| China e o mundo chinés |
| China: ¿paciencia ou obstinación? Por Xulio Ríos (Omnibus, 07/03/2003) |
|
Nun mundo que evoluciona a unha velocidade que marea, a China semella obstinada en someter a férreo control os acontecementos, de xeito que o gradualismo e a cautela se impoña para evitar descarrilamentos do proceso iniciado hai case un cuarto de século para construir un país rico, próspero e desenvolvido, segundo a terminoloxía oriental. Esa é a primeira impresión que produce o comezo dunha nova sesión do macroparlamento chinés que durante dúas semanas delibera en Beijing para consumar formalmente as decisións tomadas no recente Congreso do Partido Comunista e estendelas ao conxunto do país. Se daquela Jiang Zemin cedeu a xefatura partidaria en beneficio de Hu Jintao, agora, salvo sorpresas, cederá a presidencia do Estado. Igualmente, Li Peng cederá a presidencia da Asemblea Popular Nacional a Wu Bangguo e Zhu Rongji, primeiro ministro, fará o propio a favor de Wen Jiabao. A destes dous será unha retirada total, a diferencia de Jiang Zemin, quen manterá a presidencia da Comisión Militar Central, e contará cun valedor interposto no Comité Permanente do Buró Político, Zeng Qinghong, o principal rival de Hu Jintao, ademáis dunha maioría de “submarinos” nese organismo clave. No tono empregado nos discursos desta anodina Asemblea, prevalece o pulso habitual: “mantemos o ritmo de crecemento, pero hai problemas; urxe aplicar máis esforzos na súa solución implementando as reformas que garantan a recuperación dun maior equilibrio social e territorial”... Despois da asunción unánime polo Congreso do Partido da teoría das representacións impulsada por Jiang Zemin, toda a maquinaria gobernamental procurará abrirlle camiño operativo nos próximos anos. Estamos a falar dunha etapa decisiva, tanto polo tránsito xeracional que se está a producir na dirixencia, como pola necesidade de establecer vías de inserción nunha comunidade internacional liderada por unha administración norteamericana que incrementa a política de hostilidade estratéxica contra o vello Imperio do centro. Pekín non traga coa “cruzada antiterrorista” e segue apostando pola multipolaridade como futuro desexable. China precisa paz e sosego para concentrarse no seu medre económico, na súa modernización sen sobresaltos. Ata 2008, ano dos Xogos Olímpicos, procurará máis estabilidade ca nunca, evitando enfrontamentos directos (Iraq é un exemplo) e sorteando todos aqueles obstáculos que poidan facer mella na devaluación da súa imaxe internacional. Visto que en 2004 se celebrarán eleccións presidenciais en Taiwán, desta Asemblea podería xurdir unha nova iniciativa na orde política para recuperar o diálogo para-oficial coa Formosa rebelde, e distender asi o clima no sudeste asiático, sempre enrarecido na véspera de comicios. Ausente a viveza, pouco máis cabe agardar dun encontro no que abafa tanta formalidade, destinado a cumprir unha función instrumental e estrictamente lexitimadora. Hu Jintao dará un paso adiante máis nesta sesión do macroparlamento chinés para acceder ao mando formal do país, pero precisará varios anos para consolidar o seu poder efectivo; deberá facelo gradualmente, como todo se mide en China, mentres o tempo o permita. E a paciencia aguante. |
|
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 06/03/2003
|