Presencia
/ Nacionalismos
Ulster: o tempo esgotase
Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 25/05/1999)
O “premier británico”, Anthony Blair, ante as continuas demoras na formación do goberno do Ulster, pactado hai máis dun ano no Acordo de Stormont, e o estancamento do proceso de paz, semella decidido a impor o seu criterio na formación do executivo. O 30 de maio semella ser a data limite que o goberno británico ten establecido para saír do colapso.
En abril do pasado ano abríase unha porta a esperanza. Asinábase o Acordo de Stormont ou de “venres santo”. O remate do conflicto do Norte de Irlanda semellaba máis preto. Despois viría a ratificación, en referendo, do acordado e as eleccións para a Asemblea do Ulster. Logo, as desilusións dos acontecementos de Portadown, protagonizados polo sector unionista oposto á paz, e do horrible atentado de Omagh, cometido polos opositores do bando irlandés. A reacción da sociedade norirlandesa, das principais forzas políticas do Ulster e dos gobernos de Dublín e Londres fixeron recuar aos sectores que pretendían seguir ancorados no pasado de confrontación violenta.
Mais as dificultades para dirixir a bo porto calquera caste de proceso de paz son moitas. No caso do Ulster este estancamento veu propiciado pola actitude dos unionistas de Trimble coaccionados polos unionistas opositores ao acordo de Stormont aglutinados en torno ao DUP de que esixían o desarme do IRA para permitir a entrada no goberno dos dous ministros que lle correspondían ao Sinn Fein. E deste pozo aínda non se deu saído.
O ministro principal do Ulster, David Trimble leva meses na corda frouxa. Se lle foi custoso aceptar todos os termos do acordado o día de “venres santo”, moito máis difícil lle resulta admitir a concreción do mesmo. Os unionistas liderados por Paisley ameazan seriamente a súa exigua maioría dentro do sector pro británico.
Pola contra, a negativa a entregar as armas por parte do IRA sustentase en que nos acordos de paz non figura esta condición e en que a desmilitarización e a transformación da policía (RUC) non se ten producido. Os lideres do Sinn Fein, Gerry Adams e Martin McGuinness teñen solicitado algún xesto por parte do IRA, pero tamén admiten que non poden pedirlle unha entrega de armas que podería ser interpretado como unha rendición.
As múltiples conversas e negociacións entre as partes non teñen producido ningún resultado satisfactorio e está a chegar o momento de tomar decisións. Estas van ter que partir do goberno de Londres que terá deixar de presentarse como bondadoso mediador para comprometerse e atopar unha saída, que en última instancia vai significar inclinarse cara unha banda ou outra, e ao mesmo tempo evitar a ruptura do proceso de paz. Moito máis se temos en conta que a tensión entre as dúas comunidades estase a elevar segundo se acercan as datas dos desfiles orangistas e estes insisten en atravesar o barrio católico de Garvaghy Road o próximo 4 de xuño. A tarefa non semella doada.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 13/02/2000