Presencia
/ Rusia
Sucesión sen cambio
Por Xulio Ríos (La Voz de Galicia, 02/01/2000)
Nun momento decisivo para a fin da guerra librada en Chechenia; despois dun trunfo electoral sen paliativos para os sectores oligarcas ligados ás tramas e grupos de poder máis opacos e próximos ó Kremlin; sen que no seu estado de saúde se advirta un empioramento substancial ou que faga temer pola súa vida; con unha Duma incapaz e desinteresada en iniciar procesos de destitución; mesmo sen novos escándalos que lle quiten especialmente o sono nin Lewinskis de por medio, Ieltsin toma de novo a iniciativa política e presenta a súa dimisión.
E se non existen datos ou circunstancias alarmantes (lembremos o contraste co escenario da dimisión de Gorbachov aquel 25 de decembro de 1991) que expliquen unha medida destas características, ¿por qué a dimisión de Ieltsin? ¿responde a esa tendencia de imprevisibilidade aparentemente caprichosa de Boris Nikolaievich? Unicamente cabe comprender este xesto atendendo ó peculiar desenvolvemento da estratexia de sucesión sen cambio que alenta o partido do poder, toda unha estrataxema que comezou en maio pasado co nomeamento do efimero Serguei Stepashin, en substitución de Evgueni Primakov, e continou con Vladimir Putin, o brazo executor do gabinete na sombra.
En suma, a dimisión de Ieltsin é outra peza mais que encaixa sen esforzo no mesmo puzzle. O de menos agora é a dimisión en si, o que importa é o apresuramento electoral. Non hai vacio de poder e ninguén se sentirá nin máis nin menos desamparado. Especulabamos dende esta mesma tribuna o pasado 23 de decembro sobre as vantaxes que suporía para “a Familia” un hipotético adianto das eleccións presidenciais. O principal obstáculo para por en marcha esta operación consistía en convencer a Ieltsin. A insistencia da súa filla Tatiana tivo éxito. O magnate Berezovski e compañía contemplan con satisfacción a plena realización dun plan que persigue satisfacer o ansia protectora de Ieltsin e o seu entorno máis próximo, pero que debe garantirlle tamén un horizonte de estabilidade e impunidade ós negocios desa elite económica formada por autenticos depredadores do patrimonio estatal.
¿Que virá con Putin? O ton do seu primeiro discurso como Presidente interino, asociando nunha mesma idea a preservación do sistema democrático (?) en Rusia, o decreto que otorga garantías de impunidade penal para Ieltsin e a súa familia, o guiño ás forzas armadas e ós servicios de seguridade e a reserva de dureza para os intentos de desestabilización, sen mentar a corrupción nin a criminalidade, revelan o momento de esplendor dunha nova alianza trilateral (burocracia-negocios-militares) que se proxecta como principal polo de poder na nova etapa que agora principia.
Ieltsin pode marchar tranquilo. Xa ninguén lle pedirá contas polas dúas guerras de Chechenia, o bombardeo do Parlamento ou a disolución da URSS. Putin pode gañar en marzo e mesmo sen necesidade de acudir a unha segunda volta. Nesa ecuación, os rebeldes chechenos levan todas as de perder. Serán sacrificados sen contemplacións, para maior gloria da Patria Rusia. Pero máis alá dunha nefasta xestión política e social, do consumo desmedido de vodka ou a exhibición de comportamentos pintorescos, na historia, Ieltsin quedará asociado a un líder populista, vacio e sen proxecto. Nesa definición, tamén Gorbachov tiña razón.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 04/01/2000