China e o mundo chinésVolver a TitularesVolver a China e o mundo chinés
Dous soles no ceo
Xulio Ríos (AGN, 02/08/2009)

Versión para imprimir

 

Nin choque nin alianza de civilizacións, senón diálogo. Esa é a realista mensaxe que cabe deducir do cumio escenificado entre EEUU e China en Washington e que senta as bases da relación interestatal máis importante do século XXI. Ese diálogo presupón recoñecemento das diferenzas, abundantes, e vontade de avanzar sobre os consensos establecidos nun contexto no que as regras de xogo vanse conformando cun mínimo de lealdade e excluíndo as políticas de imposición.

Botando man dunha rica metáfora chinesa, alguén explicou no seu día as tensións entre China e a URSS sinalando que non podía haber dous soles no mesmo ceo. Daquela, Moscova e Beijing rivalizaban polo liderado do movemento comunista internacional. Non é o caso agora dunha rivalidade ideolóxica, cando menos polo momento. Pese a todo, China e EEUU comparten o mesmo mundo, pero non está claro que compartan o mesmo ceo. Se falamos de sistema político ou de valores está claro que non, mesmo no eido económico habería moitos matices que facer á hora de afondar na economía con mercado do xigante oriental, que non é necesariamente o mesmo ca unha economía de mercado. Digamos que na terra poden predominar os consensos e a solución dos litixios mediante unha negociación caracterizada polo pragmatismo a dúas bandas, mentres que as diverxencias condicionan o ceo e aí alternar uns días claros con outros nubarrentos.

EEUU xoga con China a dúas estratexias: atracción e contención. Sabe que non pode prescindir de China e ambiciona introducila nas súas redes de dependencia premendo naqueles eidos onde a rivalidade é fonte de conflito e desconfianza. Tampouco China ten moitas alternativas. A relación con EEUU é a máis importante para Beijing dende a normalización dos anos 70 do século pasado. Moitos chineses acusan ao seu goberno de submiso e acomplexado fronte a Washington, pero os seus dirixentes saben ben que precisan grandes doses de paciencia pois as bases do seu poderío son febles en extremo, digan o que digan os números absolutos. E EEUU, dígase o que se diga, aínda conta con instrumentos de poder de gran importancia. Pero o proxecto chinés, ninguén se engane, apunta a recuperar unha posición central con outras formas de exercicio do liderado global e, mais tarde ou mais cedo, a hipótese do conflito, longo e non necesariamente violento, pode facerse realidade. Só pode haber un sol no ceo. 

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a China e o mundo chinés



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 03/08/2009


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta