China e o mundo chinés
Pragmatismo contaxioso
Por Xulio Ríos (artigo publicado no diario
La Voz de Galicia o 25/6/98)
Clinton vai ser recibido na praza de Tiannanmen, principal escenario da revolta estudiantil de 1989. Se entón aqueles feitos significaron o comezo dun xiro presidido polo enfriamento das relacións mutuas e a adopción dunha política de sancións por parte de Estados Unidos, sen dúbida, a comparecencia de hoxe explicita con claridade o cambio de rumbo da política exterior estadounidense en relación a China. Washington trata de impedir un fortalecemento das relacións de Beijing e Moscova, de desactivar algúns entorpecementos de China nos temas globais e de non quedarse atrás a respecto da ofensiva europea en Oriente. Os chineses, manexando habilmente a falla de coordinación dos países occidentais e, sobre todo, utilizando o propio mercado interno como principal elemento seductor, conseguiron finalmente levar a auga ó seu rego.
Ben sexa como consecuencia dos presuntos donativos electorais ó Partido Demócrata, ou da simple estimación da inutilidade da anterior política de sancións, a Administración Clinton deu nos ultimos anos unha volta de cento oitenta graos nas súas relacións coa China. Dereitos humanos, relacións políticas e económicas discorren agora por regatos diferentes, sen apenas tocarse. E os republicáns, que con Reagan ou Bush defendían a presión con moderación, denuncian indignados a tibieza da Casa Branca.
O recoñecemento da naturaleza interdependente das relacións mutuas semella inevitable. Washington e Beijing establecen os cimentos dunha nova asociación estratéxica que vai beneficiar en primeira instancia ás industrias norteamericanas. Fronte a eses réditos materiais, a China consegue algo quizáis máis valioso aínda: que a cooperación se desenvolva sobre a base da aceptación de que existen e comparten sistemas políticos e de valores diferentes.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 21/11/98