, e foi remitida polo conselleiro ó posicionamento do presidente da Xunta sobre esta materia. (Fonte: Santiago, AGN). |
| 18/02/2002 |
| Acción Exterior - Emigración
Touriño considera necesario amplia-la distribución dos medicamentos máis alá dos centros galegos na Arxentina Touriño asegura que os centros galegos só agrupan "un 10 ou 15%" dos emigrantes galegos, por iso propón a creación dun censo da comunidade galega no país austral . O voceiro de PsdeG regresa hoxe a Galicia, tras catro días de viaxe na Arxentina para tomar contacto coa colectividade galega, e coa intención de solicitar da Comunidade europea e da Administración española un compromiso de apoio e cooperación. (Fonte: Santiago, AGN). |
| 17/02/2002 |
| Acción Exterior - Emigración
Touriño indica que a actuación do Goberno central cos emigrantes galegos na Arxentina resulta "altamente insatisfactoria" Touriño chegará a Galicia solicitando que sexa a Xunta a que consiga involucra-lo Executivo central coa situación deste colectivo. Pérez Touriño indicou que a axuda humanitaria enviada dende o Goberno autonómico resulta "positiva" ó crear un sentimento de "proximidade" a Galicia dos emigrantes, pero solicitou a organización de programas coordenados entre os gobernos central e autonómico para ofrecer un "espacio de traballo" a toda a comunidade española; do contrario podería xerarse un "sentimento de marxinación, discriminación e humillación" no seo do colectivo. (Fonte: Bos Aires, AGN). O Centro Galego de Bos Aires pide que a Xunta elabore un censo de emigrantes para reparti-los medicamentos O Centro, que é un dos hospitais privados máis importantes da capital da Arxentina, conta cos 6 envíos de medicamentos nos seus almacéns e non sabe como repartilos. A Xunta Directiva deste organismo reuniuse hoxe con Pérez Touriño -PsdeG- para pedir que a Xunta elabore un censo de galegos e das súas necesidades. Polo momento o Centro Galego repartiu 7.000 formularios entre toda a comunidade galega, recibindo 2.500 solicitudes sen poder facer entrega dun só dos medicamentos recibidos. (Fonte: Bos Aires, AGN). Economía - Turismo A Feira Internacional Semana Verde de Galicia prepárase para celebrar este ano o seu 25 aniversario A Feira celebra este ano o seu 25 aniversario coma "o gran escaparate" da modernización do sector agrario. A organización pretende que este certame sexa o "mellor da historia", para o que aposta por acadar un maior grao de internacionalización coa presencia en Silleda de firmas procedentes fundamentalmente de Europa e Latinoamérica. A Semana Verde está consolidada coma "o espacio idóneo para consolida-las relacións comerciais entre a UE e o Mercosur". (Fonte: Santiago, AGN). |
| 16/02/2002 |
| Emigración - Municipalismo
A Fegamp abrirá unha conta de depósito na que os concellos incluirán axudas para os galegos na Arxentina O vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Manuel Lagares, anunciou hoxe en Bos Aires que a entidade abrirá unha conta de depósito para que os concellos galegos ingresen axudas para os emigrantes. Neste depósito, que complementará os envíos de medicamentos da Xunta, poderán incluí-las súas axudas todos os concellos de Galicia que teñen veciños na Arxentina. (Fonte: Bos Aires, AGN). Economía - Unión Europea Un proxecto subvencionado pola UE pretende a transformación das cooperativas galegas e a súa colaboración con outras europeas "Espadelada" é un novo proxecto que as Consellerías de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e Industria van poñer en marcha dentro da iniciativa comunitaria Equal. O proxecto constará de varias fases ata o 2004 e ten o obxectivo de achega-las cooperativas galegas ó contorno das Administracións Públicas e das empresas de toda Europa, activando o potencial socioeconómico destas importantes fórmulas empresarias da sociedade galega. (Fonte: Santiago, AGN). Cultura - Portugal Unha exposición itinerante por toda España e Portugal amosa a importancia da cultura do viño en Galicia "2000 anos da Cultura do Viño na Península Ibérica" é o nome da exposición coa que o concello de Cambados, o Museo do Viño do Salnés, a Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal e outras entidades pretenden destaca-la relevancia do viño coma factor cultural de Galicia e das súas relacións con outros lugares de España e Portugal. (Fonte: Santiago, AGN). Acción Exterior - Emigración Touriño propón que a Xunta e o Goberno central invistan 60 millóns de euros durante dous anos nun programa de cooperación con Arxentina O secretario xeral do PsdeG propuso hoxe en Bos Aires que os gobernos central e autonómico desenvolvan un programa de cooperación para crear un total de 10.000 postos de traballo en Arxentina durante os dous vindeiros anos. O obxectivo, dixo, é ofrecer emprego e medidas de apoio complementarias ás axudas directas enviadas dende Galicia e resto de autonomías. Touriño propuxo tamén que Xunta e Goberno central extendan o sistema de benestar ós galegos residentes en Arxentina. |
| 13/02/2002 |
| Portugal
O Observatorio Urbano do Eixo Atlántico estudia elaborar proxectos de desenvolvemento da eurorrexion Galicia-Norte de Portugal Os integrantes do Padroado da Fundación, que preside o alcalde de Vigo, Lois Castrillo, reuníronse hoxe na cidade. Neste encontro acordaron debater na vindeira asemblea do Eixo Atlántico a proposta de converter o Observatorio nun instrumento de apoio das urbes deste organismo e da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal. Con esta proposta a Fundación Observatorio Urbano do Eixo Atlántico preparase para amplia-las súas funcións actuais. (Fonte: Vigo, AGN). Emigración A Deputación da Coruña centrarase en 2002 en proxectos de infraestructuras e axudas á emigración O titular da Xunta, Manuel Fraga, recibiu esta mañá o presidente da Deputación da Coruña, Jose Luís Torres Colomer, co obxectivo de coordenar fórmulas para o orzamento. Torres Colomer sinalou que ámbolos dous estudiaron as formulas para coordenar algunhas partidas para potenciar "riquezas da provincia" coma o turismo ou as axudas a emigración. Nese senso, afirmou que se centrarán especialmente no apoio ós emigrantes de La Plata. (Fonte: Santiago, AGN). Acción Exterior Touriño inicia hoxe unha viaxe de catro días a Bos Aires O secretario xeral do PsdeG propuso hoxe que a Xunta e o goberno central inicien un "programa de cooperación" cara conseguir o retorno graduado de preto de 25.000 emigrantes galegos atrapados pola crise arxentina. Touriño advirte que a situación de "abandono" por parte do Executivo central crea un sentimento antigalego en Arxentina, e aposta por "revitaliza-la imaxe de Galicia e España en positivo". O líder socialista viaxa por cuarta vez dende a precampaña para visitar os galegos de Arxentina. Economía Pescanova amplía a súa presencia en Arxentina a través de dous barcos da Vasco Galega adicados á pesca de pescada O grupo galego Pescanova amplia a súa presencia en Arxentina. A multinacional galega posúe no país austral un centro de acuicultura dende finais de 2000. O presidente da armadora, Alejandro Fernández Eraso, asegura que se porán en marcha "inmediatamente" os dous barcos arxentinos da Vasco Galega, pese á difícil situación que vive o país. (Fonte: Santiago, AGN). O productos pesqueiros de Galicia estarán presentes na Feira Internacional de Bremen a través da Xunta e do sector privado A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos participará dende mañá ata o vindeiro día 17 na VIII Edición da Feira especializada "Fish International 2002" en Bremen. O principal obxectivo, tanto da Consellería coma das entidades pertencentes ó sector privado, é a promoción dos productos de pesca de Galicia e a busca de novas saídas comerciais para o sector da conservación. A representación do Goberno galego por segunda vez, xunto coa da FROM- Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, é a única representación institucional española presente nesta feira. (Fonte: Santiago, AGN). |
| 12/02/2002 |
| Unión Europea
Maña dará comezo en Santiago o Cumio de Ministros de Xustiza e Interior da UE Fronte os ministros europeos situaranse os movementos de protestas contra a política da UE e contra o forte dispositivo policial despregado, non en van o número de policías que velarán pola seguridade do cumio será o mesmo que o número de manifestantes previstos. Na xornada de onte, un colectivo de intelectuais e empresarios posicionouse contrariamente ó Cumio mediante a publicación dunha carta aberta na que amosan a súa preocupación pola "mingua de liberdades" que implica algunha das medidas que se debaterán durante a reunión de ministros. CCOO abrirá as manifestacións autorizadas o vindeiro mércores, ó igual que a CNT, así coma a CIG e o Foro Debate en Acción o xoves. (Fonte: Santiago, AGN). Economía Unhas 2000 pemes galegas poderán incrementar un 20% a súa cifra de negocio e internacionalización gracias o proxecto "Gaelic" Ademais disto, o proxecto "Gaelic" prevé establecer contactos entre as pemes galegas participantes e 300 pemes do Norte de Portugal. Galicia, Euskadi, Extremadura e Cantabria son as únicas comunidades españolas que acadaron a máxima axuda contemplada dentro da UE para este proxecto; no caso galego aproveitase case ó máximo o grao de financiamento comunitario, cun 79% do total do proxecto presentado. Trátase dun proxecto de carácter rexional no que estarán implicados institucións, organismos, e empresas dos sistemas productivos específicos da comunidade. (Fonte: Santiago, AGN). Tivo Metal recibe o Premio á Internacionalización das Pemes galegas O galardón , convocado polas Cámaras de Comercio Galegas no marco do FOEXGA, recoñece a actividade exportadora dunha industria adicada á fabricación de ferraxes para a industria do moble e a súa proxección internacional. Tivo Metal elaborou en 1998 o seu primeiro plano estratéxico de desenvolvemento de mercados e comezou a súa actividade en Latinoamérica e Europa a través do plano PIPE. Catro anos despois, o 40% da facturación da empresa provén de mercados alleos ó español. (Fonte: Santiago, AGN). |
| 08/02/2002 |
| Acción exterior - Universidade
Dous estudiantes de Medicina da Universidade de Santiago poñen en marcha en Sudáfrica un proxecto de intervención solidaria O proxecto ten o obxectivo inicial de coordena-las actuacións sobre a prevención da SIDA e a asistencia a nenos horfos a causa desta enfermidade. O iGgB12 Project inclúese no marco de actividades da asociación IFMSA-Spain, pertencente á International Federation Of Medical Students Associations. (Fonte: Santiago, AGN). |
| 07/02/2002 |
| Política - Unión Europea
Fraga confía en que o Comité das Rexións adquira carácter vinculante durante esta lexislatura O presidente da Xunta solicitou que o CdeR siga unha evolución semellante á do Parlamento Europeo, que xa ten capacidade co-decisoria para algunhas cuestións, como os orzamentos. Ademais, engadiu que o Comité das Rexións ten que adquirir carácter normativo e "debe intervir" en tódalas normas que afecten ós intereses locais e rexionais, como o reparto dos fondos estructurais e de cohesión, xa que neste organismo están representadas as administracións que "as van aplicar". (Fonte: Bruxelas, AGN). Fraga solicita "maiores cotas de influencia" do Comité das Rexións nas decisións da UE Fraga defendeu no seu discurso, que deu apertura ó Pleno do CdeR, "unha participación máis activa" das rexións e os entes locais. En referencia ás aspiracións nacionalistas de certas rexións europeas o presidente da Xunta conclúe que a dimensión rexional e local do proxecto comunitario debe manter "a lealdade ó ordenamento dos Estados membros" e engadiu que a preservación das nosas culturas rurais e pesqueiras "sería sen dúbida máis difícil" se non existise a "magna obra" dunha Europa unida. (Fonte: Bruxelas, AGN). A Xunta declara que "non vai renunciar" a que Galicia participe nas decisións da UE que afecten ás súas competencias O conselleiro de Presidencia, Xaime Pita, indicou esta mañá ante o Pleno do Parlamento que a Xunta "non vai renunciar" as súas pretensións de que a voz de Galicia chegue á UE. Pita desbotou a fórmula proposta por autonomías coma Euzkadi, Catalunya ou Extremadura para crear unha rede de rexións con poder lexislativo. Propuxo a cambio a reforma do Senado para convertelo nunha verdadeira cámara de representación territorial e peza clave para traslada-la postura das autonomías á UE. (Fonte: Santiago, AGN). Fraga asegura que a reforma da PAC será "de acordo no esencial" cos intereses de Galicia O titular do Executivo galego manifestouse nese senso trala entrevista que mantivo en Bruxelas co galego José Manuel Silva, director xeral de Agricultura da Unión Europea., quen lle transmitiu ós seus parabéns pola posta en marcha dunha Axencia de Desenvolvemento Rural en Galicia. Previamente Fraga mantivo un encontro cos responsables do parque Midi de Bruxelas, onde se atopa unha miniatura da Catedral de Santiago, entre outros monumentos. (Fonte: Bruxelas, AGN). Os socialistas buscarán un acordo no Parlamento cara impulsa-la tese "popular" de maior participación de Galicia na UE O PsdeG presentará unha proposta no próximo pleno do Parlamento para que Galicia poda participar nos consellos da UE, buscando un pronunciamento unánime do Parlamento dentro da tese defendida polo presidente da Xunta. O PsdeG solicitará que o Goberno galego poda designar un representante autonómico na delegación española no Consello de Ministros con capacidade para participar nas deliberacións. (Fonte: Santiago, AGN). A socialista Miguélez coincide coa tese de Fraga ó defender perante a Comisión Europea a participación das rexións no Consello de Ministros da UE A eurodeputada socialista Rosa Miguélez defendeu hoxe perante a Comisión Europea a presencia directa das rexións nas reunións dos consellos de ministros da UE. Así mesmo lembrou á Comisión, e tamén á Presidencia da UE, que certos Estados membros incorporan nas súas delegacións a representantes das súas rexións, caso de Bélxica, e tamén que en España "as rexións son tan Estado coma o Goberno central" e que "así se reflicte na Constitución e así o defende o presidente da miña rexión, Galicia", en alusión a Manuel Fraga. (Fonte: Santiago, AGN). A futura ampliación da UE suporá para Galicia novos mercados e un "territorio de crecemento" para as empresas O director xeral para a ampliación da UE, Eneko Landáburu, opina que os fondos que Galicia recibe dende 1986 deben ter servido para crear "unha estructura industrial e económica" e os novos países que integrarán a UE constituirán unha oportunidade de expansión. Landáburu considera que Galicia "recibiu moito durante moitos anos" e que "sempre hai que estar ó tanto", no senso de que Galicia ten que seguir pendente "para ver de que xeito seguirá percibindo axudas". (Fonte: Bruxelas, AGN). Acción exterior A Fundación Araguaney pide a colaboración cidadá para que Ariel Sharon sexa investigado polos crimes de Sabra e Shatila A Fundación Araguaney pide á sociedade galega o apoio á solicitude dirixida á Alta Comisionada da ONU para os Dereitos Humanos, Mary Robinson. O Justice and Peace Group, Grupo da Paz e da Xustiza, é o encargado de formular esta petición, que xa está recollendo sinaturas dende distintas partes do mundo. (Fonte: Santiago, AGN). Cultura Galicia participa na mostra "España en Roma. Roma en España", que mañá se inaugura na capital italiana A Consellería de Cultura participará na exposición coa aportación de diversas fotografías sobre a arte romana en Galicia. A colaboración é obra do fotógrafo vigués Carlos Rodríguez Prieto. A mostra, que se abrirá na sala de exposicións do Instituto Cervantes de Roma, está integrada polas obras fotográficas de 16 artistas españois pertencentes a outras tantas comunidades autónomas. (Fonte: Santiago, AGN). Deporte Os deportistas galegos acadaron máis de 1.200 medallas en competicións nacionais e internacionais o pasado ano Segundo a Secretaría Xeral para o Deporte, as delegacións galegas subiron ó podio en 88 campionatos internacionais. A comunidade galega destaca como a principal potencia española en piragüismo, duplicando o número demedallas entre o 2000 e o 2001, sendo tamén moi notables os éxitos acadados no atletismo; judo, taekwondo e loita, e squash. (Fonte: Santiago, AGN). |
| 06/02/2002 |
| Portugal - Sindicatos
CCOO participará na folga de arrastre convocada hoxe polos sindicatos portugueses impedindo as vendas no porto de Vigo CCOO colaborará para que os armadores lusos vendan as súas capturas nas lonxas galegas durante as xornadas de paro, segundo informou o sindicato. Unha delegación da organización entrevistarase o vindeiro luns con representantes do sindicato CGT do Norte de Portugal para concretar formas de actuación; a reunión servirá ademais para debater outros asuntos de interese común coma a futura paralización da flota da sardiña en Portugal ou os problemas con Marrocos. (Fonte: Santiago, AGN). |
| 05/02/2002 |
| Política - Emigración
O conselleiro de Emigración pidelle ó Goberno central un plano integral de atención ó emigrante Miras Portugal adicou a súa comparecencia no Parlamento para reclamar un plano integral de atención ó emigrante a nivel estatal. Miras explicou os proxectos da Consellería que inclúen a creación dunha Mesa da Emigración onde se presenten as propostas das organizacións políticas e sociais, a creación dunha lei de Cooperación ó Desenvolvemento, e maila creación da Fundación Galicia-Emigración, dirixida a captar recursos para axuda ó colectivo. (Fonte: Santiago, AGN). Política - Unión Europea Fraga viaxa mañá a Bruxelas para participar na elección da nova dirección do Comité das Rexións Manuel Fraga reunirase cos membros do PPE no Comité das Rexións así coma coa delegación española no mesmo órgano. Tamén ten prevista unha entrevista cos directores xerais de Agricultura, José Manuel Sila, e de Ampliación, Eneko Landaburu, na que se abordará a actualidade da política agrícola común dende a perspectiva galega, e mailo proceso e efectos para Galicia da ampliación da UE, respectivamente. (Fonte: Santiago, AGN). Economía - Portugal Ó redor de 800 médicos galegos emigraron a Portugal como alternativa laboral Preto de 800 médicos galegos atopanse traballando no Norte de Portugal gracias á mellora salarial de case o 40% que lles ofrece este país. Esta situación foi feita pública hoxe polo secretario do Colexio de Médicos de Ourense durante a toma de posesión do novo presidente do Consello Galego de Colexios Médicos, Julio González-Babé Ozores. (Fonte: Santiago, AGN). |
| 04/02/2002 |
| Colaboración internacional - Universidade
A Universidade de Vigo presenta hoxe os resultados dun programa en colaboración con Latinoamérica "Iberoeka" é un proxecto de investigación de novas tecnoloxías e usos da madeira de eucalipto. Iniciado en 1999 e impulsado pola Consellería de Medio Ambiente e o Programa Iberomericano de Ciencia e Tecnoloxía para o desenvolvemento, está coordenado polo profesor Carlos Baso, da Escola de Enxeñería Técnica Industrial da Universidade de Vigo en colaboración con empresas e outras institucións de Uruguai, Arxentina e España. (Fonte: Vigo, AGN). Sociedade O informativo "Noticias Galicia" de Antena 3 emítese dende hoxe para 16 países latinoamericanos "Noticias Galicia" chegará, a través da canle internacional de Antena 3, a un total de 4,5 millóns de fogares dos 16 países latinoamericanos aboados ó cable ou a difusión de TV por satélite, entre os que se atopan os países con maior presencia de galegos no exterior, coma Arxentina, Venezuela ou Panamá. (Fonte: Santiago, AGN). Acción exterior Beiras asegura en Arxentina que o BNG presentará iniciativas no Congreso e no Parlamento autonómico para consegui-la cobertura gratuita sanitaria dos emigrantes galegos O voceiro nacional do BNG asegurou este compromiso durante unha reunión na capital arxentina con representantes do Consejo de Residentes Españoles (CRE). Asi mesmo, Beiras defendeu a potenciación da información entre o Consulado e a Xunta de Galicia cara facilita-los trámites para os emigrantes en situación precaria. (Fonte: Santiago, AGN). Economía Caixanova investirá preto de 12 millóns de euros na apertura de 90 novas oficinas en Galicia, España e o estranxeiro O director xeral de Caixanova , Julio Fernández Gayoso, explicou que o proxecto presentado susténtase en tres principios: crecemento, internacionalización e especialización. Os planos de internacionalización inclúen a inauguración dunha oficina en Miami, unha maior presencia en Latinoamérica (con novas oficinas en Sao Paulo, Bos Aires e Chile), e unha maior presencia en Portugal, con novas oficinas en Sintra e Braga e a introducción dunha experiencia piloto: oficinas virtuais. (Fonte: Vigo, AGN). |
| 02/02/2002 |
| Acción exterior
O BNG reclama dende Porto Alegre o "respecto ós nacionalismos" e condena "tódalas formas de dominación e violencia" Así o reiterou o eurodeputado Camilo Nogueira que interveu hoxe no FSM nun ciclo adicado á "Soberanía e Nacións dos Pobos", lembrando ademais no seu discurso os vencellos lingüísticos entre Galicia e Brasil. Nese senso a delegación encabezada por Xosé Manuel Beiras, mantivo numerosos encontros cos líderes políticos brasileiros, acordando presentar iniciativas conxuntas perante o Parlamento europeo co Partido dos Traballadores de Brasil. (Fonte: Santiago, AGN). Economía - Unión Europea Un proxecto xestionado pola Zona Franca Vigo acada o máximo orzamento da UE dentro do programa de accións innovadoras O proxecto "Gaelic" contén unha serie de accións enfocadas ó desenvolvemento dunha plataforma de servicios a través da rede para lle servir de apoio ás actividades de internacionalización das pemes galegas. O programa promove iniciativas e -commerce e e-Logistic, promocionando o proxecto e-Europe entre as pemes do contorno. (Fonte: Vigo, AGN). |
| Ver máis Diario Exterior |
|
|
| xaneiro 2002 | 4º trimestre 2001 | 3º trimestre 2001 |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 10/03/2002
|