Presencia-OpiniónVolver ó índice / Rusia


Putin, victoria sabida
Por Carlos Méixome (Canal Mudo, 28/03/2000)

A espera dos resultados definitivos, semella que Vladímir Putin vai continuar no Kremlin, agora como presidente electo. Os resultados oficiais confirman a súa victoria con máis do 52 % dos votos. Si a participación supera o 50%, non haberá segunda volta. Detrás sitúase Ziugánov, con algo menos do 30%. Tamén aquí se confirman as expectativas. O líder do PCFR non recoñeceu os resultados á espera do reconto que van realizar os seus interventores.

Todo vai segundo o guión. Putin dirixirá a primeira potencia territorial e a segunda nuclear cara a recuperación da súa grandeza, apoiándose nos mesmos que mantiveron, durante a última década, a Boris Ieltsin na presidencia. O Kremlin non fornecerá á prensa occidental novas extravagantes, excesos coa bebida ou partes médicos; todo o demais seguirá igual na Rusia de Putin.

O resultado non ven máis que a confirmar o fulgurante ascenso do ata hai uns meses descoñecido Vladímir Putin. En menos de medio ano, dende que Boris Ieltsin o nomeara xefe de goberno, iniciou o segunda guerra de Chechenia, inflamou de patriotismo aos militares, difundiu a xenofobia entre a poboación, gañou a guerra sucia contra o dúo Luxkov-Primakov, formou un partido (Vredme) que agora dirixen outros descoñecidos que trouxo do seu San Petersburgo natal e dos servicios secretos (FSB) dos que era tenente coronel e substituíu a Boris Ieltsin na presidencia despois de asegurarlle un tranquilo retiro para el a súa “Familia”. O que segue sen coñecerse é o seu programa político. O seu discurso é unha chea de xeneralidades sobre o patriotismo, o Estado forte, os valores rusos, a continuidade das reformas e o liberalismo económico. A única diferencia apreciable a respecto da política ieltsiniana, é o abandono do anticomunismo como razón de ser. Mesmo lle concedeu un papel institucional relevante ao PCFR ao pactar con el a presidencia e a composición das comisións da Duma, sen deixar de disputarlle parte do seu electorado con referencias á grandeza rusa e ao Estado forte.

Guennadi Ziugánov, entrampado en Chechenia, centrou a súa campaña, dotada de moitos medios, en atacar ao ausente Ieltsin e aos responsables das privatizacións (Berezovski, Chubais,…). A estratexia non lle deu resultado e fracasou no seu intento de forzar unha segunda volta, que o tería consolidado como líder do PC e da oposición durante outros catro anos, e mesmo pode quedar por debaixo da porcentaxe acadada polo seu partido nas lexislativas do pasado decembro(33,5%). O seu futuro ao fronte do partido máis estendido e mellor organizado de Rusia bastante escuro, nomeadamente cando as distintas tendencias que conviven no seu seo comecen a presentar alternativas e a súa preponderancia partidaria se sinta ameazada pola consolidación de Vredme.

O terceiro en discordia, Grigori Iavlinski, un liberal anti-ieltsiniano que mantivo unha posición contraria á guerra en Chechenia, escasamente supera o 5%. O panorama político ruso simplificase bipolarizandose.

Mais o verdadeiro control político de Rusia segue nas mesmas mans, a oligarquía cleptocrática, quen en dez anos amasou inmensas fortunas apropiándose dun estado posto en venta a prezo de saldo e implantando o “capitalismo de gavela”. Estes son os verdadeiros apoios de Putin como antes o foron de Ieltsin. O Bankburó, arremedo do Politburó soviético, elixiu a Putin por que considera que é o que mellor lle pode garantir o seu botín.

Carlos Méixome é membro do IGADI. Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 28/03/2000