China e o mundo chinésVolver ó índice
O espacio de Hu Jintao
Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 23/10/2003)
 
 

Aínda que formalmente Hu Jintao asumiu a xefatura do Partido Comunista Chinés o pasado mes de novembro con ocasión da celebración do XVI Congreso, foi na sesión plenaria do seu Comité Central celebrado hai un par de semanas cando realmente puido facer notar a persoal e un tanto enigmática orientación discursiva. Se ben as dúas sesións anteriores tiveron un marcado carácter político pero protocolario, esencialmente configurador das principias instancias do Partido e do Estado e sempre condicionado polos pactos previos conformadores da nova dirección chinesa, nesta Hu Jintao quixo evidenciar os seus dous impulsos, os eixes esenciais dunha nova viraxe no proceso de reforma que aspira a liderar e protagonizar.

En primeiro lugar, no ámbito da economía. Mantendo o discurso sobre a necesidade de propiciar un desenvolvemento equilibrado das diferentes rexións do país, corrixindo os desequilibrios do Oeste, por baixa inversión; e do Noroeste, por reestructuración do xigantesco sector industrial estatal cun elevado prezo en termos de desemprego e inestabilidade social, Hu pretende elevar, con modificación constitucional incluída, o rango da propiedade privada. A Constitución protexe a propiedade de ingresos, depósitos, casas e outras propiedades, pero non menciona os medios de producción. Aí está o novo salto, cunhas motivacións que gardan relación cun problema que empeza a preocupar seriamente ás autoridades chinesas: a inseguridade respecto á propiedade provoca que o evadido do país equivalla ao invertido. Con todo, non parece que a terra se vaia ver afectada nun primeiro momento, mantendo o dominio estatal e o usufructo privado.

En segundo lugar, se incrementan os sinais do comezo dunha tímida onda democratizadora. Algo puidemos albiscar con ocasión da crise da pneumonía atípica, con indicios contradictorios que culminaron co cese do ministro de sanidade e o alcalde da capital, Beijing, ante o desconcerto incluso do propio Jiang Zemin, o anterior xefe do Estado. Agora, Hu propón que o Buró Político informe e renda contas ao Comité Central con carácter habitual, algo anecdótico para os nosos usos e costumes, pero significativo nas coordenadas internas de China e que revela o interese de Hu por impulsar un maior nivel de participación nas decisións do Partido. Sen apertura e maior transparencia no seo do propio PCCh é practicamente imposible imaxinar unha mínima democratización de alcance na sociedade chinesa de hoxendía.

Esta terceira sesión coincidiu ademais con dous eventos que animaron os debates. Dunha banda, a sombra conmemorativa do 25 aniversario do inicio da política denguista, que comezou tamén nunha III sesión do XI Comité Central, reunido en decembro de 1978. Doutra, o envío do primeiro vó espacial tripulado que coloca a China entre o reducido número de países que o acadaron e permite demostrar aos dirixentes chineses ante a súa propia cidadanía que co Partido non soamente é posible acadar un nivel de vida modestamente acomodado, senón tamén gañar o mesmo ceo.

Como guinda, a deserción de Liberia do reducido grupo de países -26- que aínda manteñen relacións diplomáticas con Taiwán, afogando un pouco mais ao Presidente soberanista de Formosa, Chen Shuibian, que en marzo aspira a revalidar o seu mandato fronte a un refeito Kuomintang que suma as forzas do Partido Pobo Primeiro de James Soong. A derrota de Chen e a victoria dos chamados azuis podería animar a Hu Jintao a dar un paso adiante nas relacións coa illa rebelde, a mais pendente de todas as asignaturas da reforma.

 
 

Xulio Ríos é director do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 19/10/2003
Fernando Pol