| China e o mundo chinés |
||||||||
| A credibilidade de Wen Jiabao Por Xulio Ríos (Vieiros, 07/03/2008) |
||||||||
|
A China de hoxe afronta dous tipos principais de tensións: as sociais, máis abertas e visibles, e as internas, no seo do PCCh, apenas balbuceadas. As primeiras perseveran no medio dun auxe económico que presenta cada vez máis sombras. Os esforzos das autoridades centrais por atallar esta situación non están obtendo, polo momento, o resultado desexado. Por outra banda, iso xera unha ampla insatisfacción en importantes sectores sociais e unha preocupación lóxica por se iso ten a súa causa non no irregular funcionamento da economía ou na insuficiente atención prestada á dimensión ambiental ou social da reforma, senón na inadecuación do sistema político, amplamente enraizado noutro tempo. Diferentes think tank do goberno chinés alertan sobre a importancia de adiantarse. Se esas tensións persisten e transcenden a condición actual de múltiples episodios illados e inconexos, cabe imaxinar que o monolitismo, real ou aparente, que hoxe presenta orgulloso o PCCh, o suficientemente robusto como para opacar quebras internas en aras de consumar o renacemento do país, puidese abrir paso a serias divisións, como xa ocorreu en 1989. Ese é o maior risco que deberán afrontar os substitutos de Hu Jintao e Wen Jiabao, chamados a dirixir os destinos de China ata 2023 despois do intensivo “curso de formación” dun lustro que agora iniciarán. Para atallalo, a Asemblea Popular Nacional deberá impulsar unha reforma non só do Estado e do goberno senón tamén reflectir o cambio de actitude política do PCCh, quen deberá convencer de que a súa lexítima procura do xenuíno non deriva nun simple xogo de aparencias. O maior desafío será a credibilidade. E tamén por partida dobre: interna e externa. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 10/03/2008 |
||||||||
|
||||||||