China e o mundo chinésVolver a TitularesVolver a China e o mundo chinés
Taiwán: crecemento a pesar da crise
Marta Cruz Liñeira (igadi.org, 09/02/2011)

Versión para imprimir

 

A pesar do contexto de crise económica mundial, en 2010 a República de China
(Taiwán) presentou evidencias dunha notable recuperación económica. A estimación do seu PIB corrixido é dun 10,45%(1),  representando no primeiro trimestre de 2010 o seu ritmo de crecemento más rápido dos últimos 23 anos.

Este nivel de crecemento do PIB taiwanés, xunto cunha inflación tradicionalmente baixa, calculada nun 1,29%, comparada fronte os índices negativos do ano 2009 (decrecemento do PIB dun -1,04% e inflación dun -0,87%) dános conta da envergadura da recuperación económica da illa. Esta tendencia é marcadamente positiva.

O Fondo Monetario Internacional (FMI) prevé que para o período 2012-2015, a taxa de crecemento económico da illa será a máis alta dos denominados “catro tigres asiáticos” (Corea do Sur, Taiwán, Hong Kong e Singapur), calculando o crecemento taiwanés nun 4,69%, nun 4,9%, nun 4,95% e nun 5%, respectivamente para todos eses anos.

Aínda que se superaron as expectativas previstas para o 2010, convén salientar  que este informe económico taiwanés moderarase nos próximos trimestres do 2011, segundo argumentan diversos expertos.

Da crise á recuperación económica

En 2009, Taiwán sufriu unha crise económica como resultado dun debilitamento da súa demanda externa dentro dun contexto de crise económica mundial. Sinálanse como causas principais a crise financeira estadounidense, o desaceleramento da economía de China continental e a resultante diminución da súa demanda, que alimenta á economía taiwanesa.

Un aspecto primordial ten que ver coa gravidade da influencia da crise económica mundial en EEUU e o seu impacto en Taiwán, tendo en conta que este país constitúe o principal socio comercial da illa, debido a que é o último destino do 70% das reexportacións de Taiwán cara a China continental. Deste modo, diminuíron os fluxos de exportacións principais de Taiwán, especialmente cara China, Hong Kong e EEUU, afectando na meirande parte aos sectores da maquinaria e da electrónica, os cales supoñen o 50% das exportacións da illa. O sector de servizos, o turismo, o comercio a maior escala e o sector financeiro, sufriron tamén unha grave contracción.

En decembro do 2009, o goberno do partido Kuomintang (KMT) puxo en marcha un Plan de Estímulo fronte á Crise, nomeado “i-Taiwán 12” para os seguintes oito anos. Con el, o goberno taiwanés pretende favorecer a demanda interna, atraer investimento de capital privado nas obras públicas, crear emprego, mellorar as infraestruturas da illa e remodelar o seu tecido industrial, fomentando as
industrias clave e as industrias emerxentes.

Así mesmo, o Acordo Marco de Cooperación Económica (ECFA), asinado entre Taiwán e China continental en xuño do 2010, liberalizou o comercio, reducindo as tarifas arancelarias para determinados produtos a ambos lados do Estreito de Taiwán.

En 2010, as exportacións de Taiwán a China continental chegaron ao seu punto álxido, valorado en US$ 114.750 millóns, mentres que as importacións tamén acadaron o seu nivel máis alto, con US$ 37.580 millóns, un crecemento anual do 47,1%, deixando un superávit comercial de US$ 77.170 millóns, o cal constitúe un incremento anual do 32,7%(2). Esta apertura comercial está a crear oportunidades comerciais para Taipei, polo que se prevé un crecemento das súas exportacións de ata un 10% para 2011(3).

A progresiva reanimación dos mercados internacionais, principalmente do chinés e do estadounidense, ademais do crecemento das economías emerxentes de Asia e dos acordos asinados con China, supuxeron o realce do mercado taiwanés. O consumo interno foi unha clave vital tanto da recuperación como para o crecemento actual. A confianza do consumidor taiwanés deu o pulo interno necesario para manter as vendas pese a crise exterior.

Claroscuros do crecemento económico

Sen embargo, outros datos remarcan o debate entre crecemento económico e benestar social; a taxa de desemprego diminuíu 1,07% en 2010 ata chegar ao 4,67%(4). Pese a estes baixos índices, o desemprego taiwanés é o maior entre os países da rexión. Isto debese a que a administración taiwanesa segue uns criterios
diferentes aos utilizados por outros organismos internacionais á hora de contabilizar a súa taxa de desemprego, calculándoa sobre a poboación inscrita no Bureau of Employment and Vocational Training Administration. Sen embargo, calculándoa sobre a poboación activa existente, o índice de desemprego en Taiwán achegaríase ao dobre(5), aproximadamente un 9%.

A crise de 2009 e a emigración das industrias locais tradicionais taiwanesas a China están na orixe de fenómenos como o “working poor” ou persoas empregadas pero que viven nunha pobreza relativa debido ao baixo nivel dos seus salarios. En 2010, o salario medio mensual dos traballadores locais baixou ao nivel
rexistrado en 1998(6), é sitúase coma o maior obstáculo para a cohesión social taiwanesa.

Igualmente, a desigualdade acrecentouse: o Coeficiente de Gini tradicionalmente baixo mostrou unha tendencia á alza nos últimos anos, achegándose ao 0,34. Como resultado das políticas públicas seguidas e dunha política fiscal e monetaria expansionista que favorece o consumo interno, produciuse unha ampliación do déficit fiscal, ata o 3,5%. Pola súa banda, a débeda pública medrou, correspondendo ao 31,5% do seu PIB(7), a pesar de que Taiwán se estima como un país A2, é dicir de risco mínimo segundo a consultora financeira COFACE.

Doutra banda, a balanza comercial é positiva cun 10,85% do PIB, e Taiwán sitúase como o cuarto país do mundo con maiores reservas internacionais, aumentadas en 2010 grazas ao beneficio resultante da xestión das mesmas.

Nos últimos anos, o aforro interno bruto creceu, achegándose aos US$ 135,57 billóns. Deste monto, a cuarta parte corresponde ao denominado  “diñeiro ocioso”, o empregado principalmente no sector inmobiliario e no mercado de valores, alimentando a burbulla dos mercados e inflando os prezos a niveis excesivos, co cal aumentan así tanto a especulación como as posibilidades de risco nos mercados de valores.

As previsións económicas para Taiwán nos próximos anos son optimistas. O grao de desenvolvemento da súa economía, en especial ante o feito de que o 59,3% da súa poboación ocupada emprégase no sector terciario, segue a expandirse. Sen embargo, o país enfróntase a retos a medio prazo tales como a competitividade do seu mercado fronte os países pertencentes á Asociación de Nacións do Sueste Asiático (ASEAN), así como no relativo á protección dos seus traballadores menos cualificados fronte á deslocalización das empresas.

 

Citas Bibliográficas:

(1) Informe da Dirección Xeral de Presupostos, Contabilidade e Estatísticas (DGPCE) do Yuan Executivo (31 de Xaneiro do 2011).  

(2) Academia Sínica. http://www.sinica.edu.tw/main_e.shtml

(3) Ídem.

(4) DGPCE.

(5) Estimacións do Partido Progresista Demócrata (DPP).

(6) Segundo o DGPCE, o número de traballadores con salarios baixo, calculado en US$
689, alcanzou ao 12,4% dos empregados.

(7) CIA, The World Factbook. https://www.cia.gov/library/publications/the-world-factbook/geos/tw.html

 

 

 

Marta Cruz Liñeira
(Facultade de Políticas, USC),
actualmente realiza prácticas no IGADI .

 
Volver a TitularesVolver a China e o mundo chinés



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 09/02/2011


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta