| China e o mundo chinés |
||||
| Beidahe 2004 Por Xulio Ríos (ECO, setembro/2004) |
||||
|
O Beidahe turístico foi un invento dun enxeñeiro inglés, quen descubriu a finais do século XIX as bondades deste lugar, rapidamente apreciadas por diplomáticos, grandes empresarios e mandaríns da dinastía Ping, converténdose nos anos trinta no “Sanxenxo” da corte chinesa, cos seus teatros, campos de golf, hoteis, etc. Despois da Revolución, a nomenclatura tomou posesión do lugar, facendo construír numerosos balnearios onde pasaban vacacións os traballadores modelo e onde, cada verán, os máis altos dirixentes do país se atopaban para facer balance e encarar o inverno. As treboadas e as quenllas que axexaban a costa xeraban o marco “ideal” para perfilar o horizonte político inmediato. Poucos restos quedan do noutro tempo humilde pobo de pescadores, onde se puideron apreciar sempre as excelentes setas que en sopa tanto lle gustaban á vidrosa muller de Mao, Jiang Qing, habitual inimiga da praia para evitar que se viran os seus seis dedos do pe dereito que tanto a acomplexaban. Daqueles tempos queda unha liña especial de tren que une Beidahe coa capital, coa súa ida e volta de documentos confidenciais e persoal de servicio de Zhongnanhai, enclave gobernamental de Beijing. Mao dispoñía do Edificio número 8, mandado construír polo xeneral Yang Shangkun nos anos cincuenta; outros tiveron que “conformarse” coas antigas mansións expropiadas. Ano tras ano, todos os dirixentes chineses collían no verán o camiño de Beidahe, signo de relevancia política e obxecto prezado para sinólogos habituados a ler entre liñas na particular mística política chinesa. Foi en Beidahe onde Mao meditou a súa dimisión como presidente da República, que levaría a cabo en 1959. De aquí saíu o Gran Temoneiro para reunirse con Jruschov, de visita secreta en China, madurando ao seu regreso a ruptura cos soviéticos, dobremente impulsada co chamado Gran Santo Adiante e os bombardeos das illas de Qemoy e Matsu, próximas a Taiwán e controladas polo derrotado Kuomintang. En Beidahe, Mao realizou o primeiro aplauso público ás comunas populares e aos fornos domésticos que duplicarían a producción de aceiro nun ano, anque de ben pouco valería tanto esforzo. En 1962 aquí madurou toda a artillería necesaria para propiciar a Revolución Cultural, coa súa reflexión sobre as clases sociais, a situación e a contradicción, que compartiu con algúns dirixentes de primeiro rango, obsequiados coa súa estancia en Beidahe. Algunhas das súas mansións serían mudos testemuños do golpe e contragolpe de Lin Biao en 1971, nunca de todo aclarados. Beidahe, pois, todo un símbolo, unha referencia obrigada durante mais de cincuenta anos de política chinesa, que Hu Jintao, o novo presidente, conseguiu cancelar o pasado verán, poñendo fin ao conclave chinés por excelencia, o mais elitista e cun pasado ligado a tantos momentos transcendentais da China contemporánea. A decisión de Hu non é banal, é un sinal do signo da súa reforma política, que aspira a ser innovadora, comezando por medidas como esta que lle permiten gañar unha maior popularidade entre a cidadanía, sempre descontenta cos privilexios da clase dirixente e cuns hábitos de conducta que rivalizan en exceso co empeño modernizador que din impulsar. Por iso, o fin de Beidahe explícita a vontade de dar carpetazo a unha certa cultura política que noutras manifestacións será moito mais complexo de abordar. |
||||
|
||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 20/08/2006 |