| China e o mundo chinés |
||||
| Turismos Por Xulio Ríos (AGN, 31/07/2006) |
||||
|
En China coexisten dous modelos turísticos. Un en pleno apoxeo, impregnado de mercantilismo a ultranza e sen escrúpulos, baseado na programación de circuítos para o consumo en masa que permiten a millóns de chinos satisfacer a estendida ansia viaxeira, un signo dos novos tempos. O outro modelo turístico, á baixa, integra a variable mercantil pero equilibrada cun tratamento máis rigoroso da súa rica cultura e paisaxe, fuxindo da venda de misteriosos lagos sen auga ou de pobos históricos en plena construción. Esa tensión concretouse recentenmente coa suspensión das viaxes en tren a Tibet, por mor da simple saturación da súa capital, Lasa. O maior atractivo de China é a súa naturaleza, a súa historia, o seu patrimonio, a súa diversidade. Nos últimos tempos, numerosos recoñecementos internacionais destacaron o inmenso valor da súa riqueza cultural. Non obstante, iso non impide agora que chinchetas e plásticos, por exemplo, “protexan” as fermosas columnas do Potala. Rigorizar o turismo, unha esixencia na que matinan as autoridades con vistas ao 2008, non só significa reprimir a economía oculta que prolifera neste sector; esixe igualmente profesionalizar o servizo, dignificar os atractivos, dar valor ás tradicións e costumes sen facer deles un espectáculo deprimente e de mal gusto. O modelo turístico que prolifera en China fai dela un gran supermercado no que a lóxica do beneficio pesa sobre calquera outra. Pola vía dos feitos, este turismo estase a definir sobre a base dunha banalización da identidade, imposta polas esixencias de construír un sector económico que oriente as crecentes posibilidades de consumo interno, pero cunha perspectiva absurdamente embrutecedora e contracultural. |
||||
|
||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 03/08/2006 |
||||
|