Leer el convenio en castellanoConveniosVolver ó índice
 
Acordo de colaboración entre o Instituto de Estudos de América Latina (Academia de China de Ciencias Sociais) e o IGADI
 
 

Reunidos en Beijing, a 28 de abril de 2008.


Dunha parte,
Zheng Bingwen, director do Instituto de Estudos de América Latina da Academia de China de Ciencias Sociais, en nome e representación da mesma e en virtude das atribucións que lle foron conferidas e, doutra, Xulio Ríos Paredes, director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional,

Recoñecéndose mutuamente a capacidade legal para outorgar o presente


Acordo de colaboración


MANIFESTAN

Tendo en conta que ambas entidades sinalan como unha das súas preocupacións comúns o estudo da evolución socioeconómica, política e cultural da rexión latinoamericana.

Considerando que o fomento dos intercambios entre ambas entidades e a diversos niveis poden contribuír a reforzar a utilidade e o interese do traballo en común.

Valorando a importancia de institucionalizar devanditos intercambios e concedendo especial atención ás iniciativas relacionadas coa influencia das respectivas diásporas e os procesos de triangulación.

Coincidindo ambas partes na necesidade de contribuír, na medida das súas posibilidades, a estimular o interese polos asuntos relacionados con América Latina nos respectivos países mediante a realización de diferentes iniciativas tendentes a afondar no mutuo coñecemento das respectivas realidades.

En virtude de canto precede, as dúas partes subscriben o presente Acordo suxeito ás seguintes


CLÁUSULAS

Primeira

Establécense como obxectivos compartidos os seguintes:

a) Promover accións de reflexión e sensibilización sobre temas relacionados con América Latina de interese bilateral, tanto en termos xerais como no marco de iniciativas conmemorativas concretas.

b) Facilitar a celebración de conferencias, simposios, encontros, etc, optimizando o intercambio de visitas.

c) O desenvolvemento de liñas e proxectos de investigación conxunta.

d) O apoio a profesores e investigadores interesados na problemática de América Latina, facilitando o contacto entre os respectivos especialistas nesta área.

e) Establecer mecanismos que permitan unha eficaz coordinación con todos aqueles axentes (académicos, políticos, sociais, etc) que poidan estar interesados na consecución de similares obxectivos.

f) Organizar e impartir cursos de formación relacionados con esta temática.

g) Difusión recíproca e intercambio de artigos e publicacións que resulten de interese conforme aos criterios académicos da outra parte, asegurando a permanente fluidez de información entre ambas entidades.


Segunda

Para a eficaz implementación dos devanditos obxectivos, ambas partes elaborarán cada dous anos un Plan de actividades.


Terceira

En todas as actividades desenvolvidas ao amparo deste Acordo farase constar explicitamente a participación de ambas partes.


Cuarta

Ambas partes comprométense a procurar o financiamento adecuado para a digna realización das actividades programadas.


Quinta

Crearase unha Comisión de Seguimento formada por un representante de cada unha das partes que se reunirán, como mínimo, unha vez ao ano. Cada parte designará devanditos representantes no prazo máximo dun mes á firma do convenio, sinalando un suplente.


Sexta

As partes asinantes acordan que en caso de litixio, discrepancia ou reclamación que resulte da execución ou interpretación do presente Acordo, resolverase a través de consultas en pé de igualdade.


Sétima

A duración do Acordo é de tres anos, e entrará en vigor a partir da data da firma. A rescisión do mesmo por algunha das partes efectuarase por escrito e cunha antelación mínima de tres meses. En calquera caso, deberase garantir a finalización das actividades en curso.


E en proba de conformidade, as dúas partes asinan o presente Acordo, cuxo texto en chinés e galego é igualmente auténtico, no lugar e data do encabezamento.

Instituto de Estudos de América Latina, Zheng Bingwen.

IGADI, Xulio Ríos Paredes.

 
Volver ó índice



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 28/04/2008
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta