China e o mundo chinésVolver ó índice
Amigo do mal
Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 25/04/2002)
 
 

A visita de Jiang Zemin a Teherán, a primeira dun xefe de Estado chinés dende a revolución de 1979, pode ter consecuencias importantes nese conxunto de reordenamentos estratéxicos que se están a vivir no continente asiático. Sabido é que Irán forma parte dese “eixe do mal” ideado por Bush para non dar tregua á paz e seguir alimentando a devoradora máquina de guerra americana que tan boas rendas seica produce ao conxunto da súa economía. Acusado de fabricar armas de destrucción masiva e de fomentar o terrorismo internacional, Irán non pode sustraerse aos poderosos intereses que exacerban as rivalidades das potencias polo control global das fontes de enerxía do Caspio. Descartado polo momento debido, parece ser, á súa inhibición colaboradora na guerra de Afganistán, a diplomacia iraní, preocupada naturalmente por figurar entre os sinalados polo dedo acusador do Imperio, procura impulsar unha ofensiva exterior intelixente e moderada para desarmar a xeopolítica querida por Bush. Se a proposta cursada á Unión Europea para crear unha célula conxunta para loitar contra o terrorismo, ben recibida, permanece aínda en stand by, coa China, igualmente necesitada de contrapesos na rexión, as cousas parecen ir mellor.

Durante a recente estadía de Jiang Zemin en Teherán, a cooperación bilateral recibiu un enorme impulso, con acordos en materia de petróleo e gas, transporte marítimo; cooperación en telecomunicacións e tecnoloxías da información; e dinamización das relacións comerciais e dos intercambios culturais. Pero as conversas entre os dous Presidentes serviron sobre todo para constatar a progresiva aproximación dos puntos de vista existentes arredor da situación internacional, con especial condena do hexemonismo, e rexional, cunha preocupación compartida e indisimulada polo notable incremento da presencia de Estados Unidos en Afganistán e en Asia central. A equidistancia e solidariedade matizada con Iraq, no punto de mira inmediato do Pentágono, non obsta a esixencia de resolver este problema sen interferencias militares externas, urxindo o levantamento das sancións coa fin de reducir os sufrimentos do pobo iraquí. Camiños compartidos, quizáis, como diría o Omar Khayyám querido do noso Plácido, para poder transmutar en ouro puro o chumbo da existencia.

Ata agora as relacións entre os dous países se basearon nas vendas de armamento e as transferencias de tecnoloxía nuclear desde China a Irán, coa súa compensación en importacións petrolíferas. Máis duna vez, a Administración norteamericana fixo saber a Beijing o seu malestar por unha actitude que bloqueaba os seus esforzos por illar ao réxime iraní. China, lonxe de seguir tan interesados consellos, fai unha vez máis virtude da súa autonomía e outorga a Teherán un respaldo de gran valor simbólico que no político, asenta na defensa de idénticos posicionamentos arredor de crises como a de Oriente Medio, condenando a estratexia de Washington na zona e esixindo a retirada de Israel dos territorios palestinos. Con esta visita, as relacións bilaterais experimentan un importante empuxe, moi necesario para Teherán pero tamén para Beijing que pouco a pouco debe revolverse para compensar os contraproducentes efectos da crise do 11 de Setembro (ambos os dous países son veciños de Afganistán) e recibe significativas garantías adicionais de Irán de non implicarse nas revoltas pro-independentistas dos uigures de Xingjiang.

A visita a Irán, recta final dunha xira que levou ao Presidente chinés a Alemaña, Libia, Nixeria e Túnez, devolución da cursada polo Presidente Jatamí en xuño de 2000, pode ser a derradeira viaxe ao exterior de Jiang Zemin, quen no próximo outono abandonará os seus cargos ao fronte da República Popular de China.

 
 

Xulio Ríos é director do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/04/2002