| As moscas de Deng Por Xulio Ríos (Vieiros, 26/08/2005) |
||
|
O debate coincide coa presentación pública de diferentes informes que, unha vez mais, poñen o dedo na chaga dun dos principais problemas da reforma chinesa: o exponencial incremento das desigualdades sociais e mesmo o repunte da pobreza dende o ano 2003, despois de reducila en máis de douscentos millóns de persoas, nun contexto de profundos desequilibrios territoriais. Para xustificar a necesidade da apertura ó exterior de China, Deng Xiaoping, o arquitecto da reforma, dicía que era necesario abrir as fiestras para que o aire fresco puidese entrar, aínda a sabendas de que con el entrarían tamén algunhas moscas. Deng pensaba daquela na chamada “contaminación espiritual”, pero tamén nas inevitables consecuencias dun proceso de cambio que a pesar de rexeitar a terapia de choque que se aplicaría nos países do leste europeo e discorrer por vieiros máis pausados, había producir desaxustes e desequilibrios que cumpría observar e corrixir. Pero co pasar do tempo, aquelas moscas convertéronse en auténticos moscóns ata o punto de hipotecar a sacrosanta estabilidade. Os informes oficiais dados a coñecer en Beijing poñían números a unha realidade claramente perceptible dende hai tempo: as desigualdades e desequilibrios en China van en aumento e os pretendidos remedios gobernamentais non conseguen reverter o proceso. A finais do pasado mes de xuño, o alcalde adxunto de Beijing, Zhang Mao, anunciaba unha progresión da renda dos pequineses do 10% por ano ata o 2008, pasando de 4.300 a 6.300 dólares. Pero a capital quedaríase atrás de Shangai, que dispoñía de 6.700 dólares en 2004, unha renda oito veces superior á dos habitantes de Qinghai, rexión fronteiriza co Tíbet. A “pequena prosperidade” non chega a todos por igual e cada vez distribúese peor. Pero é tan só unha mostra do destartalado edificio social da reforma. Por exemplo, a traxedia constante a que se ve sometido o sector mineiro, de actualidade nas últimas semanas, non é froito da casualidade. Forma parte do custe humano xigantesco desa marcha forzada que China iniciou para acadar o que Deng definía como un nivel de vida modestamente acomodado. É un proceso rico en ambicións pero que aínda non dispón dos medios necesarios (¿nin da vontade?) para socializar o benestar. ¿É soportable este prezo que os chineses deben pagar ou pode conducir a unha inestabilidade ou explosión social de imprevisibles consecuencias? Nos informes feitos públicos esta semana sitúase un horizonte de perigo arredor de 2010. Pero podería chegar antes. Cidades industriais enteiras, de mais dun millón de habitantes, en especial no norte do país, viven dende hai anos, situacións desoladoras. De ser o centro de atención no período maoísta, o exemplo a imitar e revelador do novo tempo, coa reforma convertéronse en auténticos desertos. O soño maoísta fracasou, a dignidade da clase obreira deixou de ser o símbolo da China comunista e o espertar no liberalismo tradúcese nunha marxinalidade acelerada. En todas estas cidades, a imaxe das fábricas pechadas, as pequenas casas e os equipamentos sociais, modélicos noutro tempo, hoxe presentan un estado deplorable e ruinoso. Os seus habitantes, desesperanzados, son fiel reflexo do cambio de época, expresión da gloria proletaria nun tempo, hoxe, desclasados, abocados ao desemprego e sen apenas capacidade para protestar e sen outro dereito que o pataleo. A capacidade do sistema para afogar as protestas sociais é moi forte. A organización dunha manifestación, á marxe dos circuítos oficiais, pode custar ata sete anos de cárcere. De 1998 en diante, un total de 28 millóns de asalariados das empresas estatais perderon o seu emprego e 88.000 empresas estatais foron eliminadas, ben por quebra, fusión ou reestruturación. Son as primeiras e grandes vítimas do milagre económico chino. En decembro último, Li Rongrong, presidente da Comisión de administración e supervisión dos bens estatais, indicaba que a reforma das empresas estatais que dependen do goberno central íase relanzar en 2005. A idea principal consiste en “alixeirar” as 150.000 empresas que dependen desta comisión liberándoas da obriga legal de asegurar todos os servizos de benestar social (escolas, hospitais, restaurantes, pensionistas, servizos de seguridade, etc.) para facelas máis competitivas. Tres grandes empresas –a CNPC, la China Petroleum and Chemical Corp.e Dong Feng Motors- xa estableceron acordos para transferir aos gobernos locais 796 escolas primarias e secundarias, os seus servizos de seguridade e 94.000 asalariados ou xubilados. As demais deberían seguir o seu exemplo. Segundo informacións facilitadas polo Ministerio de Traballo e Seguridade Social, China tardará 2 ou 3 anos en resolver os problemas básicos do persoal excedente das empresas estatais herdado da anterior economía planificada e completará en 2005 a transición “desde o traballo garantido ao seguro de desemprego”. Pero, ademais de que vaille levar bastante mais tempo, na maior parte do país o seguro de desemprego é aínda unha ilusión. E se a vella clase obreira vese cada día máis sacrificada no altar da modernización, outras relacións sociais son obxecto de reformulación na nova China que está emerxendo nas provincias e rexións máis desenvolvidas. Nunha desas fábricas, construída con capital procedente do mundo rico –sexa ou non de matriz chinesa-, e ubicada nos arredores de Shangai ou na provincia de Guangdong poden observarse a numerosos mozos traballadores procedentes do campo, xogando ao billar ou gozando da música ou os vídeos de Hong Kong. Son mozos que soportan xornadas de 12 a 14 horas diarias, sete de cada sete días. Viven no entorno da fábrica, non poden saír durante a semana, e soamente poden gozar do domingo pola tarde de tempo libre, organizado en forma de ocio pola propia empresa. E non protestan, nin se senten maltratados nin teñen, moitos deles, o sentimento ou a percepción de estar explotados. É máis, considéranse a si mesmos uns privilexiados por haber abandonado o ingrato traballo da terra, nas zonas máis remotas do país, onde as súas familias apenas conseguen sobrevivir. E viven unha experiencia nova, lonxe dos seus pais e das súas antigas tradicións, en contacto con outros mozos, afirmando a súa independencia e construíndo novas relacións. Onde nós podemos ver solo explotación vergonzosa da man de obra, eles aceptan resignados as condicións que se lles ofrecen, contentos incluso de poder enviar diñeiro aos seus parentes e satisfeitos por desempeñar un papel vital nas economías familiares. En ningunha das súas cabezas bule a idea de batallas sociais polas 35 horas... A maior forza do novo capitalismo chino, como sinalou Pierre Haski, correspondente en Bejing de Libération, reside nesa reserva inmensa de man de obra disposta a todo e dunha docilidade a toda proba. Non ten nada que ver cos mineiros do carbón ou cos proletarios da siderurxia de Dongbei, concienciados e convencidos da necesidade de defender os seus dereitos. O exército de campesiños en busca de emprego nas zonas industriais non reclama máis que un modesto salario e un teito, deixando detrás deles unha vida máis difícil aínda. Segundo Hu Angang, economista da Universidade Xinhua, en Beijing, a metade dos 900 millóns de campesiños abandonarán as súas aldeas nos próximos vinte anos, proporcionando á economía chinesa a man de obra e os consumidores que necesita. A inmensa maioría non se integrarán en estruturas sociais regulamentaras, pasando a engrosar a longa ringleira de novos escravos modernos. A non ser que o goberno e a emerxente sociedade civil arbitre outras medidas, mais acordes coa dignidade que merecerían nun país gobernado por un Partido que aínda se di comunista. |
||
|
||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 31/08/2005 |