Diario Exterior / xaneiro de 2002

Igadi na Rede

Volver
   
Diario Exterior é unha recopilación de noticias breves captadas dos xornais galegos relativas ás actividades que se desenvolven en Galicia e que teñen relación co exterior, servindo de feito como proxección exterior de Galicia e dos seus axentes, empresariais, politicos, etc.
   
   
31/01/2002
Sociedade - Arxentina
A Cátedra Bolívar analizará o luns a dificil situación pola que atravesa Arxentina
O catedrático de comercio internacional da universidade OTR de Montevideo e ex director de Comercio no Ministerio de Economía e Finanzas, Isidoro Odara, analizará os recentes acontecementos en Arxentina. As actividades continuarán o vindeiro 4 de marzo, coa intervención do catedrático da universidade da República e asesor da Bolsa de Valores de Montevideo, Siegbert Rippe, quen abordará as perspectivas do Mercosur. Ambas actividades están organizadas pola Cátedra Bolívar da Universidade de Santiago que, dende o curso 98-99, estableceu numerosos contactos con universidades latinoamericanas organizando, entre outros, o Encontro Académico-Empresarial Europa-América Latina.
(Fonte: Santiago, AGN).

Economía - Turismo
Fraga participa no Día de Galicia que celebra hoxe a Feira Internacional de Turismo de Madrid
O presidente da Xunta e o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo visitan hoxe o stand institucional de Galicia en FITUR 2002, nun acto no que se congregarán empresarios, operadores, e autoridades relacionadas co sector turístico nacional e internacional. Axentes franceses, alemáns, italianos e británicos xa amosaron o seu interese por establecer contacto con profesionais turísticos galegos no ámbito das axencias de viaxe e a hostelería.
(Fonte: Santiago, AGN).

Fraga afirma en FITUR 2002 que o 11-s non prexudicou ó turismo galego e augurou unha etapa de apoxeo do sector
O titular do executivo galego destacou a importancia do sector, que representa o 10 % do PIB galego, e que vive en Galicia "unha etapa sen precedentes". Fraga referiuse ós principais proxectos que terán repercusión en termos turísticos, a Cidade da Cultura e o Xacobeo 2004, evento este que "volverá a convertir a Galicia en epicentro turístico internacional".
(Fonte: Santiago, AGN).

Política - Emigración
A Xunta de Galicia destina case tres millóns de euros ós primeiros programas de axudas ós galegos no exterior
O Diario Oficial de Galicia, DOG, publica hoxe a orde pola que se establecen e regulan os programas de axudas e subvencións a favor dos galegos residentes no exterior. O Orzamento dispoñible repártese en 18 programas divididos en accións asistenciais e sociais, formativas, culturais, e destinadas á mocidade.
(Fonte: Santiago, AGN).

Política - Unión Europea
O Grupo Parlamentario Popular de Galicia califica de "positiva" a confirmación de que Galicia seguirá recibindo fondos europeos
O voceiro de Economía do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Barreiro, calificou así o anuncio feito onte polo comisario de Política Rexional, Michel Barnier, de que a comunidade galega seguirá recibindo estas axudas polo menos ata 2012. A xuizo de Barreiro, os fondos europeos que reciba Galicia deben ir destinados ás infraestructuras do ferrocarril e as estradas, así coma á consolidación dos sectores productivos, "o agrogandeiro e a pesca".
(Fonte: Santiago, AGN).

BNG, SLG, CIG e CAF manifstaránse por unha Europa "máis solidaria" coincidindo co Cumio de Ministros de Xustiza da UE
Representantes do BNG, do Sindicato Labrego Galego, o sindicato CIG e a organización estudiantil CAF reclaman asi un novo modelo comunitario que preste máis atención ás políticas sociais, e abrindo un debate que leve á UE a aplicar medidas de apoio ás rexións comunitarias máis deprimidas. Reclaman que a UE corrixa os desequilibrios territoriais, garantice a diversidade cultural e linguística e desenvolva unha política exterior fóra da influencia de EE.UU.
(Fonte: Santiago, AGN).
 
30/01/2002
Acción Exterior
Galiza Nova aportará as experiencias do nacionalismo galego no Foro Social Mundial
Unha delegación de Galiza Nova tomará parte, entre o 31 de xaneiro e o 5 de febreiro no III Foro Social Mundial, coa intención de aporta-las experiencias do nacionalismo e dar a coñecer a situación de Galicia nesta materia.
(Fonte: Santiago, AGN).
 
29/01/2002
Emigración
Miras Portugal: A Fundación Galicia-Emigración axudará a soster, non só ós aspectos materiais, senón a manter viva unha cultura "que é unha das culturas máis universais"
En entrevista coa AGN Aurelio Miras falou da posible coordenación de tódolos centros galegos, do papel que vai cumpri-la nova Fundación Galicia-Emigración, e da necesidade de organiza-lo posible retorno dos emigrantes. Dixo ademais que o seu departamento, ademais das accións en torno á Emigración, vai emprender tamén medidas no que toca á solidariedade, a través das ONGs e das institucións, e máis todo o que é cooperación exterior.
(Fonte: Santiago, AGN).

Miras Portugal comparecerá o vindeiro día 5 de febreiro no Parlamento para explica-las accións de goberno do seu departamento
O titular de Emigración asegurou hoxe que "existe colabaración" entre os grupos da oposición e o Goberno galego para axudar ó colectivo galego en Arxentina. A resposta da oposición é "magnífica" segundo Miras, que destacou a unidade ante esta problemática tal e como "demanda o pobo galego". O conselleiro explicará o día 5 no Parlamento as accións proxectadas polo departamento de Emigración.
(Fonte: Santiago, AGN).

Cultura
A Real Banda de Gaitas de Ourense participará nunha homenaxe en Nova Iorque ás víctimas de setembro
A banda interpretará unha selección de temas significativos relacionados coa cultura americana, e se fará entrega dunha escultura que simboliza o apoio de Galicia á cidade norteamericana. Lembremos que a Banda conseguiu o 1º premio no desfile de San Patricio do ano 2000, no que participaron 246 agrupacións musicais de todo o mundo.
(Fonte: Santiago, AGN).
 
28/01/2002
Pesca - Nafo
Unha delegación da Xunta viaxa hoxe a Dinamarca para participar na reunión anual da NAFO, que terá en Santiago o próximo encontro
A delegación galega, coma integrante da representación comunitaria, presentará unha proposta cara incrementar, ata en 1.000 toneladas, a cuota española de capturas para o fletán, a pesares de saber que se trata dunha pretensión moi ambiciosa, mesmo dende o punto de vista científico. A próxima reunión da NAFO terá lugar, a proposta da Xunta, en Santiago de Compostela, o vindeiro setembro do presente ano.
(Fonte: Santiago, AGN).

Unión Europea
Fraga di que "máis pronto ou máis tarde" a participación das comunidades na UE será "doctrina e práctica en España"
Malia iso o presidente do PPdeG admitiu que non é o momento "máis oportuno" para aproba-la emenda do seu partido ó Congreso Nacional do PP pedindo a presencia das autonomías na UE. A emenda foi transaccionada de xeito que se lle retirou o párrafo que aludía á presencia das comunidades na delegación española, pero esta posibilidade tampouco foi negada explícitamente, polo que aínda está aberta.
(Fonte: Santiago, AGN).

A Unión Europea concede unha subvención de tres millóns de euros para desenvolver programas baseados na economía rexional e nas TICs
Esta aportación económica, que forma parte das accións financiadas polo FEDER, servirá para desenvolver programas que permitan obter información sobre os sistemas de mercados nas economías rexionais baseadas en tecnoloxías da información e o coñecemento (TICs). Galicia recibirá a máxima subvención posible, tres millóns de euros, para un período que non pode superar os dous anos.
(Fonte: Santiago, AGN).

Santiago acollerá o vindeiro mes unha reunión informal de ministros de Asuntos Sociais sobre violencia contra a muller
Este encontro producirase tan só dous días despois da reunión de ministros de Xustiza e interior, o que fará que a capital de Galicia sexa considerada cidade de alto risco durante máis de dúas semanas; de feito, as distintas forzas de seguridade xa comezaron a realizar controles preventivos. A reunión comezará coa intervención do ministro español de Traballo, así coma dos comisarios europeos de Emprego e Asuntos Sociais, Xustiza e Interior.
(Fonte: Santiago, AGN).

Manuel Fraga participará a próxima semana en Bruxelas na elección da nova dirección do Comité das Rexións
O presidente da Xunta aproveitará a súa estancia en Bruxelas para reunirse co Partido Popular Europeo e coa delegación española no Comité das Rexións, entrevistándose tamén co director xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva, e de Ampliación, Eneko Landaburu.
(Fonte: Santiago, AGN).

Acción Exterior
Beiras visitará ós galegos residentes en Bos Aires nunha viaxe que o levará tamén a Brasil
O voceiro nacional do Bloque, Xosé Manuel Beiras, viaxará a Bos Aires coma parte dunha viaxe a Arxentina e Brasil que comezará o vindeiro 1º de febreiro co obxectivo principal de reunirse con representantes da colectividade galega. Beiras intervirá, por outra banda, en diversos debates do Forum Social Mundial: "Comercio Mundial", "Presupuesto Participativo", "Desafíos para a construcción dun mundo sen guerras" e "Os desaxustes da Globalización Neoliberal".
(Fonte: Santiago, AGN).

O eurodeputado do BNG Camilo Nogueira visitará o Forum Social Mundial de Brasil dentro da delegación nacionalista
Nogueira, que intervén por segundo ano consecutivo neste encontro, será o único representante do grupo parlamentario verdes-ALE do Parlamento europeo. Indica que se trata "dunha ocasión para poñer de manifesto as alternativas que hai ó pensamento único, que son a diversidade, a liberdade e a solidariedade".
(Fonte: Santiago, AGN).

Emigración
Once descendentes de emigrantes galegos estudiarán en Galicia gracias ás becas da Xunta
A Xunta de Galicia quere con esta iniciativa ofrecer ás familias dos emigrantes galegos apoio para que se poidan formar nas Universidades da súa terra. Están destinadas ós galegos e descendentes residentes no estranxeiro que estean cursando a súa primeira carrera universitaria e amosen especiais actitudes. O programa, implantado en 1990, xa beneficiou a 92 mozos procedentes de Suiza, Holanda, Perú, Brasil, EE.UU, Venezuela, México, Honduras, Arxentina, etc.
(Fonte: Santiago, AGN).

Un novo envío da Xunta con alimentos chega hoxe a Arxentina
Trátase do cuarto dos cargamentos destinados á comunidade galega no país austral. Nos vindeiros días partirá o quinto cargamento, o último dos previstos. Todos eles están sendo distribuídos pola farmacia do Centro Galego de Bos Aires. O Goberno galego xa anunciou a súa intención de completa-la axuda médica con outros envíos, esta vez de alimentos galegos de calidade que serán ofrecidos ó goberno arxentino para distribuír entre toda a poboación.
(Fonte: Santiago, AGN).

Empresas galegas donan os seus productos de calidade para o 1º envío de alimentos a Arxentina
As empresas de elaboración de productos galegos de calidade están realizando as súas donacións para o 1º envío de alimentos que a Xunta de Galicia mandará a Arxentina. Trátase de productos que non se poden atopar no país austral e que ademais non son perecedeiros. Esta donación forma parte do compromiso de colaboración establecido polo conselleiro de Emigración, Aurelio Miras, coa responsable de Acción Social arxentina, Hilda González.
(Fonte: Santiago, AGN).
 
26/01/2002
Acción Exterior
Beiras e Touriño viaxarán a Bos Aires en febreiro
O líder do BNG, acompañado polo deputado Xosé Francisco Ferreiro, responsable da área de emigración do Bloque, estará en Bos Aires os días 3 e 4, aproveitando o seu desprazamento para asisti-la asemblea parlamentaria do Foro Social de Porto Alegre (Brasil). Touriño, tamén acompañado pola responsable de emigración do partido, viaxará exclusivamente a Bos Aires.
(Fonte:
La Voz de Galicia).
 
24/01/2002
Sociedade
Mayor Zaragoza inaugura hoxe en Santiago o I Encontro Internacional sobre Cultura da Paz
O ex director xeral da Unesco será o encargado de pronunciar hoxe, no Consello da Cultura Galega (CCG), a conferencia inaugural do Encontro, que reunirá en Santiago a expertos procedentes de Universidades de todo o mundo. Todos eles farán fincapé na responsabilidade dos educadores na promoción de marcos de convivencia pacífica e integradora.
(Fonte: Santiago, AGN).

"Arxentinos no exterior" celebrará mañá en Vigo un "cacerolazo" de solidariedade co pobo austral
O movemento "Arxentinos no exterior", en colaboación coa CIG, concentrará ós arxentinos residentes en Galicia e emigrantes retornados co obxectivo de sensibiliza-lo pobo galego perante a situación que vive Arxentina. Trátase de "recupera-lo sentido solidario do pobo galego con Arxentina e expresa-lo repudio a unha lei de estranxería elaborada de xeito non consensuado e prexudicial para os arxentinos fillos de galegos emigrados", segundo un voceiro da organización.
(Fonte: Santiago, AGN).

Acción exterior
A asociación ecoloxista galega ADEGA participará na II Edición do Fórum Social Mundial en Portoalegre, Brasil
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) estará representada no FMS, un evento para a crítica da globalización neoliberal e a formulación de alternativas. ADEGA centrará a súa atención na sustentabilidade e o acceso ás riquezas.
(Fonte: Santiago, AGN).

Economía - Portugal
Máis de 200 empresas daránse cita na nova edición da Feira da Franquicia de Galicia e Norte de Portugal
Máis de 200 marcas nacionais e internacionais estarán representadas na terceira edición da Feira da Franquicia de Galicia e o Norte de Portugal, Franquiatlántico, no recinto ferial de Cotogrande, Vigo. Franquiatlántico acollerá paralelamente o I Salón do Emprendedor do Atlántico, a Aula de Franquicia, a celebración de xornadas técnicas e a presentación do coleccionable "Guía de Negocios".
(Fonte: Vigo, AGN).
 
23/01/2002
Emigración - Solidariedade
Emigración e a Fegamp colaboran na apertura dunha conta bancaria de axuda a Arxentina
A Federación Galega de Municipios e Provincias e a Consellería de Emigración colaborarán en accións de axuda ós emigrantes galegos en Arxentina e Uruguai. A primeira actuación será a apertura dunha conta bancaria solidaria que centralice as recaudacións que están realizando os concellos. O importe podería destinarse á adquisición de material humanitario ou distribuírse en Arxentina a través dunha fundación posta en marcha pola Consellería de Emigración.
(Fonte: Santiago, AGN).

Política - Unión Europea
A eurodeputada galega Rosa Miguélez é reelixida vicepresidenta primeira da comisión de Pesca da Eurocámara
Miguélez, reelixida por unanimidade, pasa asi a se-la única galega, e española, que permanece na mesa da devandita comisión. Na mesma reunión, tamén foi elixido o conservador escocés Struan Stevenson coma presidente da comisión de Pesca.
(Fonte: Santiago, AGN).

Touriño pide no seu libro que sexa o Senado a via para garanti-la intervención das autonomías nas decisións da UE
O líder socialista quere emprega-la reforma do Senado para "culminar" o desenvolvemento do Estado das Autonomías, o que, na súa opinión, servirá para finaliza-la confrontación entre centralismo e nacionalismos. Touriño alineouse asi coa tese de Fraga (que será presentada no Congreso do PP este fin de semana en Madrid), reclamando a presencia activa de Galicia na UE. Malia iso, Touriño expresa as súas reservas, augurando que estas propostas serán bloqueadas polo PP estatal.
(Fonte: Santiago, AGN).

Economía
Fraga destaca o interese de Nixeria por suministrar gas á planta de Ferrol
O presidente da Xunta considera a Nixeria coma un dos países "máis importantes da nova África" e asegurou que conta con "moitos intereses", xa que é un dos países subministradores de gas nos que se pensa para o futuro consumo da planta de Ferrol. Manuel Fraga fixo estas declaracións tras recibir en San Caetano ó recén nomeado embaixador de España na República Federal de Nixeria, o galego Alfonso Portabales Vázquez.
(Fonte:
El Correo Gallego).
 
22/01/2002
Acción exterior - Cooperación
O PPdeG afirma que a política galega de cooperación cos países necesitados incrementou o seu orzamento en máis de 770 millóns de pesetas dende 1992
O PPdeG sae así ó paso das críticas verquidas polo secretario xeral do PsdeG, quen calificou de "pequeno e egoísta" o esforzo de Galicia nas políticas de cooperación con outros países necesitados. Segundo o PPdeG este incremento financeiro viuse tamén reflictido na extensión da cobertura xeográfica destas axudas, que segundo os populares abranguen todo o mundo en xeral e, especialmente, os países latinoamericanos.
(Fonte: Santiago, AGN).

Turismo - Portugal
Turgalicia presentará a oferta turística galega para o ano 2002 na Bolsa de Turismo de Lisboa
A oferta turística galega estará presente na feira da Bolsa de Turismo de Lisboa (BTL) entre os días 23 e 27 de xaneiro. Esta importante feira internacional do turismo reunirá preto de 50.000 visitantes de 74 países. Turgalicia promoverá a diversidade turística galega nun mercado estranxeiro moi importante para Galicia.
(Fonte: Santiago, AGN).
 
21/01/2002
Acción exterior
Unha representación do BNG participa en Brasil nunhas xornadas sobre globalización
Unha delegación do BNG asistirá dende hoxe en Brasil ó encontro sobre democracia participativa e globalización organizado pola fundación Galiza Sempre. A iniciativa forma parte da serie de actividades coas que se pretende contribuír o coñecemento entre organizaqcións políticas e sociais "que comparten o interese por avanzar na soberanía dos pobos e na crítica ós efectos negativos do proceso de mundialización económica".
(Fonte:
El Progreso).

Acción exterior - Emigración
BNG e PsdeG visitarán á comunidade galega en Bos Aires en febreiro
Ámbolos dous partidos queren coñecer de primeira man a situación dos galegos inmersos na grave situación económica que atravesa Arxentina. O deputado do BNG Francisco Ferreiro podería visita-la capital porteña o 4 de febreiro, realizando un pequeno alto na viaxe para participar no Foro Social de Portoalegre, Brasil. A comitiva socialista reunirase coa colectividade galega en Bos Aires, na que será a súa terceira visita en menos dun ano.
(Fonte: Santiago, AGN).

Acción exterior - Solidariedade
A campaña solidaria "Xuntos por África" leva repartidas en Galicia máis de 10.000 petos
A campaña solidaria "Xuntos por África", impulsada pola Cruz Vermella, Intermón Oxfam e Médicos sen Fronteiras, pretende recuperar todas aquelas moedas que non se cambien por euros coa intención de ofrecer axuda ó continente africano. A organización estima que podería recoller ata 5 mil millóns, nunha campaña que tamén contempla as visitas pedagóxicas a escolas para sementar nos alumnos os valores da solidariedade.
(Fonte: Santiago, AGN).

Sociedade - Emigración
O Concello de Ourense promove ciclos de charlas entre escolares e inmigrantes
Trátase dun ciclo organizado pola área de Educación do Concello de Ourense, e que conta coa colaboración do centro de Información ós Traballadores Estranxeiros (CITE), de Comisións Obreiras. Esta actividade ten o fin de achega-los escolares a realidade dos inmigrantes e estranxeiros na cidade, comparando experiencias e problemas.
(Fonte:
El Progreso).

Pesca
Unha veintena de barcos de capital galego poderían voltar a Marrocos a través de sociedades mixtas
Unha veintena de barcos pertencentes á Asociación Nacional de Cefalopoderos, Anacef, están estudiando a súa volta ó caladoiro canario-sahariano formando parte de sociedades mixtas corporativas. A constitución de sociedades mixtas baixo bandeira do país marroquí é unha posibilidade fronte o prolongado amarre e pouca disposición de países ribeireños (Libia, Túnez, México) para desenvolver nas súas augas campañas experimentais.
(Fonte: Santiago, AGN).

Política - Unión Europea
Touriño presenta a súa postura sobre a representación das Comunidades Autónomas na UE no seu novo libro
Touriño reflexiona en "En clave de país" sobre a "necesaria modificación da unilateral interlocución do Goberno central perante a UE", e examina a pluralidade de España, a federalización do Estado das Autonomías ou a reforma do Senado.
(Fonte: Santiago, AGN).

Xesús Palmou: "A presidencia das autonomías nas negociacións da UE non pode prexudicar, senón axudar"
Palmou afirma que en determinadas cuestións que poden afectar ás competencias exclusivas das Comunidades Autónomas, especialmente nas lexislativas, estas deben participar na formación da vontade que logo o Estado traspasará a UE. O PP galego engade que na delegación española debe existir unha representación das CC.AA cando se traten temas que afecten a estas e as súas competencias exclusivas, potenciando para iso a Conferencia Sectorial de Asuntos Europeos.
(Fonte: Santiago, AGN).

Economía - Europa
Galicia atópase entre as dez rexións europeas con maiores espectativas de negocio entre os seus empresarios
Segundo o informe, elaborado polas Cámaras de Comercio europeas, a media europea de optimismo situaríase no 22%, a española nun 55% e Galicia chegaría ata un 57%. Deste xeito as empresas galegas colócanse xunto coas andaluzas, asturianas, madrileñas, vascas, navarras, catalanas e castelánleonesas como as máis optmistas cara ó exercicio económico que acaba de comezar.
(Fonte: Santiago, AGN).
 
17/01/2002
Economía - Fexdega
O recinto de Fexdega en Vilagarcía acollerá en abril o primeiro acontecemento forestal mundial do ano 2002
O recinto de Fexdega en Vilagarcía acollerá a celebración do maior acontecemento forestal que se celebrará este ano en todo o mundo. Expertos en feiras agrícolas e forestais de España, Italia, Suecia e Arxentina organizan este evento, que contará con 200 expositores, e que prevé unha participación de máis de 15.000 profesionais de todo o mundo. Os expositores mostrarán as últimas novedades mundiais en maquinaria e equipos para a prevención e loita contra os incendios forestais.
(Fonte: Santiago, AGN).
 
16/01/2002
Política - Europa
Camilo Nogueira pide a Aznar que reconsidere a súa postura sobre a participación de Galicia no Consello da UE
Nogueira afirma que Aznar pon a súa presidencia "ó servicio da súa obsesión autoritaria contra a diversidade europea", negando a presencia no Consello de länder, estados federados e rexións constitucionais "usando un concepto que na Unión resulta antihistórico e anacrónico".O eurodeputado acusa a Aznar de ignorar "que no futuro, sen que se trate dun problema de soberanía, e moito menos de separatismo", veranse obrigados a preguntar por que Eslovaquia poderá presidir un Consello de Pesca, pero non poderán estar Galicia, Andalucía e Canarias. Nese senso, pregunta por que Malta ou Dinamarca terán recoñecido o seu carácter histórico e nacional e non asi Galicia, Euzkadi, Catalunya, Escocia, Gales ou Flandes.
(Fonte: Santiago, AGN).

O BNG reclama ó Goberno español que aproveite a Presidencia da UE para sacar adiante a Carta Europea das Linguas Minorizadas
Nunha carta remitida ó Congreso, o parlamentario nacionalista Francisco Rodríguez pregunta se o Goberno "tén pensado tomar algunha inicitiva para que a Carta sexa asumida por tódolos Estados da UE". Rodríguez considera necesario un exame por parte do Goberno central cara avalia-lo grao de cumprimento da Carta no territorio español, especialmente nos eidos do sistema educativo, do xudicial e da Administración central. A Carta Europea das Linguas Minorizadas está pendente aínda de aprobación por parte dalgúns Estados membro da UE; Rodríguez apunta ó respecto a actitude reticente de Francia, e maila situación do corso, occitano e bretón, linguas faladas polos franceses mais "en perigo de extinción"
(Fonte: Santiago, AGN).

O galego Daniel Varela é elixido voceiro do PP europeo na comisión de Pesca do Parlamento Europeo
O eurodeputado galego vaticinou que o seu labor nos próximos meses e, especialmente, ó longo de 2002, "non vai ser doada", debido á reforma da Política Común de Pesca "sen que exista consenso para iso". O novo voceiro do PPE plantexou a necesidade de tirar proveito da "pacificación" do clima político que vive nestes momentos Galicia para lograr un "auténtico pacto pola pesca" entre os partidos políticos e no que estean consensuadas as liñas de defensa dos intereses do sector. Varela matizou que os galegos "xuntos somos poucos para defende-los nosos intereses fora de España", polo que abogou por "defendelos conxuntamente".
(Fonte: Santiago, AGN).

Emigración - Arxentina
O presidente arxentino "agradece moito" os envíos de medicamentos para o colectivo galego
Eduardo Duhalde agradeceu publicamente, nunha entrevista concedida á cadea CNN Plus, a axuda que a Xunta de Galicia está enviando ó colectivo de emigrantes galegos. O dirixente arxentino asegurou que mantén "un estreito vencello" con Galicia e, en especial, "co seu presidente de Goberno". Duhalde lembrou que a colectividade galega "é moi forte na Arxentina" e "particularmente en Bos Aires", polo que tamén mantén gran relación con ela.
(Fonte: Santiago, AGN).

Miras Portugal trasladará á dona do presidente Duhalde as preocupacións do colectivo galego na Arxentina
O conselleiro de Emigración se interesará por coñecer, de primeira man, a política que seguirá o Goberno arxentino nos eidos social e sanitario, aspectos que tratará na súa reunión con Hilda González, encargada das políticas sociais daquel país. Miras Portugal visita hoxe Montevideo onde se reunirá con representantes da comunidade galega, coma o presidente da Casa de Galicia, Ángel Domínguez. O encontro servirá para busca-las liñas que permitan uni-la multitude de centros e asociacións de galegos co obxectivo de xuntar o patrimonio cultural e material de todos. Por outra banda, o exemplo galego no envío de axuda será seguido polo Goberno italiano con "axudas semellantes", segundo o director do Hospital do Centro Galego de Bos Aires.
(Fonte: Santiago, AGN).

Economía - China
Empresas chinesas participarán na Semana Verde de Galicia
O vicegobernador da provincia de Henan, membro da delegación que visitou hoxe o recinto Feira Internacional de Galicia en Silleda, sinalou que a presencia chinesa na Semana Verde podería se-la ponte comercial entre Galicia e o país asiático. Zhibin dixo que as empresas chinesas poderían expor no certame productos alimentarios e de maquinaria agrícola, mentres que Galicia podería exportar productos lácteos, viños e xenética gandeira. O presidente da Fundación Semana Verde, José Maril, sobranceou o papel da feira "coma escaparate da producción galega".
(Fonte: Santiago, AGN).
 
15/01/2002
Acción exterior - Emigración
Miras Portugal reúnese hoxe en Arxentina coa dona do presidente Duhalde
O conselleiro de Emigración, inicia hoxe unha viaxe que o levará a Arxentina e Uruguai, coincidindo co primeiro envío de medicamentos da Xunta. Aurelio Miras tamén manterá un encontro co ministro de Sanidade arxentino, Ginés González García, e cos representantes de 50 centros galegos en Arxentina. O tema da análise do retorno de galegos emigrados
será tratado nunha reunión de traballo na Embaixada de España, que dirixe Manuel Alabart Fernández-Cavada. Miras visitará tamén o veciño Uruguai para reunirse coas comunidades galegas.
(Fonte: Santiago, AGN).

Emigración
O segundo envío de medicamentos para os emigrantes galegos está xa camiño da Arxentina
O segundo envío de medicamentos doados pola Xunta de Galicia para a comunidade galega na Arxentina sairá hoxe de Madrid, cando hai só unhas horas que foi entregado o primeiro en Bos Aires, e quedan por ultimar un terceiro e un cuarto. O cargamento está formado por medicinas de primeira necesidade que responden a unha lista moi precisa destinado a paliar enfermidades específicas. Como no primeiro envío a compañía Iberia farase cargo do transporte de balde.
(Fonte: Santiago, AGN).

A Xunta e a Delegación do Goberno ultiman unha enquisa para coñece-lo número exacto de galegos retornados
O director Xeral de Emigración, Juan Castellano mantivo hoxe unha reunión co Delegado do Goberno, Arsenio Fernández de Mesa, para tratar este asunto, asi coma o proxecto do manual-guía para os emigrantes galegos que se acordou realizar o pasado venres. No encontro, estableceuse a estructura básica da guía, e fixaronse as bases para a recollida de datos relativos á cifra exacta dos retornados.
(Fonte: Santiago, AGN).

Economía - Emigración
O Clube Financeiro Internacional de Negocios xestionará firmas de empresarios galegos no exterior
O Clube Internacional Galego de Negocios (Cufinga), xestiona xa catro empresas de galegos no exterior, e agarda supera-la decena de firmas durante 2002, segundo publica hoxe "Expansión". O colectivo naceu en 1999 tralo fracaso da Federación de Empresarios Galegos no Exterior (Fegaex). Catro empresas benefícianse do plano de investimentos promovido por Cufinga para favorece-lo comercio entre a Comunidade Galega e os núcleos de emigración.
(Fonte: Santiago, AGN).

Política - Europa
Galicia perde mando na Eurocámara: a Presidencia da comisión parlamentaria de Pesca deixará de estar nas mans de eurodeputados galegos
A comisión de Pesca é un dos órganos máis novos do Parlamento Europeo e, dende que foi creada, en 1994, estivo estreitamente vencellada a Galicia. Mais o privilexio que tivo Galicia nos últimos cinco anos, colocando un dos seus europarlamentarios á súa fronte, rematou. Esta semana renovarase a presidencia da Eurocámara e a composición de tódolos seus órganos, e non será un galego quen dirixa a comisión de Pesca. Malia iso, e a ver reducido a catro o número de parlamentarios galegos na Eurocámara coa marcha de Carmen Fraga, todos eles serán membros da devandita comisión.
(Fonte:
La Voz de Galicia).
 
14/01/2002
Economía
Izar podería ingresar 17 millóns de euros se acada o mantemento da VI Frota dos Estados Unidos
O grupo naval Izar negocia co Departamento Naval de EE.UU a posibilidade de que os labores de mantemento da VI Frota se realicen en Ferrol.O contrato podería reportar entre 11,6 e 17,4 millóns de euros (de 1.925 a 2.888 millóns de pesetas). Cómpre lembrar que os arsenais de Izar en Ferrol xa foron elixidos recentemente pola OTAN para a reparación da súa Forza Naval Permanente no Atlántico. A VI Flota conta con 18 buques de combate, que son reparados na base de Nápoles. O estaleiro ferrolá, antigo Bazán, ocúpase nestes momentos da construcción de catro fragatas para a Mariña española, e cinco para a de Noruega.
(Fonte: Santiago, AGN).

Emigración
O primeiro envío de medicamentos da Xunta chega esta noite a Arxentina
O primeiro envío de medicamentos para o colectivo de emigrantes galegos residentes na Arxentina será distribuído pola Farmacia do Hospital Galego de Bos Aires, exclusivamente con receita médica e de xeito gratuíto. Segundo afirmou o director de Cooperación Exterior da Xunta, Javier Barbeito, "numerosos medios de comunicación arxentinos" fíxeron eco deste envío que causa "gran espectación" entre os emigrantes, polo que se prevé que sexa repartido nun breve prazo de tempo. Este envío completarase con outros tres que sairán de Galicia escalonadamente nun prazo que se espera que sexa "inferior ós vinte días", afirmou Barbeito.
(Fonte: Santiago, AGN).
 
13/01/2002
Sociedade
Unha asociación científica inglesa elixe un catedrático galego como cardiólogo de 2001 en España
O catedrático da Universidade de Santiago José Ramón González-Juanatey vén de ser elixido cardiólogo español de 2001 pola asociación científica inglesa Alma Place Partnership. A organización recoñece cada ano o traballo máis destacado en cardioloxía en tódolos países da Unión Europea. González-Juanatey dirixe un grupo de investigación que o último ano realizou importantes aportacións sobre os mecanismos da morte das células do corazón.
(Fonte: Santiago, AGN).
 
10/01/2002
Política - Europa
Independentistas galegos crean unha plataforma para organiza-las protestas contra o cumio de ministros da UE en Santiago
Organizacións políticas e sociais galegas vencelladas ó ámbito do independentismo radical veñen de constituírse na Plataforma Galega por unha Europa Alternativa, cara vertebra-las movilizacións que se levarán a cabo en Santiago os días 12, 14 e 15 de febreiro con motivo da celebración do cumio de ministros de xustiza da UE. A plataforma conta xa cun manifesto no que fai un chamamento á cidadanía galega para "alzar un conxunto de voces rebeldes e combativas" contrarias ó modelo actual de Europa. Os colectivos galegos, que se atopan dentro da órbita do movemento antiglobalización, acusan á UE de "aumenta-la criminalización das organizacións sociais e políticas contrarias ó modelo social actual".
(Fonte: Santiago,
AGN).

A Xunta reclama unha reforma da Política Común Pesqueira que permita a libre competencia na UE
O Consello da Xunta aprobou hoxe unha declaración institucional sobre o futuro da PCP que estableza a liberdade de mercado e a libre competencia na UE. Esta decleración sinala que o actual status contravén os principios comunitarios fundamentais. A Xunta considera que o actual período de mandato da Presidencia española supón un momento "especialmente oportuno" para defender unha reforma "seria e profunda" da PCP, baseada nos fundamentos xurídicos da declaración, que será traducida e enviada a tódalas institucións e instancias da UE.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Camilo Nogueira acusa a Aznar de impedi-la presencia de Galicia no Consello de Europa cando "si que podemos estar alí"
O eurodeputado do BNG tilda de "autoritario" ó Presidente do Goberno e lembra que a UE permite a presencia de gobernantes rexionais nas comisións sobre materias nas que teñan competencias. Nogueira reclamou que o Goberno permita a presencia das autonomías ó igual que sucede coas rexións belgas ou os ländes xermanos. Lembrou que a declaración de Laeken recoñece que estas entidades sexan consideradas na reforma e constitucionalización dos tratados comunitarios. Ademais disto, Nogueira reclamou que o xefe do Goberno central inclúa na súa axenda comunitaria a reforma da política agraria común, a política común de pesca, ou o reparto dos fondos estructurais para que non prexudiquen a Galicia, solicitando ademais que España potencie o uso do castelán e o portugués dentro da UE.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Emigración
A Xunta realizará proximamente o "primeiro envío importante da axuda" ós galegos residentes en Arxentina
Así o segurou o voceiro do grupo parlamentario do PPdeG, Xaime Pita, quen lembrou a BNG e PsdeG que o conselleiro de Emigración, Aurelio Miras, foi o primeiro en viaxar a Arxentina recén chegado ó seu cargo, e "que nada lles impide viaxar de vez en cando para sabe-lo que pasa fóra". A situación dos galegos residentes na Arxentina centrou boa parte da discusión na que se enzarzaron PsdeG e BNG co grupo maioritario na Deputación Permanente. Pita anunciou que o plano de acción adoptado pola Xunta será explicado no Parlamento galego en febreiro polo conselleiro de Emigración, primeiro dos membros do Goberno galego en comparecer na Cámara.
(Fonte: Santiago,
AGN).

O Consello estudia a creación da Fundación Galicia Exterior para canaliza-las axudas privadas á emigración
A Consellería de Emigración deu conta hoxe ó Consello da próxima creación do organismo que podería chamarse Fundación Galicia Exterior para canaliza-las axudas de persoas ou entidades ós galegos emigrantes que estean en situación de crise. Segundo Aurelio Miras, as entidades colaboradoras aportarán anualmente un mínimo de 30.000 euros, o que lles dará dereito a acceder ó Padroado da mesma. Asi mesmo, contará cunha Asemblea de Colaboradores que integrará a persoas ou entidades públicas/privadas que realicen donacións periódicas por un mínimo de 3.000 euros.

Cultura - Portugal
Galicia e Portugal afondan na colaboración dramatúrxica coa inauguración mañá do IIº Encontro Camiños Teatrais
Galicia e Portugal darán un novo paso no proceso de internacionalización do teatro que se fai a ambas beiras do Miño coa IIº edición do "Encontro Camiños Teatrais Galicia/Norte de Portugal". O encontro, organizado polo Centro Dramático Galego, enmárcase dentro dos distintos proxectos de colaboración e intercambio profesional e artístico entre as compañías que subscribiron o manifesto da Comunidade de Teatro Galicia-Norte de Portugal. É fundamental agora que a apertura destes novos camiños no espacio común do Arco Atlántico conten co apoio do público, e impulsar iniciativas como a coproducción na que xa se están sentando as bases para aborda-la figura de José Afonso, segundo adiantou Manuel Guede, director do CDG.
(Fonte: Santiago,
AGN).
 
09/01/2002
Pesca
A frota galega afectada pola falla de acordo con Marrocos recibirá 10.000 millóns de pesetas para a reconversión
Vinte meses despois do amarre da frota que faenaba en Marrocos, o Plano de Reconversión da Unión Europea para os afectados está en marcha. A frota galega recibirá 10.000 millóns de pesestas de Bruxelas para acomete-lo seu futuro.O BNG criticou que o Plano de Reconversión non contemple un orzamento destinado á recuperación socioeconómica das zonas afectadas. Tanto desde Bruxelas, coma dende a mesma Consellería de Pesca, as consignas ós afectados pasan pola formación de cooperativas ou sociedades, aínda que sexa en actividades distintas á pesca.
(Fonte: Santiago, AGN).
 
08/01/2002
Acción Exterior - Portugal
Fraga reitera en Porto a "inequívoca vontade" de Galicia de colaborar con Portugal
O presidente da Xunta reiterou hoxe en Porto a "inequívoca vontade galega" de manter e potencia-la cooperación con Portugal, "fenómeno natural" que nos últimos anos permitiu executar conxuntamente numerosos proxectos tanto de infraestructuras como de comunicación. Fraga fixo estas declaracións no transcurso da toma de posesión do novo presidente da Cámara Municipal de Porto, o socialdemócrata Rui Rio. Manuel Fraga ocupa dende o 28 de xuño de 2000 a presidencia rotatoria da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, que promove o estudio e execución de iniciativas transfronteirizas nos dous territorios.
(Fonte: Santiago, AGN).

Economía
O grupo PSA-Citroën prevé aumenta-la súa cota de mercado en China durante o ano 2002
Segundo o director da fábrica da firma en Vigo, o grupo pretende aumenta-la súa cota de mercado en China durante o ano 2002 e mellora-la súa posición en Irán. Do balance da factoría no ano 2001, Riera destacou o feito de que se acadou a consolidación dun volume de exportacións do 90%. Nese senso, Riera subliñou o feito de que as exportacións a Inglaterra e Irlanda pasaron dun 9 a un 17%, de xeito que nas illas trunfou o modelo Xrara Picasso.
(Fonte: Vigo, AGN).

Economía - Emigración
As empresas galegas sálvanse do plano de axuste de Arxentina
As empresas galegas con investimentos na Arxentina veranse favorecidas coa devaluación do peso, ó abarata-lo custo da exportación do peixe cara España. A maioría das grandes multinacionais pesqueiras galegas (Pescanova, Vieirasa, Iberconsa, Oya Pérez) pescan e teñen investimentos no territorio arxentino, principalmente na área de Patagonia. Por outra banda, as aproximadamente 100.000 contas que os galegos residentes en Arxentina teñen abertas en bancos e caixas galegas, non sufrirán os efectos da devaluación do peso, xa que se trata, maiormente, de aforros rexistrados en dólares.
(Fonte:
La Voz de Galicia).

A patronal galega na emigración considera "utópico" o retorno a Galicia dos empresarios galegos na Arxentina
O presidente do Club Financeiro Internacional Gallego de Negocios, Avelino Fernández, asegura aínda que os empresarios galegos na Arxentina atravesan unha "situación complicada", "confían na recuperación do país" e non desexan voltar a Galicia. Malia iso, para os empresarios que sí desexen retornar, o Club Financeiro Internacional Gallego tén en marcha unha iniciativa de creación de empresas multisectoriais que pretenden involucrar eses empresarios, para que as novas xeracións conten con lazos empresariais que faciliten o seu retorno a Galicia.
(Fonte: Santiago, AGN).

Os empresarios galegos en Arxentina instalan o seu cuartel xeral en Santiago
O Clube Financeiro Internacional de Negocios, antiga Fegaex, instalará o seu cuartel xeral no barrio compostelán de Galeras par centraliza-lo apoio ós máis de 5.000 empresarios galegos na Axentina. A idea é crear en Galicia empresas multisectoriais adicadas ós sectores nos que se ubican os galegos naquel país cara involucralos empresarialmente con Galicia, e posibilita-lo retorno futuro dos fillos destes empresarios. A nova sede de Santiago acollerá, ademais, un Museo da Emigración, que pretende rendir unha "merecida homenaxe" ós galegos no exterior.
(Fonte: Santiago, AGN).

Política
O BNG denuncia a "pasividade" do Goberno central para alivia-la difícil situación da colonia galega en Arxentina
O BNG ven de facer pública unha denuncia no Congreso dos Deputados pola "pasividade" amosada polo Goberno central na adopción de medidas a prol da colonia galega na Arxentina, que constrasta co "activismo" de Aznar para defende-los intereses das empresas transnacionais de orixe español. Os nacionalistas galegos esixen ó Goberno que explique perante o Congreso os planos asistenciais e axudas levadas a cabo dende España para axuda-los españois na Arxentina, e que poña prazo á mellora da dotación de medios materiais e persoais nos consulados españois na Arxentina e, en especial, en Bos Aires.
(Fonte: Santiago, AGN).

Política - Emigración
O PsdeG pide á Xunta que canalice as iniciativas de axudas públicas e privadas destinadas ós galegos na Arxentina
O PsdeG ven de presentar na Cámara galega unha proposición non de lei pola que instan á Xunta a canaliza-las axudas públicas e privadas que dende Galicia se están levando a cabo para palia-los déficits que sufren os galegos residentes na Arxentina. Preto de 30.000 españoles se atopan naquel país en situación precaria e o 30% deles son galegos, por iso o PsdeG pide a habilitación dunha oficina de coordenación , asesoramento e información dependente da Consellería de Emigración. A oficina debería, segundo os socialistas, elaborar un "mapa das necesidades" dos galegos residentes en Arxentina para levar a cabo a priorización das actuacións, a coordenación das iniciativas públicas e privadas de solidariedade e a prestación de asistencia técnica ós concellos, deputacións e entidades privadas dispostas a prestar axuda de emerxencia.
(Fonte: Santiago, AGN).

Os centros galegos en Latinoamérica funcionarán coma puntos de asesoramento legal para os galegos que desexen retornar a Galicia
O Conselleiro de Emigración, Aurelio Miras Portugal, afirmou esta tarde que a súa Consellería ofrecerá un amplo asesoramento ós emigrantes a través dos centros galegos en cada país latinoamericano. Asi mesmo, o conselleiro e López Leira, representante da CIG, reuníronse esta tarde para intercambiar opinións sobre a actual situación das colectividades galegas en Latinoamérica. O coordenador do Departamento da CIG estableceu coma "insuficiente" a información ofrecida ós galegos na diáspora sobre a realidade laboral e sobre as posibilidades que Galicia pode ofrecerlles.
 
07/01/2002
Política
Touriño ofrécelle a Fraga o apoio dos socialistas para que Galicia consiga voz nas institucións da Unión Europea
Trala reunión da executiva socialista, Touriño presentou unha proposta de acordo entre PPdeG, BNG e PSdeG para que Galicia presente a súa "voz" directamente nas institucións comunitarias. A proposta é semellante ás teses defendidas por Fraga para que Galicia conte con representación nas institucións comunitarias, e que o PP estudia na actualidade coas reticencias da dirección nacional. Touriño solicita que a Xunta poda representar a España de xeito delegado no Consello de Europa cando trate materias competencia de Galicia.

Emigración
Por outra banda, o voceiro do PSdeG solicitou que a Xunta adique 1.000 millóns de pesetas en axudas para os 30.000 galegos residentes en Arxentina en situación precaria pola crise do país. Touriño presentou proposicións non de lei nese senso, que serán levadas ás cámaras autonómica e estatal, ademais de reclama-la intervención da Consellería de Emigración para axudar a este colectivo coa subvención parcial das cotas sanitarias en coordenación co goberno central. O PSdeG quere que as axudas da Xunta sexan regulamentadas mediante unha oficina de coordenación encargarda de xestionar esas medidas e que se contemple a creación dun programa de repatriación para casos de extrema necesidade.
(Fonte: Santiago, AGN).

Cultura
Cinema: seis longametraxes de proxección internacional partiron este ano da iniciativa galega
No ano 2001 houbo máis de seis longametraxes en marcha, que abrangueron tódolos xéneros, dende o vanguardista estilo Dogma, ata o cinema de animación. Os escritores galegos trunfaron nos guións cinematográficos, e "O bosque animado", a primeira película en 3D de Europa, vén de ver recoñecida a súa calidade coa nominación ó British Animation Adwards como mellor película europea de animación. Mais a película máis internacional do 2001 en Galicia foi sen dúbida "As belas durmintes", un proxecto que conta con multitude de nacionalidades e que se deu a coñecer a nivel mundial no XX Festival Internacional de Vancouver.
(Fonte: Santiago, AGN).
 
05/01/2002
Sociedade
Santiago acollerá do 24 ó 26 de xaneiro o Iº Encontro Internacional sobre Cultura da Paz dirixido por Mayor Zaragoza
O Consello da Cultura Galega e o Seminario Galego para a Paz organizarán do 24 ó 26 de xaneiro en Santiago, o Iº Encontro Internacional sobre Cultura da Paz. O obxectivo das xornadas, que contarán coa presencia de varios expertos internacionais, é promove-la tolerancia, a liberdade, a xustiza e os dereitos humanos coma valores fundamentais. As intervencións da comunidade internacional naqueles países nos que se violan os dereitos fundamentais, a situación da muller afgana e a violencia de xénero, o uso do dereito fronte á violencia terrorista e o mundo árabe, serán outros dos aspectos que serán tratados nas distintas conferencias.
(Fonte: Santiago, AGN).

Política - Pesca
O BNG reclama un acordo pesqueiro UE-Senegal para a flota que faenaba en Marrocos
O BNG presentou no Parlamento unha proposición non de lei, na que insta á Xunta a promover perante a UE un acordo de pesca con Senegal. A formación quere que a frota afectada pola cancelación do convenio con Marrocos teña prioridade á hora de acudir ós caladoiros senegaleses, nos que o novo convenio debería permitir faenar a un número maior de buques. O BNG sinala que 40 barcos galegos que faenaban no Senegal, tiveron que abandoa-la zona ó remata-la prórroga do acordo de pesca.
(Fonte: Santiago, AGN).

Sociedade
O arcebispo de Santiago espera que a entrada do euro sexa a oportunidade de "recupera-la alma de Europa"
Julián Barrio espera que a entrada en circulación do euro o pasado 1º de xaneiro sexa tamén unha oportunidade "para promove-la prosperidade e a solidariedade". Barrio fixo hoxe pública unha nota de prensa na que asegura que o entusiasmo co que se acaba de recibi-lo euro "semella augurar un horizonte de esperanza" sobre a nova Europa, no senso de ser quen de potenciar " unha conciencia europeísta viva"
(Fonte: Santiago, AGN).

Acción exterior - Emigración
Fraga analiza coa Asociación "O Grelo" o envío de axuda humanitaria ós galegos residentes na Arxentina
O presidente da Xunta destacou o traballo da Fundación "para levar axuda ós galegos de todo o mundo". Durante a reunión, o presidente da fundación, Jesús Busto Peteiro, anunciou a elaboración dun censo dos galegos residentes en Arxentina, Cuba, Uruguay, Brasil e Venezuela, dentro do proxecto "Terra Nai" que inclúe o envío de medicamentos, comida e roupa, así coma o desenvolvemento de labores de asesoramento e asistencia social ós galegos residentes no exterior.
(Fonte: Santiago, AGN).
 
02/01/2002
Cooperación internacional
Os galegos envían 1.400 Kg de material escolar para nenos de Latinoamérica dentro dunha campaña de Correos e Unicef
A aportación galega supón o 1,2% do total de 119.000 Kg recollidos en toda España. Este material, que arestora está sendo clasificado por Unicef, serálles enviado en febreiro ós nenos de Perú, Bolivia, El Salvador, campos de refuxiados saharauis, Serra Leona e máis á organización Apoio Positivo. O obxectivo do programa é contribuír nos procesos de educación de nenos desfavorecidos e en situación de pobreza de América Latina.
(Fonte: Santiago, AGN).
 
 
Ver máis Diario Exterior

4º trimestre 2001 | 3º trimestre 2001
 
Volver

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/02/2002