| China e o mundo chinés |
||||||||
| As leguas do PCCh Por Xulio Ríos (AGN, 16/10/2007) |
||||||||
|
A combinación de man de obra barata, investimentos estranxeiros e orientación da produción cara a exportación serviron de fundamento ao exponencial crecemento chinés. Ese proceso, deixando de lado a preocupación pola xustiza social, derivou en profundas desigualdades e carencias de todo tipo que hoxe pasan factura a uns gobernantes cegados polos reflexos luminosos das grandes torres urbanas que a modo de espellos da modernidade simbolizaban o abandono da China pobre e rural. Pero os ignorados, eses que en verdade obraron o milagre chinés, reclaman agora, con toda razón, a súa parte nos beneficios acaparados por un reducido grupo de potentados. Conectando sabiamente con aquela tradición milenaria, Hu Jintao, o líder chinés, propón a harmonía como clave para reconducir a situación e recuperar unha credibilidade social cuestionada pola alarmante vaga de corrupción que anega ata as máximas instancias do poder. Pero a cuestión de fondo reside na capacidade para sentar as bases dun modelo económico internacionalmente competitivo baseado na innovación científica, nunha presenza baseada en produtos de calidade e alto valor engadido e, sobre todo, na conformación dun mercado interno hoxe moi pouco desenvolvido, en parte pola alarmante diferenza de ingresos entre o mundo urbano e rural. Mellorar a situación no rural e evitar a súa destrución por un proceso de urbanización desbocado é un serio desafío para as autoridades chinesas. Para seguir usufrutuando o “mandato do ceo” e evitar que, como aconteceu con anteriores dinastías, a corrupción e a incapacidade para xerar un benestar social equitativo acaben por finiquitar o seu tempo histórico, o Partido Comunista da China debe impulsar un gran cambio, en ningún caso menor ao que deu lugar á propia reforma. Os máis de setenta millóns de novos mandaríns que militan no PCCh teñen a palabra e a responsabilidade para culminar ese difícil derradeiro tramo do camiño. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 14/10/2007 |
||||||||
|
||||||||