China e o mundo chinésVolver a TitularesVolver a China e o mundo chinés
Taiwán-China: a diplomacia de Ma Ying-jeou
Marta Cruz Liñeira (igadi.org, 24/01/2011)

Versión para imprimir

 

Recentes achegamentos semellan marcar unha nova etapa nas relacións entre Taipei e Beijing. Dende 2008, Taiwán e a República Popular de China (RPCh) asinaron un total de 15 acordos en distintos eidos, o que constitúe un feito sen precedentes na relación entre ambos lados do Estreito nos últimos 60 anos.

Este novo clima fundaméntase nun cambio de paradigma na política continental taiwanesa. A ruptura do actual partido no goberno, o Kuomintang (KMT) liderado polo presidente Ma Ying-jeou, coas directrices dos anteriores executivos do Partido Democrático Progresista (DPP) baséase no acatamento do “Consenso de 1992”, polo que ambos lados do Estreito aceptan que só hai unha única China (aínda que diverxen na interpretación da mesma), abandonando as anteriores reivindicacións do PDP de establecer relacións de “Estado a Estado” coa RPCh. Sen embargo, a política das “tres negativas” do presidente Ma (non unificación, non independencia e non uso da forza) segue vixente sen entrar en contradición co achegamento á RPCh.

As claves dunha nova etapa

A política continental seguida polo actual goberno taiwanés caracterízase pola marcada fluidez nas súas relacións coa RPCh e a súa probada intención de que ambos lados do Estreito de Taiwan entren nunha era de reconciliación e negociacións, no marco dun desenvolvemento pacífico continuo 1.

Unha das claves desta nova liña é a chamada “tregua diplomática” (waijiao xiubing), pola que nin Taiwán nin China continental tratarán de gañarse os aliados diplomáticos de cada un deles. Dende a exclusión da República da China (Taiwán) da ONU en 1972, Taipei avanzou na procura de aliados internacionais, principalmente entre países anticomunistas e subdesenvolvidos. A axuda económica e os convenios comerciais foron o principal instrumento para a consecución de relacións diplomáticas necesarias para participar minimamente nos foros internacionais.

O pulso polo recoñecemento diplomático intensificouse dende a emerxencia da República Popular de China. A “diplomacia económica” da RPCh socavou o apoio diplomático doutros países a Taiwán, reducido na actualidade a 23 estados que recoñecen a Taipei, maioritariamente latinoamericanos e africanos, salvo algún país de Oceanía e o Vaticano. Proba da actual paralización de tales practicas é o mantemento do recoñecemento diplomático do goberno de Paraguai a Taiwán, a pesar da intención do Presidente paraguaio Fernando Lugo de desmarcarse cara á órbita chinesa.

Isto permitiu a Taiwán aumentar durante este período a súa presenza na esfera global, adquirindo maior visibilidade en distintos órganos internacionais: entrada na Organización de Servizos de Navegación Aérea Civil (CANSO, polas súas siglas en inglés), como paso previo a un hipotético ingreso na Organización de Aviación Civil Internacional (OACI); membro observador da 62º e 63º Asemblea da Organización Mundial da Saúde (OMS); asinante de acordos multilaterais sobre os mercados públicos na Organización Mundial do Comercio (OMC); e membro da Axencia de Cooperación e Información para o Comercio Internacional (ACICI), organismo adscrito á OMC.

En contrapartida, Taiwán retirou a súa proposta de ingreso na ONU, e unha “diplomacia viable” permite aos seus aliados diplomáticos a firma de acordos de libre comercio coa RPCh.

Outra clave consiste na mellora dos lazos económicos e xerais entre ambos lados do Estreito. Dita mellora cristalizou na sinatura de 15 acordos en diversos eidos que desenrolan as comunicacións, o intercambio comercial e favorecen o aspecto educativo e cultural. A sinatura do AMCE (Acordo Marco de Cooperación Económica) oficializa non só a distensión senón que afonda a interrelación comercial e financeira.

Novos equilibrios en Asia

Con todo, a política de defensa do Presidente Ma segue apostando pola militarización da zona. Neste sentido, compre observar o aumento do orzamento taiwanés en defensa, mentres continúa requirindo da venda de armas dende EE.UU. e premendo con ese fin, tal e como se constatou nunha Carta de senadores norteamericanos ao presidente Barack Obama, emprazándoo á venda de cazas F16 C/D a Taiwán, así como a realización de manobras militares no Estreito simultáneas á recente visita do mandatario chinés Hu Jintao a Washington.

Deste modo, o presidente Ma propón seguir unha estratexia que cualifica de intelixente para a seguridade nacional, establecendo a preferencia na capacidade defensiva de Taiwán e non na ofensiva, que segundo el sería “infrutuosa”. Polo tanto, o gabinete do presidente Ma centra a súa atención na promoción dunha diplomacia pragmática e flexible, que diferencie as cuestións económicas das políticas.

Non obstante, a relación sino-céntrica da política exterior do Presidente Ma e o conseguinte cambio de estratexia nas alianzas rexionais entre China e Taiwán, especificamente no Mar da China Oriental,  suxire un desequilibrio no ámbito rexional. As tensións vividas por China e Taiwán con Xapón pola territorialidade marítima facilita o achegamento entre ambos lados do Estreito.

Sen concretar conceptos, Obama afirma a necesidade de promover un “san equilibrio” militar entre Taipei e Beijing, que se dificulta cada vez que as negociacións tocan temas máis substanciais e de maior calado. As novas forzas levan a novos equilibrios, redeseñando así o  mapa estratéxico de Asia.


1 Audiencia do Presidente Ma a unha delegación parlamentaria canadense, 6 de Xaneiro do 2011.
 
 

Marta Cruz Liñeira (Facultade de Políticas, USC), actualmente realiza prácticas no IGADI .

 
Volver a TitularesVolver a China e o mundo chinés



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 24/01/2011


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta