PresenciaVolver ó índice / Balcáns


Unha paz agridoce
Por Xulio Ríos (artigo publicado no xornal La Voz de Galicia o 11/6/99)

De momento, a fin da guerra deixa un único maltreito. O balance dos albaneses de Kosovo non pode ser máis desalentador: os seus fogares destruídos, as principais infraestructuras volatilizadas, boa parte da poboación transmutada en refuxiados e o seu soño independentista, antes reprimido polas tropas de Milosevic, encorsetado agora polo continxente internacional. Pagan un prezo moi alto para acadar tan pouco. A única esperanza de independencia pasa por unha hipotética partición do territorio, quizáis anticipada nese reparto de áreas de influencia dos continxentes militares ruso e occidental. Pero é unha posibilidade remota.

Nos próximos meses e anos, a xestión da paz vai decidir o delicado futuro doutros actores. Naturalmente, de Milosevic, quen perdeu a guerra pero poida que non o poder. E tamén dalgúns tan significados como Europa ou as Nacións Unidas, teóricas valedoras da diplomacia preventiva e agora reducidas a meros axentes instrumentais da Alianza Atlántica. Teñen ante si un difícil reto. Sen perfil propio e políticamente devaluadas, ambas as dúas quedan seriamente maleadas na súa credibilidade. O tempo encargarase de clarexar tamén se algúns episodios coxunturais manifestados durante o conflicto (o renacido protagonismo ruso ou o factor chinés) confirmanse como tendencias estratéxicas do novo contexto internacional.

Por último, no medio da alegría e o alivio xerado pola fin dos combates, dúas reflexións deben preocuparnos. Primeira, qué factores subsisten na rexión para sustentar unha nova cultura política que impida a reproducción das tensións no futuro e avogen por unha convivencia democrática e pluriétnica. Segunda, qué orde mundial se pode configurar da man do soterramento da legalidade internacional e da afirmación do hexemonismo como único referente para resolver os conflictos que suscitan a alarma do primeiro mundo. Son incógnitas de peso que deixan nesta paz un poso agridoce.

Xulio Ríos é director do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) e coautor de "O conflicto dos Balcáns”. Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 12/6/99