China e o mundo chinésVolver a TitularesVolver a China e o mundo chinés
Reconstrucións
Xulio Ríos (Xornal de Galicia, 17/05/2009)

Versión para imprimir

 

O primeiro aniversario da traxedia de Sichuan (China) presenta un dobre balance. As autoridades centrais, co presidente Hu Jintao á cabeza, apuraron o paso para amosar, como é habitual, a súa proximidade coas vítimas dun desastre que conmoveu ao mundo na véspera dos Xogos Olímpicos, pasando a segundo plano as protestas pola represión no Tíbet ou a negación dos dereitos humanos.

A reconstrución material avanza con problemas, pero cómpre recoñecer que o goberno chinés dispón de musculatura suficiente para encarar as prementes necesidades con relativa eficiencia. Outra cousa é a xestión da resposta inmediata, en mans de equipos militares mobilizados para todo tipo de continxencias, pero carentes de socorristas cun nivel de profesionalización axeitado. Non parece que esta demanda estea na axenda.

E mais complexa aínda resulta a reconstrución da confianza cívica. A masiva presenza de forzas policiais nos actos conmemorativos en previsión de manifestacións dos pais dos escolares que faleceron aplanados en instalacións educativas en pésimo estado, non por deterioro senón por graves defectos de construción, dan conta do temor a unha espiral incontrolable de protestas que só a transparencia podería saciar: investigación a fondo das causas da traxedia, procesamento e condena dos responsables corruptos, compensación ás familias, etc.

Nos últimos anos, a evolución informativa en materia de catástrofes foi moi positiva, pero a todas luces incompleta. Non se ocultan como antes, pero a información a medias tintas é a norma. Os límites están nas fronteiras da política.

A conduta do goberno, fraudulenta á hora de dar todas as explicacións necesarias, ten un perigo engadido pois amosa aos cidadáns que a democracia non é unha reivindicación política abstracta, senón que constitúe o cerne mesmo para dirimir cuestións como o nivel de opacidade a propósito do acontecido cos seus seres máis queridos ou a decisión de onde investir e como facelo, pensando nas necesidades de seguridade elemental da cidadanía –comezando polos nenos- ou nos pasmosos edificios chamados a exhibir esa contraditoria modernidade que caracteriza o presente chinés.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi e do
Observatorio da Política China
(
Casa Asia-Igadi).

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a China e o mundo chinés



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/05/2009


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta