Presencia-OpiniónVolver ó índice / Rusia


Putin ¿presidente ou testaferro?
Por Xulio Ríos (La Voz de Galicia, 29/03/2000)

A rotunda victoria de Vladímir Putin nas eleccións presidenciais rusas culmina exitosamente a calculada estratexia deseñada dende o Kremlin e as súas proximidades para asegurar o "continuísmo" na etapa post-Ieltsin. Xogada sen miramentos, tanto no Cáucaso -guerra en Chechenia- como en Moscova -liquidación política de Primakov-, a maquiavélica partida pode darse por rematada. Certamente existe a posibilidade de fraude electoral, pero que as denuncias proveñan de Ziúganov non lle aventuran futuro. Continúa o reparto de papeis.Os observadores internacionais da OSCE e do Consello de Europa deron o seu visto e prace ó escrutinio. Os resultados preliminares das eleccións a gobernadores confirmaron a reelección de todos os candidatos, mesmo algún con máis do noventa por centos dos sufraxios. Como no pasado, en Rusia vótase ó poder.

O trunfo de Putin labrouse principalmente na Rusia europea. En San Petersburgo, a súa vila natal, obtivo o 62% dos votos emitidos. En Siberia e no Extremo Oriente quedou por debaixo do cincuenta por cento. O 80% dos militares otorgaronlle a súa confianza. En Chechenia, sen a presencia de observadores, un 98% dos soldados optou por Putin. O novo Presidente agradeceu tan significativo respaldo co disparo de varios míseis nucleares de longo alcance que lles lembraría a todos, dentro e fóra do país, a gloria de tempos perdidos.

É a hora de ir despexando as incógnitas. A primeira e fundamental, comprobar se o Presidente efectivo asume realmente o seu papel ou se exercerá o seu mandato a expensas dos grupos fácticos que o arrouparon. A sociedade non demanda un novo autoritarismo que empantane a Rusia nunha especie de "democradura", senón a rehabilitación dunhas mínimas regras de xogo que poñan fin á lei da selva que precipitou na pobreza a cincuenta millóns de persoas en beneficio dun reducido grupo de oligarcas sen escrúpulos.

Durante a "campaña" electoral, Putin anunciou que sería implacable na loita contra a corrupción, contra o branqueo de diñeiro e o crime organizado. A contundencia chegou a Chechenia, pero non ás moquetas das grandes firmas que agochan mil e un negocios indecentes. Na conferencia de prensa da medianoite do domingo, coa victoria xa na man, declaraba á audiencia que ninguén agardara milagres. Había que enfriar as esperanzas. O tempo dirá se o significado dese anuncio está máis próximo a unha loubable prudencia, é antecipación de incompetencia ou simplemente a primeira petición de comprensión para un programa que uns denuncian como inexistente e outros como oculto.


Xulio Ríos é director do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional).Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 30/03/2000