| China e o mundo chinés |
||||||||
| Hu e Jiang: cada un no seu sitio Por Xulio Ríos (GZnación, 31/07/2007) |
||||||||
|
En paralelo, a súa aparición, xunto a boa parte da cúpula do PCCh, na exposición sobre os logros do Exército Popular de Liberación (EPL) que estes días pode contemplarse en Pequín con motivo de cumprirse o 80 aniversario da súa fundación, completa unha nova chiscadela de enorme valor a un alicerce substancial da estabilidade do país, que debe dar o visto e prace ás súas propostas de cambio, tanto no persoal como no discursivo. Para satisfacer aos veteranos, civís e militares, outro referente a ter en conta no peculiar xogo político chinés, convocou un seminario do Buró Político no que recordou a importancia de “continuar coas tradicións revolucionarias e avanzar de xeito valente polo camiño do socialismo con peculiaridades chinesas”. Por outra banda, os chamamentos á austeridade dos funcionarios do PCCh, ao seu sentido do deber, foron de novo estimulados coas advertencias contra todo tipo de corrupción. A esixencia dunha vida exemplar é máis indispensable que nunca para evitar a ira duns cidadáns que na súa inmensa maioría deben facer fronte ás moitas dificultades da vida cotiá e a quen xa exasperan as evidencias de tanta desigualdade. Hai toda unha cruzada en marcha. Nun editorial do 22 de xullo, o Diario da Mocidade de Pequín exhortaba aos medios e á opinión pública a desvelar os segredos persoais dos cadros, prestando especial atención mesmo á súa vida amorosa, pondo fin aos intocables. As amantes dos xefes do partido (a un da provincia de Jiangsu contabilizáronlle nada menos que 146) son hoxe unha das maiores fontes de corrupción, aseguran. E, a sensu contrario, tamén de denuncia, habería que engadir. O cúmulo de actuacións de Hu envía un dobre sinal. En primeiro lugar, a súa posición no liderado e a claridade do seu discurso non ofrecen dúbida. En segundo lugar, e complementariamente, ninguén está xa en posición de condicionar o sentido da súa xestión. A última persoa que podería facelo, Jiang Zemin, o seu antecesor no cargo, parece en franca decadencia. Hu soubo enxalzalo na xusta medida, á vez que lle cortou o paso aos seus máis estreitos colaboradores. Un fillo de Jiang está en EEUU e, ao parecer, non ten intención de volver, ante o temor de ser vítima da intensa campaña anticorrupción das autoridades centrais. É probable, por outra banda, que nos estatutos do Partido que aprobe o congreso póñase fin a todo intento de incluír mencións a achegas teóricas no corpus político-ideolóxico do PCCh, máis aló das consabidas alusións ao “marxismo-leninismo pensamento Mao Zedong e a política de reforma e apertura”. E punto. As “tres representacións” de Jiang, que serviron para xustificar a presenza no Partido da nova e puxante clase empresarial, quedarán fóra do texto. Se Jiang Zemin non fai acto de presenza na exposición sobre o EPL –como fixo hai uns meses cando se trataba dunha retrospectiva sobre a Longa Marcha–, é que a súa capacidade de influencia está xa moi mermada. Hu, co seu rostro impenetrable, o seu xusto sorriso, con ese certo aire un tanto gorbachoviano (contra o que debe loitar), confirma así as súas dotes de gran xogador. A partida é súa. E a Jiang, posto no seu sitio, pronto poderían chegarlle maiores desgustos. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 07/08/2007 |
||||||||
|
||||||||