China e o mundo chinésVolver ó índice


Un revés para China
Por Xulio Ríos (artigo publicado en Vieiros o 26 de maio de 1998)

Os resultados das primeiras eleccións pluralistas da historia da China Popular, celebradas o pasado domingo na Rexión Administrativa Especial de Hong Kong, supoñen un duro revés para os intereses de Beijing que nestes momentos analiza polo miúdo un escrutinio que se vai facer oficial nas próximas horas.

Dos 60 membros do Consello Lexislativo, soamente a terceira parte elixianse directamente e por sufragio universal. O Parlamento provisional, vixente dende o 1 de xullo de 1997, data da retrocesión a China, modificou a normativa electoral para pasar dun sistema maioritario a outro proporcional, máis favorable ós intereses da política chinesa. Aínda así, a principal formación de Hong Kong próxima ás posicións políticas do continente (o Partido Comunista Chinés non concorría como tal) obtivo un resultado moi feble, aínda que mellor en relación ó obtido en 1991 ou en 1995. O índice de participación superou todas as previsións, un 53% fronte ó 35,8% de 1995, moi significativo se temos en conta o substancial incremento do número de electores inscritos.

Os cidadáns de Hong Kong non pasan de política. Non é certo que soamente pensen nos negocios. Pero ademais depositan maioritariamente a súa confianza nas forzas anti-PCCh, dando as costas a Beijing e ós seus principais aliados no enclave, os “amigos ricos”, os grandes millonarios e homes de negocios que, paradoxalmente, reafirman o seu “patriotismo” apoiando a política continental. Pola contra, os demócratas de Martin Lee simbolizan as aspiracións non soamente de garantir certos niveis de liberdade senón tamén de acadar un maior benestar. Existe a convicción de que para cooptar as élites hongkonesas, Beijing sacrificou as esperanzas dunha maior preocupación pola superación das profundas desigualdades que habitan na ex-colonia.

No 2003 serán 30 os deputados a elixir directamente polos cidadáns. Quizáis nese tempo se decaten de que unha cousa é o voto do mercado e do capital, e outro o voto da sociedade. Mentres o Partido Comunista Chinés garda a Marx no armario para construir o “socialismo”, en Hong Kong, as clases sociais e os seus diversos intereses semellan manifestarse con toda claridade.

Xulio Ríos e director do IGADI e autor de “Hong Kong, camiño de volta” (Edicións Laiovento).Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 21/11/98