| China e o mundo chinés |
| O segundo Chen Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 20/05/2004) |
|
Chen Shui-bian toma hoxe posesión do seu cargo para iniciar un segundo mandato de catro anos ao fronte de Taiwán. ¿Tránsito normal? Nada máis lonxe da realidade. Dúas frontes ameazan coma borrascas o novo período político. Dunha banda, a severa fenda aberta entre as forzas políticas locais por mor do cuestionamento dos resultados electorais do pasado 20 de marzo. O Kuomintang, xunto co Partido Pobo Primeiro e o Partido Novo, a chamada alianza “azul” boicotean o acto de investidura organizando unha protesta paralela para denunciar a manipulación do líder do Partido Democrático Progresista, que venceu por unha escasa diferenza de a penas trinta mil votos, “beneficiado” por un atentado do que saíu practicamente ileso pero que impediu votar a moitos militares e xerou unha corrente mobilizadora de simpatías cara a súa persoa. A oposición insiste no reconto dos sufraxios, que xa se iniciou en toda a illa, voto a voto, e persevera na vía xudicial para deslexitimar a victoria de Chen. Noutra perspectiva, en Beijing se suxire un cambio de actitude por parte dos líderes taiwaneses para que acepten a súa idea de unificación, construída arredor do principio “un país, dous sistemas”. Pero non parece que Chen, moi crecido polo seu incremento de máis de millón e medio de votos, acepte sentarse a negociar co continente a aplicación dunha fórmula que levan anos rexeitando e que, decididamente, non se corresponde coa desigual situación que evidencian con respecto a Hong Kong ou Macao, onde xa foi aplicada. Pero, claro, Taiwán é mais Estado ca moitos Estados recoñecidos por Nacións Unidas: unha potencia económica e comercial, con Exército e unha diplomacia propia, se ben cada vez mais minguada por mor dos sucesivos abandonos de aliados que se van colocando a favor dese vento que anuncia a emerxencia imparable da China. A salvo de imprevistos en recontos e demais, o mandato de Chen promete un tempo político conflictivo. Dando unha de cal e outra de area, o Presidente taiwanés proponse a proclamación dunha nova Constitución na que se recolla a identidade nacional taiwanesa, toda unha labazada para Beijing que tentará de evitar. O líder independentista gusta de xogar ao limite das súas posibilidades, arriscando canto pode coa esperanza de gañar no último minuto –como aconteceu no proceso electoral–. No continente din coñecer ben a Chen e por iso se toman moi en serio o seu programa político, que descarta independentismos –salvo agresión armada de China– pero reivindica soberanismos argumentando a firme interiorización social de valores como a identidade e a democracia. Chen quere a Constitución en 2008, mentres Beijing estea pendente do éxito dos Xogos Olímpicos e neutralizado para levar a cabo un hipotético comportamento agresivo que danaría a súa imaxe internacional. É algo que sen dúbida preocupa ás autoridades chinesas, pero equivocase Chen se imaxina que Hu Jintao abdicará en temas de soberanía por razóns de imaxe. Pero tanta tensión da corda pode acabar por rachar. EEUU ten a chave e pode engadir ou quitar presión en función do balance global das relacións coa China, especialmente no ámbito económico-comercial. Difícil situación para Beijing que desconfía da actitude estadounidense, que sabe que na próxima década se decidirá en boa medida o miolo do poder chinés no mundo: abducido, seducido ou soberano. Washington é consciente do valor que Taiwán representa nesa estratexia e ten demostrado habilidade suficiente como para tirar o máximo partido da súa influencia sobre Taipei. |
|
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 20/05/2004 |