Diario Exterior / 4º trimestre 2001

Igadi na Rede

Volver
   
Diario Exterior é unha recopilación de noticias breves captadas dos xornais galegos relativas ás actividades que se desenvolven en Galicia e que teñen relación co exterior, servindo de feito como proxección exterior de Galicia e dos seus axentes, empresariais, politicos, etc.
   
   
31/12/2001
Solidariedade Internacional organiza recollidas de pesetas en cinco cidades galegas para construír hortas en Bolivia
A Organización Non Gobernamental Solidariedade Internacional de Galicia organizará o vindeiro martes recollidas de pesetas en cinco cidades galegas para cofinancia-la construcción de 200 hortas nas comunidades campesinas quechuas, comunidades indíxenas do altiplano boliviano que viven do agro e a gandería. A organización, que desenvolve actividades no país latinoamericano dende o ano 1989, espera recaudar máis de 700.000 pesetas (4.207,9 euros).
(Fonte: Santiago, AGN).

Cooperación internacional
Caixa Galicia selecciona dez proxectos de cooperación para o desenvolvemento no Terceiro Mundo
A Obra Social de Caixa Galicia seleccionou os dez proxectos entre os 96 presentados a concurso, un 23% de propostas máis có ano anterior. As accións desenvolveranse en Bolivia, Honduras, Perú, Ecuador, Arxentina e Nicaragua. Os dez proxectos seleccionados abranguerán distintos eidos, coma educación, saúde primaria, infraestructuras, vivendas, sectores productivos e inserción social. A execución dos proxectos realizarase a través de entidades españolas sen ánimo de lucro que operan en países en vías de desenvolvemento.
(Fonte: Santiago, AGN).
 
19/12/2001
Economía
Cultura presenta hoxe o plan de promoción do turismo galego para o ano 2002
O Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Jesús Pérez Varela, presenta hoxe en Santiago o plan de promoción do turismo galego para o ano 2002, que inclúe a realización de máis de 250 actividades promocionais en tódolos mercados internacionais.Co desenvolvemento deste plan, a Xunta de Galicia pretende manter a oferta turística en tódolos mercados emisores, á vez que se introduce noutros novos.
(Fonte: Santiago,
AGN).

A Xunta espera recibir 4,5 millóns de visitantes no ano 2002 e seis millóns no Xacobeo do 2004
O Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Jesús Pérez Varela, estimou que estas cifras seguen permitindo que o turismo actúe coma motor da economía galega. Nese senso o director xerente de Turgalicia, Heriberto Verdés, indicou que haberá un "cambio de táctica" no plan do próximo ano, que se centrará no impulso do turismo de proximidade, con especial atención en España, Portugal e os outros países europeos.Turismo de congresos, "viaxes de familiarización" para axentes nacionais coma internacionais, e participación na guía do Trotamundos forman parte do novo plan.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Mañá inaugúrase en Silleda o II Congreso Técnico-Forestal do Arco Atlántico
A Feira Internacional de Galicia acollerá en Silleda o II Congreso Técnico-Forestal do Arco Atlántico. No encuentro, organizado pola Asociación Ferial España Verde de Galicia, participarán 42 ponentes de España e Portugal para crear un debate en torno a temas como o futuro e presente da selvicultura europea. O obxectivo é achegar ós asistentes a realidade forestal, tanto no nivel nacional como internacional.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Política
Os socialistas galegos piden á Xunta que inste ó Goberno central a construcción dunha ponte entre A Guarda e Caminha
Este tramo supón, segundo o PsdeG, un "déficit" nas comunicacións entre Galicia e Portugal, razón pola que presenta unha Proposición non de lei no Parlamento para a construcción dunha nova ponte internacional. A construcción da ponte constituiría un factor "enormemente potenciador do desenvolvemento económico e social da área" que, lembra o PsdeG, atravesa agora por unha difícil situación económica no caso da Guarda. As obras dunha nova conexión Vigo-Baiona-A Guarda-Caminha-Viana facilitarían o crecemento económico da área Baiona-Oia-A Guarda.
(Fonte: Vigo,
AGN).
 
18/12/2001
Política
O BNG insta á Xunta a crear "un grupo de presión galego" para defende-la continuidade dos fondos comunitarios trala ampliación
O BNG instará á Xunta a promover un "grupo de presión galego" ante o Goberno estatal, cara buscar un "denominador común" entre as forzas políticas e as institucións galegas para defende-la continuidade dos fondos estructurais trala entrada de novos membros na UE. Os nacionalistas consideran que Galicia superaría o umbral das axudas "por un xeito estatístico e non por converxencia real", e reclaman o aproveitamento da Presidencia española para a defensa dos intereses da comunidade.
(Fonte: Santiago,
AGN).

O movemento antiglobalización internacional pretendería utiliza-las protestas estudiantís para boicotea-lo próximo Cumio da UE en Santiago, segundo fontes policiais
Segundo estas mesmas fontes, o obxectivo dos grupos radicais que lideran as protestas antiglobalización en Europa sería prender un "inverno quente" que culminase con importantes disturbios en febreiro, coincidindo co cumio informal de ministros de Xustiza da UE en Santiago. Tamén segundo as forzas de seguridade do Estado, a radicalización do movemento estudiantil nos últimos meses obedecería a "unha estratexia superior deseñada polos anticapitalistas".
(Fonte: Santiago,
AGN).

Pesca
Recortes "severos" nas cuotas de captura 2002 para especies como o gallo, o rape e a bacaladilla
A Consellería de Pesca califica de "severos" os recortes establecidos pola UE nos topes de capturas de pesca, aínda que representan, di, "unha considerable moderación" sobre as fortes reduccións previstas inicialmente. A Consellería de Pesca valora o esforzo realizados polos responsables do Goberno central, que trataron de evitar "no posible" as restriccións, moito máis duras, propostas pola Comisión Europea e polos representantes doutros países.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Economía
Os principais diseñadores de moda galegos participan no Plan España Moda 2002
O Presidente do Goberno, José María Aznar, recibirá hoxe a 14 diseñadores galegos e representantes da Asociación Téxtil de Galicia na presentación do Plan España Moda 2002. A campaña pretende potencia-la presencia da moda española nos principais centros de negocio mundiais e contará, por parte galega, coa participación de Adolfo Domínguez, Roberto Verino, Antonio Pernas, Kina Fernández, Caramelo, Unicen, Florentino, Pili Carrera, Jealfer, Toypes, Montoto, Selmark, Maffeco e Zara.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Frigoríficos do Berbés trasladará a súa actividade a Valença do Minho pola falta de espacio en Vigo
A empresa deixará Vigo por mor da súa presión urbanística e co fin de amplia-la súa producción, tendo previsto instalarse no parque empresarial de Valença do Minho antes do 2004. Frigoríficos do Berbés manterá a súa sede no porto vigués, asi coma os seus servicios comerciais e loxísticos. O grupo investirá mil millóns de pesetas na nova sede portuguesa e realizará unha ampliación de capital na que non se descarta a entrada de socios externos.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Cultura
Preto de 500 alumnos galegos participaron na final do "X Concurso Galego-Portugués de Panxoliñas e cantos de Nadal"
Os obxectivos básicos deste concurso, organizado pola Consellería de Educación, a través da súa Dirección Xeral de Política Lingüística en colaboración coa obra social de Caixa Galicia dende 1992, son o fomento da língua galega nas aulas e maila recuperación dos cantos do folklore navideño de Galicia e Portugal. O primeiro premio deste ano foi para o centro de bacharelato Frei de Bartolomé de Viana do Castelo, recaendo o segundo e terceiro premio en senllas escolas de Cee e Cangas do Morrazo.
(Fonte: Santiago,
AGN).
 
17/12/2001
Política
Fraga admite que a demisión do Primeiro Ministro portugués demorará o proxecto de alta velocidade luso-galaico
O Presidente da Xunta asegurou hoxe que a demisión do Primeiro Ministro portugués, Antonio Guterres, demorará en "días ou meses" o proxecto de enlace por tren de alta velocidade entre Galicia e Portugal. Sinalou ademais que "atendendo ás realidades" Portugal terá que acomete-lo enlace con Galicia, como abordará a unión con Madrid dende Lisboa. De momento a demisión de Guterres supuxo xa a suspensión do Cumio Luso-Hispano dos próximos 19 e 20 de decembro, que ía abordar-lo tema.
(Fonte: Santiago,
AGN).

López Veiga protagonizará o primeiro pleno da VI Lexislatura cunha comparecencia sobre Marrocos
Durante a comparecencia, López Veiga explicará a distribución dos fondos de reestructuración da flota e o papel da Xunta na negociación do mesmo a petición dos grupos nacionalista e socialista. O voceiro do BNG, Alfredo Suárez Canal, destacou que o grupo maioritario rexeitou incluir senllas comparecencias sobre as axudas pola crise da EEB e a posible desaparición dos fondos estructurais. O voceiro do PsdeG, Ismael Rego, reclamou pola súa banda que o Parlamento constitúa as comisións especiais de Asuntos Europeos, Emigración e Igualdade, que funcionaron durante a pasada lexislatura.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Cultura
Pontevedra acollerá do 15 ó 20 de xaneiro O Festival Internacional de Cinema sobre as Minorías "Olladas do Planeta"
A programación ofrecerá ó público seis días de cinema de calidade xunto cun programa de actividades culturais paralelas. Trátase dunha iniciativa pioneira en toda a península, que nace coa idea de promove-la difusión do cinema de diferentes culturas.
(Fonte: Santiago,
AGN).
 
16/12/2001
Economía
O Presidente da Fundación Galicia-Empresa asegura que Galicia sufrirá menos a crise económica internacional
O Presidente da Fundación Galicia-Empresa, Manuel Rodríguez, asegurou que o "efecto amortiguador" que impide que as boas noticias cheguen a Galicia con "algún retraso e menos intensidade" esta vez favorecerá a economía autonómica.Galicia, di, "sufrirá a crise de refilón". Rodríguez preside unha entidade que abrangue 48 empresas das máis importantes de Galicia (Pescanova, Sargadelos, Coren, Gadisa, Caixa Galicia, Caixanova, Galaxia, IrIndo ...) coa intención de reunir a empresarios sensibles ó mundo da cultura e a língua galegas; o seu obxectivo actual, dixo, é "normaliza-lo uso da língua galega na empresa".
(Fonte: Santiago,
AGN).
 
12/12/2001
O Presidente da Casa de Galicia en Montevideo pide a Touriño a súa mediación para axuda-los emigrantes perante as institucións
Durante a reunión convocada para falar dos emigrantes galegos en Uruguay, o Presidente da Casa de Galicia en Montevideo, Ángel Domínguez, sinaloulle ó voceiro socialista a "extrema precariedade" da situación de parte dos emigrantes. Touriño opina que a nova Consellería de Emigración debe contar coa dotación orzamentaria suficiente para "rescata-los" galegos en situación desfavorable, ademais de reclamar unha maior coordinación das políticas que afectan ós emigrantes en Latinoamérica.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Camilo Nogueira acusa ó Goberno de eludi-lo debate sobre os fondos estructurais ou as políticas de pesca e agricultura
O eurodeputado do BNG lamentou que os obxectivos da Presidencia española da UE sexan sobre cuestións xa plenamente definidas, non afrontando o debate sobre o reparto de fondos ante a ampliación, que podería prexudicar a Galicia. Asegurou que o Presidente do Goberno evita o debate por ser neutral, prexudicando así os intereses de Galicia, e reclamou coñece-la postura de Aznar ante a Reforma da PAC, a política de pesca,ou o reparto dos fondos estructurais.
(Fonte: Santiago,
AGN).

O armador do "Lameiro Uno" non descarta reclamar xudicialmente a devolución da multa pagada a Marrocos
Segundo indicou Manuel Lameiro en rolda de prensa Marrocos non presentou en ningún momento proba algunha que sostivera a acusación, mentres que España si aportou probas que demostraban a súa inocencia. Lameiro pensa que a multa pagada é unha "chantaxe" que conculca o Dereito Marítimo Internacional. O "Lameiro Uno", con toda a tripulación a bordo, zarpou xa de Marrocos con destino a Mauritania.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Máis de 300.000 galegos sofren a dura crise económica e política de Venezuela e Arxentina
As decisións de Chávez están poñendo en perigo a tranquilidade dos empresarios galegos, así como a dos mesmos venezolanos, indicou un dos socios do Club Galego de Maracaibo.A situación en Arxentina é aínda máis extrema. Máis aló da cancelación das súas viaxes a Galicia, a situación económica dos emigrantes galegos chega as veces a non cubri-los gastos básicos, estando especialmente ameazada no aspecto sanitario. Estímase que preto de 100.000 galegos residentes en Venezuela, e ata 200.000 en Arxentina poden estar nesta situación.
(Fonte: Santiago,
AGN).

A Comisión Delegada do Consello das Comunidades Galegas reuniráse mañá para expoñe-las actividades realizadas durante o 2001
O Consello de Comunidades Galegas, órgano de representación das colectividades galegas emigrantes, ten como principal misión impulsa-las actividades desenvolvidas a través da Xunta en favor dos galegos que viven fóra de Galicia. Pola súa banda, a Comisión Delegada é a encargada de prepara-las sesións e executa-las competencias das actividades propostas.
(Fonte: Santiago,
AGN).

A empresa pontevedresa Reijosa Frutos Secos incrementou este ano un 50% as súas vendas a Portugal
A empresa, única do sector con capital 100% galego, pechará o ano como líder de vendas do sector en Galicia, consolidando así a súa expansión fóra da nosa Comunidade que abrangue, ademais do país veciño, o mercado das Illas Azores. Reijosa Frutos Secos mantén ademais relacións comerciais con EE.UU, Turquía e Australia.
(Fonte: Santiago,
AGN).
 
11/12/2001
A Xunta comezará dende mañá a prepara-las axudas para os emigrantes galegos en Bos Aires
Así o anunciou o Presidente da Xunta, Manuel Fraga, durante a súa reunión co Presidente do Centro Galego de Bos Aires. O presidente do Centro da capital arxentina, Elías Fernández, destacou as dificultades que están vivindo os galegos residentes en Arxentina tralas restriccións á retirada de efectivo feitas polo Goberno, medida que dificulta o regreso dos galegos ó non poder retira-los seus aforros. As reunións analizarán ademais solucións para reflota-lo mesmo Centro Galego de Bos Aires, que agora pasa por dificultades económicas.
(Fonte: Santiago,
AGN).

O BNG pide "unha maior preocupación" do Goberno central polos sectores productivos galegos durante a Presidencia da UE
O voceiro nacionalista no Parlamento, Francisco Rodríguez, propuxolle ó Presidente do Goberno, José María Aznar, durante o debate de onte que "impulse as comunidades autónomas" durante a próxima presidencia española da UE, ó tempo que sinalou a falla de preocupación gobernamental polos sectores galegos do naval, lácteo e pesqueiro, áreas económicas que "afectan sobremaneira ó noso país".
(Fonte: Santiago,
AGN).

O BNG pide a comparecencia urxente do Goberno no Parlamento para explica-la postura da Xunta sobre os Fondos Estructurais
O grupo parlamentario do BNG vén de presentar unha solicitude de "comparecencia urxente" do presidente da Xunta no Parlamento galego, para explica-la postura do executivo sobre as declaracións de Pedro Solbes nas que aseguraba que Galicia deixará de percibir Fondos Estructurais da UE a partir de 2007, coa ampliación ó leste. Os nacionalistas galegos consideran que o Goberno de Fraga ten unha unha nova oportunidade de "presión política" con ocasión da Presidencia española da UE.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Touriño quere que Galicia siga recibindo fondos europeos despois de 2007 "aínda que en menor contía e por un prazo limitado"
O voceiro do grupo parlamentario dos socialistas galegos solicitou un debate sobre este tema no Parlamento galego para coñecer "a estratexia da Xunta" e buscar unha posición consensuada entre as forzas. Touriño considera que é necesario que "Europa corrixa os criterios de elexibilidade das Rexións Obxectivo 1", e pide un tratamento para Galicia similar ó que recibiu Irlanda durante cinco anos. Para o PsdeG a ampliación "será moi rendible para Galicia" sempre que a comunidade "faga os deberes" nos eidos da pesca, agricultura, educación, medio ambiente ou I+D.
(Fonte: Santiago,
AGN).

O número de inmigrantes residentes en Galicia dobrouse nos últimos dez anos atinxindo case os 25.000
A cifra de estranxeiros residentes incrementouse nos últimos dez anos a unha media de 1000 novos residentes cada ano, máis de 2000 cada ano dende 1997. Galicia sitúase así como a 8ª comunidade española na que reside un maior número de estranxeiros, só por detrás dos tradicionais destinos da inmigración (Madrid, Cataluña, Valencia, Canarias, Baleares). Segundo os datos do INE (Instituto Nacional de Estatística) o número de emigrantes retornados a Galicia entre os anos 1990 e 1999 estaría preto dos 6000.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Diversos cargos da Administración local asisten a un curso sobre o financiamento dos seus proxectos na UE
O Instituto de Formación da Administración Local (IFAL) vén de inaugurar un curso de Especialización no Financiamento Comunitario dirixido a cargos electos da Administración local, axentes de desenvolvemento local e outros funcionarios da Administración. O curso ten por obxectivo a formación de especialistas co fin de tira-lo maior proveito das fontes que a UE concede para o costeo de proxectos do ámbito local. As clases terán lugar na sede do IFAL, organismo dependente da Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias) e Caixa Galicia.
(Fonte: Santiago,
AGN).

General Dinamics inicia contactos coa Xunta para o desenvolvemento da factoría Santa Bárbara
O vicepresidente da empresa norteamericana General Dinamics, Arthur J. Veitch, visitou ó Goberno Galego para establece-las pautas de colaboración no desenvolvemento conxunto da factoría coruñesa. O Presidente da Xunta, Manuel Fraga, presentou a súa "mellor disposición" para afrontar tódolos "temas técnicos" que leve a compañía co persoal dispoñible na Coruña.
(Fonte: Santiago,
AGN).
 
10/12/2001
A presidencia española da UE inclúe dúas reunións en Santiago
A Presidencia española da UE, que comezará o vindeiro 1º de xaneiro, estará marcada polas prioridades da loita contra o terrorismo e a creación dun espacio xudicial único. Galicia será escenario de dúas reunións ministeriais. No calendario anunciado hoxe polo Presidente do Goberno, figura unha reunión informal de Ministros de Xustiza e Interior, prevista para os días 13 a 15 de febreiro, e un seminario sobre consumo que reunirá varios ministros de Sanidade e Consumo da Unión que se celebrará en xuño.
(Fonte: Santiago,
AGN).

O armador do "Lameiro Uno" pagará catro millóns de pesetas para libera-los trece tripulantes retidos en Marrocos
As autoridades de Marrocos accederon hoxe a libera-lo pesqueiro galego "Lameiro Uno" tralo pago de catro millóns de pesetas por parte do armador. As autoridades reduciron as súas esixencias iniciais de 38 millóns de pesetas tralas negociacións co propietario do barco, quen defendeu a legalidade das operacións pesqueiras no momento da captura, pero accedeu a paga-los catro millóns de multa para permiti-lo regreso dos tripulantes. (Fonte: Santiago, AGN).
 
09/12/2001
O futuro conselleiro de Emigración cifra en case un millón os galegos que viven en Arxentina nunha situación precarizada
Aurelio Miras asegurou que o seu departamento centrará o seu labor en analizar o retorno dos emigrantes e a política de axudas. Pese a que se manterá unha "política continuista" coas iniciativas da Xunta realizadas en materia de emigración, a actual crise económica de grandes áreas do Cono Sur obrigará á introducción de "novos aspectos". Miras cifra entre 300.000 e 1 millón os galegos que forman a comunidade arxentina, aínda que non hai inventario do número de galegos afectados pola crise.
(Fonte: Santiago,
AGN).

O armador do "Lameiro Uno" regresa a Marín sen acordo con Marrocos, aínda que espera que esta semana sexan liberados os tripulantes
Os nove mariñeiros que ían a bordo do barco permañecen retidos no porto de Dakhla dende o 26 de novembro. O armador do buque mantivo un encontro coas autoridades alauítas co fin de aclara-las circunstancias da detención do pesqueiro galego, acusado de faenar sen permiso nas súas augas. Tanto o armador como a tripulación e mailas autoridades pesqueiras galegas e españolas esperan que a vía política poda resolve-lo problema sen necesidade de acudir á vía xudicial.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Manuel Rivas recolle en Bruxelas o Premio Amnesty International pola súa novela "O lápis do carpinteiro"
A novela, publicada por Edicións Xerais en 1998, conta con 55.000 exemplares vendidos, e é xa o libro máis traducido na historia da literatura galega. A súa entrada no 2000 no mercado inglés engádese ás traduccións xa feitas en alemán, portugués, francés, italiano, holandés, noruegués e xaponés.
(Fonte: Santiago,
AGN).
 
08/12/2001
O FSE selecciona o proxecto Stella da Consellería de Sanidade para executar nos próximos 2 anos
O proxecto, integrado na iniciativa comunitaria Equal, ten como obxectivo a integración social e laboral das persoas en situación de precariedade económica, discapacidade física ou sensorial, pertenza a minorías étnicas ou situación de ex-reclusión ou ex-toxicomanía. Ademais destínase un 5% do total para a formación de universitarios que presenten unha grave inadecuación do seu perfil profesional coas demandas do mercado.
(Fonte: Santiago,
AGN).
 
07/12/2001
Inditex abre novas tendas en Puerto Rico e a República Checa, co que xa está presente en 39 países
Coa apertura da súa primeira tenda en Miami, Inditex consolida a súa presencia nos EE.UU, onde só tiña tendas en N.York. No que vai de ano, Inditex iniciou a súa penetración nos mercados de 6 países (Luxemburgo, Islandia, P.Rico, R. Checa, Jordania e Irlanda) e no 2002 pretende continua-la súa expansión europea, comezando por Suiza, Italia e Finlandia.
(Fonte: Santiago,
AGN).
 
05/12/2001
A Coruña recibe un premio da ONU pola súa xestión medioambiental
O premio "Nations in Bloom" non está acompañado de ningún tipo de dotación económica, pero si supón un recoñecemento internacional que prestixia á cidade galardonada. Cidades estadounidenses que competían coa Coruña polo premio xa se interesaron polo modelo de xestión de refugallos posta en marcha na cidade herculina, e o Goberno local recibirá proximamente a visita de representantes londinenses para coñece-las propostas coruñesas.
(Fonte:
El Correo Gallego).

Unións Agrarias esixe axudas para o sector avícola tralo peche do mercado marroquí
Marrocos pechou as fronteiras á entrada de polos procedentes de España, unha medida que prexudica de xeito especial ós productores galegos xa que as súas vendas representan entre o 12 e o 15% do total de exportacións do Estado. Unións Agrarias reclama ó Goberno central e á Xunta que aproben medidas compensatorias para evitar que sexan os productores os que paguen as consecuencias económicas dunha crise diplomática, estimadas en máis de 170 millóns de pesetas, que deixa á producción galega sen un dos seus principais compradores.
(Fonte: Faro de Vigo)

O Consello Asesor da Fundación Galicia-Europa manterá a pesca como primeiro asunto a tratar
O Consello Asesor, constituído o pasado 23 de novembro, está formado por persoas de recoñecido prestixio empresarial ou profesional ligadas a Galicia, co obxectivo de apoiar á Fundación Galicia-Europa na elaboración, promoción e defensa de propostas orixinais sobre as políticas públicas comunitarias. O Presidente do Consello, Gerardo Fernández Albor, mostrou o seu interese en trasladar as propostas galegas en materia de pesca ás institucións europeas na entrevista mantida hoxe co Presidente da Xunta.
(Fonte: Santiago,
AGN).
 
04/12/2001
Tres gandeiros galegos forman parte da demanda contra a UE por "falta de dilixencia" no mal das vacas tolas
A demanda conxunta, xestida no nivel nacional pola Coordenadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros de España (COAG), reúne a máis de 500 demandantes que acusan ós organismos comunitarios de suposta responsabilidade na xestión da crise. De seren admitida, podería tardarse máis de dous anos en chegar a unha resolución que, en caso de fallo favorable, daría o dereito a cada demandante a unha compensación económica polas perdas sofridas.
(Fonte: Santiago,
AGN).

A creación das carteiras de Servicios Sociais e Emigración provoca unha remodelación nas competencias das Consellerías
A Consellería de Emigración ocuparíase das competencias da anterior Secretaría Xeral para as Relacións coas Comunidades Galegas, que formaba parte do organigrama da Presidencia, podendo asumir tamén as funcións da Subdirección Xeral de Cooperación Internacional, que se ocupaba das axudas ás ONGs e entidades de apoio ó desenvolvemento. Deste xeito a Consellería estaría formada por dúas Dirección Xerais, a de Galeguidade, que se centraría nos servicios destinados ós emigrantes galegos, e a de Cooperación, que asumiría os proxectos de cooperación da Xunta.
(Fonte: Santiago,
AGN).
 
29/11/2001
Unión Fenosa opta ó premio á mellor eléctrica internacional do ano 2001
O certame patrocinado por Deloitte Touche Tohatsu e Platts recoñece anualmente o traballo das empresas do sector enerxético e, nos últimos anos foron premiadas Repsol YPF e Energía Hidroeléctrica de Navarra. O nome do galardonado daráse a coñecer o próximo decembro. Ademais de Unión Fenosa, tres grupos norteamericanos, un inglés, un francés e máis un sudafricano optan polo premio na edición deste ano.
(Fonte: Santiago,
AGN).
 
27/11/2001
A UE aprobará hoxe o regulamento para o plan de Reconversión da flota de Marrocos
O Plan establecerá as normas xurídicas para conceder as axudas. Na reunión de hoxe se tratarán as modificacións propostas ao proxecto de normativa, a maioría centradas nunha maior flexibilidade para a concesión de axudas. En Galicia o total de barcos afectados é de 41, máis de 130 se temos en conta os que teñen a súa base en Canarias. Os sindicatos calculan que o 75% deles poderían estar abocados ó desguace. O número de traballadores que recibiron axudas por inactividade foi de 600, máis os afectados polo paro pode estar entre 1500 e 1600. Parte desa flota podería reubicarse nos caladoiros de terceiros países, segundo o Goberno autonómico. Nese senso, a UE dará mañá a aprobación o acordo de pesca con Mauritania.
(Fonte: Santiago,
AGN).
 
22/11/2001
A UE acepta destinar 170 millóns de euros para a reconversión da flota de Marrocos no ano 2002
Os ministros de Orzamentos da UE aceptaron destinará reconversión da flota española e portuguesa afectada pola falta de acordo con Marrocos os 197 millóns solicitados pola Comisión. Da cantidade total, preto dun 95% destinarase á flota española, gran parte dela galega, e o resto será para a reconversión da flota portuguesa.
(Fonte: Santiago,
AGN).
 
21/11/2001
Galicia situouse no ano 2000 como a primeira comunidade no crecemento de vendas ó exterior
Segundo os datos presentados no Informe de Comercio Exterior de Galicia do Banco Pastor as exportacións creceron en Galicia a un ritmo maior que as importacións, ó contrario do que sucedeu no conxunto estatal. O informe destaca a importancia da provincia de Pontevedra nos apartados de compras e vendas ó exterior de Galicia, mentres revela a “limitada aportación” a estas cifras de Lugo e Ourense.
(Fonte: Santiago,
AGN).

As grandes multinacionacionais presentes en Galicia non contribúen ó afortalamento da economía galega
As multinacionais presentes en Galicia comparten “a febleza innovadora do aparato productivo”, explica o investigador da USC Manuel González López. O estudio, presentado no II Congreso de Economía, revela que o comportamento destas empresas na Comunidade en materia de I+D é menos activo” que no resto do territorio español. A automoción concentra o maior número de filiais de multinacionais, seguida dos sectores agroalimentario, metalúrxico, químico, maquinaria, pesca e construcción.
(Fonte: Santiago,
AGN).
 
20/11/2001
Nova Consellería de Emigración no organigrama da Xunta
A Secretaría Xeral para as Relacións coas Comunidades no Exterior se converterá en Consellería de Emigración na próxima lexislatura, ó tempo que se introduce a nova Consellería de Asuntos Sociais. Aurelio Miras Portugal, responsable da Secretaría de Residentes no Exterior no PPdG dende 1993, será o encargado da nova Consellería de Emigración.
(Fonte: Santiago,
AGN).

O CIS abordará con dous centros noruegos a transferencia de tecnoloxía
O Centro de Innovación e Servicios abordará coa Rogeland Research de Stavanger e coa Universidade de Narvik a posibilidade de transferir tecnoloxía nos campos do petróleo, o gas, e o entorno marino. As reunións contarán, no primeiro caso, coa presencia do INEGA e da empresa Reganosa, e permitirán a visita a Ferrol de 10 empresas noruegas con motivo do convenio entre Izar e a Mariña de Noruega.
(Fonte: Santiago,
AGN).

López Veiga regresa de Arxentina con novos programas de investimento pesqueiro
A misión encabezada polo conselleiro de pesca tiña por obxecto estreitar os vínculos en materia pesqueira coa provincia arxentina de Chubut, habida conta do pulo inversor da Comunidade autónoma nesa provincia.Veiga viaxou acompañado dun nutrido grupo de empresarios e co director do Cetmar (Centro Tecnolóxico do Mar), quen asinou un convenio polo que 20 traballadores locais virán formarse en Galicia, coa idea de repetir a experiencia en Namibia e illas Malvinas.
(Fonte: La Voz de Galicia).

A Comisión de Pesca do Parlamento Europeo aproba un informe do BNG no que se pide garantir o desenvolvemento das rexións pesqueiras
No proxecto aprobado solicítase o mantemento das axudas do IFOP para a renovación das flotas e o desenvolvemento do sector pesqueiro e a acuicultura.Respecto ós acordos de pesca con terceiros países, o eurodeputado Nogueira pide o desenvolvemento dunha política específica, especialmente en países en proceso de cohesión, facendo compatibles cooperación e desenvolvemento.
(Fonte: Santiago,
AGN).

O Cónsul de Cuba en Galicia agradece en Vigo o apoio da comunidade galega
Durante a súa visita á sede da CIG, o cónsul informouse sobre a marcha da campaña de solidariedade con Cuba “Fran País” que desenvolve o Sindicato xunto con outras organizacións, ó tempo que destacou a participación galega en campañas humanitarias e de solidariedade coa illa.
(Fonte: Vigo,
AGN).
 
19/11/2001
As Universidades de Vigo e Venecia colaboran nunha mostra
A mostra acollerá os proxectos desenvolvidos polo arquitecto Enric Miralles en Vigo e Venecia, e será presentada ó público o próximo ano. Cada Universidade se ocupará de levar a cabo actividades de promoción ante entidades públicas, colexios, asociacións profesionais e culturais, etc. co fin de realizar visitas guiadas e outras actividades de formación.
(Fonte: Vigo,
AGN).

As vendas galegas ó exterior aumentan un 54% en dous anos
O Plan de Iniciación e Promoción Exterior 2000, impulsado polo Instituto de Comercio Exterior e as CCAA, conseguiu converter en exportadoras a 215 pemes galegas. Ao novo PIPE 2000-2006 (financiado nun 50% polo FEDER) poderán acollerse 45 empresas galegas para poñer en marcha planos individuais.
(Fonte: Santiago,
AGN).

Fraga fai público o seu desexo de asistir a unha reunión de sociedades de emigrantes en EEUU
O Presidente da Xunta manifestouse nestos termos durante a recepción ó portavoz do gobernador de New Jersey (EEUU), o galego Anselmo Millán. Millán afirmou que os galegos son unha comunidade moi apreciada en EEUU polos seus “grandes valores familiares, ética profesional e ganas de mellorar”.
(Fonte: Santiago,
AGN).
 
18/11/2001
Galicia participará nunha web europea de promoción turística
Galicia estará en Internet xunto ás rexións portuguesas de Chaves e Madeira, as francesas de Bretaña e Poitou-Charentes e as CCAA de Cantabria e Castela-León. A páxina contará co financiamento do Interreg II e publicarase en catro idiomas co obxectivo de promocionar conxuntamente a zona atlántica mellorando a súa competitividade respecto ó Mediterráneo e Centroeuropa.
(Fonte: Santiago,
AGN).
 
29/10/2001
García Leira asiste á reunión de presidentes de Asembleas lexislativas
O Presidente do Parlamento Galego asiste á quinta Conferencia de Presidentes de Asembleas Lexislativas das Rexións de Europa (CARLE), iniciada onte e que rematará mañá na illa de Madeira (Porrugal). A xuntanza ten por obxecto debatir un proxecto de regulamento interno da CARLE e adoptar medidas para reforzar a coordinación e colaboración entre elas.
(Fonte: La Voz de Galicia).

O vicepresidente de Unión Fenosa recibe a máxima condecoración boliviana
O Goberno boliviano recoñece a labor realizada polas empresas españolas neste país nos últimos anos, na persoa de Victoriano Reinoso y Reino, conselleiro delegado e vicepresidente de Unión Fenosa.
(Fonte: La Voz de Galicia).


Alcaldes lusos e galegos abordan as conexións viarias do Eixo Atlántico
Reunidos en Braga analizan a situación e os plans de conexións viarias e ferroviarias, na véspera da decisión do Goberno portugués sobre cómo será a renovación do corredor ferroviario que comunica Lisboa con Galicia.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 
03/10/2001
Autoridades de Namibia reclaman a Galicia a transferencia de tecnoloxía pesqueira
A alcaldesa do porto máis importante de Namibia, apostou pola celebración dun acordo específico que garanta o traspaso de coñecementos. As declaracións producíronse no marco da Feira Internacional de Productos conxelados " Conxemar 2001", onde tamén se puxo de manifesto a necesidade de reducir as trabas ó comercio mundial de pescado.
(Fonte: La Voz de Galicia).

A emigración galega afronta con orgullo a posibilidade de decidir a cor da Xunta
José Manuel Taboada (PP), Eduardo Cuña (BNG) e José Rojas (PSOE) son tres emigrantes galegos residentes en París que opinan acerca do voto exterior. Se ben uns reprochan ó PP que a situación dos emigrantes non mellorara nada nestes últimos anos, a valoración do partido do goberno sitúase xustamente no lado contrario.
(Fonte: La Voz de Galicia).

A colonia exterior de Cabo Verde, o único caso equiparable ó de Galicia
Durante as eleccións de Cabo Verde, o postcomunista Veiga e o conservador Pires disputáronse o voto dos emigrantes, que de xeito similar a Galicia supón un 11% do censo.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 
02/10/2001
A oficina da Xunta en Arxentina recibe 12.000 demandas para só nove empregos
Os arxentinos confirman que dende esta oficina era moi difícil acceder a un emprego aquí, xa que soamente se recollían as currícula para conformar unha base de datos e non para a busca de traballo. A crise é moi forte alén do Atlántico, polo que a poboación desesperase por atopar traballo e recorren a calquera canle para conseguilo.
(Fonte: La Voz de Galicia).

Un servicio temporal que pasará a ser permanente
Na Oficina da Xunta en Bos Aires existe unha asesoría laboral que tiña previsto funcionar só ata decembro pero que será permanente. O primeiro paso é deseñar a base de datos con tódolos solicitantes para despois realizar entrevistas. O obxectivo é prestar un servicio de orientación laboral realmente eficaz.
(Fonte: La Voz de Galicia).

Arxentina renovará por dez anos os permisos de pesca a firmas de capital galego
O gobernador de Chubut, comprometeuse a atender as reclamacións das empresas arxentinas con capital galego asentadas na Patagonia. O problema é que as licencias concédense só por un ano, polo que a tarefa empresarial vese dificultada. A concesión de permisos plurianuais permitirá planificar o establecemento de plantas en terra.
(Fonte: La Voz de Galicia).
 
 
Ver máis Diario Exterior

3º trimestre 2001
 
Volver

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/01/2002