PresenciaVolver ó índice / Balcáns


Un novo “erro” da OTAN e máis xestos en prol da paz
Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 11/05/1999)

Un mísil da OTAN ten provocado o que en eufemística terminoloxía denominan “danos colaterais”. Ao mesmo tempo o xesto do goberno de Belgrado de por en liberdade a tres soldados norteamericanos capturados polas tropas iugoslavas abre unha regaña de esperanza. Mentres van en aumento as críticas á intervención militar, entre elas as de O. Lafontaine e M. Gorbachov.

Outro “erro” das chamadas “bombas intelixentes” provocou máis de corenta mortos ao bater contra un autobús de pasaxeiros cando estaba a cruzar unha ponte preto de Pristina. Esta é a sexta masacre producida por un ataque da OTAN. O pasado cinco de abril os mísiles provocaron dúas decenas de mortos nunha vila mineira ao sur de Serbia. Sete días despois as bombas escacharon un tren de pasaxeiros causando outros tantos mortos. O 14 de abril un grupo duns oitenta refuxiados kosovares foron aniquilados polos impactos. O 23 de abril uns trinta traballadores da tv serbia foron as víctimas e dous días máis tarde houbo outras vinte nunha zona residencial civil.

O goberno de Milosevic realizou un xesto para facilitar a busca de solucións políticas ao por en liberdade a tres soldados norteamericanos. A decisión é o resultado das xestións realizadas polo persoeiro do Partido Demócrata, Jesse Jackson. O dirixente negro foi un dos principais apoios que tivo Clinton cando durante o “escándalo Lewinsky”. O aceno é ben significativo e Milosevic entregou a Jackson unha carta dirixida a Clinton.

En toda Europa as manifestación do 1º de Maio estiveron presididas polas demandas de paz. Nunha destas marchas dirixiuse aos asistentes, o ata hai pouco Ministro de Economía alemán e máximo dirixente Social-Demócrata, Oscar ÓscarLafontaine quen despois de condenar a política xenocida de Belgrado, criticou ás potencias occidentais por ter marxinado á ONU e a Rusia; definiu como unha equivocación a intervención militar por ser un castigo colectivo e alertou contra os que consideran que a OTAN ten que saír victoriosa por cuestión de honra; demandou un Plano económico para a reconstrucción de Iugoslavia e lembrou que os alemáns non deben esquecer o que Gorbachov e os rusos fixeron por eles hai uns anos.

O último presidente soviético estivo días pasados en Roma, xunto a outros premios da Paz, convidados pola Cámara Municipal da capital italiana. Na cidade do Tiber, Gorbachov fixo unhas durísimas declaracións que provocaron un forte malestar entre algunhas autoridades presentes e que foron practicamente silenciadas pola prensa internacional. Nunha entrevista publicada polo diario La Repubblica (24-04-99) Gorbachov incidía nas palabras que pronunciara nos actos oficiais nas que tiña referido a intervención da OTAN como unha humillación para Europa, Rusia e a ONU.

Carlos Méixome e membro do IGADI e coautor de O conflicto dos Balcáns. Ir Indo, 1994.Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 06/01/2000