Presencia
/ Rusia
¡Silencio...!, estamos masacrando
Por Lino Pellitero (Canal Mudo, 01/02/2000)
O seis de outubro, a axencia “Itar-Tass” difundía a incribel versión do comandante da rexión militar do Cáucaso, quen era acusado de masacrar á poboación civil: “Os militares posúen documentación, segundo a que se acredita, que os terroristas minan as casas nas vilas chechenas para facelas estoupar cando se aproximan os avións rusos, co único fin de sementar o odio da poboación chechena cara á autoridades federais”.
Case catro meses despois, os amordazados medias rusos comezan timidamente a romper a férrea cortina de silencio imposta por Moscova.
É sabido que cando comeza calquera conflicto bélico a primeira víctima sempre é a mesma: “a verdade”; pero, no caso checheno, a poderosa arma da “razón de estado” ou da “Seguridade nacional”, está permanentemente preparada para dispararse sobre aqueles xornalistas que informen con obxectividade. No fronte, un xornalista de Radio Svoboda (liberdade) ven de desaparecer logo de ser detido polo exército ruso.
Toda información ten que axustarse ao prisma do manual de campaña . O portavoz do Krémlim advirte: “..se a máis pequena palabra é mal empregada, pode trocarse nunha avantaxe para os terroristas” . Baixo esta óptica, non existe guerra, só se trata dunha operación antiterrorista para liberar os territorios chechenos das organizacións de bandidos, traficantes de armas, extremistas relixiosos...
Pero xa son varias as publicacións que comezan a abrir gretas para deixar pasar algúns raios que iluminen a verdade entre as grosas paredes do búnker informativo. Non facilitan información sobre a Batalla de Grozni, mais sacan á luz a barbarie que acontece nos territorios liberados, baixo o control do exército ruso. Roubos, pillaxe, violacións, usurpación das refinerías domésticas, execucións sumarias, matanzas colectivas...Describen territorios convertidos nun gran mercado clandestino onde todo ten un prezo, todo se pode comprar e todo vender: armas, alcol, droga, tabaco, combustíbeis, electrodomésticos comisados aos chechenos...
A excesiva prolongación do conflicto e feitos coma a caída en combate de Mikhail Malofeev, primeiro xeneral ruso abatido dende 1945, fai que cada vez sexa mais difícil tapar a dimensión deste atentado contra da humanidade, mesmo en Rusia, onde a palabra democracia carece de contido. A escasa fe no Krémlim rematou hai unha semana, cando Serguei Stepasin, predecesor de V. Putin no Krémlim, desvelou que a decisión de invadir Chechenia foi tomada en marzo de 1999, meses antes dos 300 mortos nos enigmáticos atentados de outono que foron o detonante argüído para xustificar a agresión bélica.
Mais difícil é comprender o silencio da indefinida Comunidade Internacional. Xeouse a ilusión sementada coa globalización dos dereitos humanos, coa nova dimensión ética da política internacional pregonada pola “Terceira vía” e coa universalización do dereito de inxerencia humanitaria vixente para Cosova.
As cifras do horror checheno fan raquítica a catastrofe humanitaria da ex-Iugoslavia. Aos 80.000 mortos do primeiro asalto do combate librado entre o 94 e o 96, temos que engadir os acumulados nesta guerra indiscriminada e os 200.000 refuxiados en Inguxia. Os desastres humanos, ecolóxicos, económicos. A destrucción das infraestructuras, das vivendas, das empresas, dos hospitais, das escolas...
En aparencia, existe unha total unanimidade nos duros calificativos que merece a masacre, cousa que non aconteceu no caso do Cosova, onde en certos sectores da esquerda , paradoxalmente tamén en Galicia, mostraron certa comprensión con Milosevic e puxeron en cuestión a existencia da limpeza étnica . Hoxe non hai discrepancias. Analistas, centros de investigación de política internacional, editoriais, revistas oficiais de política exterior, líderes políticos... láianse publicamente desta inmensa crueldade, anque non citen os méritos dalgúns dirixentes para facerse acreedores do título de criminal de guerra. Ieltsin e Putin son respectabeis membros da política internacional.
¿Que acontece entón, para que Rusia prosiga impunemente? , ¿Por que predominan os silencios sobre as accións?
Non ten dúbidas o presidente de Alxeria, Abdelaziz Bouteflika quen na tribuna da ONU expresou “O dereito de inxerencia só é lexítimo para aplicar aos estados débiles”. Concluiremos, por tanto, que Rusia é o suficiente poderosa coma para aplicarlle as novas doctrinas da vixencia universal do dereitos humanos.
Mais non son estas as únicas explicacións posíbeis.
A outra posibel explicación apunta a que Chechenia non ten o suficiente peso, na balanza dos intereses xeoestratéxicos occidentais, como para mover unha palla en impedir a catástrofe humanitaria.
Ambas argumentacións impregnan de desalento esta fin do milenio e afianza as dúbidas sobre a sinceridade de da comunidade internacional na Guerra de Cosova.
Lino Pellitero é membro do IGADI.
Enlaces relacionados:
http://www.pgs.ca/pages/petchecp.htm
http://www.kavkaz.org/
http://www.russiatoday.com/
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 02/02/2000