| China e o mundo chinés |
| China e EEUU, ¿aliados na reforma da ONU? Por Marola Padín (Xornal, 24/08/2005) |
|
China xa adiantou que non considera pertinente este ir de prazo en prazo, e de ultimato en ultimato, xa que máis presa non significa mellores solucións para un asunto de tanta complexidade. Unha votación realizada antes de tempo dividiría ás Nacións Unidas, afírmase en Beijing. Ademais, China e EEUU uníronse para deter calquera proposta de reforma do Consello de Seguridade ata que se atope unha fórmula “satisfactoria”. Os dous países concordan na negativa a ampliar os cinco membros permanentes deste órgano nos termos propostos polo G-4 (Alemaña, Xapón, Brasil e India) e os países da Unión Africana (UA). Nembargante, os motivos que moven a un e a outro, son diferentes. EEUU desexa limitar a ampliación dos novos asentos do Consello a dous países, un para Xapón e outro para un país africano. China, pola contra, non admite a Xapón (principal aliado de EEUU en Asia), aínda que non se opón ó ingreso de países en vías de desenvolvemento. As últimas mostras de Tokío, rexeitando a asunción de responsabilidades derivadas da II Guerra Mundial en Asia nos termos esixidos por Beijing, enrocaron aínda máis a posición do xigante oriental. As dificultades non serán doadas de salvar, e mesmo poden agravarse, co recente nomeamento de John Bolton, considerado un dos falcóns ultraconservadores do goberno estadounidense, moi crítico co actuar de Nacións Unidas por non secundar a súa política de confrontación con determinados países. A Bolton súmanse, na estrutura onusina, aliados importantes como Paul Wolfowitz, á fronte do Banco Mundial; o republicano C.B. Burnham, encargado da xestión no Secretariado da ONU; e James T. Morris, xefe do Programa Mundial de Alimentos. Os tres comulgan coa visión da ONU a que Bush nos ten afeitos. Aínda que non todo depende dos representantes estadounidenses, cabe imaxinar que EEUU non será moi flexible nas negociacións. Quizais teña razón quen considera que non é tanto o interese en reformar un sistema “onde sempre funcionou un lucrativo tráfico de influenzas”, desvelado con agravantes agora polas denuncias de corrupción que afectan directamente ao entorno familiar do propio secretario xeral. A falla de consenso arredor dunha alternativa de reforma pode levar ao fracaso da Asemblea de setembro, por moito que a necesidade de introducir modificacións nun organismo ancorado no pasado sexa unha opinión unanimemente compartida por todos os participantes nela. Ata polos chinos e polos estadounidenses. |
|
Marola Padín é estudiante en prácticas no Igadi. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/08/2005 |