| China e o mundo chinés |
| ¿Será Bush un tigre de papel? Por Xulio Ríos (Tempos Novos, abril/2003) |
|
A guerra contra Iraq pilla a China nunha situación delicada, por mor do tránsito á chamada “cuarta xeración de dirixentes” que lidera Hu Jintao, o novo Presidente do Estado e secretario xeral do Partido Comunista, en substitución de Jiang Zemin. Precisamente se algo se sabe das sensibilidades políticas de Hu Jintao, é a súa predilección e capacidade para expresar a irritación nacionalista do seu país, a propósito dun suceso dramático como foi o bombardeo da legación diplomática de Belgrado, cando o ataque da OTAN contra a ex Iugoslavia de Milosevic. Daquela, Hu Jintao foi a voz do Partido e do Estado que compareceu ante unha opinión pública indignada coa acción armada estadounidense, hoxe confirmada xa como deliberada. Cando comezaron as hostilidades contra Iraq, as autoridades chinesas deronse toda a presa posible para comunicar ao Pentágono os sinais exactos dos seus intereses en Bagdad para evitar “erros de información” que poidan derivar en perdas humanas. Que os dirixentes chineses non comparten a política de Estados Unidos contra Iraq é cousa sabida. Hai meses que estaban convencidos de que a guerra estaba decidida e que as hostilidades comezarían en marzo (ver Beijing Information nº 32/2002). Mentres o goberno disimula a duras penas o seu malestar, en toda a prensa chinesa proliferan as análises e opinións críticas con Washington. Unha das primeiras decisións do novo equipo dirixente foi a creación dun Grupo de Traballo interministerial que coordinará as áreas de diplomacia, defensa e enerxía. Os eixes da posición chinesa ante a guerra contra Iraq poderiamos resumilos do seguinte xeito: Primeiro. En China medra o convencemento de que os últimos movementos da Administración estadounidense, dende o ataque a Afganistán ata a guerra de Iraq, están dirixidos a conter a emerxencia de China, o rival estratéxico máis importante de EEUU nos próximos quince anos. Os analistas, da igual civís que militares, chaman a atención sobre o cerco de bases e intereses americanos que están a proliferar en toda a periferia chinesa, a fin de dificultar o incremento da súa expansión pacífica e medran os prognósticos da inevitabilidade de contemplar un enfrontamento directo entre os intereses de ambos os dous países a medio prazo. Segundo. A inclusión da enerxía entre as áreas de diplomacia e defensa nese Grupo de Traballo creado polo goberno chinés, deixa ben ás claras a natureza dos problemas que se afronta en Beijing. China importa petróleo e nos próximos anos se incrementarán as súas necesidades. As expectativas en Asia central quedaron truncadas e a guerra contra Iraq sitúa as súas importacións de Oriente Medio (cincuenta por cento do total) nunha encrucillada difícil. Por iso, novamente, China dirixe a súa mirada cara Rusia. En maio comeza a construcción dun oleoducto que permitirá a comercialización do cru dos xacementos siberianos a partir do 2005. Terceiro. O pulso entre hexemonismo e multipolaridade vive momentos especialmente intensos, provocando unha situación perigosa en extremo e que pode agravarse se, como se teme, a escalada belicista da Administración Bush non remata aquí e mesmo se achega ata a fronteira máis próxima de China (Corea do Norte, incluído no eixe do mal). O ataque contra Iraq, afirmaba Huang Pellazo, no Renmin Ribao do 22 de marzo, forma parte da estratexia neoimperialista de EEUU que aspira a dominar o mundo. Cuarto. Aínda a sabendas de todo iso e sendo conscientes de que na sociedade chinesa aumenta a visión crítica da política norteamericana, os dirixentes chineses se ven na obriga de facer autenticas filigranas para amosar a súa disconformidade sen chegar a un enfrontamento que faga perigar unhas relacións que no económico e comercial son de grande importancia. O equilibro entre a dose adecuada de repulsión e a conservación, ante a propia sociedade, dunha dignidade que deixe entrever que opera e actúa en función dos seus propios intereses nacionais, sen condicionamentos da soberanía, non é sempre doado de lograr. O actual clima internacional pode conlevar implicacións na orientación do proceso reformista chinés, ata agora centrado prácticamente con carácter exclusivo na modernización da economía para acadar un nivel de vida modestamente acomodado e desenvolver as forzas productivas do país. Pero ese obxectivo podería estar en perigo se a contención trunfa ao dispoñerense os medios para ralentizar o crecemento chinés o que, ademáis podería conlevar o inicio dun periodo de convulsións internas se as dificultades se trasladan ao ámbito social nun tempo en que a lexitimidade do sistema proven esencialmente do éxito económico. China leva máis de dúas décadas crecendo a unha media anual de case un dez por cento. Visualizar a corto prazo a disposición de medios para impedir que o propósito estadounidense de evitar a emerxencia dunha potencia rival, no plano rexional ou mundial, esixirá dos dirixentes chineses atender a algo máis que a economía, acentuando a preocupación e a disposición de recursos para atender a outros aspectos que inflúen na dimensión xeopolítica do país, e que poden chegar a ser imprescindibles para asegurar o desenvolvemento económico que se persigue. Yang Fan, un economista da Academia China de Ciencias Sociais afirmaba recentemente que as relacións entre desenvolvemento e seguridade nacional están a estreitarse de maneira clara e acelerada. China dispón dun exército numeroso pero tecnoloxicamente pouco avanzado. A vista do que está a suceder, será difícil á nova xeración de dirixentes rexeitar as demandas de intensificación dos programas de modernización militar que reclaman expertos como Peng Guanqian, da Academia de Ciencias Militares, quen considera que o Pentágono está a probar en Iraq, como en Afganistán, novos equipamentos militares e estratexias. A defensa era unha das catro modernizacións imprescindibles que Zhu Enlai enunciaba no comezo dos anos setenta para facer da China un país próspero e grande. Ata agora ese proceso se desenvolveu de forma máis ben discreta, intencionadamente, para non despertar alarmas inxustificadas en ningunha parte do mundo. A concentración na economía fixo de China un país respectado e admirado polos seus éxitos, pero á postre tamén temido aínda que produza máis xoguetes e bicicletas que míseis. E quizais antes do previsto, vai ter que, tamén niso, operar certo reequilibrio. |
|
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 30/03/2003 |