| China e o mundo chinés |
||||||||
| A hora clave de Hu Jintao Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 18/10/2007) |
||||||||
|
Para modificar o rumbo e asegurar a autonomía do proceso, Hu Jintao impulsou igualmente profundos cambios internos. Non foron na liña de separar estado-partido nin de fortalecer o estado de dereito, tal e como se reclama insistentemente desde Occidente, senón promovendo intensas campañas de reeducación ideolóxica onde a combinación de ensinanzas confucianas e a reivindicación do marxismo semellan camiñar da man sen as rivalidades que antano establecera Mao. Igualmente, o patriotismo e a exaltación das epopeas revolucionarias habían servir para infundir nas novas bases do PCCh o compromiso necesario para que a transformación dos últimos anos non se quedara nunha simple capacitación tecnocrática. Por último, a loita contra a corrupción e a aprobación de rigorosas normas de incompatibilidades deberían servir para restablecer a autoridade moral do PCCh, a nivel interno, territorial e social, moi minada polo desconcerto e a confusión e a emerxencia de novos e poderosos actores que fragmentan as lealdades partidarias. Ese proxecto global de Hu Jintao, aínda sen perfilar de todo e con numerosas ambiguedades, presenta como dobre característica a fidelidade ao proxecto orixinal de Deng e a aposta irrenunciable pola soberanía nacional. Esa dobre insistencia implica, no seu parecer, a importancia de prestar moita atención á construción do Partido e mesmo ao fortalecemento da democracia interna, sen que estea moi claro o significado de ambas cousas, e, en especial, o segundo, cando a pesar da cosmética oficial, as posibilidades de participación son bastante limitadas na China de hoxe. Todo pode quedar reducido a unha mera cuestión de presenza ocupante e control social. Guerras intestinas aparte, ese novo discurso de Hu Jintao, cun certo abeiramento á esquerda que coexiste coa defensa da triple representatividade de Jiang Zemin, será a retórica do XVII Congreso, dándose por seguro que será asumido polos delegados. Falta que o conxunto do PCCh sintonice con el a pesar das profundas transformacións experimentadas na súa composición interna: soamente o 10% da súa militancia son obreiros fronte a case un 30% de burócratas, por exemplo. Segundo anunciou o Renmin Ribao, dos case 2,5 millóns de novos membros que anualmente ingresaron no PCCh dende 2002, a metade son profesionais en activo e o 72% teñen menos de 35 anos. Coñeceron a China de Hu, de Jiang e a de Deng, pero ninguén sabe que China será a súa. Esa incerteza agrávase polo incremento das presións externas respecto do rumbo do proceso de reforma que agora mesmo entra nunha etapa decisiva. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 14/10/2007 |
||||||||
|
||||||||