| Igadi na Rede / China e o mundo chinés - China, escusa no Congo |
| China, escusa no Congo Xulio Ríos (Xornal, 20/11/2008) |
||||
|
Precisamente, en setembro de 2007, Kinshasa e Pequín asinaron un acordo en virtude do cal, a cambio dun creto de 9.200 millóns de dólares (a librar en tres tramos), se implementaba un plan para financiar a construción de infraestruturas por parte de empresas chinesas. Como contrapartida, o Congo cedía a China 10,6 millóns de toneladas de cobre e 620.000 toneladas de cobalto. Coa escusa de que esta operación viña a agravar o nivel de endebedamento do país (cifrado nuns 10.000 millóns de dólares), o rebelde Nkunda, co apoio das grandes empresas que operan a explotación destes minerais, reclama a anulación destes contratos para deixar as armas. Kabila prometera un Congo en paz e desenvolvido, insistindo na necesidade de pasar páxina da guerra civil e facilitar o regreso dos refuxiados. A economía medra (9,1% en 2008, segundo a previsión do FMI) e os avances na vertebración e saneamento do Estado son de difícil discusión, pero a paz atopou un novo obstáculo. China, ávida de materias primas, asegura que, ademais da minería (ouro, diamantes, coltán, que se suman ao cobre e cobalto), as súas compañías participan en proxectos de cooperación en materia médica, sanitaria e de comunicación, esforzándose por promover o progreso social e económico do país africano. Por outra banda, participa na Misión de Observación da ONU, MONUC, iniciada en 1999, que conta coa participación de 218 soldados chineses e 16 observadores militares. A difícil tesitura de Kabila radica na aposta por unha solución de compromiso que permita acceder a novos recursos financeiros, indispensables para acadar un mínimo renacemento do país, seguir beneficiándose da asistencia chinesa sen agravar o nivel de endebedamento, e proseguir a pacificación. Empeños nobres e difíciles de cadrar que tropezan con múltiples apetitos, tan insaciables como inconfesables. |
||||
|
Xulio Ríos, director do Igadi e do Observatorio da Política China (Casa Asia-Igadi). |
||||
| 24/11/2008 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org | ||||
| http://www.igadi.org/china/2008/xr_china_escusa_no_congo.htm |