Presencia-OpiniónVolver ó índice / Latinoamérica
Petróleo por doutores
Por Lino Pellitero (Canal Mundo, 24/10/2000)
 
Na súa semanal cita cos venezolanos no estrafalario programa “Aló Presidente”, Hugo Chávez, anunciou unha nova etapa nas relacións con Cuba. Os doentes venezolanos con poucos recursos económicos poderán ser tratados, das súas doenzas, na illa caribeña. En troques o petróleo da nación bolivariana regara a sedenta economía cubana. A consolidación do eixo La Habana-Caracas é vista con desconfianza dende os EEUU.

O próximo día 30 de outubro, Hugo Chávez e Fidel Castro asinarán en Caracas o Acordo de Cooperación Múltiple polo que Venezuela entregará 30.000 barrís de petróleo a Cuba a cambio de poder enviar mensualmente a Cuba a grupos de venezolanos que serán operados gratuitamente polos prestixiados servicios médicos da illa. O aspecto sanitario só vai ser un dos puntos dun acordo máis amplo que tamén convenia outros aspectos como os deportes, a educación, a cultura e o azucre.

A polémica suscitada polo sector médico desconforme coa visita do mandatario cubano e co acordo médico é retrucada polo presidente coa súa habitual lingua mordaz... “...Se a ética que invocan vostedes é cobrar pra salvar unha vida a unha persoa, que en moitas ocasións non ten como pagar, pois eu teño outra concepción ética do que é a medicina, a mesma que, por certo, teñen os doutores cubanos”.

Nada sorprende que esa admiración por Fidel Castro que profesa Chávez se concrete en operacións político-económicas, pero máis alá da anécdota o seu protagonismo comeza a verse con roxelos crecentes.

Hugo Chávez síntese cómodo no papel de portavoz do contra-imperio antinorteamericano. Leva tempo movéndose por fora dos vieiros politicamente correctos da política internacional. A desafiante visita ao proscrito presidente de Irak rompeu moldes preconcibidos que xa duraban demasiado tempo. O seu populismo baseado na defensa dos desfavorecidos xa traspasa o perigoso umbral da política intra-muros, para asomarse á política internacional monopolizada polas superpotencias.

Nesta mesma semana Hugo Chávez adentrárase na escena da política caribeña ao ser un hospitalario anfitrión e ofrecer petróleo en condicións vantaxosas a Belice, Costa Rica, O Salvador, Guatemala, Haití, Honduras, Xamaica, Nicaragua, Panamá, República Dominicana. Cousa que tamén fará proximamente coas Illas Barbados e San Vicente. O valedor dos países pobres afirmou o seu liderado zonal ao recibir acendidos eloxios dos Presidentes da Asociación de Estados do Caribe, de variado espectro ideolóxico pero coincidentes nos efusivos agradecementos a Hugo Chávez. Dende o goberno venezolano esgrímese unha sospeitosa modestia que non agacha a satisfacción de ser punto de referencia para os países en desenvolvemento: “non hai que esaxerar a nosa cooperación que só significa pouco máis do 2,5% dos 3.000.000 de barrís diarios que produce o país. 80 mil serán entregados cada día e os países beneficiarios poderán pagalos ao longo de 15 anos cun interese do 2%. Tampouco se descartan trocos por outros bens ou servicios.

O eixo Cuba-Venezuela nunca despertou simpatías na superpotencia do norte, pero botar novos vértices que posibiliten asentar figuras de cooperación e organización política ao marxe das xa existentes, comeza a levantar dores de cabeza. O populista Chávez, cada día sente con máis forza a chamada do protagonismo internacional como “Heroe dos desherdados do mundo”. Mais ese papel non está contemplado na escena do mundo.
 

Lino Pellitero é membro do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 27/10/2000