China e o mundo chinés
Taiwán, as illas Diaoyu e outros conflictos
territoriais no mar de China
Por Xulio Ríos (Revista de Estudios Asiáticos,
nº 4, xaneiro-xuño 1997)
O domingo 22 de setembro de 1996 milleiros de taiwaneses percorrían as rúas da súa capital, Taipei, para reivindicar a soberanía sobre as Diaoyu, unhas illas situadas a 150 millas de Taiwán, a 200 da China continental e a 200 tamén de Okinawa. Os manifestantes denunciaban así a actitude presuntamente militarista de Xapón, país que actualmente exerce a administración de facto destes territorios insulares. Uns días máis tarde falecía afogado na zona do conflicto, David Chan, un empresario de Hong Kong, líder da Asociación Alianza do Mundo Chinés, cando participaba nunha acción marítima de protesta contra a ocupación xaponesa. Se ben este dramático incidente non tivo consecuencias diplomáticas, as protestas cidadás ante o consulado de Xapón en Hong Kong multiplicaronse rapidamente e unha flotilla de barcos taiwaneses adentrabase na zona ante a atenta mirada do Servicio de Vixiancia Marítima nipón. Por esas mesmas datas, unha multitude de alumnos da Universidade de Pequín reuníase espontáneamente –nunha magnitude descoñecida dende os sucesos de Tiananmen– para unir a súa voz á dos compatriotas de Taiwán e Hong Kong. Tamén se rexistraron algunhas mobilizacións similares entre os medios universitarios de Shanghai. A disputa polo control destas oito pequenas illas –a maior delas non supera os 5 km cadrados– e algúns arrecifes totalmente inhabitables parecía unir nun mesmo movemento a cidadáns de Taiwán, Hong Kong e China, aguilloados polo recordo das humillacións e calamidades que Xapón propinou á comunidade chinesa nun pasado aínda demasiado recente.
A orixe inmediata desta crise -que como logo se verá non foi a primeira nin será probablemente a derradeira- remontase a unha escalada iniciada o 14 de xullo de 1986 cando un grupo de membros da denominada federación da Xuventude Xaponesa (Nihon Seinen Sha) desprazabase á zona para construír un faro nunha das illas. Uns días máis tarde, o 20 de xullo, o goberno nipón acorda a ampliación a 200 millas da súa zona económica exclusiva incluíndo nela as illas Diaoyu (chamadas Senkaku polos xaponeses pola derivación da denominación que os británicos deran a estas illas -Pinnacle Rocks-). O 29 de xullo, o primeiro ministro Hashimoto visita o Ysukuni Shrine para rendir tributo ós criminais de guerra (versión chinesa). O 18 de agosto, membros da Asociación de defensa das illas Senkaku da prefectura de Okinawa izan unha bandeira xaponesa, ó tempo que o goberno de Tokio organiza unhas pequenas manobras que inclúen o despregamento de barcos e demostracións aéreas fora do común.
Observada atentamente tal secuencia fáctica desde China e sobre todo desde Taiwán, a interpretación global non deixa lugar a dúbidas. Tokio proporcionou cobertura e apoio á iniciativa da Federación da Xuventude Xaponesa, unha asociación que conta aproximadamente cuns 3.000 membros e que segundo revela The Wall Street Journal na súa edición do 16 de setembro ben poidera ter conexións coa organización de Kobayashi-kai, á súa vez vinculada ó sindicato yakuza de Sumiyoshi-kai. Por outra banda, non é casual a coincidencia destas iniciativas coa decisión da ampliación a 200 millas da zona económica exclusiva nin, engaden os observadores chineses, coa pleitesía rendida unha vez máis ós responsables do xenocidio chinés durante a Segunda Guerra Mundial. Avaliada no seu conxunto, a concatenación destas accións parece conter as evidencias dunha clara mensaxe acerca da irrenunciabilidade de Xapón ós seus hipotéticos dereitos sobre estas illas. Oficialmente, os gobernos de Taiwán e de China –uns e outros se acusan de obrar de modo intencionadamente lento na súa formulación– elevaron as súas protestas ante Tokio.
Cando a mediados do mes de setembro a acción se repite novamente, esta vez coa excusa de reparar o faro que resultara danado por unha tormenta, colocar un pequeno monumento e izar outra bandeira, os ánimos chineses se encresparon ante o que consideraban unha "provocación" inadmisible e en toda regla. Aos ollos de moitos, reaparecían as pantasmas do pasado.
Pero o das illas Diaoyu non é un caso illado. En realidade, gran parte da franxa marítima da China continental e as súas proximidades constitúen unha das zonas potencialmente máis explosivas do continente asiático e do mundo. Iso é así ata o punto de que unha evolución incontrolada destas pequenas crises pode hipotecar e crebar as favorables expectativas de desenvolvemento e crecemento desta parte do globo. Polos mares da China circula a terceira parte do comercio mundial. Trátase dunha ruta de considerable valor estratéxico que é obxecto de codicia por todos aqueles Estados que proxectan a súa mirada cara o mar. O dominio dos islotes e arquipélagos tan abundantes na zona poden permitir un mellor control das rutas marítimas e aéreas trazadas nestas augas e ceos. Xapón non pode iñorar que por esa vía recibe gran parte das importacións e o subministro enerxético que fai funcionar a súa industria. China non esquece que esa franxa marítima é o flanco máis feble da súa defensa (por mar chegaron as invasións de Xapón e das nacións occidentais que precipitaron o país nunha acentuada decadencia da que aínda non se recuperou).
Por outra banda, ós abundantes recursos pesqueiros existentes en numerosas áreas destas augas, hai que sumar a constancia de que en gran parte do subsolo acúmulanse importantes reservas de petróleo e gas, na súa maioría, explotacións potencialmente moi rendibles que constitúen un factor engadido de estímulo para todas estas nacións emerxentes que precisan con urxencia de recursos enerxéticos para financiar máis cómodamente o seu crecemento. Por último, conven engadir a estas circunstancias, a síntese doutros factores non menos transcendentais como a situación de baleiro estratéxico que deixou a fin da rivalidade propia da guerra fría, o ansia compartida de proxectar posicións máis alá do estrictamente económico ou comercial, a necesidade da maior parte dos países da zona de asentarse o máis sólidamente posible para afrontar as previsións de crecemento dos próximos anos e a consciencia do determinante papel que Asia pode xogar no mundo do século vindeiro. Todo iso perfila as coordenadas globais dos contenciosos que axitan as augas dos mares da China.
Deixando a un lado a problemática Taiwán-China, catro son os principais focos de conflicto que se desenvolven nestas augas e que involucran a numerosos e poderosos actores, practicamente a totalidade dos países ribeireños:
1. A disputa polas illas Natuna. Situadas ó sur das illas Spratley, enfronta a China e Indonesia e hoxe por hoxe caracterizase pola súa baixa intensidade. Pero non debemos ignorar que, ó parecer, nas súas inmediacións ubícase un dos xacementos de gas máis importantes do mundo. Actualmente eses recursos estanse a explotar por Indonesia en colaboración coa compañía norteamericana Exxon.
2. A disputa polas illas Paracel (Xisha en chinés). Están situadas enfronte da illa de Hainán, unha das primeiras zonas económicas especiais de China). Disputanse o seu control China, Taiwán e Vietnam. En realidade, ese grupo de pequenas illas e arrecifes foi ocupado por China en tres fases: a primeira en 1974, a segunda en 1988 e a terceira en 1991. Nelas construiu xa dous portos (nas illas Woody e Duncan) e un aeroporto (na illa Woody). Para conseguir ocupalas non escatimou medios. En 1988, o seu enfrontamento con Vietnam causou 72 mortos e o fundimento de tres barcos de Hanoi. Na acción de 1991 producironse outros 70 mortos e o fundimento doutro navío. As accións militares de China coincidiron nun momento especialmente delicado para Vietnam, moi resentido da fraxilidade das súas relacións coa antiga Unión Soviética (en 1988, un momento crítico para a perestroika e de reorientación das súas relacións cos países asiáticos; e en 1991, en pleno proceso de desintegración da URSS).
3. A disputa polas illas Diaoyu (ou Senkaku, como as denomina Tokio). A súa ubicación xeografica xa foi referida. Enfronta a Taiwán e China con Xapón.
4. A disputa polas illas Spratley (Nansha, para os chineses). É, con diferencia sobre as demáis, a que conleva unha maior complexidade debido ás súas peculiares características e o elevado número de países implicados.
Dous factores relativamente recentes agudizan a transcendencia destes contenciosos. Dunha banda, a entrada en vigor das modificacións introducidas nas lexislacións nacionais para adecuar o ámbito das augas territoriais e das chamadas zonas económicas exclusivas ó novo dereito do mar adoptado por Nacións Unidas. De conformidade con el, tanto China como Xapón delimitaron a extensión territorial destes conceptos. A lei chinesa de 25 de febreiro de 1992 inclúe todas as illas en disputa e as súas augas adxacentes no ámbito da súa soberanía territorial. Algunhas destas zonas están actualmente baixo control doutros países como Indonesia, Filipinas ou o propio Xapón. Todos dirixiron as súas protestas contra Pequín por haber adoptado unilateralmente esta decisión e por incluir nela a previsión de recorrer ó uso da forza cando o estime oportuno para salvagardar este espacio de toda incursión considerada ilexítima ou non autorizada. Ao reivindicar todos estes espacios territoriais, Pequín envía unha clara mensaxe da súa escasa disposición á negociación. O outro factor que pode actuar como catalizador das crises é a existencia dunha crecente rivalidade pola adxudicación e o control das concesións para explotar os recursos petrolíferos e de gas existentes nestas augas e revelados en 1968 pola Comisión Económica de Nacións Unidas para Asia e o Medio Oriente.
Segundo publica o diario "Asia Business News" na súa edición do 7 de novembro de 1996, nunha enquisa realizada entre executivos asiáticos, á pregunta de a quen pertencían as illas Diaoyu/Senkaku, a resposta foi a seguinte: a Xapón, 49.1por cento, a China, 28.4 por cento, a Taiwán, 22.5 por cento. No caso das Spratley/Nansha: a Filipinas, 47.6 por cento; a China, 24.1 por cento; a Vietnam, 13.9 por cento; a Malasia, 9.6 por cento; a Taiwán, 3.6 por cento; a Brunei, 1.2 por cento.
A disputa das illas Diaoyu/Senkaku
Neste contencioso, Taiwán e China manteñen posicións similares. Para Pequín e Taipei, tanto dende o punto de vista xeolóxico como histórico, as illas Diaoyu son chinesas. Ao parecer, a existencia dunha fosa marina de varios milleiros de metros que separa estas illas do arquipélago de Okinawa evidenciaría a súa vinculación xeolóxica a Taiwán. Dende o punto de vista histórico argumentan diferentes consideracións: 1) en documentos pertencentes á dinastía Ming (1368-1644) estas illas aparecen incluidas nos mapas que indican o ámbito territorial da nación chinesa e deles dedúcese que en 1372 as illas foran descubertas polos seus navegantes que as utilizaban para axudarse nas travesías; 2) nun libro do reinado de Yong Le (1403-1424) titulado "Unha viaxe tranquila coas velas ó vento" tamén se alude a elas como chinesas. Durante todo ese período, as illas Diaoyu estiveron baixo a administración da provincia primeiro de Fujián e máis tarde de Taiwán; 3) en 1556 foron incorporadas á defensa marítima de China. Durante máis de cen anos foron frecuentadas polos aborixes de Taiwán e outros, tanto para pescar como, sobre todo, para recoller varias especies de herbas utilizadas na medicina tradicional chinesa. Pequín, por outra banda, afirma poseer documentación fifedigna (mapas publicados en Xapón en 1783 e 1785) que acreditan sen lugar a dúbidas que as illas formaban parte territorialmente de China e iso explicaría o por qué Xapón nunca cuestionou esta soberanía ata a guerra de 1894-95.
Precisamente esta guerra e o seu penoso resultado para China deron un volco á situación. No Tratado de Shinonoseki (Ma Guan) China cedía a Xapón o dominio sobre Taiwán e as illas dos arredores que administraba, entre outras as Diaoyu. Este elemento é importante porque serve á oposición chinesa para argumentar que o destino das illas Diaoyu debe ir parello á devolución de Taiwán. Na conferencia de El Cairo (1943) na que participaron Estados Unidos, Inglaterra e a China de Chiang Kai-shek, adoptouse a decisión de restituir a China todos os territorios que lle foran usurpados no pasado por Xapón, incluidas as illas do Pacífico. Máis tarde, no Tratado de Paz de San Francisco, asinado en 1951 entre Xapón e os Aliados, as illas Diaoyu asignaronse a Xapón, se ben temporalmente e con outros territorios os poderes administrativo, lexislativo e xudicial serían exercidos por Washington (artigo 3). Os gobernos chineses, tanto de Taiwán como de Pequín nunca recoñeceron oficialmente este Tratado.
Xapón pola súa banda elude as disquisicións de carácter xeolóxico ou histórico e fundamenta os seus dereitos á propiedade destas illas primeiramente na orde estrictamente legal derivada do exercicio da ocupación dunha "terra de ninguén", e en segundo lugar, recorrendo ós feitos: o control exercido na zona pola Armada nipona dende hai máis de cen anos. O Ministerio de Asuntos Exteriores resumía nunha nota feita pública o 3 de agosto de 1972 a posición nipona: 1) a dinastía Qing nunca chegou a administrar efectivamente este territorio; 2) despois de 1985 recoñeceuse abertamente que as illas obxecto de disputa eran totalmente inhabitables dado o seu carácter volcánico; 3) o goberno xaponés, nunha decisión ministerial adoptada o 14 de xaneiro de 1895 deu cobertura legal á ocupación e as situou baixo a dependencia administrativa do distrito de Okinawa; 4) no Tratado de Shimonoseki China non puido ceder estas illas pois non eran súas, non formaban parte do seu territorio (ao contrario de Taiwán ou as illas Peng Hu); 5) en consecuencia, no Tratado de San Francisco non se inclúen estas illas como parte do territorio que Xapón debe devolver a China, quedando temporalmente baixo a autoridade da administración estadounidense.
Non cabe pois vencellar a problemática de Taiwán e a das illas Diaoyu, afirman as autoridades xaponesas. Pero resulta innegable que cando Tokio se decide a ocupar estas illas as súas relacións coa China son altamente conflictivas (abertamente bélicas) e ademáis administrativamente, as sitúa en dependencia non de Okinawa senón de Formosa mentres durou a anexión da actual República de China. Conven ter presente que a anexión do arquipélago Ryukyu prodúcese en 1879, apenas uns anos antes. Para os gobernos chineses, a devolución de Okinawa a Xapón non implica igual destino para as illas Diaoyu. Para Taiwán e a China a permanencia da ocupación xaponesa das illas Diaoyu é consecuencia dun arranxo entre Tokio e Washington. Cando o 17 de xuño de 1971 firmase o acordo de reversión a Xapón de Okinawa, as illas Daito e o arquipélago de Ryukyu, territorios que Estados Unidos viña administrando dende o remate da Segunda Guerra Mundial, as illas Diaoyu inclúense tamén no acordo.
Durante os anos sesenta a presencia americana conxelou o problema. No Tratado de Paz firmado por Taiwán e Xapón en 1952 nada se di acerca das illas Diaoyu. Como nel se recolle básicamente a abolición das cláusulas do Tratado de Shimonoseki, os dous gobernos chineses aseguran que debe entenderse admitida tamén, implícitamente, a devolución destas illas xa que a liberación de ambos territorios están indisolublemente asociados. O goberno de Pequín asegura que en 1958 o primeiro ministro Zhou Enlai pronunciouse concretamente a favor da devolución das illas Diaoyu.
O cambio de situación prodúcese a finais dos anos sesenta e comezos dos setenta. No 1968 desvelase a existencia de importantes reservas enerxéticas nas inmediacións das illas e dende entón sucédense as crises: Xapón-Taiwán en 1970, 1972 e 1990; Xapón-China en 1978. En xullo de 1970, Taiwán outorga unha concesión a duas empresas petroleiras estadounidenses para efectuar prospeccións na zona. O seguinte paso consiste na tentativa de colocar unha bandeira na maior das illas que rápidamente é retirada polos xaponeses. Taipei, por último, confirma a inclusión das Diaoyu no ámbito do seu dominio administrativo, tal como figuraba a raíz da firma do tratado de Shimonoseki e tres deputados da Asemblea Nacional visitan as illas. As tensións con Xapón non soamente avivan o nacionalismo en Taiwán senón que arredor destas reivindicacións vaise vertebrando unha tímida posición independentista ó Kuomintang (KMT), fundamentalmente nucleada arredor do chamado "Movimento en Defensa das Diaoyu" (Bao Diaoyutai Yundong) que nace en 1972, no fragor da segunda crise, e que constituirá unha importante referencia do proceso de democratización do sistema político taiwanés. En 1990, o intento por parte dun grupo de extrema dereita nipona de restaurar un faro construido en 1978 motivou novas e contundentes protestas de Taiwán.
Dende un punto de vista pragmático e inmediato, a primeira preocupación de Taiwán consiste en garantir os dereitos de pesca que habitualmente e dende longo tempo atrás realiza nesta zona. Ata agora Tokio veu consentindo sen problema a realización destas actividades pero as inseguridades e conflictos que poden orixinarse coa aplicación das novas delimitacións de augas territoriais e zonas económicas exclusivas desataron moitos temores en Taipei. Actualmente ambos países negocian un acordo nesta materia.
Cando afloran as primeiras rivalidades entre Xapón e Taiwán polas illas Diaoyu, aínda recoñecendo a súa pertenza a Taiwán e por ende a China, a actitude de Pequín é máis ben moderada. Esta conducta é probablemente inseparable do proceso de aproximación á comunidade internacional e da necesidade de mitigar o seu illamento. En 1971, a República Popular China incorporase á ONU. En 1972 restablece as súas relacións diplomáticas con Xapón. As reclamacións sobre as illas foron tamén esquivadas cando en 1978 asinouse entre ambos países o Tratado de Paz e Amizade. A decisión mutua de conxelar este contencioso é o resultado dunha pequena crise provocada na véspera da firma do Tratado cando unha flotilla de barcos de pesca adentrouse nas proximidades das Diaoyu para evidenciar a existencia de pretensións por parte de China ás que non estaba disposta a renunciar.
Xapón considera estreitamente vinculadas a crecente intensidade das reivindicacións de Taiwán e China acerca das illas Diaoyu e o descobrimento de recursos enerxéticos na zona. Algunhas compañías petroleiras sinalaron que na área destas illas conteñense entre 10 e 100 mil millóns de barrís de petróleo e igualmente importantes reservas de gas. Foi esta circunstancia, e non outras consideracións menores, a que activou o interese e as demandas chinesas. Tokio insiste sen éxito en que o lóxico é que se durante a administración americana non presentaron reclamacións, cando esta cesa a favor de Xapón, todos os territorios en fideicomiso deben reverter ó seu país. Sen entrar nas causas de fondo, Pequín responsabiliza a Tokio do incremento da tensión polos seus intentos de alterar o status de conxelación do contencioso ó consentir e amparar as accións de grupos dereitistas. Nada que ver, pois, con ambicións enerxéticas (!).
Pero o certo é que as crises e reclamacións planteanse repetidamente e con crecente intensidade dende 1970 ata hoxe, transformando esta noutra área de extrema sensibilidade. Sabido é que as relacións entre China e Xapón non foron historicamente fáciles. O pobo chinés non esquece os millóns de mortos producidos durante a Segunda Guerra Mundial, entre outras razóns, porque Xapón non acaba de recoñecer plenamente a súa responsabilidade nin de interiorizala socialmente e insiste en rendir culto a xefes militares que, dende a perspectiva de Pequín ou Taipei, soamente poden ser considerados como criminais de guerra. Nos últimos anos intensificaronse as relacións económicas e comerciais no interior deste triángulo. Para a China, Xapón é o seu principal socio. E para Taiwán, é o seu terceiro cliente. Pero a pesar diso, certa delicadeza e fraxilidade preside as súas relacións políticas.
A cuestión das illas Diaoyu/Senkaku estase convertindo para todos nun asunto de política interna de considerable importancia e periodicamente regresa ó primeiro plano da noticia.
A desputa das illas Spratley/Nansha
É o de maior envergadura e complexidade. O arquipélago das Spratley/Nansha está formado por máis dun cento de islotes e arrecifes que en total abarcan unha superficie aproximada de 534.000 km2, lixeiramente superior ó conxunto do territorio español, están situadas a 1.500 km das costas chinesas, a 400 de Vietnam e a 300 das costas de Malasia ou de Filipinas. Dispútanse a súa soberanía un total de seis países. A reivindican na súa totalidade China, Taiwán e Vietnam. Filipinas e Malasia reivindican soamente parte delas. O sultanato de Brunei estableceu en 1984 unha zona económica exclusiva que inclúe o chamado arrecife Louise pero non planteou ata o momento ningunha reivindicación concreta. Nas Spratley/Nansha construironse xa catro aeroportos, un porto e varias estacións navais. Non resulta fácil ofrecer cifras exactas, pero, aproximadamente, Filipinas ocupa entre sete e oito das principais illas do arquipélago; Taiwán controla a illa de Itu Aba; Vietnam ten a maioría (de 21 a 25), mentres China exerce o control sobre 6-8 e Malasia sobre 3.
Tamén en Nansha son importantes os recursos pesqueiros, pero tense a firme convicción de que abriga igualmente cuantiosas reservas de gas e petróleo. Ata a data adxudicaronse xa nove concesións para realizar prospeccións con vistas á súa explotación. Poderosos grupos internacionais (Exxon/Pertamina, Crestone, British Petroleum, Pedco Consortium, AFDC/Nobil, Petronas, Mitsubishi, Total/Marubeni, Vietsovpetro) depositaron os seus tentáculos nestes enclaves e as friccións deixaronse sentir moi rápidamente. Nalgunhas zonas como Wan’an Bei Block ou Thang Long, chineses e vietnamitas enfrontaronse abertamente ó efectuaren concesións ó mesmo tempo e a diferentes consorcios empresariais. Pequín, que ten pendiente con Vietnam outro grave contencioso nas Paracel/Xisha, deu mostras de estar disposta a utilizar todos os medios ó seu alcance para que prevalezan as súas prerrogativas sobre as dos demáis. No mes de maio de 1995, buques de guerra chineses obrigaban a suspender unha visita de periodistas á zona que fora organizada polo goberno filipino. Filipinas protestou igualmente ante Vietnam pola construcción dun faro nunha illa reivindicada por Manila.
Mentres os conflictos entre os diferentes litigantes suben de tono, as expectativas de negociacións bilaterais ou acordos globais non parecen ir en parello. Os esforzos auspiciados por diferentes organismos (a ASEAN promoveu un foro rexional de seguridade en 1994) e en xeral, a promoción de plataformas de debate sobre este asunto non se traduciron en resultados que poideran calificarse de minimamente satisfactorios. As posibilidades de mediación de Indonesia, que non sosten reivindicacións nas Spratley/Nansha, vironse limitadas ó reivindicar China as illas Natuna, actualmente baixo control de Iacarta. Nin se verificaron compromisos de non utilización da forza ou de desmilitarización da zona; tampouco se adoptaron medidas de confianza para asegurar a conxelación do actual statu quo e das respectivas reivindicacións de soberanía. Pola contra, as ambicións que suscita a presencia de abundantes recursos enerxéticos poden provocar en calquera momento un grave conflicto de serias consecuencias desestabilizadoras en todo o Sudeste asiático.
Múltiples consecuencias
En todos estes contenciosos, o mundo chinés desempeña un papel clave. Se Taiwán, un Estado de feito pero non de dereito, contempla por iso as súas posibilidades limitadas, a República Popular Chinesa parece disporse de facto a incorporar e suplantar as súas protestas e esixencias, asumindo globalmente con maior énfase ca nunca a representatividade chinesa no seu conxunto. A raíz da recente crise das illas Diaoyu, Shen Guofang, portavoz do ministerio de asuntos exteriores chinés, chegou incluso a criticar a tibieza da protesta do presidente taiwanés, Lee Teng-hui, neste litixio. Constatase unha intervención e presencia da Armada continental cada vez máis importante nas proximidades das zonas de conflicto que evidencian un endurecemento da posición chinesa debido quizáis en gran medida ó momento de transición pre-post Deng que están vivindo e que esixe mostrar firmeza e seguridade de cara ó exterior tal como quedou de manifesto durante a crise do Estreito en vésperas das eleccións presidenciais taiwanesas. Pero non se trata dunha cuestión pechada. Non existe unha unanimidade absoluta na dirección chinesa acerca destas cuestións, se ben, a plítica exterior nestes asuntos é seguida moi de preto polos responsables do EPL.
A posición oficial de China en relación con todos estes contenciosos fundamentase nos seguintes piares: 1) Reivindicar a plena soberanía baseándose en argumentos tanto de carácter xeolóxico como histórico e legal; 2) Rexeitar a internacionalización do problema apostando pola negociación de acordos bilaterais; 3) Concentrarse agora no desenvolvemento dos recursos económicos deixando para máis adiante a solución do problema da soberanía. Quere iso dicir que, en primeiro lugar, a China rexeita toda tentativa de mediación internacional. En ningún caso aceptaría someter estes pleitos á Corte Internacional de Xustiza ou o establecemento dun Alto Comisionado que xestionara de forma técnica e imparcial a explotación dos recursos da zona. Por outra banda, Pequín rexeita frontalmente calquera proposta de soberanía compartida con aqueles países que sosteñen reclamacións nestes territorios. China está disposta a negociar acordos bilaterais pero anunciando de anteman que a única "cesión" que en calquera caso admitirá é a relativa ós dereitos de explotación pero nunca aceptará renuncias ou restriccións da súa soberanía.
Conven sinalar en todo caso que, a diferencia dos contenciosos das Paracel/Xisha e Spratley/Nansha, nas illas Diaoyu/Senkaku, predominou a cautela e a moderación. Niso influiu, sen dúbida, poderosamente a importancia das relacións económicas e comerciais entre ambos países, sen esquecer que, estratéxicamente, a economía segue estando no "centro" das preocupacións chinesas. Un amplo movemento antixaponés, para o que podería mobilizarse unha ampla base social en calquera momento, prexudicaría o bo desenvolvemento desas relacións. E aínda que no Diario do Exército Popular de Liberación se afirme que é preferible perder mil onzas de ouro ca unha pulgada de territorio, o certo é que a China non pode obviar neste momento que Xapón é o seu principal subministrador de axuda financeira. Sen embargo tampouco pode manterse indiferente. de feito, a raíz da crise das illas Diaoyu, o goberno chinés aprazou sine die unha visita prevista a Xapón do viceprimeiro ministro Li Lanqing e redobrou as súas protestas diplomáticas. As relacións políticas poden deteriorarse.
Se espontáneamente un movemento social desas características chega a callar -como aconteceu en Tiannanmen en 1989- Pequín podería verse obrigado incluso a ser máis enérxico para non ser atropellado por unha sociedade que ben podería servirse do patriotismo como elemento motor doutros descontentos máis difíciles de exteriorizar de boas a primeiras sen arriscarse a recibir unha drástica represión, descontentos que hoxe están, sen dúbida, maquillados por unha bonanza económica que da acubillo a unha ampla rebelión contida. Do que se trata en definitiva, é de garantir a toda costa a tranquilidade que permita avanzar paso a paso cara a recuperación da milenaria grandeza perdida.
A recente activación do contencioso das illas Diaoyu permitiu ós dirixentes de Pequín comprobar a unanimidade do mundo chinés. Cidadáns e colectivos de Hong Kong e Taiwán mobilizaronse activamente en torno a reivindicacións de carácter nacionalista pan-chinés. Pouco antes de morrer, David Chan, reclamaba dos gobernos de Taipei e Pequín, a protección da súa expedición. Os medios de comunicación de Hong Kong esixían a ambos a adopción de medidas enérxicas e o abandono de tanta indiferencia. Paradoxalmente, en Hong Kong, foron os medios demócratas, reiteradamente acusados por Pequín de falta de patriotismo, de actuar como "submarinos" dos intereses británicos na zona, quen máis se destacaron na protesta. Así, a acción nipona conseguía o que parecía imposible: propiciar a reconciliación das autoridades chinesas cos seus opositores no enclave a poucos meses de producirse o definitivo camiño de volta ó continente.
O nacionalismo, cada día menos epidérmico, non soamente parece ser o instrumento elixido para vertebrar a unificación plena da China e obviar as diferencias políticas, económicas, sociais ou ideolóxicas que separan as diferentes Chinas, senón tamén asegurar a perpetuación no poder do PCCh. Moi poucos confían en que a aparente solidez do edificio político maoísta poida resistir as continuas incrustacións de "peculiaridades" capitalistas que lle foron adosadas nos últimos anos coa política de reforma e apertura (gaige e kaifang) de Deng Xiaoping. O nacionalismo, ben sexa como instrumento de mobilización ou como piar estratéxico para resitir as consecuencias últimas dunha auténtica democratización -a posibilidade de alternancia no poder- é unha tentación demasiado forte. Pero hoxe por hoxe, ós dirixentes chineses únicamente lles pode interesar un nacionalismo que naturalmente poidan controlar (non fora de control); que esté ó servicio da estabilidade política interna; que favoreza a consecución da plena integridade territorial (pensado para Hong Kong e Taiwán e non para desatar conflictos con terceiros países); e moderado, para evitar tensións innecesarias con Occidente. Dende o PCCh albérgase a esperanza de que semellante prantexamento poida facer posible renovar e ampliar a lexitimidade revolucionaria conforme a novos parámetros sen maiores crebas nin rupturas.
Así as cousas, todos os países implicados recoñecen que sen o acordo da China toda hipotética solución nestes litixios estará condenada ó fracaso e, ó mesmo tempo, todos son conscientes de que o auxe da China fará cada vez máis difícil o logro dun acordo que satisfaga equilibradamente os intereses de todas as partes involucradas. O antecedente da ocupación das illas Paracel e os programas de modernización militar en curso -con especial proxección para o robustecemento da Armada- alimentan as reticencias e son o argumento idóneo para xustificar o incremento dos gastos militares e modernizar as forzas armadas de forma xeneralizada. En maior ou menor medida, todos os países da zona, dende Xapón a Indonesia, Malasia, Thailandia, Brunei ou Taiwán, intentan asegurar e mellorar as súas actuais posicións e para iso participan da mesma tendencia favorecida pola retirada da zona das tropas rusas estacionadas na base de Cam Ranh (Vietnam) e das americanas da súa base de Subic Bay nas illas Filipinas. En canto á retirada americana de Okinawa, as esixencias populares vense en certa medida mitigadas polas reservas cara a actitude da China que reaccionou con probada agresividade cara Filipinas cando Estados Unidos pechou a súa base naval na baía de Subicen.
A posición de Estados Unidos é delicada e a duras penas consegue aparentar unha fráxil neutralidade. Dunha banda, non pode desentenderse dos conflictos existentes na zona por varios motivos: en primeiro lugar, é parte do problema no vencellamento das illas Diaoyu á soberanía nipona (o tratado de defensa firmado por Tokio e Washington inclúe a protección destas illas); en segundo lugar, non pode ignorar que varias empresas americanas teñen intereses na zona, especialmente nas illas Spratley/Nansha; por último, non pode esquecer a importancia estratéxica da ruta que atravesa os mares de China. En realidade, Washington presta un importante apoio militar a Filipinas, Tailandia, naturalmente Xapón ou Taiwán, pero está por ver en que medida esta política subsistirá a un desenvolvemento máis ou menos privilexiado do diálogo con Pequín a quen lle unen poderosos intereses comerciais. As súas posibilidades de implicación están limitadas pero difícilmente poderá evitar involucrarse máis tarde ou máis cedo.
Nin se rexistran avances substanciais na busca dunha solución global, nin parecen adoptarse medidas de confianza na liña dunha diplomacia preventiva que alonxe o risco de conflicto. As dependencias comerciais, os investimentos estranxeiros, a progresiva integración económica rexional, actúan como factores disuasorios do conflicto aberto. A China non está preparada para a guerra nin pode desexala en modo algún, pero non por iso aplicará maior moderación a unha vontade hexemónica cada vez menos disimulable. Todos necesitan a paz e o desenvolvemento de boas relacións cos países veciños para progresar económicamente. Unha guerra poría fin ó seu crecemento e á prosperidade xeral. Pero ao mesmo tempo, ningún destes países parece disposto a prescindir voluntariamente dos recursos en disputa. As propostas de explotación conxunta non callan en absoluto. A China e Taiwán puxeronse dacordo para realizar unha explotación en Hong Kong, pero non asi con Xapón para facer o propio nas Diaoyu pese a que Tokio amosouse favorable a unha iniciativa que xa adiantara o propio Deng Xiaoping en 1978 durante unha visita ó Imperio do Sol Nacente.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 14/06/2000