Presencia
/ Nacionalismos
Ulster: a espera da reunión do UUP
Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 23/11/1999)
O próximo sábado 27 vaise reunir o Consello Executivo do Partido Unionista do Ulster (UUP) liderado por David Trimble. A reunión semella decisiva para desbloquear definitivamente as negociacións de paz en Irlanda do Norte despois de que o IRA decidise nomear un representante ante a Comisión Internacional para o desarme.
Os 900 membros do Consello Executivo do UUP atópanse bastante divididos e o líder do partido e ministro principal do Ulster, David Trimble, vai ter que empregarse a fondo para conseguir o apoio da maioría deste organismo de dirección do partido, salvar a súa xefatura partidaria e, o que é máis importante, abrir definitivamente as portas para novos avances na concreción dos acordos de Venres Santo.
A pasada semana foi fundamental para saír da encerellada situación que se prolongaba dende o bloqueo da constitución do goberno da provincia por parte dos unionistas ata que o IRA comezase o desarme. A declaración deste comprometéndose co proceso de paz, aceptando o liderado político do Sinn Fein e manifestando a decisión de nomear un representante na comisión de desarme déronlle un novo impulso as negociacións, que inmediatamente foi complementado co comunicado do Sinn Fein, no que se ratificaba nos acordos de Stormont e en que a loita polos seus obxectivos realizase por medios exclusivamente pacíficos e democráticos. Máis transcendencia tivo a declaración do UUP na que recoñece o dereito dos nacionalistas a perseguir o obxectivo dunha Irlanda unida a través de métodos pacíficos e democráticos.
A declaración da dirección do UUP pode provocar fortes oposicións no seu interior xa que significa admitir que por maioría democrática Irlanda do Norte se poida reintegrar a Irlanda e o cambio da maioría no poboación é unha posibilidade real en poucos anos.
Vencer os receos mutuos é a cuestión pendente neste dilatado proceso. Os unionistas desconfían de que si aceptan ao Sinn Fein no Comité Executivo do Ulster o desarme total do IRA se produza moi lentamente e os nacionalistas coidan que si o IRA se desarma o ministro principal poida destituír aos dous ministros do Sinn Fein e que a comunidade católica poida quedar militarmente desprotexida ante os paramilitares protestantes ou as fracción católicas opostas aos acordos de paz. A alternativa presentada polo mediador internacional George Mitchell, quen xa abandonou o Ulster, de realizar o comezo da entrega das armas o mesmo día da constitución do goberno autónomo semella que foi ben acollida.
O que pode retardar de novo o proceso e que o próximo sábado o UUP se divida. Si o liderado de Trimble é posto en cuestión ou a súa maioría e exigua, o sector unionista oposto aos acordos de Venres Santo encabezado polo reverendo Ian Paisley pode verse reforzado cos descontentos do UUP. Daquela abriríase unha nova fase do proceso.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 13/02/2000