China e o mundo chinésVolver ó índice
China-Taiwán: unha lei que non é papel mollado
Por Xulio Ríos (Xornal, 30/03/2005)
 
 

  Clic para aumentar
O impacto en Taiwán tampouco é menor. A división da sociedade taiwanesa é claramente perceptible. O presidente Chen Shuibian convocou á cidadanía a manifestarse o pasado sábado (26/03/2005) e centos de milleiros de persoas condenaron na rúa a lei continental. Este luns, mentres tanto, unha ampla delegación do Kuomintang, o principal partido da oposición, viaxaba a China para tender pontes de diálogo entre as dúas beiras do Estreito.
 
Que unha lei é cousa seria, veñen de advertilo os chineses, unha sociedade que, tradicionalmente e dende o tempo das antigas dinastías, apenas se conducía na súa existencia a través das normas escritas. Na República Popular China, a idea do exercicio do goberno a través da lei incorpórase á Constitución en 1999, cunha reforma que, en parello, entroniza a teoría de Deng Xiaoping da construción do socialismo con peculiaridades chinesas á par do pensamento de Mao Zedong, o mito do Oriente vermello.

Ven isto a conto de que a lei antisecesión aprobada polo Parlamento chinés o pasado 14 de marzo provocou unha secuencia de impactos nada deseñábeis. No eido internacional, á marxe de apoios e condenas, periga unha medida que China daba por descontada, o levantamento do embargo de armas por parte da Unión Europea, a única sanción que queda das impostas con motivo da represión de Tiananmen en 1989. EEUU fixo moita presión para evitar este cambio de actitude por parte da UE e a Lei antisecesión parece brindarlle a última razón. Non obstante, cómpre salientar dúas cousas. Primeira, a citada lei non ven a dicir nada novo, simplemente normativiza as políticas tradicionais de China a respecto de Taiwán, e mesmo evitar citar expresamente a fórmula “un país, dous sistemas”, que non é querida na illa que os portugueses bautizaran como Formosa, pola súa fermosura. Segunda, o levantamento do embargo de armas por parte da UE non tería grandes consecuencias no ámbito estritamente militar. China ven adquirindo armas en Rusia e en Israel, no esencial. O seu orzamento en defensa equivale a menos do 8% do orzamento que a este fin dedica EEUU quen, por certo, acaba de levantar o embargo a Paquistán ou se empeña en vender novas armas a Taiwán. EEUU quere evitar que a UE defina unha política propia a propósito de China que se desvincule do seguidismo estadounidense, e iso é o que molesta en Washington que ameazou mesmo con represalias comerciais, iso si, “entre aliados”.

O impacto en Taiwán tampouco é menor. A división da sociedade taiwanesa é claramente perceptible. O presidente Chen Shuibian convocou á cidadanía a manifestarse o pasado sábado e centos de milleiros de persoas condenaron na rúa a lei continental. Este luns, mentres tanto, unha ampla delegación do Kuomintang, o principal partido da oposición, viaxaba a China para tender pontes de diálogo entre as dúas beiras do Estreito. O KMT, que controla o Parlamento, co seu aliado do Partido o Pobo Primeiro, obstaculiza na Cámara o propósito de Chen de comprar novas armas a EEUU e, a partir do 14 de Maio, cando se constitúa a nova Asemblea Nacional, tratará de evitar que a revisión da Constitución de Taiwán, derive nun enfrontamento coa China.

Así as cousas, poderase dicir da Lei antisecesión que é calquera cousa menos papel mollado. Por unhas razóns ou por outras, todos a toman en serio.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/04/2005
Fernando Pol