| China e o mundo chinés |
||||||||
| Ma en Xapón Por Masashi Oki (Xornal, 27/11/2007) |
||||||||
|
A propósito das relacións entre Taiwán e Xapón, Ma salientou a súa disposición a liderar no KMT o restablecemento dunha boa sintonía. Despois de secundar o Tratado de Seguridade entre Xapón e EEUU, adiantou algunhas claves de como entende as posibilidades de establecer unha relación de interese mutuo entre Taiwán e Xapón. Sinalou, por exemplo, que a intensificación dos vínculos económicos é importante e suxeriu a sinatura dun tratado de libre comercio entre ambos. Tamén destacou a importancia dos intercambios entre a xente nova e anunciou un plan para organizar voos fletados entre o aeroporto de Sonshan (en Taipei) e o de Haneda (Tokio), para recibir 20.000 alumnos estranxeiros durante o seu mandato. Do punto de vista histórico, Ma salientou os vinculos con Xapón do fundador do KMT, Sun Yat-sen, país onde residira e que coñecía ben. Igualmente, en relación ao período histórico en que Taiwán estivo ocupado por Xapón, sen deixar de mirar de fronte as carencias desa etapa, destacou algunhas virtudes do proceso como as achegas en materia de infraestrutura, amosándose favorable a resolver os diferendos territoriais que aínda subsisten (caso das illas Senkaku) a través da negociación, excluíndo expresamente todo recurso á violencia. As palabras de Ma foron moi matizadas e abondosas en precaucións, o que en Xapón se agradeceu. Polo que atinxe ás relacións entre Taiwán e China, prometeu os chamados “tres non”: non unificación, non independencia, non uso da violencia. E destacou tres aspectos: a potenciación dos vínculos económicos, que inclúe o levantamento da prohibición de recibir turistas e o establecemento de voos directos entre Taiwán e o continente; a reducción da tensión no Estreito e a mellora das condicións de seguridade, que inclúe a esixencia de retirada dos mísiles que apuntan a Taiwán e a sinatura dun tratado de paz; a ampliación da presenza internacional partindo do beneficio mutuo fixado a través da reanudación do diálogo político. Ma amosouse disposto a establecer unha boa relación con Beijing, se ben asegurando que non integrará a illa en China e non descoidará a defensa (o orzamento de defensa pasaría do 2% ao 3% do PIB). Unha vez rematada a ocupación de Xapón en 1945, o Tratado de San Francisco cancelou todo dereito de dominio de Tokio sobre Taiwán, pero, segundo algúns, non deixou claro de todo o problema da soberanía. Yasuo Fukuda, actual primeiro ministro xaponés, sinalou a Wen Jiabao, primeiro ministro chinés, no recente encontro mantido en Singapur o 20 de novembro, que, para Xapón, Taiwán é parte de China. Nestas condicións, a boa veciñanza e o impulso das relacións económicas deben priorizarse sobre calquera outra ambición política. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 27/11/2007 |
||||||||
|
||||||||