|
A priori, sen atender a outras claves, sorprende de primeiras que sexan países como Bélxica quen
se rebelen contra os plans da administración Bush en Oriente Medio, guerra incluída. Para moitos
sería máis lóxico que un país como a China, gobernada aínda por un Partido Comunista,
vocacionada á defensa dunha orde multipolar, crítica tradicional coas políticas de hexemonismo,
catalizara boa parte do sentir disconforme coa actual evolución dos acontecementos.
Córrese un risco grande. Se, como se aventura, finalmente se produce un acordo de mínimos entre Estados
Unidos e os países europeos do “non”, quedará totalmente orfa a inmensa protesta cidadá mundial
contra o belicismo da Administración norteamericana. E incluso máis, se ise acordo se produce poderíamos
chegar a ter que dixerir a amarga sensación de servir de contrapeso na balanza para que algúns países
tiren máis vantaxes das que podían agardar dunha dura negociación. Pero ó que iba:
non quedaría no escenario internacional ningún país coa autoridade e peso suficiente como
para “xestionar” esa eclosión descalificadora do imperio global.
Pero a China ten outras servidumes difíciles de obviar. O denguismo asentou firmemente unha dobre convicción:
non queremos liderar nada, non queremos ser bandeira de nada; e sobre todo de nada que poña en perigo as
relacións con Estados Unidos, sempre delicadas pola súa envergadura económica e comercial,
e pola presión que poidera exercer no asunto de Taiwán. Se a disensión se resolve nas próximas
semanas, ao igual que Rusia, aínda que por razóns distintas, a China acabará plegándose,
evitando por todos os medios aparecer como a potencia catalizadora do descontento universal.
China ten a súa propia visión do mundo e das relacións internacionais. Nas últimas
semanas, a crítica social interna nos diferentes medios de comunicación sobrepasa con creces a prudente
calma oficial. Toleradas e aguilloadas mesmo, esas expresións están destinadas ao servicio pedagóxico
pero non revestirán unha formulación diplomática concreta. A modernización é
imposible sen pragmatismo. Consciente dos seus avances, pero tamén das súas feblezas, sabe que finalmente
debe negociar e acordar. Asi foi acontecendo en recentes crises nas que se viu involucrada directamente: bombardeo
da embaixada en Belgrado, incidente do EP3 sobre a illa de Hainan, etc.
Ten posición e probablemente coincide na súa visión con boa parte do pensamento progresista
mundial, pero medirase moito na súa defensa, practicando o seguidismo cauteloso ou a que podiamos chamar,
diplomacia de segundo plano. Non é soamente no caso de Iraq. Outro tanto acontece con Corea do Norte, un
país moito máis próximo a todos os niveis e do que pode recibir “danos colaterais” importantes
nunha hipotética crise que simplemente vaia un pouco máis alá da belicosidade verbal actual.
O anuncio de reducción no envío de alimentos por parte do PNUMA, por exemplo, pode orixinarlle un
grave problema na súa fronteira do Norte. Pero en ningún momento cabe agardar que se posicione incondicionalmente
do lado de Pyongyang, pois iso, naturalmente, incomodaría a Washington.
Non obstante, China postula o diálogo directo entre EEUU e a RPDC, como tamén o reivindican Corea
do Sur, Rusia ou Xapón. Unha intervención chinesa máis activa cabería como opción,
pero a preferencia de Pekín é o segundo plano, insegura respecto das súas capacidades pero
tamén convencida de que un protagonismo internacional maior lle traería problemas e a distraería
da principal preocupación: desenvolver un país rico e unha sociedade harmoniosa. É o punto
de partida que como lección transmite Sun Tzu: facerte invencible é coñecerte a ti mesmo.
|