China e o mundo chinésVolver a TitularesVolver a China e o mundo chinés
O cambio en Taiwán
Xulio Ríos (AGN, 24/05/2009)

Versión para imprimir

 

Estado de feito, pero non de dereito, a República de China ou, como é máis coñecida mundialmente, Taiwán, vive momentos de cambio. A un ano do inicio do mandato de Ma Ying-jeou, o seu actual presidente, a mellora das relacións coa China continental comeza a dar significativos froitos, como é a recente participación, por primeira vez, na Asemblea xeral da Organización Mundial da Saúde. Este dato, revelador dun entendemento con Pequín que vai máis aló do estritamente económico, comercial e financeiro, evidencia a concreción dun espazo internacional exento de conflito, ata agora negado pola China continental en virtude da escrupulosa observancia da existencia dunha soa China no mundo. A colaboración entre o Partido Comunista e o Kuomintang (KMT), iniciada por terceira vez en 2005, afasta o temor a unha deriva independentista que poría en perigo a estabilidade e a paz no estreito de Taiwán, unha das rutas de maior importancia estratéxica e de vital importancia para Xapón.

Nos últimos meses, a normalización das comunicacións, indirectas dende 1949; a recuperación do diálogo paraoficial; e, sobre todo, a multiplicación de iniciativas que, ao abeiro da crise, fan causa común para establecer un acordo marco de cooperación económica que evite a marxinación futura de Taiwán na rexión de Asia-Pacífico, son outros datos a ter en conta. A pesar dese clima, lonxe parece aínda calquera hipótese de unificación. Ma insiste nos seus “tres non” (nin independencia, nin unificación, nin conflito armado), mentres remite a 2012 –se resulta reelixido- a sinatura da paz formal co continente. Técnicamente, pois, seguen nese curioso limbo da non-guerra no que van medrando día a día as interseccións da paz.

O xiro radical impulsado polo KMT a propósito das relacións coa China serve de aglutinante para unha oposición que hai escasos días reuniu na capital, Taipei, a ducias de miles de persoas para protestar contra a “perda de soberanía” e o entreguismo de Ma. Sen dúbida, moitos taiwaneses comprenden a importancia dun achegamento ao continente para salvagardar a súa economía e o seu benestar, pero igualmente temen as consecuencias políticas á hora de preservar un sistema que lle garante mellor a protección das súas liberdades básicas. Velaí un dilema de difícil elección que obrigará ao presidente Ma e ao KMT a camiñar sobre o fío da navalla con extremo coidado.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a China e o mundo chinés



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/05/2009


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta