Presencia-Opinión
/ Rusia
Rusia: Presidenciais sen disputa
Por Carlos Méixome (Canal Mudo, 21/03/2000)
O vindeiro domingo vaise celebrar a primeira volta das presidenciais en Rusia. Analistas, enquisas e opinión pública coinciden en que o día 26 vaise confirmar a Putin na cargo que ven desempeñando de xeito interino dende a renuncia de Boris Ieltsin. A única incógnita céntrase en saber si a súa maioría será suficiente para evitar a segunda rolda.
A campaña electoral pasou desapercibida. Só a actividade despregada por Guennadi Ziugánov, o líder do Partido Comunista (PCFR), lembrou aos cidadáns rusos que antes das votacións os candidatos deben dar a coñecer o seu programa. O resto dos pretendentes a ocupar o Kremlin (Iavlinski e Xirinovski) saen derrotados de antemán. O presidente interino a penas realizou campaña baixo o argumento de que o seu programa era seguir gobernando. Esta xa a realizara no sur, a costa dos civís chechenos e onde os soldados destacados na República caucásica celebraron este domingo as eleccións apoiando masivamente a Putin.
O mesmo Ziugánov centra os seus esforzos en forzar a segunda volta evitando a maioría absoluta de Putin. De conseguilo podería consolidarse como líder alternativo a Putin durante o próximo mandato presidencial, continuar ao fronte do principal grupo opositor na Duma e dirixir o proceso de bipolarización Vredme-PCFR no que el e o inquilino do Kremlin coinciden. De non ser así ou ben de obter un resultado peor que o das lexislativas o futuro de Ziugánov como máximo dirixente do PCFR é máis ben escuro. No interior do PCFR poderían ir tomando forza os partidarios de dirixir o partido cara un modelo similar ao dos partidos socialistas e laboristas occidentais. Esta tendencia conta con relevantes personalidades como Guennadi Selezniov, reelixido como presidente da Duma co apoio de Vredme, partidario de conceder un amplo marxe de manobra a Putin a quen considera un “home de estado”.
Non hai lugar para a sorpresa, o tenente coronel dos Servicios Secretos Vladímir Vladímirovich Putin será o próximo presidente de Rusia. O espía de San Petersburgo dirixirá a Federación Rusa (que pronto se ampliará coa incorporación de Bielorrusia) cos amplísimos poderes que lle concede unha Constitución que non está disposto a modificar.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 22/03/2000