China e o mundo chinésVolver a TitularesVolver a China e o mundo chinés
Tibet e as autonomías chinesas
Por Xulio Ríos (AGN, 01/04/2008)
 
 

  Monxes tibetanos en Raj Ghat (Nova Deli); clic para aumentar
En teoría, a autonomía é a solución ideada para resolver o “problema” das minorías. En China atopamos rexións, distritos, prefecturas, ata aldeas autónomas no interior de provincias de maioría doutras nacionalidades. Pero alén das concepcións tradicionais citadas, hai dous grandes factores distorsionadores. O primeiro, a ausencia dun marco legal que clarexe de modo suficiente as competencias e promova a co-gobernanza. O segundo, o papel distorsionador do propio Partido Comunista, auténtico poder real a nivel territorial, que nega no seu funcionamento interno calquera caste de autonomía. (Foto: Monxes tibetanos rezan en Raj Ghat (Nova Deli), memorial en recordo a Mahatma Gandhi).
 
Remexer na historia, na ideoloxía ou nas crenzas relixiosas, pouco axudará a resolver o conflito tibetano. Non é que eses factores non conten, ao igual que os intereses exteriores, pero o cerne dunha posible solución radica en primar unha reforma política interna que atenda ao deseño dunha nova arquitectura institucional dun Estado que segue a ser, no fundamental, o mesmo que o de 1949, cando a realidade material sobre a que asenta experimentou, especialmente nas tres últimas décadas, cambios de profunda significación.

O goberno chinés, tradicionalmente, abordou a relación coas nacionalidades minoritarias dende unha posición paternalista, cunha mestura de control represor da discrepancia, a potenciación dunha integración baseada no establecemento de hipotéticos privilexios e vantaxes respecto á nacionalidade maioritaria, a han, e o impulso de políticas de progreso no eido económico e social, moitas delas xestionadas por inmigrantes han. As políticas culturais e educativas, de forte contido sinizador, foron acompañadas de algunhas medidas compensatorias no eido da protección cultural que adoecen, non obstante, da convicción da superioridade da cultura han respecto ás demais, a folclorización da diversidade e a súa integración como atractivo da puxante industria turístico-cultural.

En teoría, a autonomía é a solución ideada para resolver o “problema” das minorías. En China atopamos rexións, distritos, prefecturas, ata aldeas autónomas no interior de provincias de maioría doutras nacionalidades. Pero alén das concepcións tradicionais citadas, hai dous grandes factores distorsionadores. O primeiro, a ausencia dun marco legal que clarexe de modo suficiente as competencias e promova a co-gobernanza. O segundo, o papel distorsionador do propio Partido Comunista, auténtico poder real a nivel territorial, que nega no seu funcionamento interno calquera caste de autonomía, o que significa, na práctica, sabotear o autogoberno institucional cando este non dispón de garantías de funcionamento efectivo nunha estrutura onde impera o Estado-Partido.

A solución para estes problemas non é a violencia, que preocupa aínda máis no Xingjiang ca en Tibet, senón o diálogo, pero este pode derivar en frustración se, como ata agora, non se albiscan perspectivas de cambio de enfoque e se toda reivindicación de autonomía real, máis ou menos ampla, se equipara a deslealdade secesionista.

 
 

Xulio Ríos,
director del Igadi y del
Observatorio de la Política China
(
Casa Asia-Igadi) y autor de “Mercado y control político en China
(La Catarata, 2007).

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a China e o mundo chinés



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 29/03/2008
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta