| Igadi na Rede / China e o mundo chinés - Dobre aniversario no Tíbet |
| Dobre aniversario no Tíbet Xulio Ríos (Xornal de Galicia, 08/03/2009) |
||||
|
Sen lugar a dúbidas, a eliminación do réxime feudal vixente no Tíbet e o proceso modernizador subseguinte son feitos que cómpre valorar positivamente. No seu debe cómpre reseñar os traumáticos episodios vividos durante a Revolución Cultural, se ben estas calamidades afectaron ao conxunto do pobo chinés. Tamén cabe recoñecer a estrañeza que supón o aplauso que concitan as reivindicacións a prol do Tíbet en dignatarios e persoalidades escasamente proclives a apoiar movementos de corte nacionalista e moito menos secesionista. Non obstante, tamén débese salientar que a política chinesa a propósito do Tíbet e, en xeral, en materia de nacionalidades minoritarias adoece de graves taras, solapadas entre a represión e a propaganda. Nos últimos anos, eludindo afondar sinceramente na autonomía, Pequín alenta no Tíbet unha política baseada no fomento do progreso económico e no recoñecemento dunha diversidade cultural e relixiosa que pretende orientar cara o negocio turístico, pero privando esas diferenzas de calquera significación política. Estas novas tendencias e a modernización das infraestruturas están a beneficiar, en primeiro lugar, a nacionalidades diferentes da tibetana en virtude dos procesos de inmigración activa a estas zonas. Os tibetanos seguen no seu mundo de pastoreo e rezos, o que mellor conserva a súa identidade, toda unha coiraza aparentemente impenetrable pero que podería ir cedendo en significación por mor do simple expansionismo demográfico, cada vez máis acusado. |
||||
|
Xulio Ríos, director do Igadi e do Observatorio da Política China (Casa Asia-Igadi). |
||||
| 01/03/2009 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org | ||||
| http://www.igadi.org/china/2009/xr_dobre_aniversario_no_tibet.htm |