China e o mundo chinésVolver a TitularesVolver a China e o mundo chinés
Os Moso (China), na fronteira do derradeiro matriarcado
Vera Ríos (igadi.org, 18/02/2010)

Versión para imprimir

 

A enorme poboación da República Popular de China caracterizase pola súa diversidade en canto a linguas, culturas, tradicións, etnias e costumes diferentes.

As denominadas nacionalidades minoritarias chinesas son un factor clave a ter en conta na política do país, pois comprenden a un número importante de persoas (preto de cen millóns) ademáis de ocupar un espazo territorial considerable. Estas minorías adoitan atoparse, en xeral, nunha situación marxinal, pois habitan nas zonas máis pobres e fronteirizas do país.

Unha destas minorías é a dos Moso (denominación atribuida pola maioría Han, que na realidade engloba a catro minorías –Na, NaRu, Nahing e Naxi- e non a unha soa), cunha sociedade considerada o derradeiro matriarcado do mundo. A diferenza doutras sociedades, e sobre todo en China, os Moso (que oficialmente atópanse recoñecidos dentro da categoría da minoría Naxi por ser a maioritaria na zona, aínda que son dúas etnias diferentes) prefiren ter fillas, pois a muller na súa sociedade ocupa unha posición central. Son elas as que herdan a casa familiar e administran o fogar. Os homes encárganse dos asuntos exteriores (coidan dos yaks nas montañas, viaxan coas caravanas de cabalos e comercian co exterior ademais de pelegrinar a Lhasa para estudar as santas escrituras budistas e converterense en lamas).

Os Moso pensan que os caracteres hereditarios veñen da nai así que as familias están compostas polos membros consanguíneos que seguen exclusivamente a liña materna. Na lingua dos Moso non existe nin sequera unha palabra para “pai” e estes non conviven coas súas amantes nin cos seus fillos. Non existe unha institución como o matrimonio, unha muller pode ter varios amantes ao longo da súa vida e moitos fillos, que poden ser de pais distintos. Sen embargo, ao contrario do que moitos pensan, non se trata para nada dunha sociedade promiscua, é algo que forma parte do ser humano, din eles, e que ademais permite unha busca contínua do verdadeiro amor. Así, a denominada “sociedade do amor libre” grazas a estas peculiaridades acolle a miles de turistas anualmente que ameazan con alterar estes costumes, ou tamén aproveitarse deles no posible.

Mentres que nun primeiro momento o goberno chinés foi intransixente e firme nos intentos de formalizar ás parellas Moso, exaltando a monogomia socialista frente ao sistema de açia (as “visitas furtivas” de carácter nocturno que o home fai á muller), na actualidade a actitude do goberno moderouse atendendo a razóns económicas.

Dalgunha maneira, foron a pobreza e o illamento dos Moso quen os mantivo a salvo das influencias foráneas. Non obstante, co desenvolvemento económico de China e o turismo, a sociedade Moso e o seu hábitat convértense en obxecto de lecer para diversas familias, agravando as tensións ambientais ademais de acentuar os cambios nos valores desta sociedade.

Poden identificarse ata tres factores de cambio que inflúen na vida dos Moso: o turismo, os medios de comunicación e a escola.

O matriarcado é utilizado como anzol para atraer os turistas chegando a esaxerar unha peculiaridade que en moitos casos non se chega a materializar. Neste sentido hai quen afirma que non sería tanto unha organización matriarcal como “matrilineal”, sendo o matriarcado unha peculiaridade que forma parte dunha identidade cultural construída por observadores alleos á sociedade –medios de comunicación e publicacións chinesas- que serve de reclamo turístico.

Este turismo está achegando novos valores e influencias, ademáis dalgúns problemas á sociedade Moso. Por unha banda, os ingresos das persoas aumentan, e se nuns casos son aliciente de independencia económica (como ocorre no caso das mulleres pertencentes a outras minorías) non é o caso das mulleres Moso, que de por sí xa gozan de independencia económica. Pola contra, co traballo na industria do turismo ven duplicado o seu labor, pois traballan fóra e dentro da casa. Desta maneira, as casas tradicionais transfórmanse en boutiques, os vestidos tradicionais en uniformes de traballo e a “sociedade do amor libre” no negocio da prostitución para os homes Han que acaba sendo unha actividade na que participan membros da poboación local e turistas.

Os medios de comunicación constitúen tamén un factor de cambio. Encárganse de difundir os valores Han e occidentais entre a poboación. Moitas parellas comezan a pensar en fundar unha familia e casarse, aínda que existen casos nos que esta formalización débese á imaxe e reputación que implica a participación na vida social e pública chinesa.  Sen embargo, seguen crendo nos seus costumes igualmente.

É na aspiracións dos máis novos onde se notan os principais cambios. Moitos comezan a abandonar as súas aldeas en busca de fortuna e as mulleres intentan evitar unha vida de traballo manual. Isto provoca o envellecemento da poboación en diversas zonas que sofren o abandono por parte das xeracións máis novas que marchan en busca dunha vida diferente. 

Por último, a escola resulta un factor importante á hora de inculcar costumes e valores dos Han. Os manuais están escritos en chinés e trasladan os seus propios valores (entre eles a familia, que conleva a figura dun pai, “inexistente” no caso dos Moso) . O feito de que a lingua Moso non teña escritura imposibilita o seu estudo por parte dos alumnos, e o crecente uso do chinés conleva un descenso progresivo do número de falantes da lingua Moso. Por outra banda, prodúcese un choque entre xeracións debido á diferente educación recibida, os máis novos entran en contacto con valores e tecnoloxías que as xeracións máis vellas descoñecen.

Por se non abondase, as políticas en curso de promoción do desenvolvemento económico serven como escusa para abrir paso aos valores Han reforzando unha tendencia de cambio que ameaza con destruir para sempre as bases da súa convivencia.

 
 
Vera Ríos é licenciada en Ciencia Política pola USC
 
Volver a TitularesVolver a China e o mundo chinés



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 18/02/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta