Presencia-OpiniónVolver ó índice / Oriente Medio


Sharm El Sheik: directos ó precipicio
Por Marta Cabrera (Canal Mundo, 17/10/2000)

Soamente a manipulación política e mediática que do conflicto árabe-israelí, se ven facendo dende a proclamación do Estado de Israel en 1948, pode explicar que o estoupido de violencia destes días entre palestinos e israelís sorprenda a máis de un.

Chama especialmente a atención a represión que o exército israelí está a someter á comunidade palestina que na súa desesperación intenta resistir, desarmada, os ataques dun dos exércitos mellor preparados e armados do mundo. Pero esta represión é a mesma que, dun xeito ou doutro, se ven practicando dende hai décadas.

O proceso de paz está moribundo; iso non é algo que veña de novas. Foron moitos os acordos asinados dende Oslo en 1993; tratados que, a pesar de estar deseñados para a disgregación dos palestinos, para o seu sometemento definitivo a Israel, para ter o control dos territorios, da economía, da poboación, ..., nunca foron implementados na súa totalidade. A execución das súas cláusulas foise retardando e escusando cando Israel así o cría conveniente.

O proceso de paz pode darse por morto e mesmo cabería preguntarse se nalgún momento houbo razón, máis que mediática, para tanta expectativa. Israel colocouse sempre como víctima neste proceso, as máis das veces recorrendo á explotación da Shoa (holocausto), para poder garantir así unha crenza internacional na "ameaza" que supoñía o pobo palestino e exercer a súa dominación militar de todos os territorios palestinos, incluso os que xa tiñan conseguida a autonomía (invalidada en nome da seguridade de Israel).

Tamén agora se pretende facer crer que esta seguridade corre perigo, daí o despregamento de forzas que se está a realizar estes días. A loita palestina non só é tremendamente desigual se non que é por unha causa tan xusta e elemental como a supervivencia. E esta supervivencia debería pasar como propoñen algúns intelectuais palestinos (contrarios á política levada a cabo por Arafat) por un plan de paz alternativo fora do camiño e do marco ata agora seguido.

Da reunión de Sharm El Sheik non poderá saír máis que a vontade para conter o enfrontamento, impedir que a loita do pobo palestino contra o seu opresor remate nun baño de sangue xeneralizado que supoña o fin definitivo das súas aspiracións lexítimas. Poucos dubidan da disposición de Israel para efectuar unha masacre e xustificala, sen reparos, no nome da súa seguridade e supervivencia.

Un plan de paz alternativo atopa, sen embargo, co obstáculo da inexistencia de vontade política por parte de ningún dos líderes: Arafat carece de forzas para tomar as rendas dunha verdadeira loita nos papeis por unha xustiza tanto tempo reclamada polo seu pobo. Israel busca o sometemento total dos palestinos, nunca consentirá un Estado Palestino totalmente independente sen que eles exerzan o control.

A diplomacia internacional está presta a axudar pero nunca a opoñerse ós EEUU dominados polo lobby xudeu e moitos dos países árabes, a pesar de facer fronte común do lado palestino, agardan unha claudicación de Arafat, pois os seus orzamentos dependen da boa vontade dos EEUU e da condonación da súa débeda co FMI.

Marta Cabrera é colaboradora do IGADI. Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/10/2000