| China e o mundo chinés |
||||||||
| A defensa chinesa Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 08/03/2007) |
||||||||
|
Non obstante, a decisión chinesa transcende esa conxuntura e non supón ningunha novidade nin cambio de rumbo. De feito, no inicio mesmo do proceso de reforma en China, entre as catro modernizacións formuladas por Deng xa figuraba a defensa, e a pesar do considerable esforzo dos últimos anos, a realidade do país neste plano está lonxe de gardar unha mínima simetría coa relevancia lograda pola súa economía. O orzamento chinés nesta materia equivale, aproximadamente, ao 70% de Xapón, un país aínda “pacifista”, e representa menos do 10% do estadounidense, poñamos por caso (a pesar de contar con 9,8 millóns de quilómetros cadrados de superficie e 1.300 millóns de habitantes, o que suxire unhas necesidades defensivas importantes). Claro que as necesidades sociais de China son o suficientemente grandes como para esixir a priorización doutro tipo de gastos, antes que o militar ou o espacial. Pero sen unhas forzas armadas modernas –ou sen unha tecnoloxía á altura dos tempos– non haberá potencia chinesa autónoma no século XXI. E ese é o soño e a aspiración do PCCh. A partir deste ano, o Exército Popular de Liberación (EPL), que en China é toda unha gran empresa pública, deixará de participar en proxectos de transporte, enerxía eléctrica ou telecomunicacións, e de prestar servizos non esenciais aos seus membros (reducindo gradualmente escolas, hoteis, editoriais, etc), que serán substituídos por subsidios ao persoal. Boa parte do incremento orzamentario se destinará a esa gran reconversión pendente que culminará a transformación iniciada coa súa retirada do mundo dos negocios (e da inmensa corrupción que gangrenaba o exército). Outra cousa é como conciliar o incremento do esforzo orzamentario coa prédica crible da harmonía no mundo e a emerxencia pacífica do xigante oriental. Para iso, Beijing precisa incrementar as medidas de transparencia dos seus orzamentos e multiplicar a participación en institucións e iniciativas que dean a entender a asunción efectiva de que a seguridade é un asunto común e do que ninguén pode desentenderse nin afrontar en solitario. Mesmo en relación a Taiwán, a opción militar é a peor de todas e representaría unha auténtica catástrofe para o continente. China rexeita formalmente involucrarse nunha carreira de armamentos, nin semella que unha estratexia como a seguida en tempos pola URSS poida atopar algún sentido. A interdependencia con EEUU no eido económico é moi salientable e coexistirá con tensións fortes noutros eidos, en especial no estratéxico ou enerxético. En relación a Taipei, a mellor receita é a paciencia combinada con políticas de sedución. Pero debemos facernos á idea de que Beijing non será só un xigante económico, senón que tamén aspira a blindar un proxecto que, ante todo, é claramente nacionalista. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 09/03/2007 |
||||||||
|
||||||||