ConveniosVolver ó índice


Convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o IGADI para o intercambio de información sobre o diagnóstico e prospección exterior


En Santiago de Compostela, a 19 de outubro de 1999.


COMPARECEN

Dunha banda, Jesús María Gamallo Aller, na súa calidade de secretario xeral para as Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior, que intervén neste acto por conta e representación da Xunta de Galicia, mediante delegación expresa para a correspondente sinatura otorgada polo conselleiro da Presidencia e Administración Pública, ó abeiro do establecido nos artigos 34 e concordantes da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e o seu Presidente, integrados co artigo 16 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, e demais normativas de aplicación.

Doutra, Xulio Ríos Paredes, na súa calidade de director da asociación "Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional" (IGADI) e intervindo neste acto por conta e representación daquela entidade, segundo se acredita por medio da certificación expedida o vinteséis de abril de mil novecentos noventa e nove por Antonio Araúxo Quintas, secretario da devandita Asociación, e consonte coas facultades e funcións que lle atribúen os artigos 12 e afíns dos seus Estatutos, dos que se aporta copia dilixenciada polo secretario do Concello de Nigrán (Pontevedra).

E, en consecuencia, recoñecéndose mutuamente ámbalas dúas partes intervintes plena lexitimación, capacidade e representación para acorda-lo que ás súas respectivas mandantes lles resulte de interese para o axustado desenvolvemento das súas competencias e funcións,


EXPOÑEN

Que a Xunta de Galicia ten amosada unha relevante sensibilidade polos temas internacionais en canto atinxan a Galicia, como ficou nidiamente plasmado por medio da creación da Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior, dependente funcionalmente e de xeito directo da súa propia Presidencia, nos termos especificados polo Decreto 4/1997, de 9 de xaneiro, que ademais lle asigna a xestión das materias sustantivas de rigor.

Que a asociación "Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional", en adiante IGADI, é unha entidade civil sen ánimo de lucro e de carácter cultural, investigador e divulgativo, constituída ó abeiro da Lei de Asociacións do 24 de decembro de 1964, inscrita no rexistro nacional do Ministerio do Interior co número 105.600, así coma no censo de asociacións e entidades culturais de Galicia co código de identificación B-02-63/PO-403, libro 1, folio 151, expediente 1.808, e no rexistro galego de organizacións non gobernamentais de axuda ó desenvolvemento co código SGPA 96/13-ONGD-44, tendo entre as súas finalidades afondar no estudo dos problemas internacionais, cooperar con outros organismos e entidades para a realización de similares fins e organizar un fondo bibliográfico e documental relativo a materias de orde internacional.

Que habida conta da complementariedade de intereses nos eidos da análise, avaliación e prospección internacionais, os conveniantes poden colaborar no intercambio de información e acceso a fontes e documentos, así como na realización de actividades formativas, de divulgación e estudio dos problemas internacionais, buscando a maior difusión e a integración de sinerxias, estimulando ademais na sociedade civil galega a atención pola problemática internacional, dada a escasa iniciativa existente nesta materia.

E por todo o exposto, considerando a sintonía de obxectivos e a complementariedade dos mecanismos concorrentes para a súa consecución, ámbalas dúas partes intervintes coinciden en instrumenta-lo seu acordo de vontades no presente convenio de colaboración, de conformidade coas seguintes


ESTIPULACIÓNS


Primeira

A) O IGADI permitirá o acceso do persoal da Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior da Xunta de Galicia ós seus fondos bibliográficos, bases de datos, arquivos documentais e informes confeccionados durante o período de vixencia do presente convenio e ó emprego da información recadada para o desenvolvemento das tarefas administrativas e de representación que lle son propias. O acceso descrito poderá materializarse nas propias dependencias do Instituto ou por medio de calquera medio telemático disponible.

B) Ó efecto de posibilitar unha áxil xestión dos mecanismos de consulta, o IGADI designará a unha persoa responsable das xestións coa Secretaría Xeral. Asemade, esta poderá encomendarlle a realización de resumes e/ou informes que compendien os recursos de que dispoña o Instituto, nos termos e prazos que fosen máis axeitados para o bo uso dos mesmos.


Segunda

A Secretaría Xeral para as Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior poderá recabar do IGADI informes técnicos específicos sobre aspectos concretos relativos a institucións e organismos internacionais, sempre e cando fosen precisos para o desenvolvemento das súas tarefas.


Terceira

A Xunta de Galicia, a través da súa Secretaría Xeral para as Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior, compensará ó IGADI cun total de ............. de pesetas, financiados con cargo á aplicación presupostaria 04.05.111E.480.1 (código de proxecto 04.99.407), logo da certificación expedida pola Secretaría Xeral do satisfactorio acceso á información especificada nas anteriores estipulacións. Non obstante, poderán efectuarse pagamentos parciais acumulativos ata un máximo do oitenta por cento do importe global da compensación a medida que o Instituto facilite os anteditos resumes e/ou informes, xustificando os gastos nos que incurra por medio de certificación do seu Secretario.


Cuarta

O presente convenio expirará o 20 de decembro de 1999, sen perxuízo da posibilidade de estende-la colaboración por medio de novo instrumento convencional logo de avaliada a experiencia posta en marcha.


Quinta

As lagoas ou diverxencias que puideran apreciarse na aplicación do presente convenio integraranse, interpretaranse e resolveranse motivadamente pola Administración concertante, e contra as súas resolucións caberá interpoñe-los oportunos recursos administrativos e xurisdiccionais na orde contencioso-administrativa, ou calquera outros recursos e accións que en Dereito procedan.


E en proba da plena e voluntaria conformidade dos intervintes coas estipulacións enriba consignadas, ámbolos dous asinan e rubrican o presente instrumento convencional, por triplicado exemplar, no lugar e data do seu encabezamento.Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 18/11/99