| China e o mundo chinés |
||||||||
| Novas regras en China Por Xulio Ríos (ECO, outubro/2007) |
||||||||
|
As precaucións que incorpora o citado texto legal teñen en conta diferentes aspectos: a propia experiencia chinesa en investimentos no exterior (por exemplo, o proxecto de adquisición da estadounidense UNOCAL, frustrado invocando razóns de seguridade nacional), a menor necesidade de capitais estranxeiros –e mesmo certo exceso de liquidez– nunha etapa en que China pretende definir un novo modelo de desenvolvemento superador da súa identidade tradicional (produción para a exportación, desprezo ao ambiente, etc), ou a preocupación por evitar que algunhas empresas consideradas estratéxicas caian en mans estranxeiras agora que esta case terceira economía do planeta debe ir abríndose cada vez máis ao exterior. A lei antimonopolio non ven a preceptuar a liquidación forzosa dos monopolios xestionados polas grandes compañías estatais, senón que recolle o sentir dun certo discurso nacionalista que dende hai un par de anos ven chamando a atención sobre a necesidade de preservar o control básico da economía. O ano pasado, por exemplo, o Ministerio de Comercio anunciou que a súa conformidade pasaba a ser indispensable para a adquisición por capital estranxeiro de empresas chinesas de renome ou presentes en sectores clave. Esa foi unha primeira resposta para condicionar a posición “dominante” dalgunhas multinacionais que contan con importantes vantaxes tecnoloxicas e financeiras que lle permiten intervir en operacións que segundo as autoridades chinesas restrixen a competencia e afectan á seguridade económica do país. China, polo tanto, con esta normativa, deixará de acudir a normas administrativas máis ou menos caprichosas para utilizar intelixentemente outros argumentos máis homologables internacionalmente e facendo uso desa dobre linguaxe que abraza certo proteccionismo básico sen deixar de facelo en nome da defensa da competencia e do mercado. Medios empresariais de Europa e de EEUU, ao tempo de reclamaren unha competencia sana e un marco legal transparente e coherente que defina procedementos recoñecibles, quedan á espera agora da publicación dos regulamentos que deben precisar os detalles de aplicación da nova normativa na que abundan as lagoas. Por parte chinesa, polo momento, ponse o acento na defensa dos consumidores e usuarios e na protección da competencia leal no mercado, pero semella evidente que estamos ante un paso máis orientado a blindar a economía do país postulando unha utilización do capital exterior nunha perspectiva máis supeditada aos novos intereses que manifesta a economía nacional, diferentes dos da primeira ou segunda década da reforma. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 03/09/2007 |
||||||||
|
||||||||